luns, 29 de decembro de 2014

As lembranzas dun peche de ano no Cebreiro


“Cando o pestifle vento en harpa desacorde
desataba os sopridos dun inverno xabreiro
pola rosa dos montes que nacen no Valcarce
subía un peregrino ata o Cebreiro.
En soedade núa e en harmónica paz
viña desde moi lonxe seguindo aquel andar
co caudal da fortuna nunha bolsa baldeira,
un vestido de estopa, un codelo de pan,
un cabaciño de auga e un caxato na man”
Helena Villar Janeiro

Hoxe cúmprese exactamente un ano dende que decidín subir até Os Ancares, na compaña dos meus amigos Samuel e Adrián, para pecharmos un ano de vida, traballo e viaxes nunha das máis antigas, senlleiras, simbólicas e máxicas aldeas deste noso país. Despedimos o 2013 pisando a branca e fría neve que asolaga as pallozas, os campos e as rúas do elevado lugar do Cebreiro; porta de entrada a Galiza de milleiros de peregrinos que se achegan até Compostela a través do Camiño Francés. Quixemos rematar os derradeiros días do ano afastándonos do mundanal ruído e procurando o recendo das bidueiras, que coma pétreos e xigantescos incensarios, semellan fumegar as acesas lareiras da montaña. Non tiñamos presas nin demasiados plans preestablecidos, tiñamos tempo pra conversar, calar, xantar e naufragar nalgunha xerra de sacro mencía. E para ben ou para mal, así fixemos. Lembro que chegaramos ó Cebreiro a media mañá, que nevaba lixeiramente, e que nos custou bastante comezar a camiñar polas súas rúas.


O primeiro que fixemos foi achegarnos até o santuario do lugar, a Igrexa de Santa María A Real do Cebreiro, primeiro santuario galego para o peregrino do Camiño Francés e o monumento máis antigo conservado integramente da ruta xacobea. Esta igrexa, prerrománica do século IX, posúe unha planta basilical con tres naves de 18 metros de lonxitude, separadas por rexos piares, que rematan nunha tripla cabeceira. Esta igrexa, restaurada durante o ano 1962, é o único que queda dun antigo mosteiro fundado entorno ó ano 863 por monxes beneditinos chegados da abadía francesa de Saint-Geràud, que dispoñía de mesón e hospital para atender ós peregrinos, e que estivo en funcionamento até o ano 1858. Conta unha das lendas do Cebreiro que os días de densa néboa, estes monxes beneditinos trataban de orientar ós peregrinos perdidos até o mosteiro tocando unha campá. 


As entrañas deste santuario albergan dúas capelas, ademais dunha enorme pía bautismal do século XVIII na que o sacramento se realizaba por inmersión, a talla da Virxe do Cebreiro, que data do século XII, e un relicario doado polos Reis Católicos no ano 1486 e que nos nosos días protexe i expón un graal e unha patena que datan da segunda metade do século XII. Este santuario está estreitamente ligado á “Lenda do Santo Graal”, lenda que ten as súas orixes  aló polo ano 1300.  Esta lenda conta que un día de forte tempestade, de frío e neve, o cura do Cebreiro estivo a piques de anular a misa porque pensaba que non iría ninguén. Malia todo, aparecería un único devoto. Foi entón cando o cura, un pouco enfadado, diríalle ó devoto que sería unha parvada que viñese con tal tempestade ata a igrexa somentes pra ver un pouco de pan e un pouco de viño. Acto seguido, comprobaría como a hostia se convertía en carne, e o viño en sangue. Contan que logo de ver tal milagre, este cura, home de pouca fe, caería ó chan e morrería no acto. 


Logo de ollar aquel santo graal, e o nevado camposanto, decidimos seguir camiñando polas rúas do Cebreiro con certo tento e precaución, xa que estas, en certos tramos, ficaban escorregadizas polo xeo; que tamén ficaba presente, en forma de estalactitas, na base dos teitos vexetais das pallozas. A neve estaba presente en cada recuncho desta antiga e afastada aldea; nas rúas, nos teitos, nos campos, no horizonte. Logo de percorrela aldea, decidimos acubillarnos ó calor da lareira e sentarnos na mesa dunha casa de comidas familiar, xenerosa e farturenta. Bebemos un espirituoso e sacro mencía, xantamos carne e degustamos un saborosísimo prato de Queixo do Cebreiro con mel. Aquel día no que nada tiñamos preparado máis que chegar ata O Cebreiro i estarmos xuntos, o certo é que xantamos, bebemos, conversamos, rimos, calamos; queimamos un pequeno anaco de tempo das nosas vidas a carón daquela lareira. 


Aproveito este ledo recordo, este cabodano daquela fantástica viaxe ó Cebreiro e á Comarca dos Ancares, para desexar que as folerpas que aínda están por chegar non deixen desta volta tantas carencias e inxustizas, tanta dor e tristeza; tanto mal. Oxalá que as inmaculadas folerpas que están aínda por caer traian a paz, a abundancia e a felicidade que tanto precisamos pra seguir ollando o horizonte con esperanza e pra conformar o noso camiño, as nosas metas, as nosas ilusións; a nosa propia vida. Que agora, máis que nunca, o tempo si entenda de fronteiras, de finais e de comezos, de puntos e aparte. Toca detérmonos, mirar adiante; toca volver a comezar. Boa entrada de ano, amig@s, bo 2015 para tod@s!

1 comentario:

navegacruz dixo...

Ola Iván,
O teu foi un fin de ano para lembrar. Se eu puidera , ben faría o mesmo ca ti. De feito precisaba de escapar á montaña e rematei na montaña astur. Así recibín eu o novo ano, mais a maxia do Cebreiro non ten parangón. Noraboa polo artigo, e, coma sempre, polas magníficas fotos.
Unha aperta!