sábado, 28 de abril de 2012

O Miño agoniza baixo a sombra de Tui


"Aquel mundo de gente agergillado
Nos campos de Castela se presenta
E alí todo se alenta,
E fólganse no peito os corazons
De ver da sua esperanza a nova estrela
Ollando para os nosos batallons:
Betanzos, Mondoñedo, Compostela,
Santiago, Pontevedra, Tuy, Ourense,
E Monterrei, con outra mais milicia
Debaixo da bandeira de Galicia".

Xoán Manuel Pintos. A Galicia

A catedral de Santa María de Tui
O milenario Miño nace na antiga e máxica lagoa glaciar da Fonmiñá, aló polas fértiles terras da Pastoriza luguesa, onde as terras súan auga eternamente. Dende alí descende impetuoso polas pradarías da Terra Chá ata apertar a vella cidade romana de Lugo. O amplo curso do Miño atravesa o sur da provincia ata adentrarse nas esgrevias ladeiras da Ribeira Sacra. Nos Peares, o Sil faille entrega da inmensa cantidade de auga que foi recollendo ó longo do seu curso, e dende alí, baixa ata atravesar a Ourense das pontes e das burgas. Pero esta arteria vital da patria aínda ten que fertilizar as traballadas ladeiras do Ribeiro e as súas vides. Logo, convértese en fronteira natural coas terras portuguesas, e descende case en liña recta ata a súa desembocadura ós pés do lendario Monte de Santa Trega, na Guarda, aló onde lle agarda a súa fin na feroz loita cos embates do Atlántico. Pero antes deste grandioso final, o Miño agoniza a carón dunha das vilas máis antigas e importantes do chan galego. 
Recalamos na vella cidade tudense, anterga capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia. A vila de Tui érguese no alto dun outeiro onde se albisca a grandeza do paso do Miño. A fertilidade e as propicias condicións climatolóxicas fixeron que as terras de Tui estivesen habitadas dende tempos remotos. Téñense atopado vestixios con máis de vinte mil anos de antigüidade, e restos de poboamentos neolíticos e da Idade do Bronce. Dende o lonxe albiscamos a silueta ameada da portentosa catedral, que vixía as terras da contorna e crava os ollos firmemente na fortificada cidade portuguesa de Valença do Minho.


Amence o día nas terras do Baixo Miño e as raiolas de luz comezan a incidir entre os vermellos tellados e as rúas do singular casco histórico de Tui. Mergullámonos nas empedradas ruelas da antiga Castellum Tude, castrexa capital da vella tribo dos Grovios, alá polos séculos VIII a I a.C. Dende o alto do casco histórico contémplase o Miño, o mesmo que atravesou Décimo Xunio Bruto, aló polo ano 137 a.C. Dende entón, Tude converteuse nun próspero porto de parada da Vía XIX que unía Bracara con Asturica, pasando por Lucus Augusti. Arredor da cidade quedan os restos, aínda soterrados, da muralla de case tres quilómetros de longo que arrodeaba a vila. As rúas de Tui recenden a historia adormecida, namentres dende as vellas casas semellan vixiar de preto os nosos pasos. As ocres luces dos farois comezan a apagarse, e as pombas retornan ás altas torres da vella capital de Tui. As badaladas guían os nosos pasos ata o edificio máis impoñente, unha xoia da arquitectura do Medievo. 

Fachada principal da catedral de Tui
Ante nós, á fin, achamos a singular e fermosa Catedral de Santa María de Tui. O primeiro que chama a nosa atención, son os teitos ameados que lle confiren un particular aspecto de fortaleza antiga. En realidade, é unha catedral de estilo Románico pleno. Os rexos contrafortes que soportan as tres naves do templo, fálannos do importante poderío da diócese Tudense. Os transparentes rosetóns, as fiestras lixeiramente apuntadas, e un pequeno campanario, son algúns dos elementos decorativos que engalanan as diversas caras deste sobrio templo románico. Nembargantes, a perspectiva máis impresionante é a da fachada principal, que amosa unha portada gótica que é a máis antiga deste estilo na Península Ibérica. O conxunto escultórico resulta, cando menos, espectacular. Baixo unha impoñente bóveda de crucería sostida por catro rexos e impoñentes piares, agóchase un pórtico de sete arquivoltas decoradas con motivos vexetais. Ante nós érguense as feroces olladas das sacras figuras talladas no granito do país polos antergos canteiros destas terras. As terroríficas criaturas semellan ollarnos de esguello. A catedral de Tui construíuse entre 1120 e 1180, mais os engadidos góticos datan do século XIII. Por aquel entón, Tui era un importante centro militar, administrativo e relixioso. Xa fora unha importante cidade dende o século IV, cando pasou a ser a capital do Reino Suevo de Galicia baixo o reinado de Requiamundo. Nin as invasións árabes, nin os saqueos dos normandos, impediron que Tui seguira a medrar. Dende a retirada dos suevos, ficou coma sede episcopal. 


Unha vez visitada a catedral, os nosos pasos condúcennos ata as xeitosas alamedas e prazas, que fican arrodeadas por nobres fogares modernistas, vestixio do esplendor colleitado noutros tempos pola burguesía da cidade. Non en van, Tui foi unha vez capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia. Mais logo chegaron as guerras, o millo da América e, finalmente, a sempre presente Diáspora. O último episodio desta longa e complexa historia foi a loita e a resistencia dos republicanos que, na Guerra Civil, conseguiron que Tui fose a última vila galega en caer en mans dos nacionais. A feroz represión tinguiu de sangue a historia máis dura e recente desta vila milenaria. 
Abandonamos a vella e histórica capital do Baixo Miño, sacra atalaia fronteiriza que olla por sempre o derradeiro tramo do río máis senlleiro do chan galego, o agónico final do noso “eixo da Patria”, a nosa eterna fonte de vida.

martes, 24 de abril de 2012

As faenas mariñeiras do peirao de Portosín


"Velaí a muller que canta soa
nos oídos do vento:
A gorxa ensanguentada e o alarido,
o salmo e o susurro e o salouco,
o eco e o silencio,
o tanxer dunha cítara sen cordas.
Velaí a a muller que vai ao porto
e chama polos barcos:
Veñen coa proa rota no horizonte,
chegan coa treboada nas enxarcias,
ela sempre vixía
e pon velas de soños polos mastros".

Marica Campo, Sombra do meu asombro 

Agóirase tormenta no resgardado peirao de Portosín, na parroquia sonense de Goiáns. As escuras nubes atravesan o corazón da Serra do Barbanza, á altura das terras de Porto do Son. O vento do sur trae consigo os trebóns e axita ás gaivotas, namentres no porto, homes e mulleres remendan as redes mariñeiras que enchen o peirao do fresco arume de salitre. As pequenas boias de cortiza e outros materiais que acompañan ás redes, e os cascos dos barcos pintados de vivas tonalidades, aportan a nota de cor nesta fermosa estampa mariñeira. Atopámonos nun dos portos máis importantes da Ría de Muros e Noia. Portosín fica acubillado baixo as faldras da esgrevia e pedregosa Serra do Barbanza. A dureza destas terras obrigou dende antano ós seus habitantes a concentrárense ó longo da liña costeira. As primeiras poboacións, fai máis de dous mil cincocentos anos, atopábanse xa enriba da propia costa. É o caso do mariñeiro castro de Baroña, situado a escasos quilómetros de Portosín. As actividades mariñeiras centráronse, de forma especial, en torno ás vilas principais: Portosín e Porto do Son, antigo Porto d’Oçón, e que hoxe é a capital municipal. Contan que o nome de Portosín pode derivar de Portus Sinum, é dicir, "Porto da Enseada". 
Un redeiro no peirao de Portosín
Hai quen di que neste recuncho existiu un peirao romano de certa importancia, desde onde os antigos romanos enviaban a Roma as prezadas xoubas pescadas nestes mares. Non en van, estas terras estaban atravesadas pola vella Vía XX ou Per Loca Maritima. Resistiu, coma tantos outros lugares de Galicia, as invasións e saqueos dos viquingos a comezos do Medievo. Xa no século XIX, instálanse as míticas factorías de salgadura, que permitiron certo desenrolo na zona. 
Camiñamos polo peirao de Portosín e ollamos os impoñentes buques pesqueiros do cerco, que causan o tremor dos prateados bancos de sardiñas e xurelos. Estes navíos de metal, dotados das tecnoloxías máis vangardistas para localizar e asediar os abondosos bancos de peixe que se desprazan unidos nas costas atlánticas, capturan ata dúas mil cincocentas toneladas de sardiña e dúas mil de xurelo ó ano. As xardas e a boga constitúen tamén outra parte importante do volume pesqueiro. En Portosín hai rexistrada unha flota de sesenta buques, a maioría deles son coñecidos coma motoras ou barcos do cerco. As redes descansan estendidas sobre o dique. A carón delas, albíscanse as redeiras e redeiros que tecen os longos panos de distintos tecidos. Neste peirao, coma noutros moitos, as labouras do mar non cesan nin sequera cando os barcos fican atracados. Os días en terra aprovéitanse para reparar as extensas mallas do cerco, actividade que xa substituíu ás antigas artes tradicionais coma o trasmallo e o enmalle, ferindo máis se cabe o delicado equilibrio do noso mar. O éxito desta arte deriva da súa gran eficiencia, pois trátase dun sistema de captura masiva co que se pescan bancos enteiros de peixe. O cerco tense estendido por outros portos galegos coma os de Malpica, Cambados e Redondela. Esta arte de captura consiste nunha ampla rede rectangular que se ceiba en círculo ó redor dun banco. As pequenas boias coas que conta na parte superior, e as chumbadas que penduran da parte inferior, mantéñena en vertical. 


Coa axuda dun cabo que rodea a parte inferior a través duns aneis, os mariñeiros pechan a parte inferior da rede, atrapando ós peixes no seu interior. Finalmente, péchase a parte superior da bolsa e álzase cos brazos hidráulicos dos buques, traendo consigo grandes bancos de xurelo, xarda, lirio, bocarte e, sobre todo, sardiña. A pesares de que a actividade non cesa en todo o ano, son os meses de xullo e novembro os de maior número de capturas. A pesares de que este porto segue vivo, e de que boa parte da poboación segue a vivir do mar, non constitúe o sector maioritario. Hoxe en día, o turismo tomou o relevo, atraído polas fermosas e plácidas praias da contorna, coma os areais de Revolar, Gafa e Coira, moi valorados polos veraneantes composteláns. Tamén a boa mesa mariñeira constitúe un importante atractivo, grazas á ampla variedade de mariscos da ría, o polbo, as empanadas de zamburiñas e berberechos, ou a súa prezada xouba. A filloa é o doce máis recoñecido. Coa chegada do turismo, apareceu o club náutico, e tivo lugar un importante impacto urbanístico no lugar. De seguro que, por estas datas, a xigantesca Serra do Barbanza ficará cuberta pola dourada e refulxente flor das toxeiras, namentres os mariñeiros retornarán a porto coas alboradas de cada día. Entre tanto, a silueta de Monte Louro albíscase no longo horizonte do Atlántico, ó outro lado da plácida Ría de Muros e Noia.

sábado, 21 de abril de 2012

Carboeiro de Trasdeza, mosteiro entre fragas


"Finxe o murcho brancor da lúa chea,
nun craro do folloso castiñeiro,
tremorosos pantasmas. No cruceiro,
da "Compaña" a luz roxa cintilea.
Da media-noite o toque badalea
un misterioso monxe campaneiro
nas encantadas ruínas do mosteiro
e agoirando defunto, un can ouvea.
Ó camiñar da recua acompasado
tringuelean as chocas. Amontado
na trotadora mula que vai diante,
na revolta do alto da vereda
o arrieiro canta a copra leda." 

Ramón Cabanillas, No desterro

Fachada lateral do mosteiro
Ó longo e ancho da nosa terra, temos atopado numerosos mosteiros monumentais, algúns deles abandonados, e outros moitos aínda con vida. É común atopar estes antergos e pétreos complexos da fe inmersos nalgunhas das fragas máis esplendorosas e virxes do chan galego. Entre os máis senlleiros exemplos que temos atopado, cabe sinalar o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil ou mesmo o de San Xoán de Caaveiro, nas recentemente feridas Fragas do Eume. Desta volta, adentrámonos nos mestos bosques do corazón do país, alí onde os ríos Toxa e o Deza, agasallan coas súas augas ó caudaloso Ulla. Estamos no concello pontevedrés de Silleda, en plenas Terras do Deza. Os antigos coñecían estas terras, salvaxes pero máxicas e cheas de beleza, coma os montes de Trasdeza, que ven significando “alén” ou “máis alá do Deza”. No corazón destas nutridas fragas, nun curruncho ó abrigo do monte de Couto Costoia, os monxes ergueron nos tempos de antano un rexo mosteiro dos máis recoñecidos dende tempos inmemoriais. Albiscamos dende o lonxe, á fin, o vello e solitario San Lourenzo de Carboeiro, o monumental mosteiro das fragas do Deza e do Toxa, fogar dos laboriosos monxes carboeiros. Camiñamos cara ó lendario mosteiro atravesando as escasas corredoiras que conseguen penetrar na profunda e mesta fraga que arroupa ó complexo. Ante nós, achamos as numerosas e centenarias árbores que compoñen unha ampla variedade de especies. Ó noso paso imos atopando castiñeiros e carballos que vixían os dominios deste intricado val. Segundo nos imos mergullando neste verxel, imos vendo tamén os rumorosos piñeiros e as abondosas árbores que mergullan as súas enredadas raigames na procura de auga. Os liques e fentos tinguen de verde ata o último recuncho desta fraga. Non moi lonxe desta paraxe achamos, noutro extremo da fraga, outra das marabillas inesquecibles, a maxestosa fervenza do Toxa


A fraga é a razón de ser do mosteiro de Carboeiro, o seu sangue vital, a súa fonte natural de riqueza. Os solitarios monxes percorrían os soutos na procura de tódolos froitos e bens que a fraga lles ofrecía, dende as imprescindibles castañas e os máis diversos froitos, ata as pouco coñecidas herbas menciñeiras, e mesmo as prezadas especies aromáticas. Tamén a caza, a pesca e a recolección de cogomelos, constituían boa parte da súa alimentación. Nembargantes, era a madeira o maior tesouro da fraga. Os monxes afanábanse en recoller os rachóns e as pólas para elaboraren un carbón vexetal necesario e moi prezado na época. Foron os beneditinos, aló polo século X, os primeiros que viron o inmenso potencial e riqueza destas terras bendicidas pola natureza. 
Ante nós aparece a portentosa silueta do vello mosteiro. San Lourenzo de Carboeiro conserva a arquitectura da súa época de maior esplendor, aló polos séculos XI a XIII. A súa igrexa, de cruz latina con tres naves e cruceiro, é unha das obras arquitectónicas máis relevantes do Románico tardío galego. Amosa detalles que anuncian ó Gótico, como arcos case apuntados, ademais de varios rosetóns e unha impoñente portada con cinco arquivoltas na que se representan os vinte catro anciáns do Apocalipse. 
A pesares de que semella unha abadía pequena, a riqueza da fraga chegou a darlle moito poder. Nos chapiteis e detalles decorativos, os vellos canteiros gravaron os moitos froitos da prosperidade monacal. Tanto foi así, que os monxes chegaron a facerse con extensas plantacións no Ribeiro, supoñemos que co fin de que as adegas do mosteiro nunca ficaran valeiras. As principais ganancias económicas procedían do mercado do carbón, que era transportado ata o Mosteiro de Aciveiro polo antigo Camiño dos Carboeiros, desde onde se distribuía polas Terras de Montes. Foi tal a riqueza que chegaron a atesourar, que o vello mosteiro pronto se converteu en obxecto de cobiza das grandes casas nobiliarias galegas. 


Coa reforma das ordes relixiosas que promoveron os Reis Católicos aló polo ano mil cincocentos, o mosteiro de Carboeiro e todas as súas riquezas pasaron a depender do compostelán mosteiro de San Martiño Pinario. Aí comezou a decadencia, ata converterse nunha granxa onde somentes residían un par de monxes. Quizais foron eles os que introduciron nesta fraga anterga especies coloniais como a secuoia, o castiñeiro de Indias, o liquidámbar, cipreses, camelias e magnolias, entre outras moitas. A finais do século XVIII, chegou a servir mesmo como cárcere de freires, ata que no ano 1836, a desamortización de Mendizábal lle asestou o golpe definitivo. Dende aquel entón, o antano poderoso mosteiro dos carboeiros sumiuse na ruína e no esquecemento, namentres a fraga loitaba por recuperar o terreo que o mosteiro lle roubara. Namentres baixamos de cara ó río, atopamos un vello pombal somerxido antr’as árbores dun pequeno souto, vestixio da traballada prosperidade desta abadía. Chegamos ata as ribeiras do Deza e contemplamos a exuberante conca fluvial do Ulla-Deza. Este espazo pertence á Rede Natura 2000, e está considerado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.


O fértil leito destes ríos conta cunha das comunidades de peixe fluvial máis diversas e mellor conservadas de Galicia. Os monxes deberon pescar aquí abondosas troitas, anguías, lampreas, salmóns ou bogas de río. As ribeiras deste río contan, tamén, con colonias de invertebrados moi escasos na vella Europa, coma o tizón esmeralda ou o candil de Graslin. A rá patilonga, a saramándega ou o lagarto das silvas, son outros dos pequenos habitantes do val. Tamén a lontra brinca de cotío polas ribeiras, nadando a contracorrente coma os salmóns que habitan estas augas, as mesmas nas que sacian a súa sede multitude de especies de animais que sobreviven neste verxel do Deza. Ó noso redor, asobállanos un manto infindo de árbores de tódalas especies coñecidas neste país, e tamén outras moitas especies de matogueiras coma o acivro, o breixo, a hedra, as xestas e moitos outros. 

O vello mosteiro agoniza agardando tempos mellores. As restauracións que viviu nas últimas décadas non foron quén de devolverlle ás fragas o ronco son das badaladas de Carboeiro. O bosque reclama o territorio dos vellos monxes carboeiros, namentres os rexos muros sobreviven no fondo do val; aló polas terras de Trasdeza.

sábado, 14 de abril de 2012

Vila de Bares, porto do norte


"Eramos tres irmáns
mariñeiros os tres, cada un no seu mar.
Tiñamos a misma pel de péxegos novos,
cada un dos tres no seu albre lixeiro,
a navegar pol-as augas do tempo.
Mais fixemos un barco de carballo e piñeiro,
e cada un deixou a sua estrela nas gavias,
pra non ter mais que un mar, un barco, un ceo.

Queimou o barco o demo:
do tolo nada sei,
a ti como eras santo non te rachou o vento,
i-eu lonxe, lonxe, lonxe,
ardendo eiquí, no inferno.
Reza por min, amigo, e pol-o noso irmán,
¿aquel cervo ferido, pacerá no seu lar?

Cando saia do inferno,
¿saberei navegar?
¿Dirasme ti, irmao santo da miña mocedade,
como fan os madeiros pra se ter sobre o mar?

¡Vinde chousas sagradas,
carballeiras de meus pais,
agárdovos nestas praias
pra min sin terra e sin mar!"

Lorenzo Varela, Homaxes


Atravesamos a abrupta Serra da Faladoira para adentrármonos nas terras máis ó norte da Península Ibérica, ata a inmensa e poderosa Estaca de Bares, mástil do norte galaico. Trátase dun pronunciado brazo de terra e pedra que se adentra no salvaxe Mar Cantábrico, entre terras coruñesas e luguesas. Encravado na comarca de Ortegal, na vertente occidental do río Sor, a mítica Estaca de Bares protexe a entrada da Ría do Barqueiro, en plena Britonia galega. Segundo imos percorrendo estas bravías e escarpadas terras, imos descubrindo a paisaxe típica destas históricas costas do norte. As vacas marelas pacen a carón dos cantís, cercadas polas xa floridas toxeiras, namentres o mar rompe incesantemente contra os vertixinosos e intransitables cantís, os máis espectaculares de Galicia. A Estaca de Bares recibe os azoutes dos temporais do norte, e o bruar eterno do vento cantábrico.

Vista xeral da vila  dende o seu porto fenicio
Aquí, no medio destes impetuosos territorios, e recollida nun recuncho que deixa tras de si a vertente oriental da Estaca, atopamos a pequena pero singular vila de Bares. Trátase, nada máis e nada menos, que do porto máis ó norte do chan galiciano, e mesmo de toda a Península Ibérica. A pequena vila érguese a carón dunha praia e sobre dos mesmos areais. As dunas chegan ata as mesmas portas e pendellos, fundíndose co mar e coa terra nunha eterna aperta fraternal. As rexas vivendas, amosan unhas características de transición entre as portentosas casas lucenses e os elementos tradicionais da canteira britona. Entre os seus elementos cabe destacar as míticas ameas e os tellados de lousa, que xa viamos noutros moitos lugares da histórica Britonia galega, como a xeitosa enseada de Portocelo, ou do lendario lugar de Santo Andrés de Teixido. Os fogares dos mariñeiros do Porto de Bares amosan un fermoso equilibrio de cores. A pesares de que abundan as casas de vivas cores, na inmensa maioría predominan as pintadas de branco, ó contrario que noutros moitos portos coma o Barqueiro ou A Guarda. Este porto foi, dende tempos remotos, un peirao de gran importancia para o comercio dos minerais. Dende antano, os carromatos viñan ateigados dende as minas das Pontes, atravesando a Serra da Faladoira polo Camiño Vello, para seren embarcados por comerciantes mediterráneos que o distribuían por todo o mundo coñecido. O dique de abrigo foi construído polos fenicios no século VII a.C. 


Co tempo, as pedras coas que se construíu o porto foron desgastándose pola acción do mar, ata convertérense en cantos rodados ou boleiras. Contan que aquí foron achados numerosos obxectos da época fenicia, e tamén dos romanos, que de seguro tamén aproveitaron a situación e comercio de Bares. Entre as xoias atopadas, falan de moedas fenicias, tégulas, ánforas, e mesmo unha necrópole romana. A finais do século X, a vila pasa a estar sometida ó bispado de Mondoñedo, por mediación do Rei Ordoño II de Galicia. Hoxe en dia, este porto con máis de dous mil setecentos anos de historias, non chega ó centenar de veciños. Esta vila olla de fite á gran Illa Coelleira, lendaria morada de monxes, fareiros e coellos. Os viscaínos, mariñeiros vascos que viñan na procura das baleas, vixiaban o paso dos grandes cetáceos dende o alto da Coelleira, auténtica atalaia dos vellos baleeiros. No alto desta illa, xa non resoan os rezos dos abades nin os solitarios monólogos dos fareiros; somentes o eterno fungar do vento. O vento mareiro acariña as coloridas gamelas do Porto de Bares, espallando o salitre cantábrico por antr’as dunas. As vellas embarcacións fican adurmiñadas sobre os prados e sobre os areais, agardando as rutinarias partidas que falen de pasado e de futuro.

domingo, 8 de abril de 2012

O Xurés, serra de lobos e penedos


"D'a aldea lexana fumegan as tellas;
detrás d'os petoutos vay póndos' o sol;
retornan pr'os eidos co'a noite as ovellas
tiscando n'as veiras o céspede mol.

Un vello, arrimado n'un pau de sanguiño,
o monte atravesa de car' ó piñar.
vay canso; unha pedra topóu n'o camiño
e n'éla sentóuse pra fôlgos tomar.

¡As ánemas tocan!... Tal noite com' esta
queimóusem' a casa, morréum' a muller;
ardéum' a xugada n'a corte y-a besta,
n'a terra a semente botóus' a perder.

Vendin pr'os trabucos vacelos e hortas
e vou po-lo mundo d'enton á pedir;
mais cando non topo pechadal-as portas
os cáns sáyenm' élas e fánme fuxir.

A noite cerraba, y-o rayo d'a lua
n'as lívidas cumes comenza á brilar;
curisco que tolle n 'os álbores brua
y-escóitase ó lexos o lobo ouvear.

O probe d'o vello, c'os anos cangado,
erguéuse d'a pedra y-o pau recadou;
viróu par'os ceos o puño pechado
e car' ós touzáles rosmando marchóu..." 

Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra


A carón do río Caldo, na paraxe virxe da Ponte Nova, albiscamos as entrañas da esgrevia e salvaxe Serra do Xurés. Ante nós, ábrese a conca ós pés das intricadas ladeiras destas terras fronteirizas pertencentes á Baixa Limia. Os petoutos, bolos, penedos e “castelos”, son os principais elementos da paisaxe máis agreste. Aquí, o granito forma parte da vida cotiá dende antano, traballado por canteiros e artesáns. A fraga amósase ante nós, ateigada de infinitas cores. Polas ladeiras baixan os regatos e torrentes, fertilizando ó seu paso ata o máis mínimo recuncho deste intricado val. 

O Curso da Fervenza da Corga da Fecha entre os petoutos
Arribamos ata o Concello de Lobios, principal núcleo de poboación, que comparte o Xurés cos termos municipais de Muíños e Entrimo. Na capital municipal atopamos un vivo e ateigado mercado ambulante que nos ensina o carácter transfronteirizo no que baseou esta terra a súa prosperidade. Dende alí ascendemos ata a bravía i empedrada serra para ollar de preto estes montañosos lindes do chan galego. O Parque Natural da Serra do Xurés foi declarado no ano 1993. Abarca unhas 21.000 hectáreas, que foron declaradas Reserva da Biosfera pola UNESCO. Aséntase no corazón dun xigantesco macizo montañoso conformado polas Serras de Larouco, Santa Eufemia, e Xurés, ademais dos Montes de Quinxo e as Serras de Queixa e Leboreiro. A paisaxe está tinguida de xigantescas formacións graníticas que se estenden polos profundos vales. Estes foron traballados tanto polos ríos, coma polos antigos e esquecidos glaciares. O vello río Limia e os seus afluentes, o Caldo e o Salas, constitúen boa parte da riqueza natural desta serra. Estes cursos nútrense da abondosa auga que baixa impetuosa dende o máis alto dos picos. 
A estratéxica situación xeográfica da serra fai que goce dun clima de transición entre as zonas mediterránea e atlántica, combinado cunhas temperaturas extremas de montaña. Isto fai que as especies autóctonas como faias, piñeiros, teixos, carballos, castiñeiros, loureiros, freixos e abeleiras compartan espazo con diversas árbores mediterráneas como as sobreiras, os érbedos e as aciñeiras. As mestas fragas contan tamén con outras especies de menor envergadura coma os acivros, as vimbieiras, os sanguiños e os buxos. A carón dos numerosos regatos, medran multitude de árbores hidrófilas coma bidueiros, ameneiros, sabugueiros e salgueiros. No alto das cumes, entre os penedos, o chan fica ateigado de carrascas, breixos, toxos, xestas e outros tipos de matogueiras bravías. Somentes elas son quén de sobrevivir neste clima extremo e solitario, ademais dos numerosos e ceibos cabalos salvaxes que pacen no abrupto terreo da serra. 


No corazón destas fragas, habita unha importantísima diversidade de fauna salvaxe que contribúe, en boa medida, a facer desta serra un dos ecosistemas máis importantes de Galicia. Baixo a sombra dos carballos e das faias, podemos atopar multitude de pequenos mamíferos, entre os que podemos destacar o coello e a lebre, os turóns e as donicelas, os esquíos e os ourizos. Pola noite, o porco teixo e o xabarín saen das súas covas na procura de alimento, namentres o espelido raposo, o garrido gato montés e a silenciosa xineta, adéntranse na escuridade buscando presas que sacien a súa fame. Mentres tanto, mouchos e bubelas vixían os dominios da fraga centenaria. Ó amencer, os corzos pacen sosegados entr’os soutos, e sacian a súa sede nos regatos da serra. Nestes tamén habita unha valiosa fauna, conformada por anfibios coma diversas especies de sapos, píntegas e tritóns; por mamíferos, como a londra; por réptiles, coma a cobra de auga; e polas numerosas troitas que abondan nos ríos da indómita Serra do Xurés. Outros moitos réptiles como a víbora de Seoane, a lagarta e o lagarto verdinegro, agóchanse entre os penedos quentados ó sol. Estes pequenos animais sempre fican ameazados polas privilexiadas olladas das grandes aves rapaces que dominan dende o alto a inmensidade da serra. A aguia real aínda sobrevoa o Pico da Nevosa, a máis de mil cincocentos metros de altitude. 

Nas entrañas destas fragas milenarias, agóchanse tamén os derradeiros vestixios das antergas vidas que poboaron este lugar. A serra fica atravesada pola Vía Nova que unía Braga con Astorga, xa en tempos dos romanos. Antes de penetrar no Xurés, a vella calzada pasaba a carón da Igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, a máis antiga do país; e polo complexo romano de Aquis Querquennis. Na Ponte Nova, ós pés da paraxe fronteiriza de Portela de Homem, consérvanse tramos pavimentados da vella calzada imperial, ademais de numerosos miliarios. Seguimos estes antigos vieiros por antr’as fragas, e acadamos os ruinosos muros do pouco que queda da Mansio Aquis Originis, antigo punto de parada dos vellos camiñantes. Este complexo romano adicado ó descanso fálanos da anterga tradición termal destas terras. O propio nome do río Caldo fai referencia ás augas quentes das que moito teñen disfrutado os patricios romanos. Na aldea de Baños, existe hoxe en día un importante balneario. Seguimos o noso percorrido pola Vía Nova ata acadar o intricado a abrupto curso da Fervenza da Corga da Fecha, un impresionante torrente de auga que nace a máis de oitocentos metros de altitude, e que descende en innumerables cascadas, ó longo dun quilómetro. 
O Dolmen da Casiña da Moura
A fervenza cisca as súas augas polas rochosas ladeiras, conformando a mesma vida para todos e cada un dos moradores desta serra. O seu ruxido resoa por cada recuncho destas fragas. Ascendemos polos intricados vieiros na procura das auténticas aldeas nas que sobrevive o home no corazón desta serra inhóspita. Os tellados fumegantes dirixen os nosos pasos ata lugares tan perdidos e fermosos como A Cela, aldea entre penedos, solitaria e singular; ou Salgueiros, aldea de mineiros que conserva unha arquitectura burguesa, inédita nestas paraxes esquecidas. Mais xa ningunha cheminea fumega neste lugar de Salgueiros; os derradeiros habitantes liscaron ou finaron hai tempo, e hoxe a aldea fica abandonada e silenciosa. Os poucos veciños que aínda resisten nestas duras serras adícanse ó cultivo e á gandería. As centenarias viñas aférranse aínda ós xigantescos petoutos. 

A Casola do Foxo, a carón da presa das Conchas
Deixamos a soidade das aldeas orfas e achegámonos ata o encoro das Conchas, na procura doutros restos dos antigos pobos que habitaron a vella Serra do Xurés en tempos máis remotos. En Maus de Salas, no Concello de Muíños, atopamos o complexo prehistórico máis importante da Provincia de Ourense. Á altura da mesma presa das Conchas, recíbenos o impoñente e antergo dolmen da Casiña da Moura. Trátase dunha cámara funeraria erixida con grandes pezas do abondoso granito da serra, e que foi trasladada da súa ubicación orixinal por mor da construción do susodito encoro. Atravesando a presa, achamos a Casola do Foxo, outro dolmen que, como a Casiña da Moura, foi erguido entrámbolos anos tres mil e dous mil cincocentos antes de Cristo. Ámbolos dous dolmens conservan parte das súas mámoas. Dende a Casola do Foxo, contemplamos ó lonxe as altas cumes da vella e dura serra. Ó anoitecer, o vello lobo convértese en dono e señor da montaña, e o seu ouvido resoa en cada recuncho das escuras fragas, ós pés do Xurés, rochosa fronteira do sur. Que a vida siga a inundar as fragas e os penedos desta bravía montaña fronteiriza! 

xoves, 5 de abril de 2012

Loito e pranto polas Fragas do Eume


“n-o Mosteiro xigante refrexaban
d' o sol os derradeiros esprandores,
en áscuas d' ouro trasformando os vidros,
e dando âs pedras un coor estrano,
como s' algun incendio as alumase”
Valentín Lamas Carvajal 


Esta semana espertabámonos con outra mala nova para o pobo galego. Os féridos e duros voltaron a acoitelar o corazón da Patria, provocando a que pode ser a peor traxedia ecolóxica en Galicia dende o Prestige. Cando souben que o lume estaba a reducir a cinzas as ladeiras das Fragas do Eume, fiquei incrédulo e impotente ante tan xigantesca e devastadora traxedia. Coas bágoas nos ollos, contemplei as imaxes das voraces lapas consumindo e reducindo a cinzas as máis íntimas entrañas da fraga milenaria, emblema natural co que nos identifican en todo o planeta. Centos e centos de hectáreas de bosque virxe arrasadas por culpa de xente sen escrúpulos, o que sumado ás deficiencias na protección e prevención, foron a causa desta terrible e irreparable catástrofe. Ata fai uns poucos días, calquera galego ou estranxeiro, labrador ou mariñeiro, mestre ou alumno, amante ou non da natureza; podía mergullarse polas Fragas do Eume e ollar o feitizo que a natureza e os nosos antergos tiveron a ben preservar. Non en van, estas fragas milenarias eran un dos poucos bosques europeos virxes que se conservaban no mundo, con especies únicas de plantas e animais. Era un ecosistema singular pola súa frondosidade e fermosura, e tamén por conservar nas súas entrañas dous mosteiros do século XII, que teñen unha gran importancia histórica e artística. Cando un camiñaba polas súas sendas, pontes, ribeiras, soutos e vieiros, descubría un verxel, un auténtico paradiso, a fraga por excelencia que inspirou estoutra Fraga dos Mouros.


Na beira do Eume podían contemplarse aínda fentos únicos que sobrevivían dende o Cuaternario, carballos e castiñeiros centenarios, ameneiros, bidueiros, érbedos, salgueiros, freixos, loureiros, acivros, abeleiras ou piñeiros. Ao noso redor, atopamos ás veces as ánimas do monte, que conforman unha numerosa e singular fauna autóctona. Especies como a marta, o leirón, o gato montés, o picapeixes, o bufo real, o coello, o xabarín, a londra, o falcón peregrino, a píntega rabilonga, o raposo, o corzo ou o porco teixo eran habituais nestas fragas. Despois do incendio, todas estas especies de animais e vexetais forman parte da negra cinza que cobre o antano refuxio da natureza máis anterga, cinza que ameaza agora con precipitarse sobre o río e destruír tamén o ecosistema fluvial do Eume. As Fragas do Eume foron, dende sempre, un referente natural e paisaxístico. As súas máis de nove mil hectáreas entre os concellos de As Pontes de García Rodríguez, A Capela, Cabanas, Monfero e Pontedeume, conformaban unha xoia supervivente ó paso dos séculos, un dos poucos espazos naturais virxes que nos quedaban. Lonxe de tela protexido, a declaración de Parque Natural fixo caer en desuso a cultura forestal tradicional que dende sempre rexeu este lugar. En consecuencia, a limpeza e conservación da fraga viuse prexudicada, e esta foi a causa última da traxedia que vimos de sufrir. Agardemos que se tomen medidas de inmediato para comezar a rexenerar todas e cada unha das vellas cortizas centenarias e os seus verdescentes musgos, agora calcinados. 
Queimaron o pequeno verxel do Eume, esta lonxeva fonte de vida; este xenuíno chan de labirínticas raigames. Prenderon as pólas das centenarias árbores e dos milenarios fentos. Asediaron ás ánimas do monte, os seus coveiros, lobeiras e niños. Espantaron ás aves e ós corzos, sementaron a morte de esquíos e xinetas, marcaron o lume nos ollos do lobo. Reduciron a cinzas os troncos milenarios, ardeu o souto, queimáronse o musgo e mailos liques. Queimaron o corazón de tódolos galegos, queimáronnos a nós mesmos. Que rexurdan baixo as cinzas as raigames centenarias das antergas Fragas do Eume!