martes, 8 de decembro de 2015

De Herbón, os seus pementos


“Estonces non sey qué sombras
Quizais de memorias vivas, 
Quizais d'os frades difuntos,
Pasar en procesion mística
Veu, n'aquelas soledades,
Que amaba canto temia.
Tembrou d'angustia e de pena
E con amarga sorrisa,
Mirando o xasmín sin follas
Qu'iban á brotar axiña,
Marmurou mentras d'os ollos
As bagullas lle caian:
«Todo volve, todo torna,
Ménos ó ben qu'eu queria:
Todo, todo aquí se queda
Eu soya vou de fuxida.
Non ey de vervos mais, frores,
Adorno d'esas cornisas,
Nin á oir os teus marmurios
Fonte que a gozar convidas,
Nin á contemprarvos, pedras,
Testigos d'a pena miña;
Outros virán profanarvos,
Mentras eu morro esquencida.»
Sonaron pasos n'as bóvedas,
Soprou un-ha forte brisa,
Oyeuse una-ha carcaxada
Cal si d'o inferno saira:
Era ó trasno d'o convento, 
Que recordand'outros dias,
Ríase d'as ansias negras
E d'a orfandá d'a meniña”.
Rosalía de Castro, Follas Novas

Este noso antigo país, este verdescente chan de bretemosos amenceres, está conformado por centos de pequenos lugares que  se distinguen dende antano por posuíren numerosos e variados atractivos que marcan a ferro a súa identidade e a súa singularidade dentro deste recuncho occidental da vella Europa. Algúns deles posúen unha beleza natural e paisaxística única, outros; importantes mostras de arquitectura popular ou un singular legado patrimonial megalítico, civil ou relixioso. Outros moitos lugares deste noso país distínguense por seren o xermolo de senlleiras romarías, polas festas gastronómicas onde se exaltan os seus produtos, a meirande parte dos cales non poden faltar na cociña galega. 

Hai lugares que tiveron o privilexio de seren o berce, e de ver medrar, a insignes escritores, poetas e artistas que retrataron a nosa sociedade e contribuíron a mellorar a realidade do noso país a través das súas obras. Desta volta centrareime nun pequeno lugar do concello coruñés de Padrón, berce de importantísimos escritores como Rosalía de Castro e Camilo José Cela, o berce cristián das peregrinacións a Compostela e o berce tamén dun dos produtos estrela da cociña galega; os Pementos de Padrón, ou mellor dito; de Herbón. Achegueime até este fértil recuncho, até este pequeno val que se localiza a carón dos cursos do Sar e do Ulla, e que atesoura un dos conventos franciscanos máis senlleiros do noso país. 
Decateime de que me estaba a internar en Herbón ó albiscar dende o lonxe unha aldea arrodeada de brancos invernadoiros. Seguín camiño do Convento de Santo Antón, que ficaría ó fondo; ó outro lado do lugar. A través daquel convento de Santo Antonio sería introducido o pemento dende as Américas, polo que se pode dicir que este convento é o berce deste prezado produto en terras galegas. Este pequeno e senlleiro recuncho agrícola de Herbón leva centos de anos traballando as súas terras, mellorando os seus pementos e mantendo con vida unha pequena pero importantísima parte da cultura e das tradicións do noso país. Namentres descendía cara o convento acharía unha fonte do ano 1786 na que semellaba representarse a un monxe franciscano rezando. O convento foi construído no século XIV por Pedro Nemancos e por Gonzalo Mariño, e catro séculos despois terían lugar as reformas máis significativas. A orde dos franciscanos leva instalada no Convento de Santo Antón de Herbón dende o ano 1396 até os nosos días; máis de seiscentos anos. O fermoso templo de Santa María data do século XVIII.


Este de Santo Antón semella un convento moi humilde, austero e apenas maxestoso. Até non fai máis dunha década, albergaba un seminario, mais rematou por pechar ante a falla de alumnos. Dende a súa orixe tivo que afrontar distintas etapas e asumir múltiples funcións, dende colexio de misións até cárcere. Apenas quedan xa, nos nosos días, frades que coiden este histórico e senlleiro convento de Herbón. Da ducia  que chegaron a habitar o convento somentes queda un frade. Mais como diciamos, se por algo se distingue este convento é por introducir os pementos de Herbón na Galiza aló polo século XVI da man de misioneiros franciscanos que se asentaron neste convento logo de percorreren distintos países de América Latina, entre eles México, posiblemente o país de orixe destes prezados pementos. Este convento é, polo tanto, o berce ou a orixe da expansión dos pementos de Herbón polo noso territorio e tamén fóra del, contribuíndo a situar a esta vila padronesa no máis alto do panorama gastronómico nacional e internacional. A finais do século XVIII xa se comercializaba co pemento, principalmente seco e moído, constituíndo unha importante axuda económica para os veciños de Herbón, mais co paso do tempo e co traballo xeracional, esta especie iríase adaptando á terra e ó clima deste val, dando como resultado uns pementos cunha morfoloxía, un sabor e unhas características que os fan únicos no mundo, afastado do seu, a bo seguro, intenso e picante sabor orixinal. Nos nosos días, este prezado produto posúe a certificación da Denominación de Orixe Protexida "Pementos de Herbón"; válida en todo o continente Europeo.


O traballo xeracional dos veciños de Herbón está a facer posible que este pequeno produto, deste pequeno lugar, siga a ser non somentes unha parte fundamental da nosa cultura gastronómica e das nosas tradicións, senón un produto de clara proxección internacional. Eiquí, neste val, neste ecosistema privilexiado, cada familia posúe as súas sementes e traballa cada ano para mellorar a calidade do  seu produto. Moitos cren que somentes neste val do Sar e do Ulla se poden cultivar pementos de Herbón de gran calidade. O certo é que este val posúe temperaturas cálidas e pouca oscilación térmica que, xunto coas características dos solos da zona e a secular adaptación da planta a esta contorna, a bo seguro poden contribuír a que eiquí se obteñan uns pementos de meirande calidade. De nada serve, pois, obter sementes de pementos de Herbón e cultivalos noutro punto xeográfico do noso país agardando obter uns pementos de igual calidade. Estas pequenas cousas, esta variada climatoloxía da Galiza microclimática, parroquial e minifundista, é a razón pola que este noso país xere tal variedade de produtos e sexamos tan ricos a nivel de recursos naturais, mais non debemos esquecer que a clave fica na sabedoría popular herdada xeración a xeración nesta pequena pero importantísima parroquia de Herbón onde se cultivan uns pementos que posúen unhas características únicas e moi particulares: “uns pican e outros non”.

Ningún comentario: