“E pasei outra
volta pola beira
do pazo
fachendoso
que recorta no
val úbedo e fresco
a grácil
cheminea
e a torre
derretida polo tempo.
E de novo a
tenaz hipocondría
sentoume nunha
pedra do carreiro...
O pazo de
Galicia
cubre a nobre
fachada de granito
de areiras,
musgo, líquenes e cinza
que lle dan a
fasquía turbulenta
dos iris
fuxidíos,
das pátinas de
néboa”.
Miguel A.
Mouriño, Sete cruces e unha esperanza
Semella que foi onte, mais xa choveu dabondo,
dende aquelas nosas primeiras viaxes ós máis
históricos pazos do noso País. Xa facía tempo que non procurabamos a
sombra dos muros traballados por canteiros, das camelias, dos pombais, cabaceiras,
capelas e fontes; que fican arrodeados de máxicos xardíns. Algo temos falado da
beleza e historia de pazos como o de Lourizán, Cotón, Meirás, Oca, Mariñán ou
Fefiñáns, mais aínda nos quedan por coñecer outros moitos antigos fogares nobiliarios
neste chan sufrido e verdescente. Ó
longo e ancho do noso territorio, pódense atopar centos de pazos, casas grandes
e fortalezas, herdadas da máis antiga nobreza galega, mais o tempo foi mudando o seu
poder en solitarias e miserentas fidalguías. Moitos destes históricos fogares fican baleiros e
abandonados, comestos polas hedras. Outros, nembargantes, cheos de fachenda coma nos seus mellores tempos. Desta volta, decidimos visitar e coñecer un dos
pazos máis senlleiros da provincia de Lugo.
Viaxamos de novo cara o inetrior das húmidas terras de Lugo, ata a fértil Comarca de Chantada, na
procura dunha mostra viva que se agocha no Concello de Taboada; ás portas
mesmas da Ribeira Sacra. Estas terras son ben coñecidas polas múltiples mostras
de arquitectura e patrimonio civil, como as casas grandes de Vidás, Moreda,
Buín, e Soñán. E que dicir dos pazos de A Nogueira ou de Vilar!. Mais o pazo que
procurabamos fica a un quilómetro escaso do termo municipal do concello lucense
de Taboada, concretamente na parroquia de San Pedro de Bembibre, e goza de gran renome e prestixio. Namentres nos
achegabamos ata este vello feudo, comezamos a afondar na importancia e historia
do edificio que estabamos a piques de coñecer. Nada máis e nada menos que o
vello fogar dos Condes de Taboada, unha antiga fortaleza reconvertida en pazo que logra conservarse coma nos seus mellores días. Contan os máis vellos que a longa estirpe dos Taboada tivo
que deixar a súa vivenda en Castro Candad, ante a chagada dos normandos, e buscar
refuxio na vella fortaleza de San Pedro de Bembibre. A historia fala de que os irmáns Álvaro e
Lope de Camba e Taboada, dividiron a herdanza de seus pais en dúas partes. A
Álvaro corresponderíalle o pazo de Rodeiro e a Lope, a fortaleza dos Condes
en Taboada. Tamén contan que na Igrexa
de San Pedro, que fica preto da fortaleza e data do século XII, aínda repousan os restos de Juan Taboada
Ribadeneira e Figueroa, ó que Felipe IV concedera o título de Conde. Non cabe dúbida que por estas terras, a estirpe dos Taboada deixou unha fonda pegada.
Unha vez chegados á fermosa parroquia de San Pedro
de Bembibre, resultounos doado atopar o pazo. A silueta pétrea dunha vella
torre de vixilancia constatou a súa presenza dende os arredores. O silencio do lugar é rachado somentes polo ledo canto dos paxaros. Detémonos, á fin, de fronte ás portas
mesmas do Pazo de Taboada, coñecido tamén por estas terras luguesas como o Pazo dos
Condes. Esta fortaleza e pazo preséntase ante nós soberbio, macizo e cheo de
vida. Nos nosos días é unha propiedade privada que non permite visitas ó
interior do recinto, polo que tivemos que conformarnos con ollalo somentes dende fora. O pouco que puidemos ver dende o exterior desta vella fortaleza, erixida no ano 1413 por magníficos canteiros e baixo o mandato dos Condes de Taboada, foi un
edificio cunha estrutura en forma de “U”, así como unha impoñente torre ameada de tres plantas. Nunha das fachadas atopamos un
arco de medio punto onde se sitúa a porta principal do pazo, mais esta continúa
pechada pra nós. Enriba xusto da porta, o escudo de armas dos Taboada semella
recordarnos o poder desta vella fortaleza reconvertida, co paso dos séculos, en pazo nobiliario. Canto debeu mudar o seu aspecto, de pasar dunha fría e segura fortaleza a un luxoso fogar onde semella reinar a paz. A carón deste pazo atopamos un fermoso pombal e unha ducia de castiñeiros, e moi
preto, a igrexa en honor a San Pedro, onde disque descansan os restos do Conde. Abandonamos o
liberado condado para procurar novos eidos e fragas. Que os rexos muros desta
antiga fortaleza sigan en pé ó longos dos séculos, e as súas portas, por sempre
abertas.