luns, 29 de decembro de 2014

As lembranzas dun peche de ano no Cebreiro


“Cando o pestifle vento en harpa desacorde
desataba os sopridos dun inverno xabreiro
pola rosa dos montes que nacen no Valcarce
subía un peregrino ata o Cebreiro.
En soedade núa e en harmónica paz
viña desde moi lonxe seguindo aquel andar
co caudal da fortuna nunha bolsa baldeira,
un vestido de estopa, un codelo de pan,
un cabaciño de auga e un caxato na man”
Helena Villar Janeiro

Hoxe cúmprese exactamente un ano dende que decidín subir até Os Ancares, na compaña dos meus amigos Samuel e Adrián, para pecharmos un ano de vida, traballo e viaxes nunha das máis antigas, senlleiras, simbólicas e máxicas aldeas deste noso país. Despedimos o 2013 pisando a branca e fría neve que asolaga as pallozas, os campos e as rúas do elevado lugar do Cebreiro; porta de entrada a Galiza de milleiros de peregrinos que se achegan até Compostela a través do Camiño Francés. Quixemos rematar os derradeiros días do ano afastándonos do mundanal ruído e procurando o recendo das bidueiras, que coma pétreos e xigantescos incensarios, semellan fumegar as acesas lareiras da montaña. Non tiñamos presas nin demasiados plans preestablecidos, tiñamos tempo pra conversar, calar, xantar e naufragar nalgunha xerra de sacro mencía. E para ben ou para mal, así fixemos. Lembro que chegaramos ó Cebreiro a media mañá, que nevaba lixeiramente, e que nos custou bastante comezar a camiñar polas súas rúas.


O primeiro que fixemos foi achegarnos até o santuario do lugar, a Igrexa de Santa María A Real do Cebreiro, primeiro santuario galego para o peregrino do Camiño Francés e o monumento máis antigo conservado integramente da ruta xacobea. Esta igrexa, prerrománica do século IX, posúe unha planta basilical con tres naves de 18 metros de lonxitude, separadas por rexos piares, que rematan nunha tripla cabeceira. Esta igrexa, restaurada durante o ano 1962, é o único que queda dun antigo mosteiro fundado entorno ó ano 863 por monxes beneditinos chegados da abadía francesa de Saint-Geràud, que dispoñía de mesón e hospital para atender ós peregrinos, e que estivo en funcionamento até o ano 1858. Conta unha das lendas do Cebreiro que os días de densa néboa, estes monxes beneditinos trataban de orientar ós peregrinos perdidos até o mosteiro tocando unha campá. 


As entrañas deste santuario albergan dúas capelas, ademais dunha enorme pía bautismal do século XVIII na que o sacramento se realizaba por inmersión, a talla da Virxe do Cebreiro, que data do século XII, e un relicario doado polos Reis Católicos no ano 1486 e que nos nosos días protexe i expón un graal e unha patena que datan da segunda metade do século XII. Este santuario está estreitamente ligado á “Lenda do Santo Graal”, lenda que ten as súas orixes  aló polo ano 1300.  Esta lenda conta que un día de forte tempestade, de frío e neve, o cura do Cebreiro estivo a piques de anular a misa porque pensaba que non iría ninguén. Malia todo, aparecería un único devoto. Foi entón cando o cura, un pouco enfadado, diríalle ó devoto que sería unha parvada que viñese con tal tempestade ata a igrexa somentes pra ver un pouco de pan e un pouco de viño. Acto seguido, comprobaría como a hostia se convertía en carne, e o viño en sangue. Contan que logo de ver tal milagre, este cura, home de pouca fe, caería ó chan e morrería no acto. 


Logo de ollar aquel santo graal, e o nevado camposanto, decidimos seguir camiñando polas rúas do Cebreiro con certo tento e precaución, xa que estas, en certos tramos, ficaban escorregadizas polo xeo; que tamén ficaba presente, en forma de estalactitas, na base dos teitos vexetais das pallozas. A neve estaba presente en cada recuncho desta antiga e afastada aldea; nas rúas, nos teitos, nos campos, no horizonte. Logo de percorrela aldea, decidimos acubillarnos ó calor da lareira e sentarnos na mesa dunha casa de comidas familiar, xenerosa e farturenta. Bebemos un espirituoso e sacro mencía, xantamos carne e degustamos un saborosísimo prato de Queixo do Cebreiro con mel. Aquel día no que nada tiñamos preparado máis que chegar ata O Cebreiro i estarmos xuntos, o certo é que xantamos, bebemos, conversamos, rimos, calamos; queimamos un pequeno anaco de tempo das nosas vidas a carón daquela lareira. 


Aproveito este ledo recordo, este cabodano daquela fantástica viaxe ó Cebreiro e á Comarca dos Ancares, para desexar que as folerpas que aínda están por chegar non deixen desta volta tantas carencias e inxustizas, tanta dor e tristeza; tanto mal. Oxalá que as inmaculadas folerpas que están aínda por caer traian a paz, a abundancia e a felicidade que tanto precisamos pra seguir ollando o horizonte con esperanza e pra conformar o noso camiño, as nosas metas, as nosas ilusións; a nosa propia vida. Que agora, máis que nunca, o tempo si entenda de fronteiras, de finais e de comezos, de puntos e aparte. Toca detérmonos, mirar adiante; toca volver a comezar. Boa entrada de ano, amig@s, bo 2015 para tod@s!

luns, 22 de decembro de 2014

O mosteiro mercedario de San Xoán de Poio


“Quen fora pedra, quen fora santo
D'os qu'ali hai
Coma San Pedro, n'as mans as chaves
C'ô dedo en alto como San Xoan,
Un-has tras outras eneracioes
Vira pasar
Sin medo â vida que dá tormentos
Sin medo â morte qu'espanto dá”
Rosalía de Castro, Follas novas

Xa debeu pasar como cousa dun par de anos dende a miña última visita ó Concello de Poio, desta volta sería por motivos laborais, polo que pouco tempo tería para coñecer os meirandes segredos deste concello pontevedrés. Nembargantes, tería a sorte de pasar e determe a carón dun dos recunchos de Poio onde mellor se mesturan a arte, a historia e a fe. Detívenme a carón do Mosteiro de San Xoán, no centro mesmo da vila e de fronte á Casa do Concello. Debido ás presas que naquel intre me supuña o traballo, non puiden pararme a contemplar con tranquilidade o mosteiro, mais coido que aquela impresionante fachada da igrexa, tan somentes o pouco que puiden coñecer do San Xoán de Poio, pareceume máis que digna de ser retratada e lembrada nesta bitácora. 

O San Xoán de Poio é un mosteiro beneditino medieval. Non resulta doado precisar a data concreta da súa fundación, mais crese que puido ser aló polo século VII e da man de Frutuoso de Braga. A primeira proba achada entorno ó mosteiro dataría do ano 942, e a partires daquel entón recibiría privilexios e distincións reais e nobiliarias, chegando mesmo a incorporarse á Congregación de San Bieito de Valladolid. Entrámbolos anos 1548 e 1556 chegaría a albergar tamén un Colexio Maior de Teoloxía. Sería no 1581 cando darían comezo as obras da igrexa e do claustro principal ou procesional, que serían executadas entre o ano 1600 e o 1612. Tan somentes un ano despois, no 1613, abriríanse as portas do Colexio de Pasantes do San Xoán de Poio, que permanecerían abertas até o ano 1834. Coa Desamortización de Mendizábal comezaría a tornar para peor a realidade do mosteiro. Aló polo 1890, os monxes beneditinos rematarían por abandonar o San Xoán de Poio, que sería ocupado polos relixiosos da Orde da Mercé. Estes últimos, os mercedarios, levan habitando o mosteiro dende aquel entón até os nosos días. A igrexa foi erixida no século XVII por Pedro de Monteagudo seguindo os patróns dun plano datado de finais do século XVII e da autoría de Fray Gabriel de Casas, mestre das obras de San Martiño Pinario. No ano 1700, a obra quedaría sen rematar e tería que ser finalizada por outro mestre tan somentes oito anos despois. A fachada desta igrexa fica enmarcada por dúas torres cunha portada con dous pares de columnas de chapiteis dóricos na parte inferior, entre as que se localiza a imaxe de San Xoán Bautista, e outros dous pares na parte superior; desta volta de chapiteis corintios. Este mosteiro posúe dous claustros; o da portería e o principal. O primeiro é rectangular e foi erixido  entre o 1747 e o 1749. O principal, máis pequeno e de planta cuadrangular, foi erixido a canda a igrexa e posúe unhas naves cubertas cunha bóveda de cruzaría estrelada. Abandonei o San Xoán de Poio, se cadra, un pouco máis apresurado do normal, mais non menos impresionado, fascinado ou sorprendido; non menos satisfeito do habitual.

O Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras


CONFÍN 
        (Trandeiras)

“Neste confín do inverno
de levísimas seivas,
invisíbeis, a penas,
fan o amor as palabra”
Francisco Domínguez Romero, 24 poemas

Este pasado verán,  namentres percorría os cháns e alongados vieiros limiaos na procura da impoñente Torre da Pena, acharía moi preto desta pétrea e lonxeva atalaia, a uns sete quilómetros de Xinzo da Limia e na mesma parroquia de San Pedro da Pena, o pequeno lugar de Trandeiras. Nese intre caín na conta de que neste lugar existía un mosteiro, o do Bon Xesús, polo que non dubidei en tratar de achegarme ata el. Para a miña sorpresa, acharía neste Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, e case sen decatarme, boa parte da soidade, da paz e da harmonía que viña a procurar  a estas ermas e chás terras da Limia. Detívenme de fronte á fachada da igrexa e comecei a recender a súa historia e a dos seus antigos e relixiosos moradores. O Mosteiro do Bon Xesús ten as súas lendarias orixes nunha primitiva ermida construída logo de que uns cabaleiros portugueses achasen nos arredores unha imaxe do Meniño Xesús. Tal foi a sona que foi xerando a imaxe, que a ermida comezaría a ser un ir e vir de fe e devoción. Este feito propiciaría a posterior fundación do mosteiro polos Franciscanos. 


Sería  no ano 1520 cando se fundaría oficialmente o mosteiro, e sería da man do prior de Xunqueira de Ambía, Don Alfonso de Piña, que amais de prior era promotor e mecenas de empresas de arte. Tres anos despois, no 1523, os franciscanos estableceríanse e comezarían a habitar o mosteiro, aínda sen rematar, para contribuír a axilizar a finalización das obras. Conta a súa historia que no ano 1668, un incendio, que non sería o último que lle tocaría vivir a este mosteiro, arrasaría por completo as celas abaciais. 

Durante a Revolución Francesa, as instalacións do mosteiro serían empregadas como refuxio de bispos e sacerdotes de orixe gala. Crese que foron máis de 300 os eclesiásticos acollidos polo bispo Quevedo, moitos deles hospedados neste Mosteiro do Bon Xesús. Aló polo 1809, durante la Guerra da Independencia, sucedería outra gran traxedia neste mosteiro limiá de Trandeiras. As tropas galas arrasarían a igrexa e tódalas súas imaxes, asasinando atrozmente ós monxes, sacerdotes e veciños do lugar. Un segundo incendio, desta volta no ano 1813, devoraría unha enorme parte do mosteiro, para pouco tempo despois, pasar a ser abandonado de xeito definitivo. 

Nos nosos días, o mosteiro fica parcialmente en ruínas, sobre todo o claustro. A igrexa, nembargantes, consérvase completamente íntegra i en perfecto estado. Este templo, que posúe unha sinxela pero fermosa fachada rematada por un piñón con cruz e unha cadrada torre do campanario, fica operativa e coas portas abertas na actualidade. No centro da fachada, sobre do tornachoivas, acharía unha pequena imaxe do Meniño Xesús. Baixo da imaxe, unha fermosísima portada gótico-plateresca, con claras influencias portuguesas, e composta por un arco rodeado de arquivoltas adornadas de motivos vexetais, rosetas i escudos.  

Logo de ollar a igrexa, decidín internarme no claustro. Sorprendeume atopalo tan abandonado e medio en ruínas. Malia todo, tamén hai que dicir que algunhas partes do mesmo consérvanse íntegras. Este claustro posúe unha planta cuadrangular e fica conformado por un total de vinte e oito arcos e chapiteis. Tanto a igrexa como o claustro semellan responder a tipoloxías do primeiro renacemento, mais tamén conservan elementos góticos da última etapa do Medievo, tal que cubricións de cruzaría, e a decoración das portadas e arcadas; que recordan as formas empregadas pola arte "isabelina" en Castela e o "manuelino" no veciño Portugal. 

Namentres percorría os catro laterais deste claustro renacentista, fun ollando as portas e ventás, os arcos e as columnas que seguen en pé, así como os sinxelos chapiteis, adornados con todo tipo de decoracións vexetais e animais; que resisten entre a maleza e o abandono, baixo musgos, hedras e liques. É unha auténtica mágoa achar tras da viva e intacta igrexa, e tras da súa inmaculada fachada, tanto silencio e tanta ruína. 


A meirande parte deste mosteiro, agás a igrexa como anteriormente dicía, e o claustro central, que aínda conserva parte dos fermosísimos arcos e columnas; fica nun avanzado estado de abandono e de ruína. No claustro do Bon Xesús puiden ollar as pegadas dos antigos pisos onde se localizaban as celas abaciais, así como ventás, portas tapiadas e até bodegas. Quen sabe canto non se ten espoliado neste antigo fogar de abades franciscanos, quen sabe canto non terán levado. Estes muros testemuñan todo o que eiquí existía e tamén o que xa non está; celas e celas desaparecidas, arruinadas, esquecidas; somentes presentes nas marcas que, coma cicatrices, berran dende as paredes que aínda fican en pé.


Namentres percorría este claustro solitario e silencioso, puiden sentir unha paz e unha harmonía que me sorprendeu e que precisaba. Quen sabe se foi o lugar, o silencio, a arte, a historia, a fe ou as mesmísimas enerxías telúricas deste esquecido recuncho limiao. O certo é que abandonei o Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, este recuncho non planificado, un pouco máis renovado e tranquilo; un chisco máis en paz. 

domingo, 21 de decembro de 2014

A inspiradora serea da Capela do Patrocinio


“estou debuxando.
unha liña
outra. non sei
a qué se asemella.
non me decato da hora. nin do volume.
nin reparo na elíptica da terra ou se este ano é bisesto.
¿serei home?¿serei muller? nin me importa.
¿serei serea?”
Estíbaliz Espinosa, --orama

Desta volta non serían os cervos gravados en pedra nin a casualidade, nin tampouco o destino, o que me faría retornar até o Rianxo natal do noso ilustre médico, poeta, escritor, político, debuxante e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Desta volta procuraba un escudo onde se representa unha pétrea serea, da que algo me tiña falado xa o meu bo amigo Adrián, que puido ser toda unha fonte de inspiración para Castelao á hora de debuxar a comezos do século pasado a súa proposta para o escudo da Galiza no que, como todos sabemos, representou a unha loira serea soportando un escudo que reza: “Denantes mortos que escravos”. O certo é que o meu amigo Adrián, ademais, tivo a ben pasarme unha ligazón a un interesantísimo blogue rianxeiro titulado “Fotos de Rianxo”. Neste espazo dixital acharía unha gran información sobre este tema, e o máis importante, o lugar onde atopalo. Neste blogue falábase da existencia de dous escudos semellantes no Concello de Rianxo; un na Capela do Patrocinio, no lugar do Rianxiño, pertencente á Parroquia de Santa Comba de Rianxo, e o outro no Pazo de Asadelos ou dos Torrado, na Parroquia de Santa María de Asados. Tomei notas das referencias e dos enderezos, e lisquei cara Rianxo. Inicialmente decidín achegarme até a Capela do Patrocinio, que como dicía, fica no Rianxiño, moi preto do núcleo urbano de Rianxo. 

Acharía aquel escudo, aquela serea que a bo seguro debeu inspirar a Castelao, na franxa dereita da fachada da pequena Capela do Patrocinio ou de San Xosé da Floresta. Debo recoñecer que me resultou bastante sorprendente. Aquel era o escudo da estirpe dos Mariño, liñaxe orixinaria da Illa de Sálvora i estreitamente ligada á Casa de Traba. Olleino detidamente tratando de analizar as sutís semellanzas e diferenzas que garda co debuxado por Castelao a comezos do século XX. As semellanzas máis evidentes parecen ficar entorno á figura da serea, sempre que obviemos, iso si, que a debuxada por Castelao non amosa os peitos, presenta un cabelo máis solto e unhas cadeiras notablemente máis anchas que a do escudo dos Mariño. Os brazos da serea debuxada por Castelao semellan tamén máis descansados e máis naturais que os do escudo da capela. As principais diferenzas radican no interior mesmo do escudo. Castelao substitúe as ondas, as armas, o lobo e o piñeiro representados no escudo dos Mariño por unha fouce e unha estrela de cinco puntas, arrodeada por unha cinta que reza, como dicía; “Denantes mortos que escravos”. No blogue “Fotos de Rianxo”, de onde puiden sacar a meirande parte da información, puiden achar unha interesante declaración de Castelao sobre deste escudo da Capela do Patrocinio: “A serea tenante da capela do Patrocinio sostén con exipcia frontalidade armas dos Mariños notabelmente estilizadas no primeiro coartel e tal ves Piñeiros na metade inferior. A capela está datada no ano de 1665″.  Logo de coñecer esta capela, promovida por Xacinto Varela Becerra Sotomayor, i esta pétrea serea dos Mariño, decidimos procurar a outra serea que puido inspirar a Castelao e que ficaría no Pazo de Asadelos. Para a miña desgraza, ó chegar á parroquia de Santa María de Asados, atoparía o Pazo de Asadelos completamente pechado e case que abandonado. Neste pazo estaría a segunda serea dos Mariño no Concello de Rianxo, desta volta sería dos Torrado Mariño; un espectacular escudo dunhas dimensións aproximadas de dous metros. Foi unha mágoa non poder ollar esta segunda serea. Malia todo, abandonei Rianxo máis que satisfeito; o feito de coñecer esta serea do Patrocinio, de ollar un recuncho contemplado e vivo no maxín do noso mestre rianxeiro, é algo realmente máxico e indescritible.

venres, 19 de decembro de 2014

A vianesa Torre da Homenaxe


“Fálame, cousa bonita,
¡das raioliñas da lúa
que entran, a furto, na ermita!
E no me lembres a torre
donde te tuvo enmeigada
industria de amor que morre...
¡Doutros máis altos destinos
che fala a paz destes ermos
i o psalmear destes pinos!
Quen te veu, musa, algún día
fastuosiña no adro,
desguedellada na fía”
Antonio Noriega Varela, D’o Ermo

Denantes de que este pasado verán me internase en solitario nas comarcas ourensás da Limia e de Valdeorras, denantes mesmo de coñecer as senlleiras e históricas torres de Sande, Sandiás e a Pena, achegaríame até a Comarca do Bolo para visitar e retratar a Torre da Homenaxe doutra importante fortaleza nobiliaria galega ateigada de batallas e historia, e inmersa no centro mesmo dunha pequena vila ourensá, nunha paraxe de gran valor natural e paisaxístico. A torre que agora nos ocupa non é outra que a de Viana do Bolo. A historia desta fermosa e harmónica vila foi xerándose entorno ó seu castelo, -entorno a esta maxestosa Torre da Homenaxe-, que dende a baixa Idade Media e até os nosos días, fica en pé no centro e no alto; no corazón e nas entrañas desta vila. Nada máis chegar a Viana, como non podía ser doutro xeito, albiscaría a impoñente Torre da Homenaxe no alto dun promontorio e arroupado polos fogares dos veciños. Achegueime ata ela logo de deambular en silencio polas pétreas e intricadas rúas vienesas. 

A Torre da Homenaxe de Viana do Bolo, a derradeira lembranza, o derradeiro vestixio da orixinaria fortaleza baixomedieval sobre da que se foi xerando a vida desta vila, posúe unha planta cadrada de 10 por 10 metros, e uns 18 metros de altura. Foi erixida sobre dun asentamento castrexo arredor do ano 800 coa finalidade de servir de defensa contra as esporádicas incursións dos árabes. De feito, sería destruída por estes durante as batallas que mantiveron cos vianeses. As primeiras referencias achadas falan de que no 1180 chegaría a Viana do Bolo Fernando II de León, que atoparía a Torre da Homenaxe completamente destruída, co propósito de reedificala e repoboar a vila. Co paso do tempo, esta torre pertencería á Casa de Lemos, inicialmente da man de Fernando Osorio de Castro, e tempo despois por medio de Pedro Enríquez de Castela, Conde de Trastámara e Lemos.Posteriormente, a fortaleza sería propiedade de Felipe II. Durante o século XV, a torre volvería a ser de novo derrubada logo dunha serie de conflitos pola súa sucesión, e sería reconstruída novamente ó longo do mesmo século XV por Rodrigo Alonso Pimentel. Durante o século XVIII derrubaríase boa parte da muralla exterior da fortaleza, e durante a Guerra Civil, a torre albergaría o cárcere da vila. 

A Torre da Homenaxe, o derradeiro vestixio da antiga fortaleza, foi Declarado Monumento Histórico-Artístico o 22 de Abril do 1949, e actualmente alberga nas súas entrañas o Museo Etnográfico de Viana do Bolo, no que se exhibe unha ampla mostra de cultura popular e tradicional da zona, así como unha sala de exposicións pictóricas ateigada de cadros da pintora vienesa Nelson Zumel. A Torre, que aínda conserva a porta de entrada ó Patio de Armas e tamén a que servía de acceso ó Patio de Honor, está dividida en dúas partes; a superior e a inferior. Na parte inferior, é dicir, na planta baixa, localízase a sala de exposicións. Este andar fica cuberto por unha bóveda de canón sobre da que se ergue a parte superior; a que alberga o museo e que está composta polos tres restantes andares. É unha auténtica sorte que esta Torre da Homenaxe de Viana do Bolo sexa hoxe propiedade do pobo, de tódolos vieneses e galegos, e que fique nos nosos días tan ben conservada e coas portas abertas. Mais desgraciadamente, e como ben sabemos, non sempre é así. Despedinme desta antiga vila ourensá descendendo con tento e paseniño, por antr’as intricadas e pétreas rúas vienesas, o outeiro no que se asenta esta impoñente e histórica Torre da Homenaxe, albiscando as augas do Encoro do Bao, os mestos e verdescentes bosques da contorna e outros “máis altos destinos” que aínda me resta por coñecer. 

sábado, 13 de decembro de 2014

Moraime, o mosteiro da Costa da Morte


“A tremer as raiolas derradeiras
no vivo azul do palio da serán
e a broslar con fulgor de escentileos
o líquido mantel do sagro altar;
Nosa Señora a Terra de xoellos
escomeza a rezar,
e aló na lontanía a hostia santa
ensanguentada nos abismos cai.
A fonda escuridade bate as azas
no misterioso oriente; a tarde xa
recolle as súas ledas galanías
esprendentes de lus e craridá.
Morre o día na crus do lusco-fusco,
aguniza na door crepuscular;
os vermellos callóns de sangue quente
esmorecendo no seu corpo van.
Nosa Señora a Terra de xoellos
continúa a rezar,
ollando como aló na lontanía
a rosa da esperanza se desfai.
Para lle dar o adeus da despedida
abala o branco lenzo dun praial
e adianta cara alén un brazo espido
por enriba do mar.
Baixo o manto de sombras torturadas
que en silenzo reméxense no ar,
Nosa Señora a Terra de xoellos
non cesa de rezar”.
Gonzalo López Abente, Centileos nas ondas

Algo ten chovido xa dende a última vez que tiven ocasión de percorrer boa parte do Concello de Muxía. Se non me trabuco, debeu ser polo mes de xaneiro do pasado ano. Naquela ocasión somentes tiña como obxectivo visitar a cara máis rural deste concello da Costa da Morte, e por riba de todo, achegarme até un dos máis históricos e importantes templos destas terras atlánticas de ardentes solpores. Xa tiña ganas de coñecer o que queda do San Xián de Moraime, o antigo mosteiro da Costa da Morte. Achegueime até esta parroquia muxiá dende a miña Fisterra natal, deixando á miña esquerda o extenso e máxico Areal do Rostro, onde aínda se albisca parte do armazón metálico do navío portugués 'Silva Gouveia'. Denantes de chegar ó núcleo da vila de Muxía, -topónimo que pode derivar de “monxía”, terra de monxes-, albiscaría a carón mesmo da estrada a silueta dunha das torres do campanario da igrexa de Moraime, o pouco que queda do antigo mosteiro. Achegueime até a igrexa, un templo que data do século XII, para comezar a indagar no pouco que queda da historia e características deste cenobio case que desaparecido. 


A fundación do Mosteiro de Moraime data do século XI, e pertenceu á orde de San Bieito. As primeiras doazóns seríanlle concedidas ó mosteiro de mans da estirpe dos Condes de Traba. Tamén recibiría posteriormente doazóns do rei Fernando II de León, e a axuda do rei Afonso VII de Castela, que sería vital para a construción do templo durante o século XII. Nembargantes, todo cambiaría a partires da segunda metade do século XIV. Durante este tempo daría comezo a decadencia no mosteiro, propiciada polos continuos saqueos de boa parte da pequena nobreza do rural. Até o 1489 dependería do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, mais a partires dese mesmo ano pasaría a depender, por orde dos Reis Católicos, do Real Mosteiro de San Bieito de Valladolid. O templo de San Xián, actual igrexa parroquial de Moraime, é un edificio románico que, como dicía anteriormente, data do século XII e posúe unha planta basilical con tres naves de gran altura, e tres ábsidas, distanciadas por columnas cadradas, a excepción da que se asenta entre a nave central e a lateral norte, que é circular. 


No adro da igrexa acharía numerosos cadaleitos graníticos de grande atractivo e antigüidade. A fachada do templo divídese en tres corpos separados por un par de contrafortes. Entrámbolos dous devanditos contrafortes localízase o pórtico, mediante o cal se accede ó interior do sacro edificio e que se compón de tres arquivoltas ateigadas de sacras e graníticas figuras, entre as cales semellan ficar representados os apóstolos. Cada ángulo lateral da fachada remata nun campanario. Pouco despois de contemplar a fachada da igrexa, acharía tralas miñas costas a casa reitoral, que foi erixida a mediados do século XVIII en substitución do mosteiro e aproveitándose das instalacións do primitivo e monástico edificio. Nas entrañas deste templo aínda se conservan restos de pinturas que cubrían todo un lateral e que hoxe semellan ser interpretadas, dado o seu desafortunado estado de conservación, como unha representación dos sete pecados capitais e a morte. Abandonei Moraime coas “raiolas derradeiras” dunha solleira xornada invernal, e coa satisfacción de ter coñecido o pouco que queda xa daquel mosteiro beneditino de San Xián, a única abadía destas terras da Costa da Morte. 

luns, 8 de decembro de 2014

Sobre da Ponte da Cigarrosa


“Don Ramón benquerido: Eu te saúdo
en nome do meu val ledo e vizoso,
da terra de Valdeorras benamada
celmosa de godello e de caíño,
do brincadeiro Sil, do enfesto monte
e da bocarribeira corgomesa
cinguida de barreiras e de soutos.
Do meu vale, de combas e relanzos,
espellado de louxas e de xeixos,
rañado de amieiros e caborcos,
garnido de mimosas e milleiras,
barroco de cepeiras e castiros,
recendente de ourego e cabrinfollo,
tinguido de cireixas e de amoras,
polos cachois roscido e as pincheiras,
arrolado dos carros, que se afastan
antre a poeira da silvosa corga”
Florencio Delgado Gurriarán, “Saúdo a Otero Pedrayo”, Cantarenas

Un día despois de ter o pracer de visitar o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, no concello ourensán de Rubiá, e denantes mesmo de dar por rematada a miña curta estadía na Comarca de Valdeorras, acharía un fermoso lugar non planificado que centraría toda a miña atención. Tratábase da Ponte da Cigarrosa que, sobre do leito do Río Sil, une dende a longa noite dos séculos as localidades de A Rúa e Petín. Detívenme a carón da ponte no extremo da Parroquia de Santiago de Petín e comecei a achegarme a ela paseniño. Resultoume verdadeiramente sorprendente a lonxitude que semella acadar a ponte e a historia que semella desprender de cada peza granítica que a mantén en pé. A Ponte da Cigarrosa formaba parte do trazado dunha antiga vía romana, coñecida como Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino, que unía Bracara con Astúrica e pénsase que puido ser erixida durante o reinado de Tito e Domiciano.


As orixes desta ponte remóntanse á época romana, mais sería posteriormente derrubada e reconstruída durante o XVI. A Ponte da Cigarrosa sufriría novas reformas tan somentes un século despois. Pouco queda, polo tanto, da súa estrutura inicial. Da orixe romana somentes se conservan as partes inferiores dalgúns dos piares, e que somentes poden ser avistados cando descende o nivel das augas do Encoro de San Martiño. A ponte consta de cinco arcos separados por catro piares con tallamares triangulares augas arriba e dous augas abaixo. Catro dos cinco arcos son apuntados, a excepción do segundo, que é de medio punto e posúe máis luz. Este segundo arco, o máis amplo, localízase na canle central do río.  O quinto arco, recuberto de formigón, é o que peor se conserva e o máis reformado de todos. Sorprende ver a contraposición de tamaños entre o segundo arco e o terceiro. Este último posúe moi pouca luz, en xeral, con respecto a tódolos demais. 


Atravesei en reiteradas ocasións o curso do Río Sil sobre desta histórica Ponte da Cigarrosa, dende a Rúa até Petín. As imperturbables augas do leito do río semellaban un amplo espello das ribeiras da contorna. Ollei por derradeira vez os impresionantes piares que unen estas dúas localidades, estas dúas ladeiras ourensás conformadas polo Sil. Despedinme desta ponte e destas fascinantes terras de Valdeorras coa ollada posta no curso do Sil, o verdadeiro creador destas paraxes, o meirande tesouro destas terras, o eixo sobre do que xira a vida e a riqueza desta comarca e de boa parte da nosa terra. 

Viaxe á Serra da Enciña da Lastra


“Cos primeiros melros
acordan os cans
os homes
miañan ao sol
húmido do mencer
...
a auga que baixa
das montañas
corre polas rúas baleiras
...
nas casas só quedan
sombras
algún ancián
que xa esqueceu o calendario
...
son tempos
de pensar a ausencia
...
o home vello á sombra
da aciñeira
conta as cabras
e dálles nome”
Eduardo Estévez, Os veos da paisaxe

Aínda semella que foi onte cando decidín internarme en soidade nun dos espazos naturais máis valiosos deste noso vedescente país. Fora unha viaxe íntima, tranquila e meditativa, solitaria e necesaria, que me levara a coñecer algúns dos lugares máis fermosos e afastados da Provincia de Ourense e por ende, tamén do noso país. Decidín achegarme até a Comarca de Valdeorras, até o extremo nororiental das terras ourensás, e máis concretamente até o Concello de Rubiá, na procura do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e dos calcarios Penedos de Oulego. A Serra da Enciña da Lastra é un verxel que se localiza por antr’os vales que o Sil, na súa entrada a Galiza, foi conformando dende o comezo dos tempos. Esta serra de cumios de rocha calcaria é toda unha excepción na paisaxe granítica galega e fronte a característica lousa valdeorresa. Ademais, atesoura unha flora moi pouco habitual neste noso país. 


Esta serra posúe abondosas características propias dos bosques mediterráneos e nela podemos contemplar unha gran mestura de exemplares lonxevos de aciñeiras e castiñeiros, así como recender o arume do tomiño silvestre e achar máis dunha vintena de especies de orquídeas. Percorrín a serra con serenidade, albiscando as masas arbóreas que cobren a cortiza terrestre e deixan ó descuberto os pálidos e afiados penedos. Esta serra foi declarada Parque natural no ano 2002 e posúe unha superficie protexida de 3.151,67 hectáreas e unha altitude media de 684 m. Este calcario val é un auténtico verxel de gran valor para a fauna, especialmente para as poboacións dalgunhas aves rapaces como a aguia real (Aquila chrysaetos), o bufo real (Bubo bubo), o falcón peregrino (Falco peregrinus) ou o alimoche común (Neophron percnopterus). Ademais, esta serra conta co maior número de especies que nidifican do noso país. É por iso que este privilexiado ecosistema foi declarado Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA).


Nas súas abundantes e misteriosas covas, máis dunha vintena e coñecidas por estas terras como “palas”, habitan dende tempos inmemoriais numerosas colonias de morcegos de até nove especies distintas, i entre as que abondan maioritariamente os “Miniopterus schreibersii”. As covas máis coñecidas son a Pala Cumbeira, a Pala Pereda e a Pala Cubelas ou a Pala da Zorra; esta última conta cuns 600 metros de lonxitude. Resulta incrible camiñar a carón do curso do Sil, onde medra o cangrexo de río autóctono, e albiscar recunchos e aldeas tan afastadas e silenciosas. Este curso i estas augas foron explotadas durante a época romana para achar as tan prezadas e valiosas pebidas de ouro, ó igual que en tantos outros recunchos deste noso país como os vales do Río Lor, no Courel, ou en Montefurado. Cóntase tamén que antano había por eiquí unha xigantesca “enciña” ou aciñeira, que servía de guía ós viaxeiros nesta terra de paso localizada no corazón da Gallaecia romana.


O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra localízase sobre do maior macizo cárstico do noso país. A influencia do clima mediterráneo explica a presenza dunha gran variedade de especies endémicas e raras que semellan formar parte de amplas extensións de bosques mediterráneos, soutos de centenarios castiñeiros, tomiñeiras, así como outras moitas matogueiras mediterráneas e demais vexetación que se asenta sobre das rochas calcarias. 

É común, polo tanto, achar neste Parque Natural ourensán numerosos exemplares de sobreiras, rebolos, amendoeiras, oliveiras e, por suposto, centos e centos de aciñeiras (Quercus ilex e Quercus rotundifolia). Por se isto fose pouco, nesta serra, atópanse representadas a metade das especies vexetais autóctonas da Galiza. Mais se algunha especie vexetal destaca neste paraíso de tomiños e aciñeiras, neste fronteirizo e calcario val ourensán, é unha fermosísima flor endémica coñecida como “Petrocoptis grandiflora”, que medra nos rochedos calcarios da montaña e tingue de cores verdes e rosáceas os pálidos e afiados petoutos.

Logo de pasear e coñecer detidamente a paisaxe e as numerosas especies naturais que eiquí cohabitan dende a noite dos séculos, decidín procurar un dos máis senlleiros recunchos deste paradisíaco verxel para determe a meditar. Precisaba achar unha paraxe fermosa, silenciosa e impresionante na cal poder determe e cavilar, pechar os ollos, sentir o ar, respirar fondo e recendelo arume da natureza. E así foi como optei por achegarme até os Penedos de Oulego, un dos máis máxicos recunchos deste verxel ourensán. Estes impoñentes penedos semellaban ficar sempre presentes no horizonte da serra, coma dentes de pedra que emerxen da terra e se agochan antr’as brétemas matutinas. Resultoume bastante doado chegar até estes impresionantes penedos, xa que este parque fica perfectamente sinalado e, como dicía, os penedos semellan dominar en todo momento o horizonte. 


Detívenme baixo da sombra daqueles impresionantes penedos calcarios afiados coma dentes, e fiquei pampo ante a grandeza deste recuncho natural e fronteirizo. De fronte a min ficaban tres penedos; de esquerda a dereita albiscaría o Penedo Vello ou Pico da Airela, no centro O Penedo, que conta cuns 1.037 metros de altitude, e á súa dereita o Pico da Campa dos Ferreiros. Ó redor destes tres impresionantes petoutos albiscaría tamén numerosas aciñeiras, así como breixos e outras moitas repoboacións de coníferas. Logo de sentirme máis familiarizado coa paisaxe, de ficar realmente sorprendido e impresionado ante aqueles afiados Penedos de Oulego, pechei lentamente os ollos, respirei fondo e púxenme a cavilar.