sábado, 27 de febreiro de 2016

A Fervenza das Hortas e as augas de Saímes


“máis alá das hortas
medran adxectivos preciosos
que reservo para as túas cartas”
María Lado, Berlín

Auga. A fértil, a vital, a saciábel, a purificante e cristalina auga, que cae do ceo e reve nas chairas, a que se despraza no instintivo curso dalgunha vea ou arteria galaica; a que transita camiños peregrinando até o seu cíclico encontro co mar. Tiña unha cita coa auga, coa sempiterna fada da prosperidade, coa deusa dos verdescentes campos, co doce e translúcido sangue do chao galiciano. 

Aló polas fértiles terras da Comarca de Arzúa, onde fai uns anos tivera a oportunidade de coñecer a esquecida Fervenza de Mince, procuraría desta volta unha fervenza realmente monumental e impresionante que se localiza no lugar das Hortas, na parroquia de  San Cristovo de Dombodán, no concello coruñés de Arzúa. Comezaría a escoitar o estrondo das grandes fervenzas a medida que ía deixando tras de min o lugar das Hortas, a medida que ía descendendo até un novo paraíso de augas socalcadas que serve de fronteira natural entre os concellos de Touro e Arzúa, a medida que ía sendo devorado pola gorxa de gneis e cuarcita da monumental Fervenza das Hortas. 

Esta impoñente ruxidoira, da que emana a máis doce e pura marusía, atesoura dúas caídas de auga duns aproximados 30 metros de altura. As húmidas e brancas sabas que escorregan polos seus escuros e limosos chanzos son as augas do Regato de Saímes, que procuran física e instintivamente a súa próxima confluencia coas augas do Río Ulla. Esta Fervenza das Hortas tamén é coñecida polo nome de Fervenza de Santa Marta porque segundo semella contar unha lenda local, unha moza, logo de quedar embarazada do seu mozo e de ser rexeitada por el, o mozo empurraríaa pola fervenza nunha noite de muiñada. Mais namentres a moza caía laiaría un: “Santa Marta me vaia!”. E nese mesmo intre, o tronco dun carballo detería a súa caída, salvándoa de xeito milagroso. Somentes as grandes fervenzas poden presumir de atesourar as súas lendas, de relatar as súas vellas batallas. Esta de Santa Marta é unha das grandes, unha desas fervenzas que nos fan sentir ananos, que co seu bafo empapan de resío os nosos rostros, que co seu ruxido fan estremecer a nosa pel. 


Hai algo de máxico nestas ruxidoiras, un halo de enerxía vibratoria que sacude as nosas entrañas, que axita o noso sangue, que sanda e purifica o noso esprito. Lisquei das Hortas francamente sacudido polas augas, por este impresionante chanzo onde acharía a fértil, a vital, a saciábel, a purificante e cristalina auga, que serpea o terreo, que se despraza no instintivo curso dalgunha vea ou arteria galaica. 

2 comentarios:

Patricia dixo...

Hermosa fervenza e fermosa lenda.
Imaxino o crecida que baixará por estes días de tanta chuvia.
Moitas grazas, Iván.

Iván Fraga dixo...

Pois si Patricia, a verdade é que baixaba como era de agardar, enorme e caudalosa. Grazas a ti por deixarte caer pola fraga. Apertas!