xoves, 23 de setembro de 2010

O Legado de Mariñán



"No Pazo Desolado cain follas sen vento: aves lonxanas que pechan
os ollos e volven durmir"

Cesáreo Sánchez

Mergullámonos na historia ó chegar a Mariñán, -inmersos no Concello de Bergondo-, i en concreto na Quinta de Bergondo, máis coñecido por Pazo de Mariñán, unha xoia da nobreza galega. Por moitos é coñecido tamén como a Casa de Láncara, en referencia ó seu último propietario, Xerardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza. Pero este privilexiado fogar, que fica á beira da Ría de Betanzos dos Cabaleiros, comezou sendo unha torre defensiva a carón do curso do Mandeo e creada aló pola Idade Media da man de Gómez Pérez das Mariñas. O paso do tempo foi trocando a finalidade e o estilo construtivo desta vella fortaleza, que durante os séculos XVII e XVIII, foise transformando nun pazo residencial da alta sociedade da época e adquire a estrutura en forma de "U" que ten na actualidade. En definitiva, unha vella fortaleza convertida en pazo nobiliario.


Na actualidade, o pazo conta con numerosos elementos barrocos e neoclásicos que aportan unha certa distinción con respecto a outros moitos pazos galegos, é o caso da Capela en honor a San Roque, que data do século XV e fundada por Constanza das Mariñas, ou dos rostros pétreos que abundan e vixían as fermosas escalinatas e dos que se cre que poden ser criados, administradores, ou mesmo bustos de iconografía indioamericana. Non menos distintivo é o parterre de buxo que engalana o xardín principal ou as diversas fontes e especies arbóreas que aquí fican dende antano, como é o caso de eucaliptos xigantescos, cipreses, palmeiras ou camelias. Tamén cabe sinalar o seu impoñente pombal e as súas marabillosas vistas á Ría de Betanzos. Trala morte do Señor de Láncara en 1936 sen deixar descendencia, o pazo pasou a mans da Deputación da Coruña, e no 1972 foi declarado Conxunto Histórico-Artístico. Agora todos podemos percorrer os xardíns franceses do pazo e ollar a súa privilexiada paisaxe, pois o legado de Mariñán abrangue a tódolos galegos.

3 comentarios:

navegacruz dixo...

O Pazo de Mariñán significa para mín o xardín encantado da infancia, e tamén o escondite romántico dalgún amor decadente da xuventude. O menos romántico foi un congreso de Literatura no que acudían especialistas internacionais; "A Araucana" resultoume soporífera.
O afrancesamento do exterior, as fontes de pedra, as roseiras, e a invitación ó íntimo paseo lévame a pensar sempre no Modernismo, e como non, en Rubén Darío. Grazas ó mouro por facerme lembrar algúns momentos esquecidos.

O Mouro dixo...

Grazas a ti por deixarte perder nesta andaina polo chan que nos é común. O teu espazo Navegacruz fica pendurado nas Xanelas desta Fraga, pois penso que transitamos un mesmo camiño, un mesmo país. Unha aperta

Xoán S. Pazos dixo...

Os pazos son construcións fundamentais na conformación da paisaxe arquitectónica de Galicia. O de Mariñán, en concreto, é unha xoia inigualable, dos mellores que tiven a sorte de ver. Grazas por mergullarnos de novo na Galicia máis auténtica, por permitirnos entrar no fermoso imaxinario visual e literario da túa Fraga.
COma sempre: saúde, sorte...e república!