Amosando publicacións coa etiqueta Alén das fronteiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alén das fronteiras. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de novembro de 2013

De Sanabria a Fisterra polo Camiño Mozárabe


"É precisamente a posibilidade
de realizar un soño o que fai que 
a vida sexa interesante"
Paulo Coelho

Dende fai cousa duns cantos meses comecei a preparar a que sería a miña primeira aventura no Camiño. Por aquel entón aínda non tiña nada claro que Camiño escoller nin cando podería realizalo. Nunha cea con dous bos amigos, comenteilles a viaxe que andaba a preparar e as ganas que tiña de comezar a camiñar. Durante a cea, un dos meus amigos interesouse pola miña decisión e díxome que a el tamén lle gustaría acompañarme, mais non camiñando, senón en bicicleta. Animoume a que foramos sobre de dúas rodas, xa que el é un gran amante das bicicletas de montaña. A idea fíxome pensar no duro que podería chegar a ser para min percorrer tantos e tantos quilómetros sobre dunha bicicleta. De cativo tiña unha e adoitaba empregala pra ir á praia, a xogar ou ós recados. Con doce anos sufrín un pequeno accidente que me impediu volver a subir nunha en moitos anos; petei contra un muro e dobrei as pinzas que sosteñen a roda dianteira. Dende aquel entón non volvín a montar en bicicleta. Nembargantes,  pensei no divertido que podería chegar a ser viaxar sobre dúas rodas na compaña dun amigo ó longo de tantos quilómetros. Samuel, así é como se chama o meu amigo, adoita percorrer grandes distancias coa súa bicicleta, e aproveita o seu tempo libre pra saír con ela pola contorna da súa vila. Díxenlle que non tería ningún problema en viaxar na súa compaña e sobre de dúas rodas ata Santiago de Compostela, que me prepararía e que mercaría unha bicicleta. O certo é que o destino quixo xogarnos unha mala pasada. Non puidemos poñernos de acordo coas vacacións e tivemos que postergar a nosa viaxe ata ben entrado o outono. No mes de setembro do presente ano, collín uns días de descanso para facer o Camiño Primitivo camiñando e reservei uns cantos días en outubro para realizar a viaxe sobre dúas rodas co meu amigo. Logo de chegar de facer o Camiño Primitivo, descansei e tratei de afacerme á idea de que debía adestrar coa miña bicicleta, xa que a escasos trinta días debería poñerme a camiñar de novo, e desta volta sobre de dúas rodas. Nembargantes, as obrigas quitáronme tempo pra adestrar, e a meirande parte dos momentos libres que dispuña destinábao a preparar a ruta e a equipaxe. 

Panorámica do Castelo dos Condes de Benavente (Pobra de Sanabria)
Non nos foi nada doado escoller o camiño, o certo é que barallamos moitas posibilidades. Dende un principio pensamos en facer o francés dende O Cebreiro, logo o do Norte, e ó final optamos polo último treito da Vía da Prata; O Camiño Sanabrés ou Mozárabe. Iso si, desta volta ata a fin; até a miña Fisterra nai. No meu primeiro Camiño, desgraciadamente, non puiden acadar a meta que tanto ansiaba, mais sabía que desta volta ía chegar, custase o que custase.  Decantámonos polo Camiño Sanabrés, xa que sería un camiño curto, acorde ós días que dispuñamos pra facelo. Ademais, tiña boas referencias sobre deste Camiño. Lembro o ben que me ten falado del Jesús, o peregrino vasco que coñecera no Camiño Primitivo.  Jesús ten andado pola meirande parte dos vieiros que levan a Compostela, mais faloume do Sanabrés coma un camiño especial, de gran beleza e marabillosas paisaxes. Comecei a preparar ilusionado a viaxe que tanto tempo levabamos agardando comezar. O Camiño Sanabrés ou Mozárabe comezou sendo un atallo nos vieiros que chegaban a Compostela a través da Vía da Prata, que ascendía dende o sur da península. Que este camiño tamén se coñeza como Mozárabe débese ás pequenas romarías que peregrinaban a través dunha serie de mosteiros que foron aparecendo coa repoboación mozárabe nas terras castelás de Zamora. No noso país, este vieiro tamén é coñecido como o Camiño do Sur. O peregrino da Vía da Prata que chega ata a localidade zamorana de Granja de Moreruela deberá decidir entre seguir pola Vía da Prata até Astorga ou, pola contra, desviarse polo Camiño Sanabrés. Polo xeral, a meirande parte dos peregrinos escolle a segunda opción co fin de evitar o aluvión de peregrinos procedentes do Camiño Francés. A pesares de que o Camiño Sanabrés comeza en Granja de Moreruela, nós decidimos emprender a nosa viaxe en Pobra de Sanabria, a uns 250 quilómetros de Santiago de Compostela. Saímos cara este histórico municipio zamorano a tarde do domingo 27 de outubro do presente ano 2013. Viaxamos nun autocar coas nosas bicicletas, que previamente tiveramos que embalar en plástico de burbullas. Viaxamos conversando sobre das dificultades que nos agardaban nas distintas etapas e sobre dos lugares que teríamos a sorte de coñecer. A madrugada anterior tivemos que atrasar unha hora, polo que as tardes serían máis curtas. Chegamos a Pobra de Sanabria a iso das oito da tarde, e xa facía tempo que anoitecera. Desembalamos as nosas bicicletas e preguntamos a un veciño onde quedaba o noso albergue, Casa Luz. Encamiñámonos cara o centro da vila e tras cruzar dúas pontes, puidemos ver as torres dun castelo que se erixe no alto, arrodeado polos ríos. As douradas luces reflicten as poderosas torres do Castelo dos Condes de Benavente, do século XV. Ficamos abraiados ante a maxestosa silueta desta fortaleza militar que se erixe sobre dos ríos Castro e Tera. Chegamos a Casa Luz e logo de deixar as bicicletas aparcadas, fomos cear a La Trucha, unha taberna que ficaba a carón mesmo do albergue. Tomamos unhas cervexas e ceamos uns bocadillos. Comezaba a facer un pouco de frío, polo que non tardamos en liscar de novo ó albergue. A iso das doce da noite fomos durmir. O día seguinte sería moi duro, sobre todo para min. 



28 de Outubro de 2013
Etapa 1. Pobra de Sanabria – A Gudiña 


Levantámonos ás sete e media da mañá e almorzamos no Bar La Trucha. Tomamos uns cafés e uns croissants á grella. Saímos a iso das oito, aínda comezaba a alborexar. O día non se presentaba doado. Era a primeira etapa, polo que me agardaba unha xornada de sacrificio e sufrimento. E así sería. Cando saímos de Pobra estaba orballando, e corría algo de fresco. Saímos do lugar ollando as dimensións daquel castelo maxestoso erixido alá no alto dun penedo dende o que controla e domina os seus territorios. A poucos metros de deixar atrás esta histórica vila, puidemos ver un cartel que nos indicaba que estabamos preto do Parque Natural dos Lagos de Sanabria. Durante a mañá tivemos que soportar un orballo persistente. Pasei máis tempo coa bicicleta ás costas que sobre dela. A uns dez quilómetros de Sanabria atopamos unha fermosa igrexa e unha fonte que nos ven moi ben para encher as nosas cantimploras. Tratábase da Igrexa de Santiago de Terroso. A carón da igrexa puidemos observar un monólito onde se podía ler: “Terroso tiene la acogida como historia. Papas y reyes lo vincularon a Santiago haciendo de lo jacobeo su destino, y sus gentes, con la agogida generosa al peregino, le dieron blasones y le dan grandeza. Caminante, acoger es ser para los otros. Ten tu vida abierta a la acogida. Trascenderás en el tiempo”

Igrexa de Santiago de Terroso
Seguimos avanzando cara Requejo, que será o noso punto de partida para comezar a ascensión ata o Porto de Padornelo, a uns 1300 metros de altitude. A subida fíxose eterna por momentos. É unha subida longa pero progresiva. Durante a mesma fomos ollando a beleza e a riqueza dos vales, mais tamén soportando o ruído e o impacto paisaxístico que producen as obras do AVE. As árbores comezaban a mudar as súas cores, estabamos a contemplar a explosión do outono nas derradeiras follas do ano. Como non podía ser doutra maneira, a subida ó Padornelo foi o primeiro gran obstáculo que recordo. Fíxoseme infinda, nembargantes, logo da gran subida agardábanos un agradecido descenso que nos levaría ata Lubián. Chegamos a este pequeno lugar zamorano, onde se fala castelán e galego, a iso da unha da tarde e logo de percorrer uns 29 quilómetros. Nada máis chegar puidemos ver unha morea de maceiras de apetitosas mazás que non dubidamos en degustar. Estaban boísimas, das mellores mazás que probei, e logo do esforzo que nos supuxo a subida a Padornelo, semellaban un agasallo enviado polos deuses.  Ó pouco de ver o albergue puidemos albiscar tamén unha casa de comidas, polo que non dubidamos en achegarnos ata alí para matar a fame e poder continuar. 

Paraxes fluiviais de camiño ó Alto do Padornelo
Petamos na porta da Casa da Irene, que estaba pechada, para asegurarnos de se estaba aberta ou non. Oímos ruído e decidimos abrir de vagar. En canto abrín de todo a porta puiden ver a un bo grupo de simpáticos señores que nos recibiron entre saúdos e sorrisos. Nada máis entrar puidemos sentir o calor que desprendía a cociña e o arrecendo a comida. Sentámonos na única mesa que quedaba libre, xa que o local era pequeno, e comezamos a falar con aqueles señores. 
Dixéronnos que andaban a facer o camiño cun coche de apoio e que logo pasaban as noites na Pobra de Sanabria. Logo de falar con Yolanda, a propietaria, xantamos un caldo galego bastante saboroso, aínda que non tanto como o da miña nai. Logo comemos cinta de lombo de porco con patacas fritidas. Despois de xantar, saímos da Casa da Irene a iso das tres da tarde. Agardábanos aínda a forte e pronunciada subida ó Alto de A Canda, a case 1300 metros de altitude. A ascensión foi dura pero non tanto como a de pola mañá. Dende a saída de Lubián fixemos un treito por estrada que nos levaría ata este alto que divide os territorios castelás e galegos. Para elo deberiamos atravesar un escuro e longo túnel que nos levaría ata o lugar de Vilavella. Lubián é o último pobo castelán do Camiño Sanabés a Compostela. Chegamos a Vilavella logo dun forte e agradecido descenso dende o Alto de A Canda. Dende Lubián a A Gudiña fomos por estrada, xa que nos advertiron do posible mal estado do trazado por mor das chuvias acaecidas durante a mañá. Chegamos á Gudiña e paramos no bar do hostal A Madrileña, onde selamos e descansamos un anaco. Ó pouco atopamos o albergue municipal, onde coñecemos a un grupo de galegos das Rías Baixas que tamén fixeran o Camiño Primitivo. Faláronnos das súas experiencias e dixéronnos que farían de cear no albegue. Logo de aparcar as nosas bicicletas, aseámonos e saímos a cear fóra. Namentres camiñabamos puidemos ollar a igrexa do lugar e o ambiente que se respira neste municipio ourensán de A Gudiña. Paramos no bar A Chaqueta de la, que me trouxo á cabeza o mítico tema de Heredeiros da Crus. 

Igrexa no concello ourensán de A Gudiña
Entramos e tomamos unha cervexas. Ó pouco puidemos ollar a un veciño que entraba no bar cunha cesta ateigada de cogomelos de primeira. Boa mostra da riqueza destes solos e fragas. Logo fomos cear a outro establecemento do lugar, de cuxo nome prefiro esquecer. Xantamos unha ración de tortilla de patacas, unhas luras á romana e uns pementos recheos que non nos sentaron nada ben. Os pementos estaban recheos dunha carne picada que semellaba estar pasada. Deixámolo case todo. Logo desta particular cea fomos descansar ó albergue. Alí falamos un pouco máis de vagar cun dos galegos, e a iso das doce da noite fomos pra cama. 



29 de Outubro de 2013
Etapa 2. A Gudiña – Xunqueira de Ambía


No albergue de A Gudiña pasei unha das peores noites deste camiño. Sentoume mal a cea da noite anterior. Aqueles pementos recheos revolvéronme o estómago e a duras penas puiden conciliar o sono. Ademais, durante a noite espertei numerosas veces co ruído producido polas detonacións que semellaban provir das obras do AVE. A iso das seis da mañá, aínda de noite, os peregrinos comezaron a prender as luces e a organizar as súas mochilas. Eu case non pegara ollo, e tiña o corpo e o estómago desfeitos. Logo de que os peregrinos abandonasen o albergue, decidín apagar a luz para tentar durmir un anaquiño máis. Ás sete e media erguémonos das liteiras e comezamos a organizar as nosas alforxas. Comenteille a Samuel o das detonacións, mais el semellaba un pouco incrédulo. Fomos a almorzar a unha cafetería e alí preguntei sobre do estrondo que oíra de noite. A dona da cafetería asegurounos que, efectivamente, procedían das obras do AVE, e que eles xa estaban acostumados ó ruído. Logo da conversa e dos cafés, retomamos o camiño que nos levaría ata a Xunqueira de Ambía. 

Panorámica do Encoro de Cenza, no concello ourensán de Vilariño de Conso
Avanzamos uns 18 quilómetros a máis de mil metros de altitude. Dende alí ollamos un fermoso amencer onde os bancos de néboa eran os protagonistas. Ollamos tamén a paisaxe dominada polo Encoro de Cenza (Vilariño de Conso) arrodeado de montañas núas e secas. Denantes de entrar no lugar de Campobecerros, agardábanos un pronunciado descenso. Logo do mesmo, tiñamos que ascender un par de costas denantes e despois de Portocamba. Despois de pasar esta aldea e ascender ó alto do monte, debiamos descender uns dez quilómetros e pasar pola feiticeira aldea de As Eiras, na mesma Serra do Invernadoiro, co obxectivo de chegar ata a capital do municipio ourensán de Laza para xantar cedo e seguir co noso camiño. O comezo da etapa da mañá non foi tan duro como o da xornada pasada, na que tiveramos que ascender a dous picos de máis de mil metros de altitude. O mellor da etapa de hoxe foi o descenso ata Laza, no que fomos observando as montañas mudas e as fragas que se estenden entre os vales. Baixamos a moita velocidade, xa que boa parte desta etapa transcorre a carón dunha estrada de escaso tráfico. 

Panorámica dos vales no descenso de As Eiras, camiño de Laza
Esta baixada foi un dos mellores momentos vividos neste camiño. O trazado de alcatrán fíxonos chegar denantes do previsto a Laza, en concreto, ás doce e media da mañá. Sorprende chegar a Laza e ver un territorio tan chán arrodeado de tan elevadas montañas. Dirixímonos cara o albergue da vila para selar as nosas credenciais e constatar así o noso fugaz paso por esta vila ourensá. No albergue dixéronnos que deberiamos selar na oficina de Protección Civil, e así fixemos. Logo aparcamos as nosas bicicletas na porta dunha taberna da praza do pobo, onde paramos a xantar. Para a nosa sorpresa, no bar aínda non tiñan comida preparada, mais ofrecéronnos un bocadillos quentes de lombo adobado, que aceptamos agradecidos. Logo do xantar, a iso da unha da tarde, collemos de novo as nosas bicicletas e viaxamos rumbo a Xunqueira de Ambía. Mais aínda debiamos superar o gran reto da xornada: Subir ó Monte da Requeixada, a escasos mil metros de altitude. Saímos de Laza atravesando o seu chán territorio. 

Ascensión ó Monte da Requeixada
Comezaríamos a ascender o Monte da Requeixada  logo de pasar o lugar de Tamicelas. Neste mesmo lugar, un veciño ó que saudamos alertounos da dureza da ascensión que estabamos a piques de sufrir e aconsellounos que colleramos aire, que falta nos ía facer. E que razón tería! Sabiamos que esta ascensión sería unha das peores do camiño. Crese que esta ascensión é a de maior desnivel de toda a Vía da Prata e Camiño Sanabrés.  Comezamos a ascender xa dende a mesma aldea de Tamicelas. Ó comezo, a ascensión era progresiva, mais non tardaría en mudar a peor. O desnivel foise incrementando máis e máis, e semellaba que non remataríamos de ascender na vida. O trazado foi outro dos nosos maiores inconvenientes, sobre todo para min. O trazado estaba cheo de pedras soltas e rochas espidas. Samuel non deixou de pedalear en todo o que levabamos de camiño. Somentes el foi quen de ascender a Requeixada sen baixar da bicicleta. Iso si, en certos momentos tivo que fincar o pé na rocha para poder continuar. Eu, pola contra, deixei de pedalear en Tamicelas. O resto da ascensión fíxeno empurrando da miña bicicleta e parando por momentos para non desfalecer...

Ascensión ó Monte da Requeixada
Suamos e sufrimos aquela ascensión coma ningunha outra neste camiño. Por momentos cheguei a pensar por que diaños faría este camiño sobre dúas rodas, mais xa non había volta atrás, e decidín afogar os malos pensamentos cun dos derradeiros grolos de auga fresca que me quedaba. Senteime varias veces para coller folgos e continuar. Ó chegar á feiticeira aldea de Alberguería, paramos para tomar uns refrixerios nunha taberna moi particular. Tratábase do “Rincón del Peregrino”. Nada máis entrar neste refuxio de alta montaña puidemos ollar centos de cunchas de vieiras penduradas das paredes e columnas do local. O dono do establecemento selounos as credenciais e deunos unha cuncha para que puxeramos os nosos nomes e os nosos lugares de procedencia. Serviunos uns refrescos e preguntounos cara onde viaxabamos. Logo soubemos que tamén dispuña dun albergue para todos aqueles peregrinos que quixesen pasar a noite nesta aldea feiticeira. Descansamos un anaco e logo decidimos emprender de novo o camiño que nos conduciría ata a Xunqueira de Ambía. Despois de Alberguería aínda nos agardaba un pequeno ascenso ata a crus do Monte de Talariño, a cota máis alta. 

Taberna "El Rincón del Peregrino", en Alberguería
Logo de chegar á crus do Monte de Talariño, comezamos un importante descenso por un camiño de pedras e terra que nos conduciría cara o Concello de Vilar de Barrio. Agora os tramos trocábanse máis cháns, máis confortables. Logo duns quince quilómetros chegaríamos á Xunqueira de Ambía. Nada máis chegar fomos directos ó albergue,  onde puidemos comprobar que non iamos ter problemas para coller sitio. Tan só puidemos atopar un peregrino que nos informou de que a hospitaleira chegaría a iso das sete e media da tarde, e de que tan somentes habería outro peregrino máis que nos os tres. Lembro que xusto na entrada do albergue había un cartel da miña Fisterra que rezaba: “Fin da Terra, Fin do Camiño”. Ademais, había outro que tiña unha mensaxe que me convidou a reflexionar: “Peregrino é todo quel que ten un espírito libre, unha equipaxe lixeira, unha alma solidaria e segue espontaneamente o camiño dos seus soños”.  Ó pouco tempo aparecería polo albergue o cuarto peregrino que aínda non tiñamos o pracer de coñecer. Tratábase dun inglés que xa fixera uns cantos camiños debido a que o seu traballo estacional así llo permitía. Decidimos asearnos e propuxémonos deixarlle as credenciais para que nolas selase a hospitaleira namentres ceabamos, xa que el estaba de volta do pobo e xa ceara. 


Deixámosllelas credenciais e puxémonos a camiñar cara o pobo. Acompañounos Paco, o primeiro peregrino que atopamos no albergue. Era de Pedraja de San Esteban (Valladolid) e ceamos con el unhas lentellas e uns ovos fritidos con patacas. Falamos tranquilamente das nosas experiencias no Camiño e tomamos uns licor-cafés. A iso das once volvemos ó albergue e o inglés xa tiña as nosas credencias perfectamente seladas. Agradecémoslle o favor e falamos con el un bo anaco. Logo decidimos ir pra cama e descansar. 



30 de Outubro de 2013
Etapa 3. Xunqueira de Ambía – Castro de Dozón


Espertamos a iso das sete e cuarto da mañá no albergue de Xunqueira de Ambía, e almorzamos a iso das oito na única cafetería aberta do lugar. Alí agardaba por nós Paco, que xa estaba rematando de almorzar. Falamos un anaco con el denantes de poñernos a pedalear. Tiñamos por diante moitos quilómetros e non debiamos perder o tempo. Tiñamos que saír da Xunqueira de Ambía, atravesar os concellos de Ourense, Cea e Piñor para chegar ó Concello de Dozón, xa na Provincia de Pontevedra. Paco alertounos da subida que nos agardaba á saída de Ourense, coñecida como a Costiña do Canedo. Saímos da Xunqueira de Ambía a iso das oito e media da mañá. Tivemos a sorte de comezar a etapa cun fortísimo descenso que nos levaría dende Salgueiros ata a mesma cidade de Ourense. As néboas persistiron dende as primeiras horas da mañá até ben entrado o mediodía. Fixemos boa parte da etapa a carón da estrada nacional. Atravesamos o Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e chegamos a Ourense a iso das dez da mañá. A néboa concentrábase arredor do Miño e a cidade comezaba a espertar. Non é que tiveramos unhas vistas moi especiais nesta etapa, xa que nas entradas ás cidades hai que pagar o prezo do progreso. 

A néboa acumulábase nos vales de Xunqueira de Ambía
Demos unhas cantas voltas á cidade das burgas denantes de atravesar a Ponte Vella, que nos conduciría cara a peor ascensión da xornada, a Costiña do Canedo. Paramos a tomar uns cafés en Ourense, onde repasamos a etapa e selamos. Dende un principio queriamos pasar a noite no Mosteiro de Oseira, mais pensabamos que podiamos continuar un pouco máis. Aínda eran as dez e xa percorreramos a metade da etapa prevista, uns 22 quilómetros. Pensamos que igual debiamos proseguir ata O Castro de Dozón, e así fixemos. O noso obxectivo sería ascender a famosa subida do Canedo por Tamallancos, que resultaba un pouco máis progresiva que polo Canedo. Resultou verdadeiramente dura a ascensión, sobre todo á altura de Cudeiro. Chegamos a Cea logo de ascender outra costa que semellaba non ter fin. Pasei case toda a ascensión camiñando i empurrando da bicicleta. Entramos en San Cristovo de Cea logo dunha última ascensión a carón da estrada nacional que semellaba non ter fin. Moito nos fixo suar. 

Panorámica do Río Miño dende a Ponte Vella, no Concello de Ourense
Logo de visitar o casco antigo desta vila panadeira, decidimos parar a xantar nunha casa de comidas. Recomendáronnos a Casa de Paco, un local tradicional onde se sirve un bo polbo. Sentámonos e xantamos uns fideos con gambas e un filete de tenreira con patacas fritidas. Farteime pronto. Logo duns cafés, seguimos o noso camiño. Liscamos de Cea a iso das dúas e media da tarde ollando os seus antigos hórreos, agora baleiros, abandonados e comestos polo tempo. Ollamos tamén unha escultura onde se podía ver unha anciá cun molete de pan de Cea sobre das súas mans. Ó seu carón tamén podían verse dúas palas para meter no forno os seus máis prezados produtos. Saímos de Cea e comezamos unha lixeira ascensión que nos conduciría, a través do Concello de Piñor, ata o Alto de San Martiño, en Dozón.  En Cea completaramos xa dúas etapas, mais debiamos proseguir ata Dozón para evitar a ascensión ó Alto de San Martiño na seguinte xornada. Desexabamos quitar ese escollo e comezar a seguinte etapa dun xeito máis cómodo. 

Casco histórico do concello ourensán de Cea
Non me resultou doado subir ata o Castro de Dozón, mais o certo é que estaba un pouco mellor fisicamente que nas dúas xornadas anteriores. Logo de deixar atrás o Concello de Cea, entramos no de Piñor. Alí tiven que baixar da bicicleta e facer algún que outro tramo camiñando, namentres o meu compañeiro continuaba ascendendo sen problemas. A carón mesmo da estrada atopei a unha muller que me ollou cun pouco de pena e me comezou a falar. Tratábase dunha señora que estaba a encher o seu hórreo de mazurcas de millo. A señora deume ánimos e ofreceume auga e unhas apetitosas mazás que acabara de apañar. Logo de aceptar o seu ofrecemento, contoume que tiña 84 anos e que xa se atopaba moi cansa. Non lle poría tantos anos a aquela señora tan faladora e agradable. As mazás estaban exquisitas, ó igual que aquelas que probara dous días antes en Lubián. Díxome que non facía moito caera polas escaleiras daquel hórreo no que estaba a traballar. Conversamos sobre do Camiño, e sobre do Castro de Dozón, onde pensabamos rematar a xornada. Aconselloume que comese un prato de caldo nada máis chegar a Castro de Dozón, que alí o facían moi ben. Díxome que seguise así, algo que non rematei de entender, xa que aquela muller pouco me coñecía. Animoume a seguir adiante, desexoume moita sorte e pediume que cando chegase a Santiago lle dese unha aperta ó Apóstolo da súa parte.

Casco histórico do concello ourensán de Cea
Agradecín á señora o ánimo prestado e as mazás, e proseguín o meu camiño, a dura subida ó Alto de San Martiño. O certo é que a conversa con esta veciña de Piñor fortaleceume física e psicoloxicamente. O meu compañeiro xa levaba moito avanzado con respecto a min, polo que montei na miña bicicleta e apresurei o paso. Faltábannos somentes uns sete quilómetros para chegar a Castro de Dozón. Ó pouco puidemos ver xa un sinal que nos indicaba que estabamos a entrar na Provincia de Pontevedra, polo tanto, moito máis preto do noso destino. Comezamos entón a reducir a velocidade. Aínda seguiamos a subir, mais agora xa dun xeito máis progresivo. Era a derradeira subida da xornada, e por incrible que pareza, non deixei de pedalear ata chegar ós 818 metros de altitude do Alto de San Martiño. O meu compañeiro Samuel ficou incrédulo e felicitoume polo logro. Chegamos a Castro de Dozón a iso das cinco da tarde. No albergue municipal somentes había tres peregrinos. Un deles comentounos que a hospitaleira non chegaría ata iso das sete do serán, polo que aproveitamos o tempo para ocupar as nosas liteiras e aseármonos. Samuel comezou a queixarse dunha dor na súa perna esquerda. Unha boa mostra de que o cansazo comezaba a facerse evidente. Logo dunha boa ducha decidimos saír do albergue co obxectivo de tomar algo por Dozón. Paramos no bar de Antón, onde bebimos unhas cervexas e ceamos. Logo volvemos ó albergue, cansos e contentos, e puxémonos a durmir.



31 de Outubro de 2013
Etapa 4. Castro de Dozón – Santiago de Compostela


Levantámonos a iso das sete e cuarto da mañá. A pesares de pasármola noite nun lugar tan elevado coma este, non ía demasiado frío. O meu amigo Samuel xa se atopaba moito mellor da súa perna esquerda. Saímos aínda ás escuras na procura dunha cafetería onde almorzar, mais non tivemos moita sorte. Tódolos bares de Castro de Dozón ficaban aínda pechados, polo que non nos quedou máis remedio que avanzar e, se cadra, parar noutra cafetería do Camiño. A etapa que nos agardaba semellaba, quizais, un pouco máis levadeira que calquera das anteriores. Nada máis saír do pobo comezamos un fabuloso descenso que nos levaría ata o concello pontevedrés de Lalín. Os sendeiros que estabamos a atravesar nesta xornada era unha auténtica marabilla. Pasamos por vieiros que fican á sombra de mestas carballeiras, a carón de verdes pradarías e por aldeas feiticeiras que adormecen en paz. Fixemos xaxún ata entrar no lugar de Botos, en Lalín. Alí paramos a almorzar na Taberna de Vento. Tomamos uns cafés e botamos a pedalear de novo.

Aldeas feiticeiras no Concello de Lalín
Durante esta xornada puidemos gozar das múltiples e variadas paisaxes que nos ofrecen estas terras do interior pontevedrés. A paisaxe sempre axuda a levar mellor o Camiño, xa que te detés a observala i esquéceste do sufrimento. O bo desta xornada é que mestura tramos de estrada e camiño polo monte. Os vieiros de monte que atopamos nesta etapa non presentaban moitas dificultades, estaban limpos de pedras e na meirande parte dos casos; guarecidos do sol polas ramaxes. Tamén tivemos a sorte de coñecer aldeas ben fermosas, como a de A Laxe (Concello de Lalín), a uns 20 quilómetros de Castro de Dozón, o noso punto de partida.  Despois de A Laxe agardábanos un pequeno pero pronunciado descenso para logo volver a subir e chegar a Silleda. Denantes, iso si, debiamos cruzar a ponte sobre do Río Deza, que nos despediría do Concello de Lalín. Dende alí puidemos ollar unha fermosa panorámica sobre dos vales que conforma este río ó seu paso por estas súas terras do Deza. Pasamos por Silleda pero non tivemos tempo pra parar. Esta localidade pontevedresa era o comezo dun importante descenso que remataría logo de pasar Bandeira. A meirande parte deste tramo fixémolo por estrada. 

Os vales do Río Deza
Ó pouco de deixar atrás Silleda, decatámonos que xa estabamos a piques de entrar en Bandeira.  Mais aínda nos quedarían case dez quilómetros de intermitentes subidas que nos aproximarían ás ribeiras do Río Ulla. A etapa xa non estaba a resultar tan cómoda como pensabamos nun principio.  Logo de Bandeira comezaron a sucederse unha serie de ascensións que non semellaban ter fin. Nembargantes, desta volta tentei superarme un pouco i evitei mirar cara diante. Decidín mirar cara o negro chan, cara a miña roda dianteira, e pensar somentes en pedalear. Logo das intermitentes subidas, ó pouco comezamos a descender. Á fin estabamos ante a gran baixada a Ponte Ulla, no concello coruñés de Vedra. O descenso foi curto pero intenso. Chegamos á Ponte Ulla a toda velocidade, desafiando a vertixe e a oposición do aire. Alí deixamos tras de nós a Provincia de Pontevedra e adentrámonos na Provincia da Coruña.

Pradarías de camiño ó concello pontevedrés de Silleda
Chegamos á Ponte Ulla a iso das doce da mañá. Tiñamos xa algo de fame pero estabamos a uns cinco quilómetros de Outeiro, e pagábanos a pena continuar. Nembargantes, debiamos enfrontarnos ó peor escollo da xornada; ascender a ribeira contraria do Ulla. Debiamos ascender todo o que facía escasos segundos acabaramos de descender.  A subida fíxoseme eterna e deixoume sen alento. Desta volta tiven que baixar da bicicleta e continuar andando. O ruído dos coches comezou a desmoralizarme, mais debía continuar. Samuel seguía pedaleando paseniño, mais non baixou da súa bicicleta en ningún momento. Lembrarei aquela ascensión o resto da miña vida. Aqueles escasos cinco quilómetros deixáronme pálido e sen alento. O meu amigo Samuel agardoume nun recanto da subida. El adoitaba facer paradas cando se decataba de que quedara atrás. Detívose xusto enfronte dun control que a Garda Civil estaba a efectuar a carón da estrada. Cando os vin doume por subirme a bicicleta e comezar a pedalear, nembargantes, os gardas deron boa conta da miña inexperiencia cando ó pouco de achegarme a eles, tiven que volver a baixar. 

A Ponte Ulla
Xa levabamos media ascensión, polo que logo dun último esforzo podiamos estar, nunha media hora, xantando en Outeiro. Así foi, o único co que non contabamos nós era que en Outeiro non había onde comer. Chegamos a Outeiro a iso da unha da tarde e detivémonos a carón da capela do lugar. Bebemos dos canos dunha fonte que ficaba baixo unha representación do Apóstolo Santiago. A poucos metros de nós ficaba o albergue municipal. Estabamos fatigados e faltos de enerxía. A chegada a Santiago estábase a facer demasiado dura. Logo dun pequeno descanso decidimos continuar. Non sabiamos onde teríamos oportunidade de xantar. Comezamos a ascender o lugar de Outeiro en dirección ó alto do monte. Logo dun anaco vimos un cartel dun restaurante que dispuña de menú para peregrinos, mais tiñamos que desviarnos uns 600 metros do Camiño. A fame obrigounos a parar en Lestedo, no concello coruñés de Boqueixón. 

Igrexa en Outeiro
Paramos nun colosal restaurante que, a bo seguro, debeu vivir tempos mellores. Aparcamos as nosas bicicletas e entramos no local. Samuel xantou unha paella de primeiro e eu uns ovos fritidos con patacas e chourizo. De segundo, os dous optamos por uns filetes de tenreira con patacas fritas. Aparentemente pode semellar moi apetitoso, de non ser porque no meu prato tamén había un verme bailando a muiñeira. Liscamos do colosal restaurante bastante decepcionados, co estómago encollido e con máis ganas que nunca de chegar a Compostela
A nosa chegada a Compostela
Saímos de novo á estrada, dende a que puidemos albiscar o sempre misterioso e lendario Pico Sacro. Estabamos xa moi preto da capital e cada vez máis próximos a Fisterra. A etapa da tarde sería bastante doada, chea de descensos e a carón da estrada. Entramos en Santiago de Compostela atravesando a Ponte do Río Sar. Foi toda unha ledicia chegar a Compostela logo de tantos quilómetros de esforzo, suor e sufrimento. Nada máis entrar na cidade das pedras humedecidas, fomos camiño da Oficina de Peregrinos co fin de selar alí as nosas credenciais. Acto seguido, collemos rumbo á Praza do Obradoiro para inmortalizar a nosa chegada. Esa noite durmimos na miña residencia de aluguer compostelá. Aproveitei a xornada para cambiar de roupa e aliviar un pouco as alforxas. Somentes restaban dúas xornadas para chegar ata Fisterra. Saímos a cear cunha amiga de Samuel por Compostela. As predicións meteorolóxicas auguraban un diluvio para a seguinte xornada. O treito final do noso camiño comezábase a torcer.  



1 de Novembro de 2013
Etapa 5. Santiago de Compostela – Olveiroa


Erguémonos, como de costume, a iso das sete e cuarto da mañá. Saímos sobre as oito para procurar unha cafetería onde almorzar. En todo o rueiro de Pelamios non había ningunha aberta, polo que tivemos que desprazarnos ata o barrio de Galeras. Alí atopamos un bar que estaba prendendo as súas luces. Achegámonos ó local e preguntamos dende fóra se estaba aberto. O señor que estaba dentro asentiu, polo que non dubidamos en entrar. Almorzamos uns cafés dobres e uns croissants. O día pintaba mal, moi mal. Nada máis saír do bar tivemos que abrigarnos e poñer os chuvasqueiros. Saímos de Compostela atravesando o curso do Río Sarela pola Ponte do Carme. Acompañamos o curso deste río namentres pensabamos na gran ascensión da xornada; o Alto do Mar de Ovella. Previamente debiamos chegar ata Augapesada, no concello coruñés de Ames. Ata este lugar, a ruta non presenta moitas dificultades. O único que nos dificultou un pouco o camiño foi trazado e a meteoroloxía. A meirande parte do camiño ficaba cheo de pedras soltas que escorregaban coa auga da choiva, ademais de numerosos tramos cubertos de auga e outros moitos ateigados de lameiras. Era o prezo que debiamos pagar por facer este camiño en época de choivas. 

Ponte de Augapesada
Chegamos a Augapesada a iso das nove da mañá. Alí detivémonos a ollar a súa antiga e minúscula ponte denantes de iniciar a dura ascensión ata o Alto de Mar de Ovella. A pesares de non ser un alto tan elevado como outros que xa tiñamos ascendido en xornadas anteriores, resultaba moi intricado, e as chuvias non nos axudarían nada. Cada vez chovía con máis forza. Namentres ascendía comecei a decatarme da sede que tiña, polo que non tiven máis remedio que determe a carón dun valado do camiño e beber da auga que baixaba do monte. A sede obrigoume a facelo. Logo proseguín a ascensión. Vimos numerosos peregrinos que avanzaban en sentido oposto a nós, quen sabe se viaxaban de regreso a Compostela. Déronnos ánimos e dixéronnos que o máis difícil xa o fixeramos. Por momentos, o camiño conduciunos por unha estrada pola que a penas circulaban coches. Estes tramos intermitentes por estrada resultan moi cómodos para ascender, e mais aínda en días de choiva  nos que o trazado do Camiño resulta case impracticable. 

Panorámica da Ponte de Ponte Maceira, no concello coruñés de Negreira
Seguía a chover, e semellaba que cada vez con máis forza. Samuel non estaba a gozar moito da xornada. Logo do esforzo e da suor, á fin chegamos ó Alto de Mar de Ovella. Un cartel así nolo confirmaba. Ó pouco atopamos o lugar de Trasmonte, pertencente aínda ó Concello de Ames. Paramos en Casa Pancho para descansar e selar as nosas credenciais. Alí recibiunos a súa amable propietaria. Ela contounos que fixera tramos deste Camiño e que lle resultaran moi duros. E nós, como non podía ser doutro xeito, asentimos. Despedímonos da amable propietaria de Casa Pancho para retomar o noso camiño cara a miña Fisterra. Logo de Trasmonte tocaríanos un forte e marabilloso descenso que nos conduciría cara a lendaria Ponte Maceira, no concello coruñés de Negreira. Foi un pracer entrar na feiticeira aldea de Ponte Maceira e cruzar a súa histórica ponte sobre do caudaloso Río Tambre. 

O curso do Río Tambre ó seu paso por Ponte Maceira, no concello coruñés de Negreira
Acompañamos o curso do Tambre un bo treito namentres avanzabamos cara o termo municipal de Negreira. Namentres nos achegabamos a esta histórica vila das terras da Barcala, caeunos unha tromba de auga que semellaba un diluvio universal. Ademais, as fortes rachas de vento impedíanos avanzar e as gotas da chuvia facíannos dano na cara. A carón dunha fonte paramos para refuxiarnos da chuvia e beber. Dende facía un bo anaco xa notara que Samuel non se atopaba nada cómodo. A adversa meteoroloxía non semellaba dar tregua e o meu bo amigo semellaba virse abaixo. Comentoume que non podía seguir así ata Fisterra, e comprendino perfectamente. Eu, noutras circunstancias, xa tería abandonado. Nembargantes, se algo tiña claro era que con Samuel ou sen Samuel, debía chegar ata Fisterra. Este Camiño serviume para comprender que a pesares de que nesta vida poidamos camiñar xuntos, cada un é dono do seu camiño e da súa fin. O importante é sentirse ben cun mesmo e gozar do camiño. Samuel e mais chegamos ó acordo de avanzar todo o que puideramos esa xornada, por moito que chovese. 

Arco do Pazo de Cotón, no centro da Vila de Negreira
A penas podiamos abrir os ollos, os fortes refachos empurraban as nosas bicicletas e facíannos escorar.  O que nun principio semellaba unha tromba de auga pasaxeira converteuse nun forte e duradeiro temporal. Pasamos polo centro de Negreira e baixo o arco do seu Pazo de Cotón.  Nunha praza a carón do pazo e da Igrexa de San Mauro detivémonos para ollar unha escultura que nos achega á dor e ó sufrimento de tantas e tantas familias galegas que tiveron que dicir adeus a moitos seres queridos que tiveron que emigrar. Abandonamos a vila de Negreira para afrontar outra dura subida. Desta volta tiñamos por diante a ascensión a Vilaserio. Xa nos falaran desta subida en Casa Pancho. O tempo non semellaba mudar. Na ascensión a Vilaserio perdín de vista a Samuel. Logo dun anaco vino refuxiado nunha marquesiña. Detívenme ó seu carón e confirmoume de novo que deixaría o Camiño esa mesma xornada. Para Samuel este Camiño era puro deporte, así mo fixo saber dende que o comezamos a organizar. Eu, nembargantes, tiña unha conta pendente comigo mesmo, unha espiña que tiña que sacar. 

Monumento en homenaxe ós emigrantes galegos (Negreira)
Continuamos a nosa viaxe camiño de Olveiroa. Alí, o meu amigo Samuel poría fin a esta pequena pero intensa aventura. E para min sería o derradeiro escollo para chegar ata a terra que me viu marchar. Olveiroa non daba chegado. Logo de atravesar as amplas terras do concello de Mazaricos, puidemos ollar o leito do Río Xallas. Era o sinal que nos indicaba o comezo do Concello de Dumbría. Chegamos a Olveiroa empapados de auga. Paramos en Casa Loncho, onde nos trataron de marabilla. Aseámonos, secámonos e descansamos denantes de baixar a cear. Eu aproveitei para secar a miña roupa sobre dun radiador. A iso das oito, Samuel e máis eu tomamos unhas cervexas no bar do Loncho e falamos das anécdotas vividas durante estes días. Foi un gran pracer compartir con el este Camiño. 



2 de Novembro de 2013
Etapa 6. Olveiroa – Fisterra


Espertei a iso das nove da mañá. Restábanme menos de trinta quilómetros para chegar a Fisterra, polo que me demorei un pouco coa esperanza de que escampase. O certo é que aquel tempo tiña poucas trazas de mudar. Baixamos a almorzar, Samuel e máis eu, uns cafés e unhas torradas denantes de despedírmonos. O meu bo amigo agradeceume a compaña durante estes seis días, e eu fixen o mesmo. A iso das dez e media da mañá montei na bicicleta e logo de darlle unha aperta ó meu amigo collín rumbo á fin, cara Fisterra. Nada máis saír de Olveiroa xa tiven que soportar as primeiras e intensas chuvieiras. Comecei a ascender cara o monte, e na mesma subida xa puiden albiscar o leito do Río Xallas. Foi unha sensación indescritible, aquel vello río estábame a dar a benvida ás terras ermas dos confíns pondalianos. Estábame a dicir que xa non quedaba nada para contemplar a silueta da miña terra nai, a miña case illa, o meu tómbolo de area e salitre. 
Tiven que sortear numerosas pozas e regatos que se colaban no Camiño. A mesta brétema comezaba a apoderarse dos vales e das pradarías, e somentes se podían escoitar o murmurio das augas e as pingueiras da chuvia. Logo dunha lixeira ascensión ata o lugar de Hospital, decidín seguir por estrada evitando o tramo de San Pedro Mártir, pois supuxen que o trazado estaría igual ou peor que o  que estiven a pisar ata Hospital. Non baixei da bicicleta en ningún momento, nin falta que me fixo.

O leito do Río Xallas logo de deixar atrás Olveiroa
O perfil desta etapa dista moito do das anteriores. Esta etapa non presenta dificultades, e tende a descender segundo nos achegamos a Fisterra. Coa chegada ó Concello de Cee decidín chamar a miña irmá e almorzar alí con ela. Quedamos na Praza do Mercado e tomamos uns cafés. Logo proseguín o meu camiño cara a histórica vila de Corcubión. Dende alí comecei a ascender polo núcleo urbano cara San Pedro da Redonda. Alí parei para saciar a miña sede nunha fonte e continuei pedaleando. Ó pouco de chegar á Redonda comecei a descender polo lugar de A Marela. Logo baixaría ata a Praia de Estorde, pertencente aínda ó Concello de Cee, e entraría por fin no concello que me veu nacer. Aínda me quedaba un lugar onde determe denantes de chegar á miña terra nai. Non podería pasar por Sardiñeiro sen parar na Casa Lestón. Nesta casa centenaria comecei a traballar dende ben novo, e dende sempre fixéronme sentir un máis, polo que a parada era más que obrigada. Senteime a descansar e a falar coa miña xente das experiencias vividas neste camiño. Logo decidín continuar. 

Pradarías de camiño a Hospital, no concello coruñés de Dumbría
Fisterra estaba a tiro de pedra e o que restaba para chegar eran minutos. Subín polo lugar cara o monte i encarei para Fisterra. Estaba a piques de experimentar o que sinte un de tantos peregrinos, cando logo de tantos quilómetros percorridos, albisca a silueta do seu final; o derradeiro vieiro por camiñar.  Apresurei o meu ritmo e pedaleei coma denantes fixera para acadar aquela marabillosa panorámica que marcaría a fin do meu, agora, solitario e fatigado camiño. Non tardei en chegar ó alto da praia fisterrá de Talón. Dende alí, á fin, albisquei coma un descoñecido a sutil silueta procurada; a máxica i engaiolante península de Fisterra. Á fin estaba a escasos quilómetros do punto e final das rutas xacobeas, do Finis Terrae que tanto impresionou ós romanos e moi preto da miña familia e amigos. Coa mirada posta aínda no corpo somerxido deste meu pobo natal, baixei pola Corredoira de Don Camilo para percorrer o paseo marítimo que, a carón da Praia da Langosteira, encamiñábame cara a miña meta e cara o meu fogar. Somentes restaban tres quilómetros para pisar a derradeira etapa do Camiño, polo que apurei o paso e cheguei a Fisterra nun abrir e pechar de ollos. 

Vista xeral da vila e cabo de Fisterra
Dende a Crus de Baixar puiden ver a contorna do porto e os barcos amarrados polo forte temporal. Nada máis entrar no pobo, baixei pola rúa do Cabo da Vila ata chegar ó mesmo albergue. Aparquei a miña bicicleta a carón da porta i entrei. Os meus tenis rinchaban a cada paso debido á cantidade de auga que foran absorbendo durante o camiño. Logo de agardar a miña quenda atendeume unha hospitaleira moi simpática e cordial. Deume a fisterrana, os parabéns e aconselloume que fora rápido pra casa a secarme. Ademais, fíxome unha foto coa miña fisterrana que gardarei por sempre namentres viva. Saín do albergue cheo de enerxía e vitalidade; por fin fixera un soño realidade. Fun pra casa pensando nos escollos que tiven que superar pra chegar ata aquí. As continuas subidas, as adversas condicións meteorolóxicas, deixar atrás a un amigo e a falta de dominio sobre a miña bicicleta, foron algúns dos retos ós que me tiven que enfrontar. Estes retos fixéronme máis forte, ensináronme a non impacientarme e a seguir pra diante por moi duros que sexan os tempos. Chegar á casa dos meus pais foi unha sensación fabulosa. Todas e cada unha das etapas deste camiño resultáronme moi duras. Nalgunhas tivemos que facer fronte á complexa orografía e noutras á adversidade meteorolóxica, mais o certo é que niso consiste facer o Camiño; sen sufrimento non hai gloria. O que non contaba eu era que en somentes seis días este camiño íame ensinar moitas e boas leccións. O certo é que desta experiencia saco máis lecturas positivas que negativas. O que máis valoro é a experiencia de convivir uns días cun bo amigo, a paciencia e o bo humor cos que afrontamos esta aventura.  Ademais de quitarme a espiña de chegar ata Fisterra; un soño logrado. Dinme conta tamén de que se persegues todo aquilo que te propós, acabas acadándoo. É cuestión de tempo e vontade. Despídome deste camiño, que me trouxo dende A Pobra de Sanabria, na contorna do Monte Facho. Eiquí, nestes meus cantís e nestas salitrosas augas, naufragarán os derradeiros desexos deste voso escravo das palabras. Bo Camiño!

venres, 27 de setembro de 2013

De Oviedo a Compostela polo Camiño Primitivo


Poucas veces na miña vida tiven a oportunidade de vivir unha experiencia tan positiva e satisfactoria como a que tivo lugar fai somentes un par de días. Dende fai tempo comecei a preparar unha aventura que, dende un principio, tiña como obxectivo a soidade, a paz, a meditación, a natureza e o silencio. Quería afastarme do ruído do día a día, da monotonía da vida cotiá. Esquecerme do tempo e das presas, das obrigas e do traballo. Semellaba incapaz de concentrarme e pensar nun mundo infestado de vans obxectivos e carente de valores. Quizais precisaba atoparme a min mesmo e vivir unha experiencia en solitario; algo así como un paréntese na miña vida. Non acostumo a falar das miñas vivencias dun xeito tan persoal como o farei nesta entrada, mais coido que a experiencia ensinoume moito e debe quedar para sempre retratada neste espazo virtual que xa é parte da miña propia vida. Dende fai cousa dun par de anos, e por motivos puramente persoais, sentín a necesidade de facer un tramo do Camiño de Santiago. Dende ben pequeno teño visto a miles de peregrinos que chegaban ata Fisterra, a miña terra nai, para alí finar os seus particulares camiños. Sabía que deste ano non podería pasar. Dende o principio tiña claro que quería chegar ata Fisterra, mais a experiencia vivida truncoume un pouco os plans. Nembargantes, logo do vivido neste camiño inicial, das experiencias e sacrificios, podo dicir sen medo a trabucarme, que hei ter moitas oportunidades de chegar ata a fin; o Finis Terrae galego e a miña terra nai. Namentres preparaba esta viaxe asaltáronme moitas dúbidas. A primeira era a elección do camiño. Dende un principio barallei facer un tramo do francés, mais as opinións de moitos peregrinos que puiden ler na rede tiráronme pra atrás. O francés é o camiño máis coñecido, polo que ficaría moi saturado de peregrinos e non atoparía silencio nin paz. Ademais, en certos tramos é case imposible atopar un oco nos albergues, xa que por estas datas estivais, a afluencia de peregrinos é moito maior e colapsa albergues, pensións e hostais. Moitos peregrinos érguense da cama de noite, a iso das cinco da mañá, para chegar denantes do medio día ó seguinte albergue e garantir unha cama onde pasar a noite. Nembargantes, o Camiño Francés é o que máis infraestruturas e servizos ofrece ós peregrinos. Tamén barallei as opcións do Portugués, a Vía da Prata e o Camiño do Norte, pero por natureza, duración e por iso de ser o primeiro camiño, decidín decantarme polo Primitivo. Sabía, nembargantes, que non ía ser un camiño de rosas. Denantes de comezar a camiñar tiña ben claro que sería un camiño moi duro, mais tamén fermoso. 

Catedral de San Salvador (Oviedo)
O Camiño Primitivo é o primeiro Camiño coñecido, o que seguiu, no século IX, Alfonso II O Casto para visitar a tumba do Apóstolo Santiago. Este Camiño parte dende Oviedo e pasa polos concejos asturianos de Grado, Salas, Tineo, Pola de Allande e Grandas de Salime. Logo atravesa a fronteira astur-galaica no Porto do Acivro, no concello lugués da Fonsagrada ata chegar á Cidade de Lugo. En Melide pasa a mesturarse co Camiño Francés, e a partires de aquí so restan dúas xornadas pra chegar a Santiago de Compostela. Decidín comezar a miña particular aventura a mañá do luns día nove de setembro do presente ano 2013. Saín da estación de autobuses de Santiago de Compostela a iso das oito e media da mañá, comezaban os primeiros pasos do Camiño Primitivo. Dirixíame cara Oviedo, a Capital do Principado de Asturias. Durante a viaxe fomos recendendo unha forte colonia que semellaba provir dun ancián sentado nos asentos dianteiros do autocar. O cheiro era demasiado forte como pra ser respirado nun habitáculo tan reducido e durante tantas horas seguidas. Nada máis chegar a Oviedo dirixinme cara a Catedral de San Salvador, o punto de partida do Camiño Primitivo. Namentres me achegaba á Catedral, puiden coñecer o bo ambiente que se respiraba na cidade vetusta, pois estaban en vésperas de festa e a cidade ficaba coas súas mellores galas. Visitei a Catedral pero fun incapaz de selar, pois non atopaba o lugar onde facelo. Deixei esta tarefa para a tarde. A iso das tres decidín xantar nun dos moitos locais que se perden no Casco Histórico de Oviedo. Parei nun local da rúa Cimadevilla e comín xamón asado con patacas fritidas, mais non me resultou moi apetitoso; o cheiro da colonia daquel ancián do autocar aínda ficaba presente nas miñas fosas nasais. Despois de xantar procurei o Albergue de peregrinos de San Salvador. Alí pasaría a primeira noite do meu Camiño. Recibiume un home forte, o hospitaleiro da Asociación Astur-Leonesa de Amigos do Camiño de Santiago, deume unha chave e encargoume que pechase a porta do albergue cando xa estivesen na cama tódolos peregrinos. Logo de deixar o meu saco na liteira e recoller un pouco as miñas cousas, saín á rúa para selar a credencial na Catedral de San Salvador. Namentres camiñaba, un peregrino preguntoume onde podía atopar o albergue. Díxenlle que acababa de selar alí e indiqueille as rúas polas que debería dirixirse pra atopalo. Este peregrino non sería outro que Pepe de Castellón, o primeiro compañeiro do Camiño. Seguín camiño de San Salvador. Desta volta puiden atopar o lugar onde selan a credencial. Trátase dunha zona de acceso á Cámara Santa. Cando voltei de selar e namentres procuraba un lugar onde tomar un refrixerio, atopeime de novo con Pepe, que se dirixía cara a Catedral. Convidoume a saírmos xuntos mañá á mañá. Pareceume unha boa idea comezar con alguén a primeira etapa do Camiño. A iso das sete da tarde cheguei de volta ó albergue. Na habitación atopeime a unha parella de peregrinos nas liteiras de abaixo. Pepe e mais eu compartimos a habitación con eles. Á noite, un dos peregrinos que durmían nas liteiras inferiores e eu comezamos a falar. Tratábase de Alberto López, un peregrino que se move cunha bicicleta e cun carro de cen quilos polo Camiño. Levaba xa máis de dous meses camiñando. Alberto contoume que era un artista ambulante que vive do seu traballo. Emprega arames para facer todo tipo de figuras e véndeas nos pobos e cidades polos que viaxa. Ten un espazo virtual onde se poden ver as súas viaxes e o seu xeito de vivir: cronicasdeunabicicleta.blogspot.com. Logo de charlar, fomos durmir, a iso das dez da noite. O día seguinte debiamos chegar a Grado e camiñar case 30 quilómetros ata San Juan de Villapañada, no mesmo Concejo de Grado. 



10 de Setembro de 2013
Etapa 1. Oviedo – Grado (De Oviedo a S. Juan de Villapañada)


A primeira noite so puiden durmir pouco máis de dúas horas. Os ronquidos, luces e ruídos, xunto co nerviosismo que semellaba apoderarse do meu corpo, mantivéronme esperto a maior parte da noite. Erguinme da cama a iso das seis da mañá, aínda que xa levaba demasiado tempo esperto. Fixen tempo ata que se levantase o que sería o meu primeiro compañeiro do Camiño: Pepe de Castellón. Namentres agardabamos a que un grupo de franceses rematasen de acicalarse nos aseos, fomos preparando as nosas cousas pra poñernos a camiñar. Pepe e eu saímos da cidade aínda de noite. Aproveitamos a saír cedo, xa que grazas ás luces da cidade aínda se poden albiscar as cunchas de bronce e as frechas amarelas. Ó pouco de deixar atrás Oviedo, comezamos a ollar a parte rural e montañosa que arrodea á cidade vetusta. Namentres ascendiamos, xa comezamos a ver os hórreos asturianos, coa morfoloxía cadrada que tanto os caracteriza. En Llampaxuga paramos a selar na Capilla de El Carmen, onde tamén aproveitamos pra encher a cantimplora de auga. Namentres camiñabamos, Pepe e máis eu, fomos cruzándonos con algúns dos franceses que coñeceramos no Albergue de San Salvador a noite anterior.  Saudámonos e desexámonos un “bo camiño”. Pouco despois pasamos moi preto das Termas Romanas de Valduno. 

Capilla de El Carmen (Llampaxuga)
O peor desta xornada foi a subida ó Escamplero. Era tan só un primeiro adianto do que aínda estaba por vir. Alí fomos adiantados por Nicolás, o que logo sería un dos máis fieis compañeiros de Camiño. Nicolás semellaba angustiado por coller praza nos albergues. Logo comezou a ascender rapidamente cun pao en cada man. Quen nos ía a dicir que logo habiamos pasar tantas horas xuntos camiñando. Pepe e eu paramos en Premoño (Concejo de Las Regueras), e resgardámonos dun orballo matinal no Bar Feliciano. Alí tomamos uns cafés e uns sobados que nos deron forzas pra continuar. Logo de cruzar a Ponte de Peñaflor, paramos a xantar en Grado. Pepe e eu puxémonos as botas no Auto-Bar, onde nos atendeu unha xente moi hospitalaria.


Despois de xantar tivemos que resgardarnos do orballo, que semellaba acentuarse e perdurar máis do previsto. A pesares de levar unha funda de mochila impermeable, non dispuña dun sinxelo poncho de plástico para evitar empaparme coa auga da chuvia, polo que non tiven máis opción que abandonar o camiño e pasar a noite no Albergue de Villapañada. O meu compañeiro Pepe tiña unha guía pra facer o Camiño Primitivo en bicicleta, e acostumaba a facer uns corenta quilómetros cada día. El seguiu ata o Mosteiro de Cornellana, a uns sete quilómetros de Villapañada. Pepe e máis eu estivemos en contacto telefónico durante o camiño, mais o certo é que me resultou imposible seguilo de preto.  No albergue de Villapañada deunos a benvida o seu hospitaleiro Domingo, un amable e simpático asturiano que nos acolleu dun xeito moi especial. Aquí coñecín a Angie, unha moza de Gipuzkoa que lle gustaba moito Galicia. Tamén aquí coñecín ós seus paisanos Jesús e Ibón, e ós amigos murcianos Amador e Nino. A Amador tocoulle durmir no chan da cociña, posto que o albergue dispuña de poucas camas. Recordo que alí volvín a ver ó grupo de franceses que tanto se acicalaban nos aseos polas mañás. Fun pra cama cedo, a iso das dez. Puxen os tapóns dos oídos e entrei no mundo dos soños.



11 de Setembro de 2013
Etapa 2. Grado - Salas (De S. Juan de Villapañada a Bodenaya)


Saín ás sete da mañá do Albergue de San Juan de Villapañada. Xa non chovía nin orballaba. Cando comecei a camiñar aínda era noite pecha. Saín só, e debo confesar que pasei un pouco de medo. Pouco despois de deixar o albergue fun perseguido por un can que me saíu ó paso denantes de deixar o lugar. Tiven que facer que lle lanzaba unha pedrada para afastalo de min. Mais o peor aínda estaba por chegar. Logo de deixar atrás Villapañada perdinme e fun dar a unha aldea afastada do Camiño e chea de cans que comezaban a arremuiñarse sobre de min. Grazas a unha madrugadora señora puiden saír da aldea e dar co Camiño. A etapa comezou coa dura subida ó Santuario de Nuestra Señora del Fresno. Logo destas subidas atopei as sucesivas baixadas que tanto dano fan nos xeonllos e nocellos. Pasei por Santa Eulalia de Doriga e visitei a súa igrexa. Crucei o Río Narcea e cheguei ata os pés do Mosteiro de San Salvador de Cornellana. O mosteiro conta cun albergue onde a bo seguro debeu durmir o meu amigo Pepe de Castellón. Logo do mosteiro comezaría unha progresiva pero quilométrica ascensión que nos levaría ata Salas. A iso das 11 da mañá parei en Casazorrina (Concejo de Salas) pra almorzar e coller un pouco de forzas. Decidín refuxiarme na taberna Casa Javier, onde tomei un café e selei a credencial.  

Mosteiro de Cornellana
Seguín o camiño só polas frondosas fragas asturianas ata chegar a Salas. Nada máis chegar puiden contemplar a súa igrexa, a súa torre e o seu arco. Era a unha da tarde, polo que non dubidei en parar eiquí a xantar. Comín en Casa Pachón, unha casa acostumada a acoller a peregrinos. O camareiro que me recibiu semellaba un pouco cabreado. Logo puiden observar que era parte da súa personalidade. Nembargantes, é o lugar onde máis cantidade de comida me deron dende que teño uso de razón. Non fixo falla que preguntase o menú. Nada máis servirme a bebida, o camareiro comezou a sacar pratos e pratos de comida. Primeiro un prato de sopa, logo unhas fabas. Por se fora pouco aínda me trouxo xudías e pra rematar, sardiñas. Non puiden pasar do terceiro prato, e moito menos pedir postre. Ó meu carón estaba un dos franceses cos que levaba xa dúas noites coincidindo. O francés ríase coas caras de asombro que estaba a poñer eu entre prato e prato. El acababa de experimentalo. 

Panorámica del Casco Histórico del Concejo de Salas
Saímos os dous de Casa Pachón e comezamos a camiñar xuntos. A pesares dos meus poucos coñecementos de francés, puidemos manter unhas curtas conversas. Contouse que se chamaba Alan. Debía ter uns sesenta anos, mais era un gran camiñante e sempre tiña un gran sorriso na cara pra agasallar. Logo de deixar tras de nós o núcleo de Salas, comezamos unha ascensión que nos levaría ata o Albergue de Bodenaya. Foron case oito quilómetros de subida progresiva dende Salas, mais pagou a pena. Alan e eu detivémonos a ollar a Ponte de Borra (S. XVII e XVIII) e ficamos pampos coa beleza paisaxística desta etapa. Alan, unha parella de belgas e máis eu fomos os primeiros en chegar a Bodenaya. Denantes de deternos no albergue, paramos a fitar a Igrexa de Santa María de Bodenaya. 


Quería chegar ó Albergue Privado de Bodenaya para trasladarlle a Alejandro, o hospitaleiro, os saúdos que lle mandaba o meu amigo e compatriota Roberto X. Traba Velay. Nada máis chegar ó albergue fomos recibidos por Alejandro. Este atento hospitaleiro abriunos as portas da súa feiticeira casa cunha hospitalidade pouco común xa no Camiño. Logo de ducharnos, lavounos a roupa e fíxonos unha cea moi especial. Namentres Alejandro preparaba unhas lentellas, conversei con aquel peregrino que nos adiantara a min e a Pepe na subida ó Escamplero. Aquel peregrino non era outro que Nicolás. Tomamos unhas cervexas e conversamos un bo anaco. Nicolás é un estremeño que pasou a meirande parte da súa vida en Madrid, un amante do montañismo, o sendeirismo e o deporte en xeral. Logo apareceu Angie, e un anaco despois tamén os seus compatriotas Ibón e Jesús. Despois chegaron Nino e Amador, os murcianos que coñecera a noite anterior en San Juan de Villapañada. Alí coñecín tamén a Carlos e Ana, unha parella de madrileños que tamén me acompañaron no Camiño, e tamén a un alemán vexetariano e moi especial chamado Horst. Ceamos todos xuntos unhas lentellas e unha ensalada mixta. Logo Alejandro pactou con todos nós unha hora pra levantarnos e almorzar. A noite na casa de Alejandro fixo posible que este grupo de peregrinos nos unísemos moito máis. 



12 de Setembro de 2013
Etapa 3. Salas - Tineo (De Bodenaya a Campiello)


Alejandro espertounos co Ave María de Schubert, pero cun volume tan suave que semellaba mesturarse cos meus soños. O exemplo de Alejandro, o seu bo facer e o xeito de tratar ós peregrinos fíxome pensar na importancia de facer o que nos gusta. A Alejandro gústalle o seu traballo, e iso nótase. Lisquei do mellor albergue do Camiño Primitivo logo de almorzar con Angie, Nino, Salvador e Nicolás un café e unhas torradas de pan e marmelada. Coa miña repentina fuxida esquecín unha camisola e un par de calcetíns nos tendais do Albergue de Bodenaya. A pesares de estar a poucos quilómetros cando me decatei, decidín non dar volta atrás. Seguín o meu camiño só, mais pronto me atoparía a Nicolás na Ermita del Cristo de los Afligidos, a un quilómetro de Bodenaya. Camiñamos xuntos e chegamos a Tineo a iso das dez e media da mañá. Paramos a tomar un segundo café nunha taberna tradicional e alí atopamos ós madrileños Carlos e Ana, a Angie e a Jesús e Ibón. Nicolás e mais eu queriamos chegar a Borres e pasar a noite alí. Durante o camiño fomos falando con Horst, o alemán que coñeceramos a noite anterior en Bodenaya. Nembargantes, a Horst gustáballe deterse baixo as ramaxes das árbores para deleitase coa natureza. 


Deixámolo a soas e proseguimos o noso camiño. Mais adiante volvémolo ver e seguimos durante un bo anaco os seus pasos. Denantes de chegar a Villaluz, Nico e eu pensamos que Horst se despistara e perdémolo de vista nunha estrada. Nos continuamos polo monte, tal e como indicaba o trazado. A iso das tres e media da tarde, e logo dun gran tramo de estrada, Nico e eu  paramos en Campiello para xantar e proseguir camiñando ata Borres. Comemos ovos, chourizo e patacas fritidas, e bebemos un par de cervexas. O calor comezaba a facer dano, pero Borres estaría a uns tres quilómetros, e ata alí decidimos achegarnos. Acompañounos Angie, a moza guipuscoana que xa coñecera en Villapañada e a noite anterior en Bodenaya. Os tres puxémonos a camiñar, mais unha amarga sorpresa estábanos a agardar no Albergue de Borres. Cando chegamos ó albergue, un grupo de peregrinos que viña de selar a credencial no bar de Borres, avisounos a berros de que o albergue estaba cheo. Para a nosa sorpresa, Horst, o alemán que pensabamos que se perdera, saíu pola xanela e saudounos con dozura. A parella de belgas que chegara conmigo e con Alan a Bodenaya e Jesús, o compañeiro de Ibón, tamén estaban no albergue. Nico, Angie e máis eu tivemos que andar outros tres quilómetros de regreso ata Campiello (Concejo de Tineo) para durmir no albergue privado de Casa Herminia. Alí encontrámonos cos murcianos Nino e Amador, con Alan e os demais franceses, e tamén con Ibón, que non atopara sitio en Borres. 

Hórreo tradicional asturiano en el lugar de Villaluz
Xuntámonos todos e bebemos unhas cantas sidras. Os amigos murcianos non deixaban de fregar os pés con alcol de romeu. Estivemos até case as once da noite na rúa, refrescándonos coa fresca brisa da montaña. Mañá agardaríanos unha durísima etapa que nos levaría ata Hospitales. 



13 de Septiembre de 2013
Etapas 4 e 5. Tineo - Borres – Pola de Allande (De Campiello a Berducedo)


Almorzamos todos xuntos en Casa Herminia (Campiello, Tineo), Nino e Salvador, Ibón, os franceses, Nicolás, Angie e eu. Nicolás e eu puxémonos a andar a iso das oito da mañá. A tres quilómetros de Borres decidimos coller a ruta alternativa polo Camiño dos Hospitales. Denantes de comezar a ascensión a máis de 1.200 metros de altitude para ollar as ruínas dos antigos hospitais de peregrinos de Paradiella, Fonfaraón e Valparaiso, pasamos por La Mortera e visitamos a Capilla de San Pascual (S. XVI - XVII). Logo comezamos a incesante subida que nos conduciría ó alto destes picos transcorridos dende antano por milleiros de peregrinos. 

Ruínas do antigo hospital de peregrinos de Paradiella
Un horizonte de densas brumas matinais fainos sentir criaturas celestiais alleas á realidade que se vive aló embaixo, nas pequenas aldeas asturianas que se perden entre estas montañas. Denantes de chegar ás ruínas dos hospitais, atopamos a osamenta dun animal perfectamente limpa. No ceo puidemos ollar o voo dos voitres que procuran as preas. Ollamos a cantidade de vacas que viven ceibas nestas montañas. Elas limpan os montes e evitan as queimas, abonan os campos e proporcionan carne e leite de primeira calidade ós veciños asturianos. Logo dunha dura ascensión chegamos ata as ruínas do antigo hospital de peregrinos de Paradiella, documentado no século XV. 

Ruínas do antigo hospital de peregrinos de Fanfaraón
Trátase dunha cabana de pedra onde somentes poderían refuxiarse unha parella de peregrinos.  Alí vimos ós peregrinos que durmiron a noite anterior en Borres e que nos comunicaron que xa estaba ocupado. Con eles estaba Marc, un mozo catalán moi simpático que logo pasaría con nós momentos entrañables.  Seguimos a ascensión que nos achegaría ata o alto da Serra dos Hospitales. Aló onde a montaña carece de árbores e onde somentes os breixos e toxos son quen de sobrevivir. Estabamos xa en alta montaña, e o sol comezaba a quentar de xeito considerable. A subida que nos agardaba logo de visitar as ruínas de Paradiella sería unha das máis duras, ó meu ver, de todo este Camiño Primitivo. Aínda así, a paisaxe e as vistas que dende aquí se poden ollar pagan con creces o esforzo e a suor depositada. 

Panorámica dos vales dende Hospitales
Logo contemplamos as ruínas dos Hospitais de Fonfaraón e Valparaíso. No interior das ruínas de Fonfaraón atopamos, Nico e eu, uns cantos cabalos e poldros que semellaban procurar a sombra nestes refuxios primitivos fundados entrámbolos séculos XIII  e XV. Resulta moi enriquecedor ver como estes cabalos e vacas pacen en harmonía e total tranquilidade no altos destes picos. No Puerto del Palo, a uns 1.145 metros de altitude sobre do nivel do mar,  paramos a descansar un anaco. Ó pouco, unha parella de peregrinos parouse onda nós para saudarnos. Tratábase dun matrimonio de Carolina do Norte. Continuamos a nosa andaina a través do Alto de La Marta, a uns 1.105 metros de altitude, para logo coñecer unha das aldeas máis pintorescas do Camiño Primitivo; Montefurado. Mais aínda nos quedarían unhas cantas ascensións por lugares marabillosos.

Panorámica dos vales onde se ubica a aldea asturiana de Montefurado
Dous quilómetros despois de deixar o Puerto del Palo, chegamos a Montefurado, unha aldea case abandonada onde paramos a descansar e repoñer forzas. Detivémonos ante a Capilla de Santiago de Montefurado, pertencente ó antigo hospital de peregrinos. A sinxela e pequena capela con teito de lousa deunos a benvida ó lugar. Ollamos as casas pechadas e as ruínas dos fogares orfos, os cabazos baleiros e as derradeiras vacas que atesoura este lugar. Enchemos de auga as nosas cantimploras nun lavadoiro que aínda dispuña de auga corrente e seguimos o noso camiño. Tivemos que sortear unhas cantas vacas para saír de Montefurado e procurar outra aldea con encanto que ficaba a escasos catro quilómetros: Lago. Démonos conta de que chegaramos a Lago grazas á presenza da Iglesia de  Santa María de Lago, do século XVIII. Este lugar tamén fica case baleiro, mais conta cunha boa mostra de arquitectura tradicional asturiana. 

Aldea de Montefurado
Dende Lago fixemos catro quilómetros máis ata Berducedo, unha parroquia pertencente ó Concejo de Allande. Alí collemos cama de milagre.  No bar atopamos a Ibón e Jesús, que nos presentaron a Tony, un mozo catalán que viaxaba só e que atopou a Jesús de camiño a Berducedo. Tony estaba no mesmo albergue que nós. Ibón, Jesús e Angie pasaron a noite nun albergue privado de Berducedo. Pola tarde xuntámonos todos na terraza dun bar do lugar. Alí intercambiamos as impresións  da etapa dos Hospitales namentres tomabamos unhas cervexas ben fresquiñas. Logo vimos chegar a Alan e a tropa de franceses, e a Nino e a Amador, que tamén se uniron ó grupo. Aquela irmandade de peregrinos comezaba a tomar forma, e tal e como diría Nicolás, estabamos a formar un pobo ambulante que procuraba Compostela. Xa de noite, e logo dunhas cantas cervexas, Nicolás e eu voltamos ó albergue onde atoparíamos a dous peregrinos que compartirían con nós moitos momentos fabulosos.

Aldea de Lago
Eran Pepe e Alfonso, dous compatriotas de Vigo. Estiven falando con eles un bo anaco. Pepe é fillo dun catalán e dunha mirandesa, aínda que se considera galego. Medrou en Galicia e ama a nosa terra por riba de calquera outra. Fala galego, catalán, castelán, un fluído inglés e chapurrea un pouco de francés. Alfonso é de Vigo de toda a vida e tamén se defende moi ben co inglés. Os dous tiñan xa experiencia no Camiño Quedamos en volver a vernos, e así sucedeu.



14 de Setembro de 2013
Etapas 6 e 7. Pola de Allande – La Mesa – Grandas de Salime (De Berducedo a Castro)


Nico e eu saímos de Berducedo a iso das sete e media da mañá. Tivemos que sufrir e moito a subida de La Mesa. De camiño atopamos a Tony, o mozo catalán que coñeceramos a noite anterior. Conversamos con el sobre da espesa néboa que se concentraba sobre dos vales. No albergue de La Mesa atopamos a Carlos e Ana, a parella de madrileños que coñeceramos en Bodenaya. Eles tamén estaban a piques de comezar a camiñar. O lugar ficaba ateigado de néboa e humidade, e semellaba un pobo pantasma. A subida de La Mesa ascendía a mil metros de altitude, e fíxonos camiñar preto dun parque eólico. Logo comezaron os descensos. Os meus xeonllos comezaban a resentirse, mais o peor da etapa estaba aínda por chegar. 

Aldea de La Mesa
Namentres descendiamos as ladeiras que nos conducirían a Grandas de Salime puidemos ollar numerosos bosques de abetos que se perdían entre a néboa. Pasamos pola Capilla de Santa Marina de Buspol e iniciamos o forte descenso que nos achegaría a Grandas de Salime por unha frondosa e centenaria fraga dominada polos castiñeiros. Pouco despois xa podiamos albiscar as augas retidas no embalse de Grandas. Cruzamos a presa e comezamos a ascender ata Grandas a carón da estrada. Foron os seis peores quilómetros que lembro de todo o Camiño.

Recordo que case nos levan por diante uns tolos que se puxeron a adiantar á nosa altura, a dureza e monotonía do alcatrán das estradas que tanto dano fai na mente dos peregrinos. Logo de seis quilómetros infinitos, á fin chegamos a Grandas de Salime. Xantamos nun bar da localidade e procurei alcol de romeu pra fregar nos meus xeonllos. Alí vimos a algúns franceses, sempre tan organizados. Continuamos a nosa andaina ata o Albergue Xuvenil de Castro, a uns cinco quilómetros de Grandas de Salime. Neste albergue con encanto lavei parte da miña roupa e púxena a secar a pesares de que o ceo ameazaba treboadas. Alí atopamos a Horst e ós murcianos Nino e Amador. Pouco despois, e para a miña sorpresa, aparecerían tamén os meus compatriotas galegos Pepe e Alfonso. Brindamos con sidra e cervexas e ceamos todos xuntos tortilla de patacas e ensalada. Conversamos sobre a etapa e sobre dos tramos de asfalto que nos tocou sufrir pra chegar a Grandas. De postre comemos un exquisito Queixo do Cebreiro con mel e rematamos a noite cunhas copas de licor café. Horst contounos que era vexetariano e que o estaba a pasar moi mal. Levaba tres días comendo tortilla de patacas. Jesús, Ibón e Angie quedaron en Grandas, mais sabiamos que nos volveríamos a ver máis pronto que tarde.

Embalse de Grandas de Salime
Neste Albergue Xuvenil de Castro (Concejo de Grandas) tiñamos sabas limpas e non precisabamos usar os sacos de durmir. Falamos co seu propietario, descendente de galegos e asturianos. Foi a primeira conversa en galego que tiven dende que comezara o Camiño. Fomos a unha hora prudente para a cama, xa que sabiamos que o día seguinte debiamos atravesar a fronteira astur-galaica polo Alto do Acivro (1030 metros de altitude).  Sería un día especial para min.



15 de Setembro de 2013
Etapa 8. Grandas de Salime – Fonsagrada (De Castro a O Padrón)


Espertamos a iso das sete e media da mañá, e namentres quitabamos as lagañas dos ollos, puidemos ollar ó lonxe a dous peregrinos que se achegaban ata o albergue de Castro onde durmiramos. A curiosidade quixo que sairamos á ventá, Nico e eu, para comprobar se era algún dos nosos compañeiros que pasaran a noite en Grandas. E non nos trabucamos. Aqueles peregrinos non eran outros que Jesús e Ibón. Xa levaban percorrido máis de cinco quilómetros cando chegaron a Castro. Saímos do albergue logo de almorzar uns cafés e unhas torradas. Tiñamos por diante unha dura pero progresiva ascensión que nos levaría ata o Alto do Acivro, a fronteira natural que divide os territorios galego e asturiano.

Ermita de San Lázaro de Padraira
A orografía do terreo comezaba a mudar en cada paso. Os picos asturianos semellaban ir transformándose en montañas máis redondeadas e suaves; máis agradecidas para o camiñante. Galiza estaba preto, na paisaxe, na mente e no corazón; a escasos quilómetros de nós. Un manto de néboa concentrábase sobre dos vales e aldeas. Dende o alto fomos observando o avance das brétemas e a dureza do sol. Ó pouco de poñernos a camiñar pasamos pola Ermita de San Lázaro de Padraira, onde contemplamos un dos derradeiros templos asturianos denantes de atravesar a fronteira que nos conduciría a Compostela polas montañas lucenses da Fonsagrada. Nico e máis eu subimos ó Alto do Acivro con serenidade, falando das diferenzas, culturais e paisaxísticas, entre os pobos galego e asturiano. 

Bosques do Alto do Acivro
Ó pouco avistamos unha placa de lousa onde puidemos ler algo así como: “Camiño de Santiago, Encontro Asturias – Galicia”. Agora si estabamos a atravesar a fronteira que nos achegaría á miña tan amada terra galega. Namentres Nicolás camiñaba en silencio, eu non puiden evitar asubiar a melodía do Himno Galego, composto dende o exilio por Pascual Veiga, e recordar as verbas de Os Pinos de Pondal. Púxoseme a pel de galiña. Dende o Alto do Acivro somentes restaba un forte descenso para achegármonos ata os dominios do concello lugués de A Fonsagrada. Baixando o Alto do Acivro atopámonos con Jesús e Ibón, que xa nos sacaban uns cantos quilómetros, moi preto dunha taberna a pé do Camiño. Alí paramos a almorzar e atopámonos con Amador, que agardaba polo seu compañeiro Nino. Ó parecer, Nino tivo problemas nunha perna e tivo que baixar máis de vagar. Todos tiñamos como meta o Albergue de Padrón en A Fonsagrada. Chegamos á Fonsagrada a iso das dúas da tarde.

A fonte sacra de A Fonsagrada
O sol comezaba a quentar con forza e xa tiñamos ganas de parar a xantar. Antes de nada, dirixímonos cara o Albergue de Padrón, a escasos dous quilómetros da Fonsagrada. Alí reunímonos case todos: Angie, Jesús, Ibón, Horst, Tony, Ana e Carlos, os murcianos Nino e Amador, e os meus compatriotas de Vigo Pepe e Alfonso.  Logo de selar e deixar os vultos no albergue, Angie, os de Vigo e máis eu collemos rumbo á capital deste concello lugués para xantar e relaxarnos. Xantamos uns bocadillos e, á fin, puidemos gozar da cervexa estelar máis senlleira e saborosa; a Galega. Logo atopamos ós vascos Ibón e Jesús, e todos xuntos pasamos unha tarde inesquecible. 



16 de Setembro de 2013
Etapa 9. Fonsagrada – Cádavo – Baleira (De O Padrón a Castroverde)



Saímos do Albergue de Padrón (Concello de A Fonsagrada) sobre as oito da mañá. Nesta xornada agardábannos tres subidas importantes; unha sería a de Hospital de Montouto (1050 metros de altitude), e as outras dúas serían as do alto de A Lastra (800 metros de altitude) que precede a unha aínda maior; a do Alto de Fontaneira (máis de 900 metros de altitude). Nembargantes, estas subidas galegas xa non son tan “rompe-pernas” como as asturianas. Durante a mañá fun camiñando con Nico e co alemán Horst ata A Lastra.  Así mesmo, fun contactando vía internet cos meus amigos Pepe e Alfonso.  Horst faloume da súa profesión, aínda que en certos momentos custoume un pouco entendelo, posto que fala bastante ben o castelán aínda que a cotío apóiase no inglés. Díxome que mediante diferentes terapias alternativas á menciña, lograba equilibrar e axudar a persoas enfermas, e mesmo perseguir a orixe de moitas enfermidades e trastornos. Horst animoume a persistir nos meus soños e metas. Díxome que debía telos moi presentes e mesmo apuntalos para que nunca desaparezan da miña mente, das miñas miras. Descubrín en Horst unha persoa marabillosa, un ser humano excepcional que me animou moito e mesmo me axudou a meditar nas cousas vans que inundan as nosas vidas, a valorar o que temos e o que realmente precisamos. Faloume de Alejandro de Bodenaya e díxome algo así como que el perseguiu os seus soños e hoxe é feliz. Animoume a buscar a felicidade, e mesmo a montar un albergue como o de Alejandro.

Igrexa de Santa María de Vilabade
 O certo é que as súas verbas axudáronme moito, chegáronme ó corazón.  Deixei a Horst meditando baixo a sombra dun vello carballo. A Nicolás, acostumado ó deporte, xa facía tempo que o perderamos de vista, polo que non me quedou máis remedio que subir ó Alto de A Lastra eu só. Logo dun anaco atopeime a Nico outra vez no Alto da Fontaneira. Estaba nunha cervexería repoñendo forzas para baixar ata O Cádavo (Concello de Baleira). Nico e eu puxémonos a camiñar xuntos de novo. Paramos en O Cádavo para xantar e logo coller rumbo a Castroverde. A iso das cinco da tarde, e denantes de chegar ó albergue, paramos na Igrexa de Santa María de Vilabade. Estabamos xa a moi poucos quilómetros de Castroverde, polo que decidimos botar a andar co fin de asearnos e írmonos de xoldra por esta vila luguesa. O Albergue de Castroverde é un dos máis novos que visitamos. Tiña somentes un ano de vida. Saímos todos xuntos por Castroverde: Os madrileños Carlos e Ana, Amador, Nicolás, Alfonso, Horst, Pepe e mais eu. Nino, o compañeiro de Amador, tivo que pasar polas mans curadoras de Horst e logo descansar. Tiña unha forte dor nun dos seus xeonllos. Ó día seguinte estaba coma novo. Alfonso, Pepe e máis eu decidimos mercar un pouco de pasta e preparala na moderna cociña do albergue de Castroverde. Logo dunha interesante conversa, apareceron tamén Carlos, Ana e Nicolás. Con eles traían un par de botellas de sidra galega para catar denantes de írmonos para a cama. 



17 de Setembro de 2013
Etapa 10.  Cádavo – Baleira – Lugo (De Castroverde a Lugo)


Saímos de Castroverde a iso das sete e media da mañá. Aínda era de noite, polo que decidimos parar a almorzar nunha pequena cafetería do lugar. Non  sabiamos o dura que sería a etapa ata que nos puxemos a camiñar. Logo de deixar atrás a capital do concello, metémonos de cheo nas diferentes sendas que atravesaban os montes. Mais non tardaron en chegar os monótonos tramos de estrada. Recordo esta etapa como dura, mais non polas subidas e baixadas, senón polo duro cansazo psicolóxico que produce o asfalto. Durante a mañá fomos camiñando xuntos Nico, Horst e máis eu. Xa non quedaba moito para chagar a Lugo cando outro tolo ó volante case nos barre da beirarrúa.  Avistamos ó lonxe a histórica e monumental cidade de Lugo. Aínda así, semellaba que non chegaríamos na vida. A pesares de que esta xornada non conta con ningún punto conflitivo, xa que a montaña desaparece e comezan os tramos máis cháns, os accesos ás cidades sempre fan que o camiño sexa máis ruidoso e menos fascinante; coido que eran as ganas de entrar na cidade as que nos estaba a exasperar.  Chegamos a iso das tres da tarde a Lugo e, logo de deixar atrás o Barrio da Chanca, collemos a Rúa do Camiño Primitivo que nos conduciría ata a Porta de San Pedro. Atravesando esta histórica porta accederiamos ata o interior da antiga cidade romana de Lucus Augusti.  Nico, Horst e máis eu procuramos o albergue de Lugo.

De esquerda a dereita: Alfonso, Marc, Carlos, Nico,
 Eu, Horst e Pepe
Cando chegamos alí atendeunos Antonio, un amable hospitaleiro que nos mostrou como seguir o percorrido ata Santiago de Compostela. O noso compañeiro Horst dispoñía dunha guía que lle indicaba que debía seguir por Sobrado dos Monxes. Antonio, moi amablemente, tratou de explicarlle a Horst que por Sobrado non estaba delimitado de xeito oficial o Camiño Primitivo, e que se quería ir por alí tería que enfrontarse a un camiño sen sinais nin frechas amarelas. Logo díxonos onde poderíamos atopar unha lavandería para lavar e secar a nosa roupa luxada no Camiño. No albergue atopamos ós madrileños Carlos e Ana, e tamén e a Marc, o mozo catalán que coñeceramos no albergue de Borres.  Ó pouco apareceron tamén os murcianos Nino e Amador. Nino xa estaba moito mellor do seu xeonllo. Por unha banda grazas a Horst, e pola outra, grazas as múltiples fregas de alcol de romeu que adoitaba realizar sobre boa parte das súas extremidades.  Agardabamos a chegada de Alfonso e Pepe pra saírmos todos a xantar por unha das cidades máis históricas e farturentas da nosa Galiza. Lugo estaba agardando por nós. Carlos, Ana, os murcianos Nino e Amador, Horst, Marc, Nico e eu fomos xantar orella, raxo e unhas tortillas polo casco histórico da cidade. Pola tarde paseamos polo Adarve e visitamos a Catedral. Logo deixamos a roupa na lavandería e xa contra a noite fomos de viños e cervexas denantes de que desen as dez; hora de peche do albergue. Angie tamén nos acompañou. Cando chegamos ó albergue decidimos achegarnos ata o cumple de Ana, una moza madrileña de ollos impresionantes. Agasalleille unha frecha amarela cun imperdible que nos obsequiara Alejandro en Bodenaya. 



18 de Setembro de 2013
Etapa 11. Lugo – San Román da Retorta – Melide (De Lugo a As Seixas)


Espertamos no albergue de Lugo a iso das seis e media da mañá. As luces do albergue, polo que parece, actívanse de xeito automático. Os franceses comezaron a organizar as súas roupas e mochilas e a acicalárense nos aseos. Pepe de Vigo ergueuse da cama para comprobar se existía algún interruptor co que poder apagar as luces, mais non obtivo ningún resultado. Tivemos que erguernos e madrugar máis do previsto. Saímos do albergue sobre as sete da mañá. Era noite e estaba comezando a orballar. Recordo que cando espertei comecei a decatarme que cheiraba moito a alcol de romeu. Logo puidemos comprobar que os nosos amigos murcianos, fieis das fregas de alcol de romeu, deberon deixar a botella aberta toda a noite. Nicolás, Horst e máis eu saímos a almorzar co poncho de plástico. Na cafetería topamos cos franceses e miramos a predición meteorolóxica. Comprobamos que deixaría de chover a iso das once da mañá, e o certo é que cando saímos da cidade xa escampara. 

O trazado, durante a meirande parte da etapa, foi á beira das estradas, aínda que tamén nos internamos por algún tramo de bosque. Chegamos a San Román da Retorta a iso das once e media da mañá. Paramos nunha pequena taberna, aínda pechada, que atopamos á beira do camiño e xusto despois da Igrexa de San Román. Alí paramos pra recuperar forzas Nicolás e máis eu. Ó pouco apareceren Jesús e Ibón, e ó pouco tamén vimos chegar a Horst, que o deixaramos nun recanto á beira do Camiño. Nicolás e eu comeramos uns bocadillos. O meu era de chourizo e o de Nicolás de cachola de xabaril. Ó pouco de poñernos a camiñar atopamos uns sinais que nos brindaban a posibilidade de seguir polo trazado habitual ou desviarnos pola variante da Vía Romana. Escollemos esta variante e ó pouco puidemos ver un xigantesco miliario romano á beira mesma do Camiño. Pasamos por Ferreira a iso das dúas e media da tarde e paramos a tomar un refrixerio, Nicolás e máis eu, nunha fermosa casa rural. Chegamos ó Albergue de Seixas, no concello lugués de Palas de Rei, a iso das tres e media da tarde. Nada máis chegar atendeunos Marifé, unha hospitaleira marabillosa que logo nos axudaría a dar coa única tenda en cinco quilómetros á redonda. O albergue era bastante novo e resultaba moi acolledor. Duchámonos e procuramos unha taberna que ficaba moi preto do albergue. Logo de tomar unhas cantas cervexas ben fresquiñas, apareceron os nosos amigos Pepe, Alfonso e Angie. Namentres conversabamos sobre a etapa, ocorréusenos mercar comida e facela no albergue. Eran xa case as sete e aínda non sabiamos onde podiamos mercar a comida. Fomos onda Marifé pra que nos indicara a tenda máis próxima. 

A ponte romana de Ferreira
Marifé falounos dunha muller que ten un pequeno establecemento a un par de quilómetros do albergue. Nembargantes, a esa hora a dona da tenda estaría na misa, polo que non dubidamos en achegarnos ata a igrexa e agardala ás portas do templo. Logo de rematar a misa, preguntamos ás mulleres que saían da igrexa pola dona da tenda. As veciñas do lugar foron moi amables con nós e acompañáronnos de camiño á tenda. Mercamos arroz, plátanos, salsa de tomate, viño e licor de turrón. Nembargantes, precisabamos ovos e a dona da tenda non tiña, polo que non tivemos máis remedio que preguntar polas casas do lugar. Namentres voltabamos ó albergue, preguntámoslle a un mozo do lugar se tiña ovos pra vender ou se sabía dalgún veciño que os vendera. O rapaz entrou na súa casa e tróuxonos como media ducia. Cando lle queriamos pagar, o mozo díxonos que non lle deramos nada, que os cartos dos ovos llos deramos ó santo cando chegaramos a Compostela. Fixemos a cea no albergue e tomamos a botella enteira de licor de turrón. Gardo un especial recordo deste albergue e da atenta e servizal hospitaleira Marifé.



19 de Setembro de 2013
Etapa 12. Melide – Arzúa (De As Seixas a Arzúa)


A iso das oito da mañá, Nico e eu abandonamos o Albergue de Seixas. Denantes de liscar decidín espertar ós meus amigos de Vigo e a Angie. Nesta etapa notei a Nico un pouco canso, mais non de cansazo físico senón mental. Nicolás xa fixera moitas veces o Camiño e non soportaba a idea de mesturarse co Francés. Deixoumo claro denantes de entrar en Melide. Sabia que Nicolás deixaría o Camiño esa mesma xornada, e non me trabuquei. Ó entrar en Melide vimos un pobo ateigado de peregrinos, mochilas e albergues. O Camiño Francés arrastra a milleiros de peregrinos por estas terras. En Melide agardamos por Alfonso, Pepe e Angie, que nos seguían de preto. Xantamos nunha pequena taberna á entrada do pobo. Alí foi onde Nicolás se despediu de nós. Logo fixemos unha foto pra o recordo.


Foi unha pena a marcha de Nico, estáballe a coller moito cariño, mais el escolleu rematar alí e así o fixo. Foi a súa decisión. Nós, Angie, Alfonso, Pepe i eu, decidimos seguir o noso Camiño ata Compostela, polo que non tardamos en proseguir cara Arzúa. Sabiamos que por estas datas o Camiño Francés ficaba ateigado de peregrinos, pero nunca imaxinei que fosen tantos. Dende Melide non tivemos un so momento onde quedaramos a soas. Sempre vimos xente diante e detrás de nós, bicicletas que constantemente nos obrigaban a apartarnos do Camiño, mais o certo é que a medida que nos achegabamos a Arzúa, a concentración de peregrinos ía diminuíndo. En canto chegamos a Ribadiso, a iso das tres e media da tarde, fomos dereitos ó albergue para procurar algunha praza onde durmir, mais a sorte non estaba da nosa parte. O derradeiro peregrino en ocupar unha cama foi Germán, un tipo de Cuenca fortachón e simpático que xa coñeceramos no Albergue de Lugo, no cumple de Ana de Madrid.

Lugar de Ribadiso
A pesares de non atopar praza no albergue, Pepe, Angie e Alfonso non desaproveitaron a ocasión e mergullaron os seus doentes pés nas frescas augas do río. Ribadiso é un lugar marabilloso. A súa anterga e pétrea ponte dá a benvida a unha paraxe sinxela e fascinante; un oasis para o peregrino. O noso camiño debía continuar, polo que botamos a andar de novo namentres os peregrinos que conseguiron praza en Ribadiso se relaxaban nas terrazas das tabernas. O sol estaba a pegar moi forte sobre de nós, e os meus xeonllos xa estaban a pasar factura. Chegamos a Arzúa á tardiña, e as portas dos albergues do pobo ficaban ateigadas de peregrinos. Decidimos probar sorte no Albergue Turístico Santiago Apóstol, e o certo é que non estivo mal. Iso si, tocounos no quinto andar e as nosas pernas xa estaban bastante castigadas. A señora que nos atendeu díxonos que tiñamos á nosa disposición un ascensor para subir. Nembargantes, Pepe agradeceu o detalle pero dixo que mentres non rematase o Camiño non se subiría a ningún artefacto a motor. Semellante afirmación fixo que todos subísemos até o quinto andar a pé e coas mochilas ás costas. 

Paraxe fluvial de Ribadiso
Nada máis chegar ó quinto andar, deixamos as cousas e procuramos os aseos pra duchármonos. Como non podía ser doutro xeito, atopámonos de novo cos franceses. Estaban por todos lados; eran omnipresentes. Coincidín con eles en case todos os albergues dende que emprendín o Camiño en Oviedo. Contáranme que viñan do Camiño do Norte e decidiron unirse ó Primitivo. Á fin, despois de acicalarse e perfumarse, deixaron os aseos libres para nós. Tan só quedabamos nós: Angie, Alfonso, Pepe i eu. Saímos a cear por Arzúa, xa que o albergue privado somentes tiña unha cociña i estaba sempre ocupada. Ceamos pizzas e pasta nunha pizzería do máis tradicional. Voltamos ó albergue e Angie convidounos a unhas infusións de té verde na terraza do mesmo. Logo decidimos ir durmir, en parte porque unha das “hospitaleiras” nos convidou a facelo. Pepe quedou conversando cun peregrino. 



20 de Setembro de 2013
Etapa 13. Arzúa – Santiago de Compostela


Angie, Alfonso, Pepe e eu puxémonos a camiñar a iso das dez da mañá, logo de espertar moi tarde, durmir moi ben e almorzar moi forte. Agardábannos máis de corenta quilómetros ata Santiago de Compostela. A meta estaba moi preto, polo que tiñamos claro que esa sería a derradeira etapa deste, para min, primeiro Camiño. Puxémonos a camiñar e puidemos observar que xa non se vían tantos peregrinos coma na etapa anterior. Recordo que namentres camiñabamos e ó pouco de deixar Arzúa, un ciclista que viaxaba a gran velocidade i en dirección oposta, case nos leva por diante, de non ser porque o susodito ciclista soltou un estraño berro, como de debuxos animados, que máis que alertarnos case nos mata do susto. Que llo pregunten a Pepe...

Capela de Lavacoia
Sobre a unha da tarde paramos a xantar nun bar preto de O Pino, onde pouco despois dous peregrinos foron arroiados por un camión e perderon as súas vidas. Dende que entramos en Galicia puidemos observar multitude de tramos do Camiño que discorren a carón mesmo da estrada, en ocasións case sobre a mesma liña branca que marca os carrís. A iso das tres puxémonos de novo a camiñar cara Compostela. Alfonso e máis eu tiñamos as pernas desfeitas do Camiño. O cansazo de todas as xornadas anteriores estábase a acumular. A iso das seis atopamos a Capela de San Marcos. Alí selamos e constatamos o preto que estabamos xa da Capital. En Lavacolla fixemos unha pequena parada onde repuxemos forzas denantes de entrar en Santiago de Compostela. Entramos na cidade polos barrios de San Lázaro, Concheiros, San Padro e Casas Reais. Atravesamos a Praza Cervantes e pola Acibechería chegamos ó Obradoiro. Xa non sentimos dor algunha. A entrada no Obradoiro foi un momento moi especial. Abrazámonos e ollamos a Catedral do revés. Deitámonos no chan e deixamos que o tempo fose pasando, se cabe, máis de vagar. Os catro ficamos por un intre calados e pensativos, sen saber que dicir. Logo fomos a pola Compostela e á noitiña, de troula e carallada! O resto dos compañeiros chegarían ó día seguinte.
Este Camiño cambioume un pouco, adestroume e fíxome medrar. Coñecín xente marabillosa da que gardo recordos i experiencias que nunca endexamais esquecerei. Todos e cada un dos peregrinos que coñecín neste Camiño ensináronme moitas cousas e apoiáronme sempre que o precisei. Pepe de Castellón foi o primeiro adestrador que tiven neste camiño, e sempre recordarei a súa enerxía, a súa positividade. De Nicolás recordarei os seus sarcasmos e a súa sabedoría filosófica, mais tamén a súa fiel compaña neste primeiro Camiño. Nino e Amador son uns rapaces fabulosos e simpáticos, e grazas a eles comprobei os efectos relaxantes do alcol de romeu. De Angie lembrarei os seus enfados e os seus sorrisos, mais tamén a súa amabilidade. Ibón e Jesús foron uns auténticos exemplos para min polas súas ganas, pola súa enteireza e pola súa sabedoría.

Na Praza do Obradoiro. Des esquerda a dereita: Angie, Alfonso, Pepe i eu.
De Carlos e Ana gardo a súa alegría, a súa sinxeleza. De Horst gardo bos consellos, foi o meu guía espiritual neste Camiño, e aínda que non o creades, foi o que máis ánimos me deu; o que máis me coñecía e me apreciaba.  De Pepe somentes podo dicir que foi o que máis me fixo rir en todos estes días. É un rapaz cun futuro brillante. Alfonso ensinoume a falar cando hai que falar e a calar cando hai que calar. Un san e bo rapaz co que teño unhas cervexas pendentes. Todos vos significáchedes moito para min en todo este tempo. Oxalá poida saber de vós, compañeiros. O Camiño é como a vida mesma; está chea de altibaixos, de problemas a esquivar e de sufrimento, pero somentes andando, seguindo adiante a pesares da adversidade, poderemos vencer e conseguir o que nos propoñamos. Grazas amigos por esta inesquecible experiencia. Grazas polas duras xornadas, polas horas, minutos e segundos que estivemos xuntos. Foi un gran pracer coñecervos, e oxalá a vida teña a ben volvernos a cruzar no camiño. Que todo este sufrimento vivido se recompense cos vosos mellores desexos. Saúde e sorte para todos vos, compañeiras e compañeiros do Camiño Primitivo.