“Ah, non me pidan versos, ringleiras de fermosos versos.
Levo na fronte a desventura e xa non podo
cumprir ise oficio de poeta falso.
Somente calar ou berrar me é permitido.
É a desfeita de tódalas torres dos versos abolidos”
Antón Tovar, Berros en voz baixa
Canta historia se perde en cada un dos recunchos que conforman a sempre cantareira Comarca de Bergantiños. Dolmens como o de Dombate, a Pedra da Arca e a Pedra Moura de Aldemunde, a citania de Borneiro, a Pedra da Serpe ou conxuntos etnográficos como o de Ardeleiro, así como torres medievais como a da Nogueira ou as de Mens, testemuñan o importante pasado destas terras coruñesas. Precisamente desta volta quixen coñecer estas Torres de Mens, estoutro legado medieval que se localiza na parroquia malpicá de Santiago de Mens. Achegueime até este castelo pouco despois de coñecer a torre e a Capela da Nosa Señora do Faro nos costeiros montes do Concello de Ponteceso. Corría unha cálida e solleira tarde de inverno cando albisquei, dende a estrada que me levaría de Ponteceso ata Malpica, as garridas e impoñentes Torres de Mens. Nada máis pisar o chan desta parroquia malpicá acharía un letreiro nun dos muros exteriores da fortaleza que informaba de que aquela enorme e histórica finca era unha propiedade privada. Estas Torres de Mens, esta fortaleza erixida no século XV por Lope Sánchez de Moscoso sobre doutro castelo anterior pouco despois das Revoltas Irmandiñas, componse dunha vivenda e tres torres de planta cuadrangular carentes de ameas e arrodeadas por un recinto amurallado.
O edificio principal atesoura dous andares fronte os tres que posúe a torre anexa, a da Homenaxe, que presenta tamén unha balconada de madeira apoiada sobre de pétreos canzorros no último andar. A entrada ó recinto localízase nunha das torres e a través dun arco oxival. No ano 1871, María Luísa Osorio de Moscoso, a irmá do Conde, Duquesa de Baena e Condesa de Sevilla, comezaría a desprenderse de tódolos bens que a súa estirpe, a Casa de Altamira, fora conseguindo ó longo da súa historia neste noso país. No 1872 venderíalle as Torres de Mens a Pedro Abelenda e Díaz de Andrade, o tataravó do actual propietario, Agustín Ordóñez. Este último propietario faríase cargo da última rehabilitación das torres no ano 1988, transformando este castelo nunha impoñente vivenda palaciana baixo a dirección do arquitecto Manuel Gallego Jorreto. No 1993 estes traballos de rehabilitación acadarían o Premio Europa Nostra ós monumentos salvados da ruína. Esta fortaleza, coma tantas outras, atesoura a súa propia lenda. Contan os máis vellos que baixo destas terras había un pasadizo segredo que unía as estas torres ca Igrexa parroquial de Santiago de Mens e co Areal de Seiruga, e que sería empregado polo Conde para tratar de fuxir do pobo logo de apresar no seu castelo a unha belísima moza da aldea. Despedinme de Mens e das súas torres contento de ver esta fortaleza perfectamente restaurada, coidada, mimada. Mais debo confesar que liscaría soñando, inxenuo como de costume, achar nunha futura e solleira tarde de inverno, nada máis pisar o chan desta parroquia malpicá, un letreiro nun dos muros exteriores da fortaleza que informe de que esta enorme e histórica finca é unha propiedade pública coas portas abertas para goce e desfrute de todos nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario