mércores, 15 de marzo de 2017

O vello faro da Ría de Corcubión


“Nas ondas do baleiro, amada miña,
sinto a túa voz de auga que me leva

nun cántico de amores e naufraxios
cara a sombra do tempo xa en ruínas.

Ponse o sol nos meus ollos e a noite
énchese de recordos como estrelas.

Cegan tódolos faros no horizonte
e son un mar perdido na túa illa”
Salvador García-Bodaño, Cidade virtual

Pouco tempo despois daquela breve pero intensa incursión aos antigos dominios do esquecido Castelo do Cardeal, - que semella resistir coma unha vella pantasma os contratempos do tempo, que semella invisible aos ollos atentos, á curiosidade propia do ser humano -, achariamos no horizonte o pequeno Faro de Corcubión. Esta minúscula atalaia de luces e sombras leva alumeando o fondo desta ría dos confíns da terra, e as súas virxes Illas Lobeiras, dende o verán do ano 1860. Tras deste facho albiscamos unha das meirandes panorámicas da miña amada Fisterra, outra das facianas máis impoñentes deste milenario olimpo de pedra, deste derradeiro treito de terra, desta xigantesca besta adormecida que resiste impoñente a ferocidade do mar. Este humilde pero senlleiro facho galego, que presenta unha planta cuadrangular duns aproximados 100 metros cadrados, rexos muros de cantería granítica e unha teitume a catro augas cuberta de tella do país, localízase na contorna de Quenxe, no coñecido Cabo C do municipio coruñés de Corcubión. 


A construción deste Faro de Corcubión, finalizada o 31 de xullo do ano 1860, sería propiciada polos numerosos navíos que se internaban na escura e bretemosa ría procurando a serenidade das súas augas cando o mar de Fisterra se antollaba máis embravecido e a luz do seu faro se perdía entre a borraxeira. Dende a súa orixe contaría cunha lámpada de aceite a émbolo que estaría situada a uns sete metros de altura e a uns vinte e cinco sobre do nivel do mar. Na década do 1880 modificaríase a lámpada orixinal por unha de petróleo con mecha que se empregaría até o 1934, ano no que se automatizaría até os nosos días. Sobre da faciana sur deste pequeno Faro de Corcubión eríxese a granítica torre de planta octagonal, duns aproximados seis metros de altura. Sobre dela maxinamos aquelas antigas lámpadas, os primeiros ollos de vidro que alumearon esta ría nas noites máis bretemosas, nas máis densas i escuras marusías; luces que alumaron as húmidas sombras, as fatídicas rompentes, as perigosas illas.  


Este humilde pero senlleiro Faro de Corcubión segue a latexar luz, a pestanexar vida, a advertir cada noite dos perigosos tesouros que agocha esta ría; o Carrumeiro Grande e o Carrumeiro Chico, as Illas Lobeiras, os castelos do Cardeal e do Príncipe, os alicerces do Monte Pindo e a impoñente silueta dunha xigantesca besta que adormece sumerxida entre a calma da ría e os azoutes do mar.

Ningún comentario: