domingo, 10 de xullo de 2016

Compostela Monumental


“O silencio de Compostela non ten fin:
é unha das súas eternidades. O silencio
sempre espera ó camiñante un pouco máis
aló: no mar, na noite espida.
Aquí é a vida da soidade máis pura.
"Non ha barqueiro
nin remador"
zoa a cantiga mentres confiamos
no milagre, adoitos a vagar
na procura dese faro que alumee
o sorriso, que confirme a nosa gratitude
ó chegar o sosego, inda algo incerto”
Ricardo Martínez-Conde, Compostela, vella memoria

Dende que habito en Compostela, nesta húmida e triste capital galega, nesta pequena e monumental encrucillada de calexas, fico namorado do silencio que agochan os seus muros, das badaladas que escoito entre murmurios, das pozas onde se reflicten os séculos finados. Namorei da súa historia, do seu tempo pasado, presente en cada torre, en cada parede, en cada crus i en cada arco, escrita coma a piolla no cadeirado, no granítico barro dos oleiros de cuarzo, mica e feldespato. Percorrín Compostela docemente, co agrado e a timidez, coa a loucura e a placidez propias dun inxenuo namorado. Detívenme a ollar en silencio a súa grandeza nas fontes, nos soportais e nas prazas, na multitude de rúas que se abrazan nesta pétrea e misteriosa capital, nesta améndoa histórica, lendaria e tristeira, nesta meiga e fascinante Compostela Monumental.