“Con túneles e vougos
no centro dos insomnios
sofrimos as mareas”
Pura Vázquez, Sempre irmá
Achegueime até a fermosísima vila de Cambados, berce do Albariño e do excelso "poeta da raza", Ramón Cabanillas, ca fin de coñecer outra importante mostra etnográfica da Arousa, nada máis e nada menos que un muíño de mareas moi semellante ó que fai somentes uns meses coñecín na Illa de Arousa; o das Aceñas. Desta volta retornaría até Cambados, outra vila senlleira das Rías Baixas onde xa tiveramos ocasión de coñecer algún dos seus meirandes tesouros, como as ruínas de Santa Mariña do Dozo ou a histórica e sobranceira Torre de San Sadurniño, - sen esquecer o seu marabilloso viño -, para coñecer agora o Muíño de mareas de A Seca, localizado na parroquia de San Mamede do Corvillón, moi preto do porto cambadés de Tragove. Estoutro muíño de mareas arousán, que nos nosos días foi restaurado e alberga un interesantísimo museo sobre da súa historia, fica chantado sobre da Ría de Arousa e recibe o nome de A Seca porque a zona interior sécase en plenitude coas baixamares para volver a encherse coas preamares. Este Muíño de mareas de A Seca foi erixido no ano 1622 por orde de Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, que encargaría a súa construción ó mestre de cantería coruñés Francisco Grie, cobrando este último polo seu traballo "unha mula nova moi boa ao seu gusto e valor de 50 ducados".
O muíño sería erixido sobre do fondo da enseada e ó seu carón construiríase unha presa duns aproximados 50 metros de lonxitude. Amais da presa, que atesouraba cinco contraportas, e do propio muíño, que presenta tres andares, unha teitume a unha auga cuberta de tella do país e unha planta cuadrangular interior duns aproximados 14 metros de longo por uns 10 de ancho, este complexo etnográfico cambadés estaría constituído por unha vivenda, as súas correspondentes cortes e o seu alpendre. Sería no primeiro andar onde se localizaría toda a maquinaria necesaria para realizar as tarefas da moenda, nada máis e nada menos que tres moas para esnaquizar o gran de millo e unha "albeira" para triturar o gran máis fino, principalmente o do trigo e o do centeo, así como numerosos apeiros e accesorios auxiliares para depositar o gran, vertelo sobre das moas e recoller a fariña. O segundo andar, pola contra, albergaría a vivenda coas súas respectivas habitacións, hoxe transformadas en museo. O terceiro andar albergaría o faiado. O funcionamento deste muíño de mareas non dista moito dos outros moitos muíños destas mesmas características que aínda testemuñan o emprego do recurso das cíclicas mareas para transformar o gran en fariña.
Adoitábase moer durante a baixamar, nun intervalo dunhas tres horas nas que se chegaría a moer até uns 200 quilogramos de gran en cada moa i en dúas quendas, de noite e de día. Até eiquí viña moer moita xente da contorna, non somentes de Cambados, senón de toda a Comarca do Salnés. Este Muíño de mareas de A Seca pertenceu aos vizcondes de Fefiñáns até o século XIX, logo cambiaría de dono e posteriormente, na década dos anos 70, deixaría de funcionar cando o último muiñeiro de A Seca, Don Manuel Piñeiro, que estaba casado coa filla do dono do muíño, deixaba definitivamente o seu oficio. Mais este senlleiro muíño de mareas cambadés sería restaurado en tempos recentes coa fin de convertelo nun museo onde coñecer e recrear a súa propia historia, pasando a formar parte da Rede de Museos do Concello de Cambados dende o ano 2002. Percorrín aquela alongada presa, tatuada de dourados liques, para ollar dende o lonxe esta pétrea pasarela de augas contidas e peneiradas, de mareas que enchen e baleiran a enseada, que a ispen cada abrente... e alén do atardecer.
Detívenme a carón da presa e senteime por un intre a contemplar esta paraxe de eterno contraste, por momentos tan chea, por momentos tan seca, mais sempre húmida e feiticeira. Despedinme destoutra importantísima mostra etnográfica galega, destoutro senlleiro muíño de mareas, coa certeza de saber que estoutra xoia da Comarca do Salnés fica debidamente protexida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario