luns, 30 de xuño de 2008

De Camiño a Compostela


"Romeiro pra Compostela
pasa o vieiro pelengrino,
montado ao lombo da ponte,
sin se mollar no camiño"
Luis Amado Carballo

Tocaba pisalas antergas lousas da sempre húmida Compostela, visitalo Obradoiro, a Quintana, o Franco ou a sempre fermosa Alameda, onde ollei a catedral ó caer o día.

Santiago de Compostela foi, é e será, o camiño de milleiros de romeiros, o fogar dos estudantes e o refuxio de escritores e artistas; o corazón e Capital da Galiza e o berce de pedra dos nostálxicos que, coma min, fuxen do ruído dos coches e das urbes para mergullárense nos ecos murmuradores das silandeiras rúas da pequena pero inmensa Compostela.

Nos soportais, a quenda é para os músicos sen playback e para os debuxantes de boa mestría. Entretanto, á noitiña, son os máis novos os que gañan a batalla das rúas, politizando entre cervexas e bautizando esquinas. Mais é ben certo que en inverno ninguén se libra da chuvia, que testemuña que Santiago siga sendo o que é, a cidade dos artistas, do misticismo e dos amantes da arte e da historia.
Dende aquí somentes dicir que para xantar O Santiso, para camiñar a Zona Vella, para gozar, o París-Dakar e para soñar; Santiago de Compostela. Iso sí, sempre que o tempo acompañe ou como diría Amado Carballo: "sin se mollar no camiño". Lorca tamén deixou os seus versos na cidade e, por se alguén non os gozou aínda, velaí van:

"Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago,lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón"

Saúde aos composteláns que cada día transitan as rúas de Compostela.

venres, 20 de xuño de 2008

Entretecido ceo de Verdes


"Todas, todas, boa terra:
A carballeira de Verdes,
Ben preto do rio hé aquela;
Aquel' hé a torre de Trába,
Que desde longe branquéa;
Os verdes de Coristánco,
E os altos pinos de Bértoa;
E tí, castro antígo d' Oca,
Ben te conozo, antr' a brétoma"
Eduardo Pondal

Este pasado outono quixemos observala caída das últimas follas no Refuxio de Verdes, pertencente á Parroquia de Santo Adrán de Verdes, no concello coruñés de Coristanco. Nesta vermella terra, o Río Anllóns segue o seu curso, sendo extraordinariamente recibido por esta paraxe; un espléndido espazo natural. En Verdes puidemos divisar unha contorna de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, piñeiros… e multitude de pequenos paxaros, así como xeitosas casiñas de pedra para xantares con familiares ou amigos, dispostas de mesas e grellas. O que máis me chamou á atención, foi mirar ó ceo e descubrilo totalmente entretecido polas ramas e follas, coma se dunha tatuaxe se tratara. A frondosidade deste lugar é debida, principalmente, ó curso deste río pondaliano. Verdes, unha contorna de natureza protexida, nunha boa terra e ó redor dun río antergo que escoitou as verbas dun bardo ó seu paso polo chan dos antigos celtas.

mércores, 4 de xuño de 2008

A Ribeira Sacra


"Airiños d'o Sil, lixeiros,
qu'o seu terruño bicades;
n'o meu nome, á aquela xoya,
suspiros d'amor levade"
Ramón Armada Teixeiro

Este pasado outono percorrémola Ribeira Sacra, comezando en Chantada (Ribas de Miño) e rematando en Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta sobrecolledora e distinguida paraxe amosounos o transcurso do Pai Miño dende o seu nacemento, nas fermosas terras da Pastoriza, onde comeza a nacer gota a gota ata o seu gran afluínte, O Sil. Estes dous ríos son e serán as arterias principais do noso país, coa singularidade de nutrir ó seu paso as parras do sangue Mencía.

O caudaloso curso do Sil reflicte, cal espello, as vellas adegas e os desnivelados socalcos; a herdanza que vai deixando tras de si. Nembargantes, a multitude de presas hidroeléctricas que semellantes a guillotinas, decapitan de maneira constante e reiterada o taciturno curso do noso río, non deixan de afear unha contorna tan fermosa e fascinante coma esta. Unha vez máis, a man humana móstranos o pulso que mantén coa natureza. O río segue o seu camiño silandeiro, na procura dunha fin, namentres se mestura coa terra, impartindo vida e riqueza.

Unha vez visitado San Estevo, decidimos visitar a Capital do Ribeiro, Ribadavia, na cal poidemos coñecer o seu interesante barrio xudeu. Moi preto de Santa Cruz de Arrabaldo atópase Trasalba, pequena aldea na que naceu o destacado escritor Ramón Otero Pedrayo e onde poidemos visitar o que en vida fora o seu fogar.