martes, 21 de decembro de 2010

Corcubión recende a historia



“En Corcubión a música tolda a luz do dia e a lua e o sol e retrocede
interior e se retrai humana”.
Cesáreo Sánchez

Baixando por San Pedro da Redonda, escoitamos os latexos da vella historia dos Condes de Traba e o seu poderío, mentres que no horizonte comezamos a divisar o fermoso Areal de Quenxe, aloumiñando o mar e sen rompe-la paz da súa ría, na que fican tres dos seus grandes tesouros; o delicioso berberecho, o Carrumeiro e a misteriosa Illa da Lobeira. Esta última, unha das máis misteriosas e lendarias da Costa da Morte, noutros tempos habitada por solitarios fareiros e somentes alugada, na actualidade, ás gaivotas embravecidas dos confíns da terra. Mais esta vila señorial garda en terra a meirande parte dos seu importante patrimonio, historia traballada na pedra e ollada dende aburguesadas galerías, que nos falan dun grandioso pasado e un respectuoso presente. Senón, un só ten que visitar a Igrexa de San Marcos ou O Pazo de Altamira, ou o Castelo do Cardeal, que formou parella no seu dia co Castelo do Príncipe, na Ameixenda e xusto na beira contraria, para defender a entrada da Ría de posibles perigos. As súas rúas e as súas edificacións fan deste lugar un auténtico museo de cantería. Mais a cultura sempre tivo en Corcubión e nos seus habitantes un lugar moi preferente. Boa mostra disto é a creación na diáspora da revista Alborada, a comezos do século pasado, ou a inmensidade de actividades culturais que se deron cita nesta vila, e nas que a figura de D. Rafael Mouzo, alcalde nacionalista deste Concello durante máis de vinte anos, foi decisiva. Por iso fixemos parada nesta vila señorial que fica en paz, secularmente adurmiñada á beira da súa ría para seguir a conservar o seu esplendoroso pasado.

xoves, 23 de setembro de 2010

O Legado de Mariñán



"No Pazo Desolado cain follas sen vento: aves lonxanas que pechan
os ollos e volven durmir"

Cesáreo Sánchez

Mergullámonos na historia ó chegar a Mariñán, -inmersos no Concello de Bergondo-, i en concreto na Quinta de Bergondo, máis coñecido por Pazo de Mariñán, unha xoia da nobreza galega. Por moitos é coñecido tamén como a Casa de Láncara, en referencia ó seu último propietario, Xerardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza. Pero este privilexiado fogar, que fica á beira da Ría de Betanzos dos Cabaleiros, comezou sendo unha torre defensiva a carón do curso do Mandeo e creada aló pola Idade Media da man de Gómez Pérez das Mariñas. O paso do tempo foi trocando a finalidade e o estilo construtivo desta vella fortaleza, que durante os séculos XVII e XVIII, foise transformando nun pazo residencial da alta sociedade da época e adquire a estrutura en forma de "U" que ten na actualidade. En definitiva, unha vella fortaleza convertida en pazo nobiliario.


Na actualidade, o pazo conta con numerosos elementos barrocos e neoclásicos que aportan unha certa distinción con respecto a outros moitos pazos galegos, é o caso da Capela en honor a San Roque, que data do século XV e fundada por Constanza das Mariñas, ou dos rostros pétreos que abundan e vixían as fermosas escalinatas e dos que se cre que poden ser criados, administradores, ou mesmo bustos de iconografía indioamericana. Non menos distintivo é o parterre de buxo que engalana o xardín principal ou as diversas fontes e especies arbóreas que aquí fican dende antano, como é o caso de eucaliptos xigantescos, cipreses, palmeiras ou camelias. Tamén cabe sinalar o seu impoñente pombal e as súas marabillosas vistas á Ría de Betanzos. Trala morte do Señor de Láncara en 1936 sen deixar descendencia, o pazo pasou a mans da Deputación da Coruña, e no 1972 foi declarado Conxunto Histórico-Artístico. Agora todos podemos percorrer os xardíns franceses do pazo e ollar a súa privilexiada paisaxe, pois o legado de Mariñán abrangue a tódolos galegos.

xoves, 12 de agosto de 2010

Buño dos oleiros


"Na escola-torno, somos os oleiros
e vós o barro cantareiro"

Miguel Anxo Mouriño

Buño é o pobo dos alfareiros, artesáns que dan forma dende o século XVI a multitude de pezas tradicionais como cuncas, vaixelas, cazolas, potas e, por suposto, o espitado; unha peza decorativa moi usual nas épocas romanas. Do barro moldeado coas mans nacen pezas que noutros tempos resultaban imprescindibles, e Buño era a escola dos oleiros, sen dúbida, o pobo alfareiro máis importante do país Galego. Non se pode pasar por Buño sen visitar o quinteiro do Forno do Forte, ergueito no século XIX e composto por un forno, un cabanote, un cabazo e as casas dos alfareiros e xornaleiros. Na actualidade, esta vila bergantiñá, ten unha cita anual coa vella laboura dos alfareiros na súa Mostra da Olería, que se está a celebrar dende o día 6 e que rematará o vindeiro día 15 deste mes. Nas mans destes oleiros queda a mestría e a dura laboura de conservar a tradición. Nas nosas, a de valorala. Velaí unha listaxe dalgúns dos oleiros de Buño, con nomes e apelidos:

Aparicio Añón Caamaño, Xosé A. Añón Lista, Lola Faya Puñal, Xosé A. Corral, Pilar Gómez Caamaño, Carmen Labrador Fariña, Fernando Mourón, Juan J. Nieto Carril, Antonio Pereira, Carmen Regueira Ordóñez, Lidia Trigo Suárez, María Añón Souto, Alce Buño, Obradoiro Cambón, Obradoiro Feituras e Obradoiro Sarandeo.

martes, 3 de agosto de 2010

O pasado San Xoán da Coruña




"Hoxe é víspera de San Xoán, arrecende a colo de nai, cantanos grilos e o vento morno trainos de lonxe o son dun bombardino. Mañán lavarémonos con herbas arrecendentes". 
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Cousas

Esta pasada noite de meigas, na beira atlántica da Coruña, os fachos do San Xoán voltaron a alumear o mar. Xa pasou a noite meiga, na que se avivaron as chamas ante o ardente solpor da víspera de San Xoán e baixo a sombra impoñente da Torre da Crunia, a do Faro máis vello. A enseada do Orzán semellaba o berce do inferno e o seu mar, o traizoeiro espello da lúa. As meigas espallábanse entre o fume e os máis atrevidos brincaban ceibando desexos sobre as cacharelas. Pasada a media noite, as muxenas danzaban co vento do mar e a lendaria comuñón daba paso á festa. A praia infestada de fachos era un chan de brasas e sardiñas; a maxia de San Xoán escomezaba a cobrar vida. Coma sempre, ó chegar o día, a resaca dos máis fieis aclarouse con auga de herbas arrecendentes e o xovial horizonte da enseada dounos os bos días. Moitos son os que, nesta cidade, opinan que esta vella costume, esta víspera pasaxeira, debería, canto menos, ser constituída como unha festividade local. Eu, coma eses moitos coruñeses, tamén apoio esta lóxica inquedanza, pois a vella lumerada ven acompañándonos ó longo dos nosos días, alentando as nosas lareiras e propiciando os contos e lendas que aportan un especial misterio ó noso pasado. E nesta cidade case ninguén se resiste a perder esta obrigada cita de brebaxes, meigas e lume, sobretodo lume. Pois que se recoñeza dunha vez a festividade local desta anterga cita!

venres, 30 de xullo de 2010

A Costa da Égoa


"É no íntre en que a terra, para se durmir, vaille virando as costas á luz e o fume das tellas, mesto e leitoso, vaise esparexendo no fondo do val. Non é cousa de outro mundo pinta-lo que ven os ollos, que serán comestos polos vermes; pero na paisaxe hai máis cousas que fitar, pois naquel muíño cantareiro dous namorados danse o primeiro bico e naquel pazo do castiñeiro seco ouvean os cans"
Alfonso R. Castelao, Cousas

Botamos a andar na Costa da Égoa ata adentrarnos no sombrío Val de Barcia e seguir o curso do Barcés, o río que flanquexa o impoñente Monte Xalo e que discurre nas vertentes das Travesas e Mesón do Bento. Cumprimos o Roteiro Mariñán que surca as terras de Hérves, Salgueiros, Batán, Chamoso e Monte Meán. Tres pazos e dúas igrexas custodian este verxel no que a auga da vida nutre as terras, e dende antano, proporciona a enerxía necesaria para moer a fariña do pan máis literal e imprescindible. Os muíños están presentes ó longo da xeografía galega e a maioría fican esquecidos e asolagados polas edras; nembargantes, outros tiveron a sorte de ser reconstruídos e ver mellorada a súa imaxe, como é o caso de Verdes, Toba ou máis recentemente, os Batáns de Mosquetín. O val de Barcia e a súa xente non esqueceron os seus muíños e crearon un museu onde as construcións máis vellas conviven cos avances do século pasado; é o caso da construción de pozos e da aparición do cemento. Este fermoso lugar é a Costa da Égoa, e aquí botamos a andar.

xoves, 22 de xullo de 2010

O Pazo é de Meirás



"No Pazo acenden-se luces
co silencio recollido dos vosos ollos
e bailan espantallos co ouro e as medallas
que antonte lles entregastes
con sorriso de cartaz"

Lois Diéguez

O Pazo de Meirás ergueuse a finais do século XIX da man da escritora e Condesa Emilia Pardo Bazán na parroquia de San Martiño de Meirás, no Concello de Sada. Foi na Terraza desta fermosa vila onde me contaron a historia dun antigo edificio que destruiron os franceses durante a Guerra de Independencia e que pertencía dende o século XVI ós Patiño de Bergondo e, por enlaces matrimoniais, tamén ós Pardo de Lama, devanceiros da escritora coruñesa, Emilia Pardo Bazán. Ela foi quen dou orde de construír este pazo en 1893 para pasar tempadas e albergar xuntanzas con diversos escritores entre os que cabe destacar a figura de Unamuno. O seu pazo estaba composto por tres torres desiguais e unha capela na que casou a propia escritora. Tamén contaba cunha biblioteca que se situaba na Torre da Quimera, a máis grande das tres torres, onde a Condesa, con frecuencia, escribía os seus artigos. A historia cambiou trala morte de Emilia Pardo Bazán, un 12 de maio de 1921, pois o Pazo tentouse doar pola familia á Compañía de Xesús para que se destinase ó noviciado. As condicións postas polas herdeiras non foron aceptadas e foi entón cando as autoridades franquistas da Coruña, lideradas por unha comisión que trataba de buscar un agasallo á altura do indesexable ditador Francisco Franco, ameazaron e extorsionaron ós veciños ata que conseguiron arrebatar por unhas cantas pesetas o Pazo ó pobo de Meirás. A historia máis recente non foi quen de cambiar nada entre eses muros nos que o finadísimo xeneral pasaba as súas estadías de verán. Na actualidade, tamén é a residencia de verán da neta do ditador. É o Pazo da discordia que ten que ser devolto a Meirás e a tódolos galegos axiña. Que nunca se esquezan que o Pazo, gústelles ou non, é de Meirás.

venres, 2 de xullo de 2010

A mítica Terraza de Sada



"Ben pensarás que de Sada
che vou facer relación,
pois ten presente que non
che podo despricar nada,
porque aquela enmarañada,
amais da jente que tiña,
era jente da Mariña
e non jente como queira,
que era jente da primeira
e algunha túa e minha"

Xosé Cornide

Este edificio sito a carón da beira do mar da ría de Sada, é un claro exemplo de arquitectura modernista ou Art Nouveau, e foi construído por Antonio López Hernández a comezos do S.XX, concretamente no 1912 nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Trátase dunha construcción que foi trasladada ó paseo marítimo de Sada sobre 1920 e na actualidade é un dos exemplos máis claros do movemento modernista de Galicia. Construído a base de vidro, ferro e madeira, este edificio foi un quiosco-restaurante e na actualidade representa unha mostra inmellorable da arquitectura modernista galega, ademais dun espazo perfecto para desfrutar dun bo concerto de Jazz ou dun café expreso. No ano 1975 foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional. Que o tempo siga a deterse nesta fermosa terraza!

mércores, 23 de xuño de 2010

O vello Mosteiro de Sobrado


"Aqueles tempos d'a infáncea
Que todos legres pasamos,
A chousa en que veu ô mundo,
Aquel choutador regato
Qu'â veira mesma d'a porta
Tranquilo vai marmulando;
O cruceiro n-o camiño
Que vai ô monte leixano,
As festas á quê asistía,
Os sempre tristeiros cantos
Con que os fiandós arrematan,
Con que empezan os traballos;
O soido d'a campana
O d'o mosteiro cercano
D'os órganos os acentos
Y-os remores con que, vagos,
D'os monxes van rexordindo
Os rezos por antr'os cráustros;
D'a gaita as tristeiras notas,
Os concertos d'os paxaros
N-as carballeiras sombrisas,
O soave cheiro d'os campos,
As promesas de cariño,
De tenro amor os abrazos"

Amador Montenegro, Muxenas

As Terras de Melide agochan un mosteiro que leva acompañado a abondosas xeracións de veciños de Sobrado dos Monxes ó longo da súa historia. Trátase do Mosteiro de Santa María, que viviu tanto momentos álxidos coma adversos, nos dez séculos que dan fe da súa existencia. Foi creado por orde dos condes de Présaras aló polo ano 952, e antigamente era coñecido co nome de San Salvador.


A Serra da Cova da Serpe e os mestos montes de Bocelo e Corno do Boi, cal atalaias pedregosas, custodian as zonas chas onde se concentran a maioría das hortas e fogares dos veciños. Así mesmo, as súas terras son a súa principal fonte de vida e fican sempre nutridas polas doces augas dos ríos Mandeo e Tambre; as que buscan sen presa a súa fin en Betanzos e Noia.


Son moitos os peregrinos que se perden por estas terras, namentres que outros moitos deciden desviarse do camiño a Compostela para pasar a noite no mosteiro, coller un pouco de alento i escoitar os seus cantos gregorianos. Estes peregrinos supoñen tamén un gran aporte cultural e vital para este pobo de poucos habitantes. No centro do mesmo componse a súa historia; o seu mosteiro e a súa pétrea alameda. E ó seu redor acumúlanse as casas.


A historia baséase en tempos gloriosos e tempos decadentes. Gloriosos como naquelas épocas dos Condes de Traba, cando consegue converterse nun dos máis poderosos mosteiros de Galicia e o primeiro que se integra na Orde de Cister da Península Ibérica. Non foron menos gloriosas as épocas dos Reis Católicos, cando se realizaron varias reformas e melloras arquitectónicas na igrexa e nos claustros. Pero o certo é que a este recanto de culto tamén lle tocou vivir tempos decadentes e de abandono, de silenzo.


Na actualidade está habitado por monxes beneditinos e considérase unha xoia do barroco galego. É unha visita obrigada a todo camiñante que por alí se perda. Sobrado é parte do Camiño, vieiro que conduce a Compostela. É tamén unha terra traballadora infestada de fermosas carballeiras, como a da Casa do Gado, que foi escenario natural do filme de J. Luís Cuerda, El bosque Animado.


É terra de misteriosas pedras como a Pena da Moura ou o dolme do Forno dos Mouros. E a súa lagoa, creada en torno ó ano 1500 por monxes para unificar pequenos regatos e pescar, supón na actualidade unha fonte de vida para numerosas especies da nosa fauna e flora e un escenario propicio para o ocio e os artistas namorados. Que se sigan a deter neste lugar os viaxeiros e peregrinos que se perdan no Camiño!

mércores, 3 de marzo de 2010

O vento amigo da Roncadoira


"Vento mareiro, amigo
dos velamios senlleiros, da nebriña
de ronseles no ar aloumiñada,
do azul lonxano que se volve lila.

Unha frauta delgada de horizontes,
trema na túa voz e dálle vida.

Hoxe as dornas sulcaron,
a sorrisa do mar profunda e nidia.

Hoxe as dornas, beberon o teu sangue na badía.

E ti, beilando muiñeiras tolo
no corazón da noite
onde a forza de Deus anda perdida.

Mans de vidro e de nube,
vento amigo,
medra no teu lecer a moradía"

A. Avilés de Taramancos, As Moradías do Vento

Se queredes escoitar o asubío melodioso do Cantábrico, debedes achegarvos á Punta Roncadoira, no concello lugués de Xove, na Mariña Occidental. O vento amósase salvaxe, mesturándose co mar, izando o voo das aves de paso costeiras, libertarias i emigrantes. Estas fermosas aves son as agónicas donas deste silencioso horizonte, surcando a Ría de Viveiro e as illas Sarón, Farallóns e Coelleira. O Faro, de estrutura cilíndrica e provisto de dúas balconadas, recorda a outros faros do norte, como o de Illa Pancha ou o de Ortegal. Este faro é un idóneo miradoiro onde perder a ollada entre a Praia de Esteiro e Portocelo. O vento farturento de liberdades asubía constantemente para perturbar un silenzo que afoga e ceibar as melodiosas verbas do mar. Que o vento acompañe o voo das xeracionais aves de paso!

martes, 9 de febreiro de 2010

Cheira a Cocido nas terras do Deza



"Arrimei o pote ô lume
Con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
Na cinza, vin relumbrar
Un ichavo d'a fertuna...
¡Miña Vir e d'o Pilar!
Correndiño, correndiño
O fun en sal á empregar,
Mais contenta qu'un-has pascoas
Volvin á port'á pechar,
E n'a miña horta pequena
Un-has coles fun catar.
Con un pouco d'unto vello
Qu'o ben soupen aforrar,
E c'a fariñiña munda,
a tiña para cear.
Fi en un caldo de groria
Que me soupo, que la mar,
Fi en un bolo d'o pote
Qu'era cousa d'envidiar;
Despois qu'o tiven comido,
Volvin de novo á rezar;
E despois qu'houven rezado
Pu en á roupa á secar,
Que non tiña fio en oito
D'haber tanto me mollar,
N'antramentras me secaba
Pu enme logo á cantar
Para que m'oiran
En tod'ó lugar:
Meu lar, meu fogar,
Cantas onciñas
D'ouro me vals"

Rosalía de Castro, Follas novas

Recende a cocido entre as rúas de Lalín, coma un etéreo arume propio dos teitos labregos, coma unha tradición insustituíbelmente familiar. As rúas, aquí en Lalín, comparten espazo cos porcos da terra, a materia prima máis anterga. Esta semana a festa está garantida nas terras do Deza, onde non somentes se pode degustar o cocido galego, senón os innumerables produtos cos que sempre nos agasalla a nosa vella terra; patacas, grelos, chourizos, fabas e, por suposto, as mellores carnes galegas. A sabedoría, o amor e a paciencia son as mellores ferramentas para preparar un bo plato de cocido. O Castro de Goiás e Donramiro fican como a testemuña e tesouro xeracional que dan fe da historia da vila. O nome de Lalín procede de Lalino; era un colono do Conde do Deza que posuía as terras onde logo se erixiu o Mosteiro de San Martiño de Lalín de Arriba. Que non morran as mans que alentan o mellor cocido galego!