xoves, 31 de maio de 2012

Os ergueitos secadoiros de Redes


"Os berros dos mazaricos
rachan as sedas do mar
no carro das mouras nubens
ven do sur o temporal.
Nas barras e nos peiraos
rompen as foulas cristadas
de lostregos azuados
das estrelas afogadas.
Púxose o ceo de loito
pol-os que van afogar.
As centellas como trallas
baten no lombo do mar".

Luis Amado Carballo. Proel


Os secadoiros na praia de Area Morta
As gaivotas pousan á tardiña nos rexos e ergueitos secadoiros de Redes, alí onde as augas escorregan ata deixar núa a area que peneiran os mazaricos. As vellas gameliñas retornan ó peirao, refuxio de vellos lobos de mar, coma cada xornada. Outras moitas, sen embargo, arriban ata as escaleiras dos seus propios fogares. Aquí, onde as redes son o pasado, o presente e o futuro. 
As balconadas e vidreiras van acendendo as súas luces de vagar, namentres as gaivotas asedian e arrodean as pequenas embarcacións, repletas ás veces de sardiñas e outros moitos peixes que arrincan do mar da Ría de Ares e Betanzos. Os veciños comezan a recollerse, e dan os últimos paseos por antr’a media ducia de rúas que acolle a pequena vila de Redes. A pouca actividade que aínda se albisca atópase na pequena praciña do peirao, onde os mariñeiros arrastran as súas lixeiras gamelas ata o varadoiro. Algúns, os máis cangados de traballo, empregan pequenos carros de ribeira para axudárense a mover as tan coloridas como precisas barquiñas. Os antepasados destes vellos mariñeiros penduraban ó sol as salitrosas e traballadas redes do xeito. Os secadoiros, cravados directamente no fondo mariño, seguen ergueitos coma antano, ollando de fite os rexos e coloridos lares mariñeiros, abertos, coma sempre, ó mar da súa costa. No verán, os veciños de Redes reúnense na Festa da Cabria para lembraren e tratar de transmitir ás novas xeracións a importancia das vellas costumes mariñeiras herdadas dos seus antergos. 


Como é habitual nos pequenos peiraos pesqueiros, as actividades agrícolas tamén supoñen un complemento para a subsistencia. Os pequenos hórreos que emerxen d’antre as casas, a carón da ribeira, fálannos do necesario equilibrio entre a terra e o mar. A bo seguro que houbo tempos nos que estas cabaceiras ollaron abondosas colleitas de millo e patacas; e sen dúbida que, dende sempre, os fogares de Redes contaron cunha boa despensa de salgadura de sardiñas e outras moitas capturas do mar. Co paso dos anos, as costumes pouco mudaron neste pequeno remanso de paz e salitre, inmerso no corazón da Ferrolterra. 

Os fogares e os secadoiros do peirao de Redes
Hai pouco, a rodaxe dunha coñecida serie de televisión levou a Redes a un recoñecemento que nunca antes colleitara. Nos últimos tempos, son moitos os curiosos que se adentran neste pequeno peirao e se mesturan co seu arume. A veciñanza semella xa acostumada a esta repentina sona, e nin tan sequera esta é quen de rachar a paz e tranquilidade destas vidas humildes e traballadoras. Os mozos da vila seguen a usar as limpas augas do peirao para bañárense durante a época estival. As súas nais vixían dende a cociña, namentres os máis novos brincan dende o alto das escaleiras que se afunden no mar, ó pé dos secadoiros onde pousan as gaivotas. Os poucos visitantes prefiren o sosego e fermosura das moitas praias da contorna. Dende Area Morta, os paseantes contemplan pasmados o reflexo das múltiples cores desta pequena vila perdida no tempo. Son os vellos fogares mariñeiros que emerxen das sosegadas augas de Redes.

domingo, 27 de maio de 2012

Os Peares, terra de ningures entre o Miño e o Sil


"Adiós, noites quentes de mayo e d'abril,
adiós, oreliñas pobradas de frores,
de cantos, de cheiros, de gratos remores,
que abrazan garridas ô Miñó y-ô Sil.
Ruinosos castelos d'antigas lembranzas,
pinares sombrisos, debesas sin fin,
recordos subrimes de vellas usanzas,
romaxes alegres, cantares e danzas...
Adiós, que só bágoas me quedan á min".

Amador Montenegro. Muxenas 



Ponte sobre o Río Búbal en Os Peares, onde se funde co Sil e o Miño
Conta o refraneiro que o vello río Miño leva a sona, namentres o Sil leva a auga. Estes dous ríos da terra son os meirandes cursos fluviais da vertente atlántica galega, e os dous máis extensos e caudalosos do País. Tras eles deixan centos e centos de quilómetros, recollendo os pequenos e abondosos caudais doutros moitos afluentes. O Miño nútrese da auga que xurde das entrañas mesmas da Terra Chá, inmensa chaira que actúa coma unha xigantesca conca, onde antano existiu un gran conxunto de lagoas; humidade pura que semella transpirar da terra. O Sil, pola súa banda, nútrese da fría e cristalina auga que baixa por antr’as montañas. O Sil é o río máis caudaloso de Galicia, en parte porque bebe directamente a auga da montaña lucense; dos fríos e mudos Ancares, e do solitario e virxe Caurel. Ámbolos dous grandes ríos galegos acadan os xigantescos e esgrevios macizos que separan as provincias de Lugo e Ourense
Co incesante avance da auga, foron rabuñando as rochas das ladeiras, ata formaren a impoñente e marabillosa Ribeira Sacra. Finalmente, o Miño e o Sil fúndense nunha eterna aperta baixo a sombra das impoñentes pontes de Os Peares; un dos encraves máis máxicos, suxestivos e simbólicos do chan galego. Esta singular e fermosa aldea non pode ser comparada con ningún outro lugar do país. Dende as intricadas ladeiras dos Peares, a Terra contempla asombrada a lendaria unión das dúas arterias vitais da Patria. Aquí, o caudaloso Sil deixa o relevo do seu curso ó Pai Miño, que levará cada pinga necesaria ata a derradeira fronteira do sur, ata os mesmos pés de Santa Trega
Os romanos foron os primeiros que cravaron as súas olladas nestes fértiles e maxestosos vales. O motivo non foi outro que o maior tesouro que aínda agocha a Ribeira do Sil; mencía sacro de césares e emperadores, os caldos máis prezados e afroitados da Gallaecia romanizada. Foron eles os primeiros en traballaren estas faldras, conformando longas e rexas bancadas, coñecidas como socalcos. Estas seguen a presentarse ante nós seguindo o sinuoso curso dos dous grandes ríos. Co paso dos séculos, a arte e laboura de cultivar as vides pasou a mans dos monxes. Os seus mosteiros aínda se albiscan por antr’as fragas, ó longo e ancho da Ribeira Sacra. As comunidades de Santa Cristina e Santo Estevo de Ribas de Sil mantiveron vivas as vellas labouras vitivinícolas de antano, e deron nome a esta comarca e a este viño de césares. 


A importancia de Os Peares, e a súa estratéxica ubicación, fan que sexa unha vila de ninguén. As rexas e penduradas vivendas repártense entre catro parroquias –Pombeiro, Viñoás, Oleiros e Os Peares-, que pertencen a outros tantos concellos distintos –Pantón, Carballedo, A Peroxa e Nogueira de Ramuín-. Por se isto fora pouco, dous deles pertencen á provincia de Lugo, e os outros dous á de Ourense. Os Peares é unha vítima das divisións artificiais que impón o mundo moderno e a burocracia, unha vila en constante litixio. Mais o que antano fora unha plácida terra de mosteiros e socalcos, hoxe en día segue a ser un punto estratéxico no corazón mesmo destas terras sagradas. Pouco a pouco, Os Peares foi quedando baixo a sombra das pontes que nos falan da historia recente deste cruce de camiños. A primeira ponte foi construída pola escola de Eiffel, a comezos do século pasado. A partires de aí, o progreso traería un encoro e un xigantesco viaduto polo que atravesa unha autoestrada. Mais todo isto non foi quen de ferir a beleza e o encanto que aínda conserva esta aldea fronteiriza. 
A vida transcorre en paz, como as augas do Miño. O constante trasfego de vehículos non é quen de rachar a tranquilidade e sosego desta porta da Ribeira Sacra. Os fogares ollan silandeiros o eterno rebulir das augas dende as amplas e transparentes galerías, abertas á aperta onde se mesturan o Miño e o Sil. Os veciños seguen a traballar arreo os socalcos onde medran as vides, as froiteiras e as hortas; e a probar sorte na procura das troitas dun dos mellores encraves de pesca fluvial de Galicia. Os viñedos comparten a auga cos centenarios carballos e castiñeiros, e con multitude de árbores hidrófilas que acompañan o curso dos ríos. 
A auga brinca antr’os penedos no val dos Peares. Semella que estes lendarios ríos avanzan a carón dos vellos e novos camiños que atravesan este encrave crucial do interior galego. A mestura de vieiros, auga, e sangue mencía, fan desta aldea un recuncho máxico e singular; ese lugar sacro onde se alcontran, á fin, os dous vellos ríos irmáns.
"Relocen como diamantes
as miñas pingas de orballo,
nas folliñas do carballo
e nos lirios do xardín;
e son toda craridade
e levo a min a saúde
e estou chea de virtude
contra todo mal ruín.
E che traio, Rei-Meniño
a limpa agua galega
que humilde cantando rega
os eidos do noso chan".
Ramón Cabanillas. Poesías ventureiras

xoves, 24 de maio de 2012

A Ponte de Brandomil e as brétemas do Xallas


"E cando o fillo dos celtas,
No tempo que está por vir,
Pensativo camiñante,
Pase quezáis por aquí;
Cando no tempo en que gia,
Se vexa a luna lucir,
Dirá ó verte desde longe:
O valente Brandomil,
Saído da gentil e boa raza
Dos celtas, repousa alí.
San Pedro de Brandomil,
Na probe terra de Xallas,
Canto hai que non te vin!"

Eduardo Pondal. Queixumes dos pinos

Amence de vagar nas bretemosas Terras do Xallas, fogar de antigos heroes celtas e de lendarias batallas cantadas polo noso Bardo, Eduardo Pondal. Achegámonos ata estas longas chairas e sinuosos vales, auténtico confín dos verdes castros, e de dolmes ancestrais. Ficamos no corazón do interior da Costa da Morte, en terra de pastos e vacas, e infindas leiradas de millo. O Xallas constitúe unha arteria vital para garantir a riqueza e prosperidade nos campos. As aldeas están repletas de maquinaria agrícola, e as verdes e extensas pradarías vense interrompidas a cotío polas innumerables explotacións gandeiras. I é que a terra segue a ser, coma dende tempos inmemoriais, a base e o sustento dos habitantes das aldeas do Xallas. 
O Encoro da Fervenza, preto da ponte de Brandomil
O Río Xallas nace no termo municipal de Coristanco e atravesa o concello de Santa Comba, froito da unión de multitude de pequenos regatos. O seu curso esténdese ó longo de sesenta e cinco quilómetros, recollendo a auga de varios afluentes, ata a súa espectacular desembocadura na Fervenza do Ézaro, ós pés do sacro Monte Pindo. Ó seu paso vai fertilizando unha extensión de máis de cincocentos quilómetros cadrados; son as Terras do Xallas. Trátase dun territorio onde se cruzaron multitude de vieiros ó longo da historia. Sobre as súas plácidas augas, en Ponteolveiroa, pasa o Camiño de Fisterra, que aínda é percorrido por milleiros de peregrinos na procura da Fin do Mundo. Mais foron os romanos os primeiros que de verdade aproveitaron, por vez primeira, as posibilidades destas terras afastadas. A antiga Vía XX, per loca maritima, atravesaba o Xallas pola garrida e lendaria Ponte de Brandomil. 
Esta portentosa ponte recibe o seu nome do lugar onde fica dende antano. A importancia desta parada nas antigas rutas obrigou, xa ós romanos, a erixiren unha ponte arredor da cal medrou a poboación de Claudionerium. Durante a época sueva, parece ser que pasou a chamarse Grandimirum, de onde deriva o nome actual, Brandomil. O Bardo debeu atravesar a cotío esta rexa e impoñente ponte; e a bo seguro que dende o alto, contemplando a eterna peregrinaxe das augas do Xallas, debeu recrear antigas epopeias que logo el mesmo cantaría. Preto de alí, no antergo dolmen da Arca da Piosa, imaxinou descansando eternamente os restos do lendario heroe celta Brandomil: “Arca antiga da Piosa... / debaixo das tuas antes / está o valente Brandomil”. Mais a importancia de Brandomil estendeuse ata o final da Idade Media. De feito, a ponte que hoxe se conserva semella que foi edificada ben entrado o século XVI, aínda que pode que sobre unhas bases romanas. Contemplamos os catro singulares arcos, todos eles diferentes, namentres baixo os nosos pes renxe a xeada herba da fría mañá. 


O sol érguese lentamente sobre os outeiros, e vai esvaecendo a branca xeada que cobre as pradarías e a empedrada superficie da anterga e ruda ponte. As árbores estenden as súas raigames ata o leito do río, esparexendo sobre el as súas sementes, perpetuando o ciclo eterno e vital da natureza. 
Unha das principais características do vello e sinuoso Xallas é que ten que salvar un gran desnivel, polo que o seu abondoso caudal e a súa forza foron obxecto da cobiza e da necesidade que impón o progreso. Nas últimas décadas foron erixidas ata seis centrais hidroeléctricas, a máis ferinte das cales foi a que cortou o agónico final da Fervenza do Xallas, onde este caudaloso río se despide ante a impoñente silueta do Promontorio Nerio. Nembargantes, a máis grande e a que máis terras asolagou, foi o ironicamente chamado Encoro da Fervenza. Foi construído aló polos anos sesenta, co fin de surtir de auga potable a toda a contorna da Costa da Morte. 
O Xallas esperta baixo un manto de fría néboa. O Bardo xa non atravesa a Ponte de Brandomil cantando as nobres virtudes deste fogar de bos e xenerosos. A historia e o tempo seguen o seu curso, como a mesma auga que tanto inspirou ó vello Pondal. Mais os feros corvos do Xallas semella que agoiran aínda novas epopeias por se escribir.


luns, 21 de maio de 2012

As Torres de Altamira, berce dos Moscoso


“Os pinos, que rosman,
os ventos, que braman,
n-o médeo d'os bosques,
d'os montes n-a faldra;
os regos, que choutan,
os mouchos, que layan
de antigo castelo
n-a moura ventana
e recordan, d'edades que foron,
antigas costumes e vellas usanzas.
D'os máxicos pazos
as torres mais altas,
d'as gregas cibdades
colunas y-estautas,
as mouras rüinas
de fortes murallas
que foron un tempo
de pobos a garda”

Amador Montenegro. Muxenas

Aínda semella que foi onte cando os poderosos Moscoso de Altamira camiñaban placidamente por antr’as opulentas estancias e corredores. Aínda semella que as belas doncelas do pazo ollan ós extensos vales da Mahía, agardando ver chegar por algunha corredoira ós seus aguerridos cabaleiros. A amplitude e riqueza do seu feudo, permitíalle a esta liñaxe levar unha doce vida pacega. 
A bo seguro que naquelas noites estreladas, o vello Lope Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, ollaba dende o alto da torre da homenaxe, a amplitude e extensión dos seus dominios. De seguro que alí, dende o alto do castelo onde nacera, o fachendoso patriarca lembraba a suor e o sangue que lle custara a el e á súa familia, erixir aquel pequeno pero amplo imperio. O outeiro onde se erixen as Torres de Altamira fora conquistado polo seu célebre antepasado Gonzalo de Moscoso, fillo de Beremundo, alá polo ano 1073. Alí non había nada, agás unha pequena e ruinosa fortaleza do século IX erixida no seu día sobre unha citania castrexa. Dende aquel entón, a familia e o seu poder comezaron a medrar pola contorna das Terras de Santiago. Os soños e ambicións dos Moscoso estiveron a piques de derrubarse cando o seu fogar foi asediado polos temibles Irmandiños, aló polo século XV. Os enfurecidos campesiños, aldraxados e con fame de vinganza, arrasaron a fortaleza dos Moscoso de Altamira. 
A única das seis torres que se conserva
Dende o alto da torre da homenaxe, o vello Lope Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, a bo seguro debeu rememorar a crúa historia dos seus ancestros. Non fora nada doado defender e ampliar as fronteiras daqueles dominios que naceran nas entrañas das Torres de Altamira. El mesmo tivera que loitar para manter unidas as súas terras, nunha Galicia sumida en constantes conflitos. Uns anos atrás, aló polo 1471, a cobiza do Arcebispado de Compostela, estivera a piques de botar abaixo o nobre fogar dos Moscoso. Mais a familia sairía triunfante, e el, o patriarca, puido erixirse á fin I Conde de Altamira. A liñaxe chegou a ter moito poder no occidente coruñés, apoderándose de multitude de terras e castelos, coma o de Vimianzo, inmerso no Val da Soneira. Mais de seguro que nin nos máis profundos soños do vello Conde, puido chegar a imaxinar a grandeza que logo acadaría o seu fogar. O seu sucesor, Rodrigo Osorio de Moscoso, ampliou a fortaleza ata contar con seis torres. Logo foi erixido un cómodo e luxoso pazo, onde os membros da familia e da corte disfrutaban do seus privilexios. En 1594, o V Conde de Altamira, Lope de Moscoso Osorio, construíu unha xeitosa capela gótica, onde os membros da liñaxe eran soterrados en luxosos panteóns e con suntuosas cerimonias. Mais non tardou en chegar a decadencia e a ruína. A partires do século XVII, os condes acomodáronse, e decidiron cambiar os duros ventos de Altamira polos cálidos veráns da chaira. Mudáronse ó Pazo de Trasouteiro, e o castelo perdeu gran parte da súa actividade, da súa vida. 


Un incendio, aló polo século XVIII, asestoulle o derradeiro golpe. A vella e nobre fortaleza dos Moscoso, a casa pola que tanto loitaran os ancestros da liñaxe, comezaba a derrubarse. Durante máis dun século, os saqueos constantes converteron á vella fortaleza nunha auténtica canteira. 
Agora, no alto do Val da Mahía, somentes quedan lembranzas entre as ruínas, vellos anacos dunha nobre vida case esquecida. Do antano opulento pazo, somentes queda unha fachada onde aínda se poden ollar as mudas fiestras góticas que xa non sosteñen vidro algún. Unha das seis antergas torres aínda segue en pé, lucindo unha espléndida bóveda de canón. Aínda se mostra ante nós coma se ningunha batalla a puidera asolagar. Pode que polas noites, a pantasma do vello conde siga a ascender ata o alto da torre para vixiar os seus dominios de antano. Mais as augas do pozo xa non reflicten a luz da lúa; as pedras afundiron e asolagaron hai tempo as lembranzas do poder dos Moscoso de Altamira.


xoves, 17 de maio de 2012

A lendaria Pedra do Equilibrio


"Todo tremba n-a Terra,
todo se axita, todo se comove;
dend'as penas d'a serra;
dend'o pino que ufano ás nubes sobe,
hastr'os peixes qu'o mar prefundo encerra;
dend'as torres que teñen forte asento,
hastr'a pranta que deble rompe o vento" 

Amador Montenegro, Muxenas

O interior da provincia de Pontevedra agocha innumerables xoias ocultas que aínda nos quedan por descubrir ó longo dos vieiros desta fraga. Non toda a beleza destas terras pontevedresas fica nas súas singulares e plácidas rías; no interior, nas verdes e rochosas terras do Condado, son moi abondosos os tesouros legados pola historia e pola natureza. Os montes fican ateigados de piñeiros e carballos, que loitan co esgrevio e rochoso terreo, onde os penedos son os eternos protagonistas da paisaxe. 
As aguias e azores sobrevoan os dominios do monte da Picaraña. O nome deste outeiro, a uns catrocentos metros de altitude, lémbranos a vella laboura ancestral das terras de Ponteareas. Este foi, dende antano, chan de canteiros; fogar dos artistas que labraron dende sempre as pedras que a mesma terra lles legou. É sabido por todos que esta comarca segue a ser un referente no sector da explotación do granito, con vilas tan vencelladas a esta pedra coma O Porriño, onde a actividade supón unha parte importantísima da súa economía. 
A Pedra do Equilibrio
Os vellos canteiros legáronnos mostras da súa mestría e habilidade na mesma ladeira do Monte da Picaraña. No alto, fican as lembranzas da antiga e rexa fortaleza de Pedro Madruga, cuxas pedras fai moito tempo que desapareceron. Dominando dende o alto os vales do Río Tea, e noutra cara do monte, érguese o monumental e inaccesible Castelo de Sobroso, outra obra mestra da cantería tradicional galega. 
Mais non foron os homes os únicos que traballaron con extraordinaria habilidade e paciencia estas pedras milenarias. O vento, a chuvia e as máis diversas condicións climatolóxicas foron moldeando, coma auténticos artesáns, os afloramentos rochosos que xorden d’antre os piñeiros. O vento foi esculpindo, gran a gran, os máis diversos e descoñecidos penedos, dando lugar a formacións tan curiosas como a Pena do Sombreiro, da Raposa, do Moucho, do Escorregadoiro, ou a Pena dos Namorados. A máis espectacular de todas estas obras de arte naturais é, sen dúbida, a Pedra do Equilibrio, que fica preto da aldea de Arcos, dominando os verdescentes montes do Concello de Ponteareas. 


Dominando a estrada, érguese esta singular e xigantesca formación rochosa, este penedo que semella desafiar as leis da gravidade. Trátase dunha pena ovalada que fica ergueita no que semella ser un precario equilibrio, a piques de derrubarse sobre o camiño. Ante nós, á fin, achamos a histórica xoia traballada dende tempos inmemoriais polos elementos da natureza; a mellor mestra dos antigos e afamados canteiros destas terras. O xigantesco canto fica sostido no alto doutra xigantesca pedra circular, aínda mergullada na terra. Somentes uns centímetros evitan que a Pedra do Equilibrio se precipite a rolos dende os cento corenta e cinco metros de altitude nos que se atopa. Pode que se trate dun único afloramento, que foi traballado dende sempre polos elementos; o vento e a chuvia foron rabuñando os materiais menos duros ata atopar resistencia dunha veta máis rexa, que actúa de auténtica trabe, e que une as dúas pezas. 

Contaban os vellos monxes do Mosteiro de Canedo que a Pedra do Equilibrio oscilaba de xeito case imperceptible. Eles sabían ben do que falaban, pois contan que nos seus intres de lecer, os monxes entretíñanse deixando unha botella de vidro encanada entre as dúas inmensas pezas de granito. O máis habitual era que aparecera escachada. I é que aquí, mergullada entre as fieitas e os piñeiros, a Pedra do Equilibrio segue a agochar o segredo das inmensas e poderosas forzas da natureza. Gran a gran, e día tras día. 

domingo, 13 de maio de 2012

A anterga igrexa de Santa Comba de Bande


"Despertar da maña de Sta Comba de Bande laia-se con voz clara
e suave sosten-se sobre colunas".

Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio


Corrían os derradeiros anos do século VI nas antigas e extensas terras da Gallaecia. Por aquel entón, un pequeno pero aguerrido pobo de orixe xermánico dominaba, grazas a un acordo cos romanos, estas terras afastadas. Eran os suevos, que trala caída do Imperio crearon un reino propio nas terras que os romanos lles concederan. Proviñan das nórdicas terras do Báltico, e emigraron, coma tantos outros pobos da súa época, cara terras máis cálidas e prósperas. O seu paso foi breve, pois somentes conseguiron manter a independencia durante 177 anos, mais as intrigas entre a nobreza remataron por afundir o soño dos suevos, o de teren unha terra de seu. Cando o nobre suevo Andeca se rebelou contra Eborico, rei da antiga Gallaecia, o reino facía tempo que xa comezara a esmorecer. Dende tempo atrás, a presión do poderoso reino visigodo, asentado na Meseta, provocou que o rei Eborico amosara un temor reverencial cara aqueloutro pobo xermánico. Isto non gustou nada ós soberbios nobres suevos, que confinaron ó rei nun mosteiro, e puxeron no seu lugar a Andeca. O novo monarca casou coa nai do antigo rei, para xustificar os seus dereitos sucesorios. O rei visigodo Leovixildo aproveitou a situación para intervir no reino suevo e conquistalos. O destronado Andeca sufriu o mesmo destino que o seu antecesor; rematou os seus días enclaustrado nun mosteiro. 
Pía bautismal no adro da igrexa
Así comezaba unha das etapas máis escuras e descoñecidas da nosa historia, a do dominio dos visigodos. Para achegarnos a ela, nada mellor que viaxar ata as afastadas e indómitas terras do Xurés, e achar o único vestixio, ademais duns cantos topónimos, que conservamos da época xermánica en Galicia. Nesta dura e fronteiriza serra, habitada dende antano, seguimos a antiga Via Nova e facemos parada en Santa Comba de Bande. 
Este pequeno e xeitoso santuario ten o honor de ser, nada máis e nada menos, que a igrexa máis antiga de Galicia. Érguese dominando o curso do Río Limia, hoxe convertido nun embalse que asolagou outros monumentos senlleiros da zona, coma os dolmes de Maus de Salas ou a estación termal de Aquis Querquennis. Ante nós amósase a rexa e singular silueta deste templo único na súa especie no chan galego, e un dos poucos que aínda fican en pé na vella Europa. A pequena capela, de tan só dezaoito metros de longo por doce de ancho, sobrevive en pé dende o ano 675. Amosa unha planta de cruz grega, que foi ampliada no costado oriental cunha ábsida, e cun pórtico na fachada de poñente. Foi restaurada, xa no ano 872, pero conservou a estrutura e a decoración orixinal. As catro naves, cubertas cunha bóveda de medio canón, e construídas con ladrillo ó estilo romano, converxen en catro arcos de ferradura baixo unha gran lanterna de catro augas. No interior, pouco decorado, descubrimos que as columnas centrais son de mármore negro, o que nos fai pensar naqueles tempos de saqueos, nos que as ruínas fumegantes do vello imperio eran auténticas canteiras de onde se extraían materiais de construción. Ademais da columnas, dous chapiteis puideron tamén ter sido extraídas das ruínas de Aquis Querquennis. Ademais conserva pinturas tardo-medievais no seu interior e outros pequenos detalles decorativos. 


As pequenas modificacións que se lle fixeron no século XIX, non foron quén de destruír a fermosura e a singularidade de Santa Comba de Bande. O seu pequeno tamaño é un dos seus trazos máis distintivos. Chama a atención ver a cantidade de rexas naves que se cruzan nun espazo tan reducido. No exterior, vemos antigas inscricións que falan dos abades que habitaron as pequenas estancias monacais. Contan tamén que estivo baixo o control do mosteiro de Celanova. Unha pía bautismal de pedra maciza preside o pequeno adro, namentres unha traballada celosía recolle a luz dos amenceres, e ilumina o interior do tan escuro como antigo santuario de Santa Comba de Bande, a igrexa máis antiga de Galicia.

domingo, 6 de maio de 2012

O petróglifo muradán de Laxe das Rodas


"Camiños que son de lonxe e sempre
en silandeiro e grande o compromiso
coa liberdade sen fin e sen acougo: irmau
maior, ficas aquí no aire e terra en que prantamos
este callao xigante e alfabético
co teu nome e datas, para que saiban futuros
que aínda moras consentido no sochán da gándara
e aloumiñas as testas do careón, do faro,
bocelo, o carrio, cova da serpe, o monte sunmio,
candán...e ao lonxe o mar que tanto sabe a memoria
de nós e nunca esquence a despedida no fulgor
dos soles: anuncio en petroglifo que labramos".

Xosé Vázquez Pintor


Nestas datas, o amarelo da flor do toxo tingue as rochosas costas coruñesas. O vento aloumiña as esgrevias ladeiras que se funden co Atlántico, e coa branca escuma emerxida d’antre a loita do mar e das rochas. Cara ó sur da costa coruñesa, aló onde se abre a ampla e fermosa Ría de Muros e Noia, a costa tórnase prácida e sosegada. Aló onde morren as intricadas serras do Monte Pindo, Monte Louro dálle as costas á afastada e maxestosa silueta do lendario Cabo Fisterra, aló onde remata o mundo. Ascendemos polos montes do fermoso e pintoresco lugar de San Francisco de Louro, no Concello de Muros. 
Segundo ascendemos, albiscamos algunhas das máis fermosas paraxes da Ría de Muros e Noia, e do Monte Louro e a súa relucente lagoa. Imos deixando tras de nós as poucas árbores que loitan por medrar neste pedregoso e abrupto terreo, namentres camiñamos cara os touzales de xestas e toxos que cobren de amarelo estas ladeiras. Os nosos pasos lévannos ata a pequena e intricada aldea de Taxes. Este solitario pero belido lugar constitúe para nós un punto de partida de cara ó noso obxectivo final, que se agocha nas douradas ladeiras que ollan ó mar, aló nas faldras do outeiro de Eiroa. Estas terras estiveron habitadas dende tempos inmemoriais polos nosos antergos máis remotos, pobos primitivos que deixaron nestes montes a proba máis profunda do seu xeito de vivir e de pensar. Un xigantesco penedo anúncianos que andamos preto da Laxe das Rodas, un dos petróglifos máis fermosos e mellor conservados do chan galiciano. O conxunto foi gravado na superficie dun afloramento de granito que sobresae lixeiramente do terreo. Sobre esta enorme laxa, consérvase un incrible complexo de arte rupestre, do cal quedan nove figuras. 
Neste recuncho cheo de maxia e baixo a sombra dos montes, contemplamos os profundos e suxestivos sucos gravados, meticulosamente na rocha, por algún artista da época. Estas figuras abstractas semellan absorbernos e mergullarnos nas súas estrañas e misteriosas formas. A carón deste impresionante petróglifo, e de cara ó Monte Louro, un xigantesco penedo semella un altar de pedra que domina toda a contorna. 


Na súa superficie, un incrible e intricado complexo de cazoletas garda os liques e as algas na auga repousada. Este lugar está ubicado nunha estratéxica atalaia, protexido somentes pola maleza. ¿Puido ter sido este encrave un antiquísimo altar onde se realizaban ofrendas para pedir ós deuses boas colleitas? Pouco sabemos disto. Calcúlase que puideron ser elaborados entre a Idade do Cobre (IV milenio a.C) e a Idade do Ferro (século V a.C.), e aínda estamos moi lonxe de interpretar e descifrar esta anterga e derradeira mensaxe que os ancestros nos legaron para a posteridade. Naquelas épocas orixinarias da historia de Galicia, o culto ó sol, á lúa, á morte, á fecundidade e a outras forzas da natureza estaba moi presente. Algunhas da formas gravadas na laxa ben poden representar astros ou as antigas divindades. Un dos gravados, formado por tres círculos concéntricos ó redor dunha pequena coviña con desaugadoiro, podería ser unha representación do astro rei. Outra teoría moi estendida afirma que na Laxe das Rodas, o que hai gravado é un almanaque laboral, baseado nos ciclos lunares, e que axudaría ós primeiros labradores a organizar as tarefas da terra. Así o parece suxerir a multitude de pequenas coviñas que arrodean ás formas circulares. Nembargantes, a hipótese máis chamativa é a que expuxeron Bradley, Fábrega e Criado no ano 1995. Segundo estes investigadores, a disposición e a forma das figuras representarían un mapa de recursos da contorna. 


A estratéxica ubicación axudaría ós pastores e cazadores itinerantes, a interpretar a mensaxe. Os petróglifos serían, polo tanto, unha especie de bosquexo coas riquezas do lugar, unha mensaxe primitiva gravada nunha linguaxe gráfica e esquemática. Para aquelas tribos primitivas, que non coñecían ningún tipo de escritura, era o único xeito de comunicar, e transmitir ás xeracións vindeiras a base da súa comunidade. O certo é que a figura principal, constituída por dúas espirais de diferente tamaño, pode representar o Monte Louro e a súa contorna. ¿Pode ter sido un esquema onde se suxerían formas orográficas do lugar? A carón aparece gravada con sinxelos pero elegantes trazos o que semella ser unha cabra montesa. Non é disparatado imaxinar que os cérvidos e outros animais que tan de cotío vemos nos petróglifos de Galicia, podían ser indicadores da riqueza de caza das diferentes zonas. Se todo isto fora certo, os petróglifos serían o único documento co que poderiamos entender a vida, as necesidades, e as inquietudes máis profundas dos galegos orixinarios.

martes, 1 de maio de 2012

Pazo de Cotón, a vella fortaleza nicrariense


"Irrompe o silencio outonal da tarde nas casas vacías,
na terra rosada
que o longo horizonte conduce ata o infindo.
revélase leda coma unha cascada
a flor da natura:
o remanso e a paz presentidos dende as cordilleiras
anuncian a mesma cansada agonía
do día
que apaga e que morre.
e quedan insomnes 
a áspera condición dos montes sombrizos,
o suave verdor dos campos abertos
que espreitan, submiso.
Hai coma unha longa tradición de vida
séculos infames que deron á terra sabor de ignominia
        *   *   *
Hai que renace-lo leite, a terra e a arxila,
camiñar no vento, na neve, no incendio,
e que o sangue matriarcal nos redima,
Barcala,
solar de verde condición, lindo país de brétemas,
terra miña"
Xosé Manuel López "Ardeiro", Un xardín no tempo

O Camiño Real cara Fisterra atravesa o Pazo de Cotón
Retornamos ás terras do Tambre, ata o corazón mesmo do Val da Barcala. Son estas terras extensas pradarías e fragas enxoitas de vida e de beleza. As vacas pacen nos prados, a carón dos vieiros e camiños. Elas son o piar fundamental da economía e cultura destas fermosas terras do interior coruñés. Os antigos vieiros sobre o río Tambre atravesan os verdes e fértiles vales das terras da Barcala. Non en van, as terras nicrarienses son antigos sendeiros de paso dos peregrinos e camiñantes que, dende numerosos puntos de partida, se dirixían á Fin do Mundo, a Fisterra. Contan tamén que polas terras da Barcala pasaba a vía XX Per Loca Maritima, que unía Grandimirum (Brandomil) con Aquis Celenis (Caldas de Reis)
Segundo nos imos mergullando, a paisaxe preséntasenos ateigada de especies centenarias, vellas árbores que seguen o curso dos ríos que se unen ó Tambre nestas altas terras a carón da anterga capital de Compostela. A riqueza desta comarca fixo que, dende sempre, fose terra de pazos. Estes fogares nobiliarios aparecen ante nós ó longo e ancho do concello de Negreira e algúns dos máis coñecidos son o pazo de Bugallido, Balandrón, ou Albariña, pero o máis senlleiro de todos é o Pazo de Cotón, un dos máis monumentais do extenso chan galego. Achegámonos ata a Nobre e Leal Vila de Negreira para ollar de preto esta marabilla da arquitectura pacega, que tan presente está na nosa terra. 
A historia desta vila gandeira está intimamente vencellada a este Pazo de Cotón, nembargantes as orixes desta poboación, remóntanse ó lendario Reino Suevo de Galicia. A vella Nicraria, hoxe coñecida como Negreira, foi concedida como feudo á mitra compostelá. Coma tantos outros lugares de Galicia, foi destruída polos viquingos normandos, e non sería reedificada ata o 1113 por Afonso de Galicia. A partires do reinado dos Reis Católicos, deixou de estar baixo o dominio do Arcebispado, e pasou a estar baixo a xurisdición real da Coroa. A historia de Negreira, a partires dese momento, foi similar a do resto de Galicia. A partires do século XIX viviu un gran momento de crecemento e esplendor. Non en van, acadou o grao de Vila durante a restauración, e posteriormente o xulgado. 
Negreira medrou arredor do Pazo de Cotón. Tanto é así, que unha rúa principal da vila atravesa, literalmente, a vella casa pacega. É o Camiño Real polo que os peregrinos atravesaban a vila, camiño de Fisterra. Ós pés dos rexos muros de cantería, contemplamos a sobria arquitectura militar do Pazo de Cotón. As catro torres redondeadas e os teitos ameados lémbrannos a primitiva función defensiva dunha fortaleza que ten as súas orixes no Medievo. A reconstrución que sufriu no século XVIII conservou a singular arquitectura militar. 


O pazo é privado, polo que non podemos gozar do seu interior. Nembargantes, dende fóra, podemos albiscar a rexa silueta deste nobre fogar, declarado Monumento Histórico Artístico. Pasamos por debaixo do arco de pedra que semella vixiar o vello camiño. Ó noso carón, vemos que parte dos baixos dos seus muros albergan comercios e locais, unha boa mostra de que o pazo segue a vivir de cara á vila. Ollamos o frondoso bosque que o arrodea, e que se estende ó longo dunhas dez hectáreas en pleno casco urbano. O edificio, pola súa banda, conta con dous mil metros cadrados por planta, un pombal onde cabían máis de trescentos niños de pombas, e algúns dos exemplares de camelia máis antigas e fermosas da contorna. Isto danos unha idea da grandeza deste histórico conxunto pacego. 
Unha vez atravesado o arco, ábrese ante nós unha fermosa alameda que acolle á Igrexa de San Mauro, barroca, con tres naves e unha sobria fachada. Este templo fica unido ó pazo a través dun corredor de pedra ameado, por debaixo do que pasa o Camiño Real. No seu día foi a igrexa do pazo, mais os señores cedérona ó pobo nicrariense para exercer deste xeito, de igrexa parroquial. Sobre os elegantes arcos ollamos os escudos das antigas familias que habitaron esta casa ó longo do tempo. Liñaxes das máis poderosas de Galicia, coma os Mariño, os Lobeira ou os Saavedra, agochan unha parte importante da historia e dos segredos máis ocultos do Pazo de Cotón, a vella fortaleza nicrariense, a carón do caudaloso río Tambre.