sábado, 13 de febreiro de 2016

Os vivos canastros de Paredes


“Mentras qu' él atesouraba
pra traguer tanto diñeiro,
sonando c' un habaneiro
unha velliña choraba.
E choraba sin consolo
sempr' agardand' agardando,
á aquil que rind' e cantando,
rolou de neno n-o colo.
Os eidos mirab' en ermo
o horreo falto de millo...
¡o seu curazon sin fillo!
¡o esprito soilo y-enfermo!
E tanto, tanto choraron
os ollos d' a probe vella,
que d' una faixa bermella
as bágoas llos roldearon.
Entrou a fame n-a casa,
detrás xusticia y-usura,
y-a velliña en tal negrura
vertendo pranto qu' abrasa
decía á Dios de xinollos:
«¡devólveme aquil filliño
qu' era sol d' o meu cariño,
e crara luz d' os meus ollos!»
E tanto a enfeliz chorou,
tantas bágoas derramaron
os seus ollos, que secaron,
y-a probe vella cegou”
Filomena Dato Murais, Follatos

Pouco despois de ter o pracer de coñecer o pequeno pero feiticeiro conxunto de canastros de Cendós, no concello ourensán de Avión, amais dos de Barroso, Quins ou A Merca, decidín internarme no Concello de Leiro para procurar un conxunto semellante ós anteriores que se localiza no lugar de Paredes, entre as parroquias de Santo Tomé de Serantes e San Miguel de Lebosende. Esta fermosa aldea atesoura un interesante conxunto de canastros que seguen a testemuñar o xeito de vivir das súas xentes. I é que estes de Paredes son uns canastros vivos, que gardan nas súas entrañas o mesmo gran, as mesmas espigas, a mesma laboura e a mesma sabedoría herdada doutros días; que fican coas portas abertas. Canto gran deberon ter conservado estes canastros, estas mostras vivas de arquitectura popular tan diversas e representativas do verdexante chan galiciano. 


Paredes atesoura unha vintena de canastros que seguen a ser empregados de xeito cotiá polos seus veciños, e somentes unha pequena parte dos mesmos semellan presentar un lixeiro estado de abandono; froito quizais do progreso, orfos quizais da diáspora. A diferenza dos de Cendós, estes canastros de Paredes presentan unha teitume cuberta de tella do país e non de lousas graníticas. O resto da súa estrutura é practicamente igual á dos que resisten en Barroso, Quins ou Cendós. A carón deste interesante conxunto de canastros de Paredes localízase outro esquecido conxunto etnográfico, desta volta conformado por media ducia de muíños, que se sitúan sobre do Regato do Foxo e que, a pesares de non atesourar tanta sona como os canastros, foron igual de importantes para a veciñanza. 


Foi unha grata sorpresa comprobar que algúns destes canastros ficaban coas portas abertas e coas espigas de millo secándose ó calor do sol ourensán, unha mostra real de que os veciños de Paredes seguen a empregar e a manter con vida estas construcións, este legado patrimonial de indubidable valor etnográfico que se espalla por toda a nosa xeografía e que adoitamos esquecer. Lisquei de Paredes cavilando en novos canastros e novas eiras, en recunchos esquecidos pero ateigados de historia e de simbolismo; testemuños de tempos finados que se resisten a desaparecer. 

2 comentarios:

Patricia dixo...

Grazas Iván pola entrada e as imaxes. É a melhor maneira de abrir unha xanela ás nosas tradicións.
Hai tempo que non os vou ver, e fico abraiada da súa boa conservación.
Unha aperta.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitas grazas, Patricia! Sen lectores coma ti isto carecería de sentido. Unha aperta!