“Soltáos vós tamen, do Tambre e o Ulla,
Que ó peito máis ferrudo dades lume
E cando a vosa voz tenra gorgulla
O meu sprito ergués do ceu ó cume”
Francisco María de la Iglesia, A Galicia
Entre as comarcas do Deza e Santiago hai un vieiro que une dúas parroquias, dous concellos e até dúas provincias, un antigo sendeiro de pedra labrada que dende antano ousa desafiar e resistir a forza das augas do Ulla, mostrándose imperturbable nas súas crecidas e impoñente nas máis cálidas secas.
A Ponte Ledesma, que atesoura 102 metros de lonxitude, foi erixida sobre do curso do Ulla no ano 1574, posiblemente para mellorar a comunicación e o tráfico mercantil entre as cidades de Ourense e Compostela. Hai quen sostén que esta ponte puido ser erixida sobre doutra máis antiga que sería derrubada coas riadas do ano 1571, mais non semellan acharse probas suficientemente sólidas que fundamenten este argumento. A ponte posúe nove arcos de cadeirado granítico e doelas regulares que se erixen sobre duns piares, tamén de cadeirado, que presentan tallamares triangulares augas arriba e trapezoidais augas abaixo, coroados todos eles por pináculos piramidais. A rasante é case horizontal no seu tramo central, descendendo cara aos accesos. A ponte sufriría reformas aló polo século XIX que serían custeadas polos produtores de viño do Ribeiro, xa que estes adoitaban achegar o seu prezado produto ata Santiago de Compostela a través desta Ponte Ledesma. Estas reformas centraríanse principalmente nos peitorís e no firme da ponte, conformado por laxas graníticas. Até o século pasado cobrábase portádego nos accesos á ponte.
Mais o meirande fito que atesoura a Ponte Ledesma ocorrería durante a Guerra da Independencia. Esta ponte sería o escenario dunha importante batalla que tería lugar na primavera do ano 1809 e que enfrontaría ós veciños da bisbarra, - uns dous mil homes armados de apeiros da labranza, capitaneados por párrocos e baixo as ordes do Marqués da Romana -, coas tropas napoleónicas; saíndo estas últimas derrotadas. Nos nosos días, as crecidas do Ulla son as únicas batallas que segue a pelexar esta Ponte Ledesma. As últimas doiras fixeron medrar o curso do Ulla até asolagar as ribeiras de Gres e Ledesma; os seus bancos, os parques, o palco e o campo da festa, até as mesmísimas Insuas de Gres. Mais as augas do Ulla seguen sen gañarlle a batalla, o monótono pulso centenario, a esta garrida e impoñente ponte, este pétreo e histórico vieiro mercantil. Despedinme da Ponte Ledesma logo de percorrer cadansúa ribeira coma un arrieiro ourensán, logo de ollala abraiado coma un veciño de Gres ou de Ledesma, logo de maxinar as súas batallas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario