“botar as redes
cubrirnos de vento
hai un país de catedrais
homes en silencio
longos camiños cara ao mar”
Eduardo Estévez, Os veos da paisaxe
Cantos amenceres fuxiron xa dende aquela fugaz viaxe á Mariña Lucense, dende aquela curta pero intensa aventura que nos achegaría ó norte galaico e que nos ensinaría os máis vertixinosos cantís de fráxil e moura lousa rabuñada que atesoura a costa cantábrica galega. Pasaron oito anos xa daquela viaxe, oito chuviosos outonos e oito coloridas primaveras, polo que quero partillar con vos algunhas fotografías que se perderon no vello cartafol do esquecemento, que esvaeceron co monótono "tic tac" das agullas dun reloxo de intres cada vez máis presos de albedrío. Ollando aquelas imaxes, que achegarían á miña mente unha restra de ledos momentos e me lembrarían aquelas primeiras viaxes pola terra e a fin da miña adolescencia, atoparía unha serie de fotografías dun dos nosos máis espectaculares areais; a afamada i extraordinaria Praia das Catedrais.
Corría unha morna e gris mañá de abril cando nos achegamos até a parroquia da Devesa, no concello lugués de Ribadeo, para tratarmos de contemplar unha das meirandes obras mestras que o vento e o mar tiveron a ben esculpir, sen descanso e ó longo dos tempos, nos cantís de mouras lousas da Praia das Catedrais. Lembro que por aquel entón, este senlleiro areal aínda non gozaba da gran sona que atesoura nos nosos días, polo que foi un auténtico pracer para nós percorrelo sen sentírmonos violentados pola presenza masiva de turistas e visitantes. Lembro tamén a profunda impresión que nos produciu albiscar este areal, cuxo nome orixinal é Augas Santas, baixo dos nosos pés e sobre dos impoñentes cantís de lousa que semellan emerxer da súa fina e branca area. Lembro que logo de descendermos até a praia coa baixamar, e de topármonos baixo daqueles pétreos e monumentais arcos, entenderiamos porqué este areal recibe o sobrenome de As Catedrais.
I é que as obras da natureza son sempre superiores a calquera máxima expresión artística do ser humano, e neste Areal de Augas Santas, queda patente. I é que a natureza sempre foi e será, en maior ou menor medida, o espello consciente ou subconsciente no que se inspira o ser humano. Debeu ser a monumentalidade, a grandeza e a beleza oculta tralos pétreos arcos e cantís deste areal de Ribadeo, algúns deles de máis de 30 metros de altura, o que levou a moitos a denominalo popularmente como a Praia das Catedrais en lugar de Augas Santas, que é o seu topónimo real e que se cree que fai referencia á antiga presenza dun manancial de augas medicinais con propiedades milagreiras. Independentemente do nome, o certo é que este recuncho atesoura unhas características que o fan único e sinxelamente espectacular.
Os cantís deste areal agochan todo tipo de furnas, arcos e até rochosos e labirínticos pasadizos moldeados polo mar ó longo dos séculos. Esta singular praia, duns aproximados 1.400 metros de lonxitude e localizada a uns 10 quilómetros cara o oeste de Ribadeo, é Bandeira Azul dende o ano 1997 e foi declarada Monumento Natural pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. É practicamente imprescindible achegarse a este areal coa baixamar para contemplar en plenitude toda a fermosura e a grandeza dos seus arcos, que tanto lembraron a moitos dos seus visitantes ós piares e contrafortes das catedrais góticas. Pouco tempo despois de percorrer boa parte do areal, teríamos que ascender até o alto dos cantís desta característica costa cantábrica galega logo de vérmonos sorprendidos pola rápida subida da marea.
A contorna destes monumentais cantís de Augas Santas posúe un importante valor, non somentes paisaxístico, senón tamén natural. Nestes cantís, neste delicado ecosistema, conviven as urceiras húmidas atlánticas (Ericaciliaris e Ericatertralix) coas urceiras secas atlánticas costeiras (Ericavagans). Tampouco debemos esquecernos da endémica Acelga salgada (Limonium dodartii), en perigo de extinción, a "herba de namorar" (Armeria pubigera) ou a Angelica pachycarpa. O ceo de As Catedrais adoita ser sobrevoado polas gabitas (Haematopus ostralegus), os virapedras (Arenarioa interpres) ou os pilros escuros (Calidris maritima), amais de aves mariñas como as pardelas, os mascatos e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis).
Tampouco debemos esquecernos de mamíferos como a londra (Lutra lutra) e de especies mariñas como os arroaces (Tursiops truncatus). As pozas de As Catedrais tamén son o refuxio de anfibios como a rá de San Antón (Hyla molleri) e réptiles como o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). Agora, oito anos despois daquela viaxe, aínda me arrepío cando me lembro da vertixe que sentimos ó albiscar este areal dende o alto dos cantís e a impresión que nos produciu ollar estes góticos e cantábricos contrafortes dende abaixo; a rentes mesmo do mar. Nos nosos días é tal a cantidade de xente que se achega até Augas Santas que se tivo que controlar e restrinxir o acceso. Oxalá que a masificación turística non mude endexamais este pequeno paraíso cantábrico e galego, estes “longos camiños cara ao mar”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario