sábado, 11 de marzo de 2017

As ruínas do Castelo de Quindous


“Cantores ispirados,
Os que á Galícea o numen adicastes
Y-a fermosura d'o seu chan cantastes,
Vosos pleutros dourados
Temprade e dinamente
Nosa pátrea ensalzai costantemente.
Pidídelle ás rüinas
D'os antigos castelos os sacretos,
Âs cumes d'as montanas ascendede,
Preguntádelle ás simas,
Cobas, pontes, debesas e picoutos;
D'o campo sempre verde ás tenras frores
Arrincade a espreseón d'os seus amores”
Amador Montenegro, Muxenas

Nesta nosa última visita ás montañosas e fronteirizas terras dos Ancares, o meu amigo Xoán e máis eu decidimos aproveitar a viaxe que nos levaría até as pallozas de Piornedo, até o Castro de Santa María e até os mesmos pés do Pico Mustallar, para internármonos na parroquia de San Xusto de Quindous, no  mesmo Concello de Cervantes, ca fin de coñecer unha antiga construción nobiliaria da que algo temos escoitado falar. Tiñamos un especial interese en coñecer o lendario Castelo de Quindous, unha pequena fortaleza de orixe medieval que fica esquecida nesta serra fría, solitaria e silenciosa, asentada na intricada ladeira dun húmido e verdescente val.  


Albiscamos o pequeno castelo ao fondo da aldea de Quindous, erixido sobre dun terreo de acusada pendente. O desnivel faise patente na altitude que presentan os seus muros, que acadan nove metros pola cara Oeste, fronte aos catro da faciana Leste. Nos vértices da fachada principal eríxense impoñentes dúas torres cilíndricas. Nelas achamos as seteiras dende as que se vixiaba e se protexía a porta de acceso á fortaleza. Estas torres, que presentan dous andares, tamén dispoñen de xanelas das que emanan sombras e humidades, silencio e soidade. Esa tristeza e agonía que tamén achariamos nas xanelas e seteiras das veciñas torres de Doiras, Doncos e Torés; as esquecidas fortalezas dos Ancares. 


Os rexos muros desta casa forte, desta pequena fortaleza abandonada de Quindous, foron erixidos con pequenos cachotes de lousa. Do mesmo material está formada a súa cuberta, que se presenta a dúas augas no corpo central agás nas súas torres senlleiras; onde presenta unha cónica estrutura. Na fachada principal, sobre da porta de entrada a esta pequena fortaleza medieval de planta rectangular, e baixo do escudo de armas dos seus antigos moradores, achamos unha inscrición que rezaba o seguinte: “SOI LA CASSA DE QVINDOS FONDADA EN ESTA MONTAÑA”. Tras daquela mensaxe, gravada en fría pedra, somentes achariamos ruína, tristura e desolación. 


Pouco se sabe con certeza das súas pantasmas, dos antigos moradores desta casa forte, deste pazo nobiliario; desta pequena fortaleza de San Xusto de Quindous. Contan que foi erixida a finais do século XV por Paio Quindós, e que dous séculos despois, nesta mesma fortaleza, fundaríase o Morgado dos Quindós. No ano 1717, todo este patrimonio pasaría a mans do Marquesado de San Saturnino, descendentes directos da estirpe dos Quindós. Este pequeno castelo, tal e como aínda testemuñan o escudo e a inscrición que presiden a súa fachada, foi erixido ca fin gorecer, de servir e de ver nacer a toda unha estirpe nobiliaria. 


Liscamos de Quindous, destoutra fortaleza esquecida a carón das máis altas montañas, coa certeza de que este humilde castelo medieval está a sufrir nos nosos días as súas meirandes batallas, as súas primeiras ruínas. A soidade son as tropas inimigas. O silencio son os laios da carraxe e da agonía. As hedras e a humidade; a dinamita do tempo. A vitoria e a derrota; o antollo e a incerteza do destino. 

Ningún comentario: