“Por anagrama levas a senda do erotismo
debuxado. No horizonte a imaxe do teu pobo:
dous fermosos seos de muller tralos penedos
que esconden a verdade de tanta lenda viva.
Orcavella. A lenda das lendas esquecidas
que dorme no cumio, alén onde remata o Facho.
A de San Guillerme, Ara Solis, e tantas outras
que levan de anagrama a senda do erotismo.
A de cidade como Duggium. terra dos pagáns,
asolagada polos mares e condenada
a ficar baixo terra pola súa teima ó mal.
Por anagrama, tamén a senda do erotismo.
dende o Cabalo de ouro, soterrado nalgures,
ata as máis fecundas lendas do culto a Venus:
din por acá os máis novos, que contan os máis vellos
que levan de anagrama a senda do erotismo”
Modesto Fraga, Mar de Ausencias
Hai recunchos neste noso país que, ben sexa polo seu emprazamento, pola enerxía que emana da súa terra ou polo máis incomprensible capricho do destino, foron dende as orixes da nosa historia recantos máxicos e atraentes, templos e aras sacras onde invocar ós deuses. Algúns destes recunchos, os que aínda sobreviven tras seren cristianizados pola Igrexa, seguen a emanar un halo de misterio que nos achega ós tempos máis remotos, até civilizacións que depositaban as súas espranzas nos astros, nos elementos, na natureza que os envolvía. Un deses recantos máxicos localízase na miña Fisterra nai, no meu salitroso berce de argazos e marusías. Trátase do meirande xermolo de lendas cristiás e pagás que conviven aínda na tradición oral da miña vila; a Ermida de San Guillerme. Esta histórica paraxe está situada na ladeira máis oriental do Monte do Facho, no Promontorium Nerium fisterrán, nun dos peitos de muller que semellan erixirse sobre destas augas fatídicas e salgadas. Esta ermida fisterrá localízase a uns 222 metros sobre do nivel do mar, orientada cara o leste, de fronte á impoñente silueta do Monte Pindo e ó abeiro dun enorme afloramento granítico. Dende este recuncho do Cabo divísase unha impresionante paisaxe da vila de Fisterra e do milenario tómbolo de area que conforma unha fronteira terreal entre as calmas augas da Ría de Corcubión e a furia asasina e incesante da bravía costa de Fisterra. I é que esta é unha paraxe que domina todo este cabo, toda esta península, esta case illa que irrompe no Atlántico, este corpo sutil e feminino que adormece baixo do mar.
A Ermida de San Guillerme está conformada por catro alzados de cachotería granítica. No seu alzado leste acharíase un altar cuadrangular que se erixe na procura do resplandecente raio dos abrentes e que semella atesourar a mesma altura que debeu posuír nos seus mellores tempos. O conxunto arqueolóxico de San Guillerme conserva tamén elementos de uso doméstico como unha pía, un forno ou lareira e até un sartego antropomorfo. Respecto deste último cabe destacar que na Vila do Cristo sempre se pensou que se trataba da cama de San Guillerme e mesmo existía a crenza, a lenda milagreira de que as parellas que non podían ter fillos terían que deitarse xuntos e procrear nesta fría cama de pedra. Iso si, todo aquel fillo varón que nacese froito deste ritual de fertilidade tería que ser chamado Guillerme. Poida que esta lenda teña algo que ver coa cantidade de veciños de nome Guillerme que conviven en Fisterra. O certo é que até o Padre Sarmiento no ano 1745 escribiría o seguinte sobre desta lendaria e misteriosa laxa granítica: “Non fai moito tempo, había unha pila ou cama de pedra na que se deitaban marido e muller que, por estériles, recorrían ao santo e a aquela ermida”.
Parece máis que probable que este tipo de rituais de fecundidade, aínda latexantes até non fai moito, tivesen unha orixe pagá. Non debemos esquecer tampouco que son moitos os estudosos que semellan situar nesta ermida, ou na súa contorna inmediata, o Ara Solis; o primitivo templo pagán de culto solar. A Ermida de San Guillerme é o resultado da cristianización de antiquísimos cultos pagáns, o resultado dunha máxica mestura de tempos, crenzas e civilizacións, un atraínte lugar que convida a entrar en comuñón cos astros e a sentir a forza dun un océano infindo que se perde na liña do mesmo horizonte que conforma. Foron moitas as estrataxemas que a Igrexa se encargaría de tecer ó longo dos tempos para tratar de afastar aquelas crenzas de adoración ó sol e aqueles ritos de fertilidade. O mesmo nome desta ermida, San Guillerme, non deixa de ser un dos meirandes actos de cristianización deste ancestral lugar de culto. Segundo conta unha das moitas lendas que aínda se manteñen vivas na tradición oral cristiá, o Apóstolo Santiago predicaría o evanxeo por estas terras dos confíns i erixiría unha ermida logo de reducir a ruínas un santuario bárbaro e pagán de culto ó sol nun lugar chamado Ara Solis. Mais o certo é que froito da cristianización, esta máxico recuncho de San Guillerme deixaría de ser un lugar de cultos pagáns para pasar a ser un recuncho visitado e procurado por moitos camiñantes e peregrinos durante a Idade Media.
Xa no século XIV, George Grissaphan relataría as súas andainas por estas terras e chegaría a citar ó Monte de San Guillerme como “un lugar moi solitario, deserto e apartado notablemente dos homes e das súas vivendas, situado entre montes altísimos que case ninguén frecuentaba”. No 1417, Nompar II, Señor de Caumont, fala de San Guillerme “do deserto” e no século XV sábese que o polaco Nicolás Popielovo gaña a indulxencia plenaria na ermida de Fisterra. Por se fose pouco, no 1539, o veneciano Bartolomé Fontana lembraría nos seus escritos o desaparecido hospital de Fisterra e os guías que conducían ós peregrinos até a Ermida de San Guillerme. Logo dos traballos levados a cabo neste recuncho máxico do Promontorium Nerium fisterrán nos últimos anos, crese que esta ermida debeu presentar unha cubrición a dúas augas, ou iso semella manifestar unha serie de fendas de forma cadrada i estruturadas en dúas fiadas que serían achadas no xacemento e que permitirían soster unha teitume destas características cuberta, posiblemente, por tella de cor alaranxada. I é que os restos deste tipo de material fican presentes na práctica totalidade do xacemento. As principais conclusións extraídas dos traballos i estudos arqueolóxicos levados a cabo na Ermida de San Guillerme semellan evidenciar, en definitiva, que este conxunto viviría diferentes etapas construtivas e que o seu período de ocupación, ou de maior actividade, estaría comprendido entre os séculos XII e XIV. Confirmaríase tamén a existencia dun culto cristián. Polo pouco que se sabe, a Igrexa daría orde de destruír a ermida entrámbolos séculos XVII e XVIII, deixando este lugar completamente abandonado até os nosos días.
Agora é un templo sen culto, unha estación atemporal de xentes, un recuncho onde achar a mesma comuñón astral que procuraban os nosos máis primitivos antepasados. Marchei lembrando a miña nenez, as veces que teño subido até este outeiro cos compañeiros da escola, cos amigos e coa veciñanza, as veces que tratei de maxinar a vida que se puido desenvolver neste máxico e telúrico recuncho da miña amada nai Fisterra. Hoxe miro con outros ollos os restos desta ermida, salvada nas últimas décadas do avance irremediábel dos toxos e das silveiras, da desgraciada ruína que o tempo e o esquecemento semellan xermolar. Hoxe si se conservan os restos dunha ermida, hoxe remanecen con máis forza as lendas esquecidas que falan dun “Cabalo de ouro, soterrado nalgures”. Hoxe retornan os murmuradores que lembran o que outros denantes dicían daquela cruel Orcavella que vive baixo destas pedras encarnada nun cento de serpes e víboras. Hoxe murmuran as linguas afiadas sobre dos que aínda arden de pracer nas alboradas, sobre dos que agoiran o milagre da lúa sobre dun leito de pedra dura e baixo dun manto de estrelas prateadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario