“O muíño, o río e
o campo onde salta o saltón,
onde os polidos
aínda parecen falaren co Sol,
onde as
chicharras cantan melodías de amor,
estas flores de
sépalos verdes e pétalas en cores,
onde o grilo
canta as súas tristezas en noite de lúa,
os campos regados
coa auga que rega susurrando,
estes regeiros
que fan xirar o rodicio dos muíños”.
Manuel Diz Ramos,
Poemas na emigración
Este solleiro mes
de xullo estanos a deixar fabulosos días para procurar lugares frescos onde
resgardarnos do intenso calor, e xa de paso coñecer, recunchos feiticeiros da
nosa xeografía. A nosa terra goza de numerosos e variados espazos onde a
natureza, historia e patrimonio, semellan mesturarse. Namentres moitos prefiren
somerxer os seus corpos nas salgadas augas do mar, outros coma nós, decántanse
pola brisa e a sombra que ofrecen as ribeiras dos ríos.
Namentres uns ansían
deitárense ó sol en brancos areallos, outros procuran a sombra dos muíños e os
ruxidos das fervenzas. Viaxamos cara terras pontevedresas para fitar de preto
esas xoias da arquitectura popular galega das que tanto temos falado nesta
fraga. Decidimos internarnos, unha vez máis, nas intricadas e frondosas
ribeiras dos nosos regatos e fervenzas, para contemplar outro conxunto de
muíños que non deixa a ninguén indiferente. No Concello de Barro, a escasos
quilómetros da cidade de Pontevedra, agarda por nós o Parque da Natureza do Río
Barosa; unha paraxe que mestura historia e natureza, paisaxe e frescura. Non nos resultou
nada doado dar con esta paraxe da Comarca de Pontevedra, pois carece de
indicadores que nos sinalen o camiño. Sabiamos, por un taberneiro da Estrada,
que o parque ficaba preto dunha área de descanso, logo de deixar atrás Caldas de Reis; a uns doce quilómetros de Pontevedra. Nembargantes, o destino quixo
que deramos unhas cantas voltas denantes dar coa área de descanso que nos
indicara o taberneiro. Aínda así, as súas indicacións fóronnos de gran axuda. A
carón mesmo da escura e transitada estrada, un escondido cartel de madeira dábanos
á benvida a este Parque da Natureza pontevedrés. Internámonos por un camiño que
nos levaría até os pés da fervenza e muíños do río Barosa, namentres o ruxido
das augas semellaba incrementarse a cada paso.
Cando comezabamos a aproximármonos
á fervenza, avistamos unhas sinxelas pontes de madeira que semellaban abrirnos
camiño sobre dos regatos, e mesmo anteceder á gran ruxidoira do Barosa; os seus
muíños e as súas ribeiras. Á fin contemplamos
a impresionante fervenza do Barosa e os seus históricos muíños. O estrondo e a
cantidade de saltos de auga, aínda sendo verán, resulta extraordinario. Nas
súas ribeiras, intricadas i escorregadizas, os muíños fican pendurados sobre
dos petoutos e baixo a sombra das ramaxes. Estabamos ante outro antigo burgo de
muiñeiros que nos lembrou á viaxe que fixeramos, nesta mesma provincia, ós
Muíños do Folón e do Picón. Como xa temos falado noutras moitas ocasións, estas
antigas construcións contribuíron a facer máis doada a tarefa de moenda i elaboración
do pan, e dalgún xeito, a espantar a fame e a miseria do noso País. Internámonos
por antr’os sendeiros que ascenden até punto máis alto da fervenza, a uns
trinta metros de altitude, para ollar as diferentes perspectivas deste
feiticeiro lugar. Desta volta, non estabamos sos; numerosos visitantes
arremuiñábanse na terraza dun muíño reconvertido en taberna, namentres outros
moitos se refrescaban nas pozas desta ampla e caudalosa fervenza.
En ámbalas dúas
ribeiras desta máxica fervenza do Barosa foron erixidos un total de catorce
muíños que se dividen entre os Muíños d’abaixo e os Muíños d’arriba. Moitos deles
foron restaurados, namentres outros, lamentablemente, somentes conservan parte
da estrutura pero fican aínda asolagados polas hedras. Durante a restauración,
logrouse acondicionar o lugar para o gozo dos veciños, forasteiros e tamén
peregrinos, xa que por esta paraxe pasa o Camiño Portugués a Santiago deCompostela. Habilitáronse áreas de recreo, erixíronse pontes, construíronse
mesas e bancos de madeira, e mesmo se crearon vieiros para percorrer as
intricadas e perigosas ribeiras da ruxida do Barosa. A fraga que arrodea este
fascinante conxunto de muíños componse de piñeiros, carballos, ameneiros, loureiros
e, como non, algún que outro eucalipto. Denantes de chegar á Ponte de San
Breixo, onde dá comezo a sucesión de muíños, decidimos dar media volta pola
mesma ladeira que ascenderamos. A ausencia de muíños, a sede, o calor, a fatiga
e a presenza dunha taberna enxebre preto de nós, comezaban a pasarnos factura. Deixabamos aínda
media ruta por ascender. Logo da Ponte de San Breixo, debiamos chegar ata a
Ponte da Búa, onde a ruta ten o seu punto de inflexión. A partires de alí
debiamos descender pola ribeira oposta até o mesmo lugar onde emprenderámola
ruta; a terraza daquel muíño reconvertido en taberna tradicional, O Barosa.
Entramos naquela taberna sedentos, procurando o fresco que brindan as entrañas dos muíños.
Conversamos co propietario desta taberna enxebre namentres nos
servía un caseiro i espeso licor café cunhas pedras de xeo. Falounos dos
problemas que tiñan moitos visitantes, e que nós tamén experimentaramos, para
dar con este fermoso lugar. A nula sinalización, ao noso ver, ten unha parte
positiva e outra negativa. Por unha banda, evita a masificación turística nun
lugar tan feiticeiro e delicado, pero pola outra, fai que nin tan sequera os
propios galegos poidamos coñecelo e aprecialo. Logo dunha interesante conversa,
deixamos a Taberna Barosa para dar un último paseo a través das pontes
e a carón dos regatos. Ollamos as augas
que baixan impetuosas unha vez máis, a frondosidade da fraga e a silueta dos históricos
muíños. Canta auga escorrega ó seu antollo por esta fervenza ampla, pronunciada e chea de atrancos. Canto sentido
teñen eiquí estes muíños! Penetramos nas entrañas mesmas dun dos muíños rehabilitados para ollar as pétreas moas que tanto gran teñen escachado, e xa de paso, refuxiármonos das ardentes raiolas do sol. Pechamos os ollos pra escoitar o ruxido da
fervenza e o canto dos paxaros, o son das follas acariñadas pola brisa. Emprendémolo camiño de regreso escoitando o estrondo
das augas, que semellaba minguar a cada paso. Algún día, menos solleiro e
caloroso, remataremos esta pequena pero fermosa ruta como deberiamos. Que este
feiticeiro recuncho da natureza siga a mesturarse coa historia e co patrimonio
por moitos séculos máis, para o gozo de viaxeiros e veciños!