“Érmol-os seus saídos,
Os cancelos pechados,
Fundidos teitos, escaleiras, traves,
Sin tellas o tellado,
Non paso un dia pol-os seus lindeiros
Sin pararme ante a casa d' o fidalgo.
Non fumega a troneira,
Non s' escoitan nos páteos
Os ladridos d'os cans, nin o sonoro
Rinchar d'os feros potros e cabalos.
N'o escudo en que descansa
O corredor voado
Fan niño as anduriñas volandeiras
Y-escóndense os lagartos;
E n'o cima d'a torre
O galo d'a veleta, desprumado,
Remela os ollos cara ó vento Leste,
¡O vento d'a ruina e d'os estragos!
Un vello pergamiño
C'o sello real sellado
E sinado c'o as cruces, non c'o as firmas,
¿Pois non sabian firmar!? de dez Perlados,
Manda que nadia poda
Erguer cabana ou pazo
Acaron d'esta casa, que lle quite
Aire ou soI, poI-o frente ou poI-os lados”
Manuel Curros Enríquez, Aires d'a miña terra
Este pasado ano quixen percorrer a Provincia de Ourense na procura de lendarias construcións que fumegan aínda a fachenda das batallas esquecidas, que desprenden resistencia, que testemuñan un pasado incerto sobre do cal se arremuíñan toda a sorte de lendas, fábulas e ousadas teorías. Desta volta tiña por obxectivo coñecer o que posiblemente sexa o pazo máis senlleiro e importante desta cada vez máis despoboada provincia; andaba na procura do impoñente Pazo de Vilamarín. Achegueime até esta vila ourensá unha chuviosa mañá de decembro agardando albiscar naquel horizonte gris e bretemoso a monumental silueta dunha pétrea fortaleza que ten as súas orixes no século XV e que fai soñar a todo aquel que a visita. Albisquei o fachendoso Pazo de Vilamarín, tal e como maxinara, baixo da sombriza monteira dun ceo chamizo e iracundo. Achegueime paseniño até os mesmos pés daquel monumental pazo, declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1977, e ó pouco veríame inmerso no mundo dos soños.
Esta fortaleza de Vilamarín, coñecida popularmente como Pazo de Vilamarín i erixida en perpiaño granítico excelentemente traballado, experimentaría numerosas reformas durante os séculos XVII e XVIII. Posúe unha planta case que hexagonal da que sobresaen dos seus vértices media ducia de torres con matacáns voadizos; catro delas circulares e outras dúas de sección cadrada. Ó seu redor eríxese unha barbacá duns seis metros de altura con camiño de rolda e seteiras que une as pequenas torres. Detívenme de fronte ó monumental arco de medio punto que conforma a entrada principal do Pazo de Vilamarín, formado por grandes doelas de coidada cantería, e comecei a tratar de recrear unha pequena parte da súa longa e descoñecida historia. Este pazo fortaleza érguese no "Casal de Bouza", un solar que pertenceu ó Mosteiro de Oseira e que se localiza no concello ourensán de Vilamarín. As súas orixes, como dicía, son descoñecidas, mais a vila de Vilamarín foi unha das doadas polo rei Afonso VII ós señores do Castelo de Allariz e confirmada por Fernando III O Santo e por Sancho IV. Hai quen sostén que o castelo pertencería ó Conde de Ribadavia e que tería sido destruído polos Irmandiños durante o ano 1467, mais non semellan existir probas suficientes que avalen estas afirmacións.
A historia deste pazo ou fortaleza de Vilamarín comeza a clarexar logo dunha época de abandono e soidade. A finais do século XVII, a fortaleza pasaría a pertencer ó Conde de Maceda e sería obxecto de importantes reformas que lle conferirían o aspecto de pazo fortificado que aínda atesoura nos nosos días. O Catastro de Ensenada semella confirmar esta posesión no século XVIII, cando di o seguinte respecto do pazo que o Conde de Maceda posuía en Vilamarín: "tiene una casa en el Lugar de Fortaleza, de un alto, con su bodega, granxa, cozina y caballerizas e que paga por todo iso ao Convento de San Paio de Antealtares". No século XIX, este pazo fortaleza pasaría por varias mans. A comezos do século XX pertencería á familia de la Maza, pasando logo a mans de Xosé Vicoña Otero e vendéndoa este último no ano 1976 á Deputación Provincial de Ourense; a actual propietaria. A Deputación restauraría de novo o conxunto, que nos nosos días acolle unha exposición permanente da obra de Xaime Quessada, e abriría pra sempre as portas deste monumental pazo fortaleza a tódolos galegos e galegas.
Logo de tratar de fiar a groso modo a histórica arañeira deste pazo de orixes incertas, ateigado de fábulas e teorías, decidín erguerme e continuar, baixo da morna chuvia vendavaleira, o meu camiño na procura doutro histórico recuncho, doutra lendaria construción onde recrear batallas esquecidas, memorias herdadas ó abeiro da lareira, ecos rumorosos que guionizan parte dos meus soños.
2 comentarios:
Moitas grazas Iván por unha nova entrada chega de encanto e señardade. Agora mesmo, en Ourense, chove sobre as pedras e a Historia
Unha aperta.
vivirviajandoenfurgo.blogspot.com
Moitísimas grazas polo teu comentario, Patricia! Agrádame moito que te pases por esta fraga e que goces das entradas.Sempre é un pracer ver chuviscar en Ourense. Unha aperta, compañeira!
Publicar un comentario