sábado, 19 de maio de 2018

O vello fulgor do Faro Silleiro


"(un golpe) E a pouta de metal que estoupa tras dos ollos,
pouta que destrúe memoria, amor, desexo, vida.
(dous golpes) Pólvora, bala, pouta de metal que estoupa,
pouta que destrúe a imaxe amada, as voces infantís.
(tres golpes) Orde indesexábel que cala a Bombardeira
e a violencia feroz, covarde e fría racha a noite.
(catro, cinco, seis golpes. Sete golpes. Son ... oito golpes, 
nove) As damas das pozas laian horrorizadas, carpen
ao cabo Silleiro, ás crinas do mar ensanguentadas
(ensanguentadas as pedras, ensanguentada a lúa).
Nove (nove golpes), nove poutas de metal que estoupan
na alma, que destrúen memoria, amor, desexo, vida"
Marta Dacosta, Volta dos nove

Xa hai ben de tempo que desexaba coñecer un dos meirandes fachos do sur, unha impoñente e histórica construción que dende o ano 1866 alumea cada noite esta alongada costa atlántica que se extende até A Guarda, onde morre co Miño. Dende a parroquia de Baredo, no concello pontevedrés de Baiona, o Faro Silleiro reflicte o sangue dos solpores, o fulgor das ardoras, sentinela de vellos mariñeiros que faenaron noutrora neste eido salino por unha miserenta manchea de escamas de broa e unha presa de espiñas de millo. No que pelexaron coas impredecibles sombras dun mar tan bo e xeneroso, como arroutado e asasino. O primeiro faro construído nesta contorna localizábase a rentes mesmo do mar, e comezaría a refulxir cunha lámpada de mecha de aceite vexetal, mais esta sería substituída pouco tempo despois, concretamente no ano 1909, cando se modificaría por unha lámpada de petróleo. No verán do ano 1924, debido ó considerable aumento do tráfico marítimo, -e ás importantes dimensións que comezaban a presentar os barcos que transitaban esta costa e que transportarían a tantos emigrantes galegos dende o porto de Vigo até América-, inauguraríase o novo edificio, o que hoxe coñecemos, encravado nun pedregoso outeiro a uns 85 metros sobre do nivel do mar ca fin de ofrecer un meirande alcance lumínico.


O novo faro, de planta rectangular, destaca pola súa prismática i elevada torre, que acada os 30 metros de altura e que sería decorada con refulxentes franxas de azulexos de cores vermellas e brancas. Nos seus primeiros anos, este faro de Cabo Silleiro tería que sufrir até en dúas ocasións os danos producidos polos incendios. O primeiro deles ocasionaríase o ano da inauguración do novo edificio por mor da caída accidental dun candil, causando feridas e queimaduras ós torreiros e ocasionando o cese temporal da actividade do faro. O segundo incendio somentes afectaría ás instalacións e ós subministros. Estas incidencias obrigarían a acender de novo o vello faro para seguir guiando aqueles enormes barcos transatlánticos que saían de Vigo rumbo á América. No verán do ano 1925 restableceríase á fin a actividade do faro. No 1932, esta muxena baionesa comezaría a ser alimentada por electricidade, deixando de empregar como fonte de enerxía o petróleo. Dende o ano 1960, pasaría a integrar unha lámpada duns 3.000 watios, cun alcance aproximado dunhas escasas corenta millas náuticas nas noites máis despexadas. Para as noites máis bretemosas, este faro xa dispuña dunha grave e potente bucina, ó igual que o Faro de Fisterra ou que a mesmísima Torre de Hércules


Este Faro Silleiro, de tan características franxas de cores vermellas e brancas, é unha faísca acesa de solpores e alboradas, un carrusel de brancas luces na amencida; no crepúsculo, "crinas do mar ensanguentadas". Luzada de nácara e argazo, espello do sol e da lúa, xadrez refulxente de sangue i escuma. 

Ningún comentario: