luns, 27 de xaneiro de 2014

O Pregamento Xeolóxico de Campodola


“Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! 
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...”
Uxío Novoneyra 

Este pasado mes de decembro, namentres percorriamos as frías, mudas e solitarias serras dos Ancares, o xeo, a neve i o frío obrigáronnos a descender, a retornar cara o sempre fascinante e paradisíaco Courel, cara o verxel máis impresionante do noso país. Semella coma se o destino quixese vernos regresar ás máis fermosas i esquecidas aldeas courelás, ás súas devesas e ós seus centenarios soutos. Nembargantes, desta volta quixemos aproveitar a ocasión para coñecer un recuncho singular e impresionante que non puideramos visitar na nosa primeira viaxe a estes verdescentes eidos de Novoneyra. O noso obxectivo era unha antiga montaña situada no concello lugués de Quiroga, e da que moitos xeólogos i estudosos semellan afirmar que é un dos máis importantes achados xeolóxicos, non só do noso país, senón de todo o continente europeo. Trátase do Pregamento Xeolóxico de Campodola. Saímos de Quiroga cara Folgoso do Courel unha fresca tarde que presaxiaba treboadas. O noso obxectivo ficaba a uns escasos dez quilómetros de Quiroga, a carón do Río Ferreiriño, e de fronte ás pequenas aldeas de Campodola e Leixazós. Nada máis chegar a Campodola, puidemos albiscar un espectacular monte que semella escachar e converxer sobre si mesmo. 


Como diciamos ó comezo, este monte é un dos máis importantes monumentos xeolóxicos da vella Europa, e algo así como o embigo orixinario da nosa Galiza. É un lugar de interese xeolóxico de gran sona internacional. De feito, somentes en Europa se pode ollar algo semellante nos Alpes, en Teruel e nalgún punto dos Pirineos. Estabamos ante un recuncho único nunha terra de achados milenarios, ante un valioso pregamento xeolóxico de gran interese científico que se conserva intacto dende o Carbonífero inferior. Un pregamento xeolóxico é unha ondulación das capas ou estratos superiores da cortiza terrestre provocada polo movemento das capas máis profundas. Orixínase pola presión, pola forza tectónica que procede dende as entrañas mesmas da terra, e que fai que a codia terrestre vaia adoptando esta particular morfoloxía. Grazas ó traballo da erosión, neste espectacular monte de Campodola-Leixazós, pódese apreciar ó detalle, cunha gran nitidez, o proceso de pregamento, xa que quedou ó descuberto parte da súa estrutura interna. Hai máis de cincocentos millóns de anos, a cortiza terrestre era un lugar máis plano e uniforme que nos nosos días. Nembargantes, os violentos movementos das capas superiores foron propiciando a aparición de pregamentos e fracturas do terreo. Dende entón, os movementos sísmicos i en gran parte a erosión, contribuíron a deixar ó descuberto a estrutura mesma da terra nun gran taxo transversal.


O Pregamento de Campodola é un sinclinal, é dicir, un pregamento de estrutura cóncava na que o eixo de flexión, tamén coñecido como charnela, foi na súa orixe vertical. Nun período de millóns de anos, as forzas tectónicas foron propiciando que as capas pregadas se curvasen ata que o eixo quedou en posición horizontal. É un exemplo do que se denomina pregamento tombado. As capas que o compoñen conteñen minerais de propiedades e períodos xeolóxicos distintos: cuarcita do período Arenigiano (478-488 millóns de anos) e lousas do Ordovícico Medio (458-478 millóns de anos). Contan que nos “tesos cumes” destes montes existiu tamén outro pregamento, un anticlinal semellante a este, que desapareceu pola acción da erosión. Recentemente, este monte foi declarado Monumento Natural e incluído na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos. Semella incrible como a natureza, mediante a erosión e as forzas tectónicas, pode ir conformando e desprazando montañas tan xigantescas. Isto fainos pensar no pouco que somos en comparación co noso medio, co noso planeta. Nembargantes, non debemos esquecer que vivimos nun mundo vivo i en constante movemento, ateigado de forzas i enerxías que ás veces nos costa traballo chegar a comprender, mais están aí dende o xénese dos tempos.  Deixamos tras de nós este monte en constante movemento, este embigo que nos une ás entrañas da terra, constatando a certeza daquel verso de Novoneyra que dicía “Eiquí síntese ben o pouco que é un home...”

venres, 24 de xaneiro de 2014

O milagre da Praia dos Cristais


“Longo latexo deste mar tendido
ofrecido en amor como uns brazos
nos que indolente me abandono. 
Serenidade desta luz verténdose
gozosa, equilibrio de espacios
que se espellan,
inmóbiles cristais, nas augas”
Xulio L. Valcárcel, Cincuenta poemas 

A pesares de non ser este un tempo demasiado propicio para perdérmonos pola gran cantidade de areais que embelecen a costa galega, tiñamos a obriga de visitar unha praia moi distinta das que todos coñecemos. Alí semella coma se as salitrosas augas do mar e o agarimo das súas ondas, tratasen de embelecer os refugallos que noutrora sacaramos de diante; a nosa vergoña, os nosos pecados. Viaxamos rumbo ó bravío mar da Costa da Morte, rumbo ós solpores dos confíns, para achegámonos até a areosa e feiticeira vila de Laxe, até outra península atlántica máis, coma Caión, coma Malpica, coma Muxía ou coma Fisterra. Desta volta, non serían precisamente os dourados areais desta vila o que viñeramos a coñecer. Falárannos dunha pequena caliña que ficaba acubillada xusto detrás do costeiro camposanto de Laxe, de camiño ó faro. A carón desta muxica tiveramos ocasión de coñecer un espectacular monumento coñecido como A espera e que está adicado ás viúvas deste mar tan xeneroso i asasino. Nembargantes, naquela última visita esqueceramos as calas que ollan ó mar aberto. Nin tempo tivemos sequera pra maxinar unha praia de coloridos cristais traballados polas correntes, mexidos cos devalos e os abalos das mareas. Tempo despois daquela viaxe, caeramos na conta do fermoso e singular recuncho que deixaramos tras de nós.


Regresamos a Laxe na procura dunha pequena xoia esquecida, a Praia dos Cristais. Nada máis chegar ó cemiterio municipal deste fermoso concello coruñés da Costa da Morte, comezamos a descender cara ó mar. Ó pouco de deixar atrás as escuras cruces do cemiterio, xa puidemos ollar unha pequena pero xeitosa cala de bolos ateigada de milleiros e coloridos anacos de cristais. Non tardamos nin un segundo en baixar até a praia e coñecer máis de preto a súa historia e a dos cristais que a conforman. A Praia dos Cristais fica ateigada de pequenos anacos de vidros brancos, marróns, ámbares, translúcidos e sobre todo verdes, que se mesturan coas cunchas e coas pequenas pedras. A pesares de que a cala é pequena i está chea de bolos, chama moito a atención a ausencia case total de area. Todos e cada un destes cristais foron moldeados e refinados polas augas, pola erosión dos ventos e das mareas. Foron traballados polos tombos de mar dunha costa que ten a morte como apelido. Nembargantes, até non fai moito tempo, esta pequena cala era un vertedoiro de lixo onde, coma na meirande parte dos concellos galegos, se depositaba todo tipo de residuos domésticos e cascallos da construción. Nos nosos días, afortunadamente, o único que quedou daqueles tempos foron todos estes cristais, agora pulidos e fermosos. 


Detémonos de novo a ollar ben de preto o traballo dos elementos, da erosión, e a pensar no pouco tempo que precisaron estas augas para refinar e moldear estes cristais. Mais tamén cavilamos na capacidade da natureza para limpar, purificar i embelecer, o resultado dos nosos máis vergoñentos actos. Noutrora sería impensable camiñar descalzo por esta praia, nembargantes, grazas á erosión dos elementos, nos nosos días non correríamos ningún serio risco de cortarnos ou mancarnos. Malia todo, na actualidade está prohibido, ou cando menos desaconsellado, o baño nas súas augas. Nembargantes, este pequeno milagre da natureza está a recibir cada vez máis curiosos e turistas. Desgraciadamente, moitos deles recollen agora o “lixo” que noutrora quixemos quitar de diante. Sería unha mágoa que logo de que estas augas transformaran en beleza todos estes coloridos cristais, teñamos o descaro de levalos con nós. Dalgún xeito estariámoslle a roubar a esta praia o recoñecemento que, desgraciadamente, nunca denantes chegara a ter. Deixamos esta cala de mar aberto cos petos baleiros, abraiados pola gran lección que nos deu a natureza e ollando dende o lonxe o colorido refulxir das xemas cristalinas. 

luns, 20 de xaneiro de 2014

Moeche, berce de Revoltas Irmandiñas


“Hai que romper os púlpitos, as torres de homenaxe,
os parapetos, as almeas, romper as saeteiras,
hai que romper os fosos, hai que romper o escuro
e abrir as portas”.
Antón Avilés de Taramancos, Última fuxida a Harar

Retomamos o noso camiño polas múltiples e variadas fortalezas que atesoura o noso país. Desta volta quixemos volver ó extremo norte da Provincia da Coruña para perdérmonos pola Comarca de Ferrol, unha terra que tiñamos bastante esquecida nesta fraga e que nos ten moito que amosar. Andabamos á procura dunha antiga fortaleza nos dominios da poderosa liñaxe dos Andrade, en terras de gloria e sufrimento, de batallas e revoltas aínda latexantes. O noso obxectivo ficaba por antr’os vales que o Xubia foi labrando ó longo dos séculos, nun pequeno concello do interior desta comarca ferrolá. Dirixímonos cara Moeche, un municipio duns 1500 habitantes que se perden por antr’as cinco parroquias que o compoñen; Santa María de Labacengos, Santiago de Abad, Santa Cruz, San Xoán e San Xurxo de Moeche. O nome deste concello semella proceder dunha antiga vila fundada denantes do século X por un cabaleiro chamado Modesto. De aí que o topónimo poida proceder de Vila Modesti. Chegamos á parroquia de San Xurxo de Moeche unha fresca mañá de inverno, logo de ollar o impresionante e monumental Mosteiro de Monfero, onde descansan, en traballados sartegos de pedra, os restos de boa parte da estirpe dos Andrade. Entre estes sartegos, estaba tamén o de Nuño Freire de Andrade, alcumado o “O Mao”, que tería un papel moi importante na historia do castelo que estabamos a piques de coñecer. 


A historia de Moeche está estreitamente ligada, como non podería ser doutro xeito, ó seu castelo, que é a mostra arquitectónica máis importante e valiosa que conserva. Esta fortaleza medieval, xunto coas de Vilalba e Pontedeume, foi edificada no século XIV polos Andrade, i en concreto, por Fernán Pérez de Andrade “O Boo”. O obxectivo non era outro que manter ben controlados os extensos dominios que posuían nestas terras do Eume. Logo, a estas tres fortalezas de control habería que sumar a incorporación do Castelo de Naraío, situado no veciño coruñés de San Sadurniño. Estas fortalezas marcaban e vixiaban as terras, o poder e os recursos dos Andrade. Esta fortaleza, coma tantos outros castelos do noso país, tivo que sufrir as consecuencias das Revoltas Irmandiñas. Nembargantes, a de Moeche sería a gran protagonista destas sublevacións, xa que tivo que sufrir ata en dúas ocasións a furia e a rabia contida polos vasalos. Ademais, contan que eiquí tivo lugar a primeira de todas as Revoltas Irmandiñas acontecidas no noso país. Esta primeira revolta tivo lugar aló polo 1431, cando o pobo, farto dos abusos dos Andrade, comezou a sublevación da man de Roi Xordo e a Irmandade Fusquenlla


O primeiro obxectivo da irmandade sería dar morte ó señor. Neste caso, a Nuño Freire de Andrade “O Mao”, de quen falabamos ó comezo. Contan que o tentaron atacar na mesma fortaleza de Moeche. Ó “Mao” non lle quedou outra que fuxir a fume de carozo cara á súa Pontedeume natal, co pobo sublevado pisándollelos talóns. Cando os irmandiños chegaron a Pontedeume, “O Mao” xa ía camiño de Santiago de Compostela, onde foi  acollido e protexido polo arcebispo. 

Namentres isto sucedía, os irmandiños destruirían parte do patrimonio que os Andrade tiñan en Moeche e perseguiríano até Compostela. Unha vez alí, o arcebispo emprazaríaos a loitar, cos exércitos xa descansados e organizados, na Batalla do Eume. O Mao derrotaría a esta primeira revolución irmandiña, na que din que puido falecer Roi Xordo. Logo da vitoria, O Mao reprendería e castigaría duramente ós vasalos. A segunda revolución Irmandiña tería lugar aló polo 1.467, tempo no que estas terras xa non eran dos Andrade, senón que ficaban baixo o domino do poderosísimo Condado de Lemos. Desta volta, os Irmandiños tampouco tiveron moita sorte, mais os danos ocasionados na fortaleza foron maiores que na primeira revolta, deixando o Castelo de Moeche destruído e arruinado case por completo. O Conde de Lemos, logo da vitoria, obrigou ós vasalos a reconstruílo de novo. Logo destas dúas históricas revoltas, a Fortaleza de Moeche foi adaptándose ás situacións e ós tempos, mais os seus muros opresores erguéranse para delimitar territorios, sociedades e xerarquías, para mitigar soños e liberdades; para dominar. Por iso, no século XVI, a histórica fortaleza reconverteríase nun escuro cárcere da xurisdición. Xa en tempos modernos, este histórico edificio pasaría a mans da Duquesa de Alba, herdeira dos condados de Lemos e Andrade, e a derradeira dona e señora deste castelo. 


No que respecta á súa estrutura, posúe unha planta octogonal, construída en cachotería de lousa e perpiaños de granito, e fica arrodeado na súa parte oeste por un foxo pouco profundo escavado na mesma rocha. O edificio fica dominado por unha torre da homenaxe de planta cadrada e duns 18 metros de altura. Os muros que protexen o edificio acadan os 12 metros de altura, abertos ó exterior por estreitas e fermosas seteiras. Nos nosos días, estes muros antano opresores e dominantes, albergan un interesantísimo museo que recrea os duros tempos daqueles señores e campesiños, así como as lendas e batallas que se teñen sucedido nesta pequena e lendaria Fortaleza de Moeche. Ademais, cada ano, os seus veciños recrean aquelas revoltas no seu popular Asalto ó Castelo. Ollamos os escudos dos condes e o patio de armas. Deambulamos polo alto dos muros e contemplamos os amplos e verdescentes dominios dos señores. Camiñamos baixo unha bóveda que nos achegou até as marcas dos canteiros que tiveron que erguer estes muros, estas bóvedas, esta torre i estas graníticas ameas.  Agora, logo de tantas revoltas, de tanto odio, de tantas mortes e de tanto sufrimento, este anaco de historia é propiedade dos veciños de Moeche; de todos e cada un de nós. Deixamos tras de nós as escuras e frías entrañas desta casa dos Andrade e dos Lemos, para volver a pisar o chan de escravizados labradores, a xenerosa terra campesiña, e ollar dende fóra, dende abaixo, unha fortaleza galega liberada. Liscamos fachendosos de Moeche, rememorando aqueles versos do gran Avilés de Taramancos que dicían algo así como que “hai que romper o escuro e abrir as portas”.

martes, 14 de xaneiro de 2014

Mosteiro de Samos, refuxio i escola dos ilustres


“A ricaz que garda os puros sentimentos
da interior perfeución, porto seguro
dos que fuxindo do trebón escuro
buscan craror de sol e moles ventos.

Fontela de diviños pensamentos,
forte bastión, impenetrable muro
contra o dardo carnal ardente e impuro
e os tortos, mundanaes chamamentos.

Canle aberta nos célicos verxeles
de fresca, crara e lírica ágoa viva
cantareira de místicos ronseles,

a alma do máis outo amor cautiva
soio na soedade gusta as meles
da vida espritual contemprativa”.
Ramón Cabanillas, Samos

Logo de coñecer aquela xeitosa capela e aquel ciprés milenario, os restos máis antigos que atesoura nos nosos días o Mosteiro de Samos, decidimos retroceder cara San Xiao; cara un dos máis impresionantes mosteiros do noso país. Trátase dun dos poucos cenobios galegos que aínda fican habitados por monxes nos nosos días. Somentes restaban uns centos de metros para achegármonos ata un feiticeiro verxel onde se mesturan fe, paz, arte e natureza; un anaquiño de paradiso terreal. Deveciamos por chegar até aquel frondoso e húmido val acariñado de fragas e soutos centenarios, onde reinan os rezos, o silencio e a contemplación. Desexabamos escoitar as vindeiras badaladas, o eco dos cantos, das roucas voces apresadas, e o rumor das augas transparentes. Ante nós ficaba xa, á fin, o maxestoso mosteiro beneditino de San Xiao de Samos, a “forte bastión, impenetrable muro” que tanto impresionou a Cabanillas. E por suposto, tamén a nós. Este mosteiro é un dos máis importantes do país, e unha parada obrigada para milleiros de peregrinos que se achegan a Santiago de Compostela a través do Camiño Francés. Baixo os seus muros atoparon refuxio numerosas xentes de renome, dende coñecidos abades, escritores, e demais artistas, ata poderosos bispos e reis.


A historia de San Xiao de Samos, mosteiro medieval fundado por San Martiño de Dumio, comeza aló polo século VI, coa chegada dos primeiros monxes i en plena etapa visigótica. Logo da súa construción, e xa no século VII, sufriría a súa primeira restauración, da man de Froitoso de Braga. A partires do ano 714, coa chegada dos árabes, o mosteiro quedaría abandonado. Mais non por moito tempo, xa que pronto chegaría a reconquista do Rei Fruela I de Asturias. Contan que logo de que Fruela I morrese asasinado, o seu fillo, o que logo sería Afonso II, O Casto, foi refuxiado i educado no Mosteiro de Samos, pasando eiquí a meirande parte da súa nenez denantes de ser entronizado como Rei de Asturias. Grazas a este feito, o mosteiro foi tamén amplamente protexido e beneficiado. Afonso, logo de ser entronizado, doaríalle ó mosteiro as terras que arrodean ó mesmo e que herdara do seu finado pai. As primeiras comunidades monásticas rexíanse polas Regras Hispanas de San Froitoso e San Isidoro, nembargantes, a partires do século X, sería a regra de San Bieito a que ordenaría a vida monástica de Samos. A partires do ano 960, e logo de que a comunidade beneditina pasase a pertencer á Congregación da Observancia de Valladolid, os abades comezan a abrírllelas portas ós peregrinos e a ofrecérllela súa hospitalidade. 


Contan tamén que durante o século X, vivíronse momentos moi duros, xa que Don Ero, bispo de Lugo, tentou facerse co control do mosteiro e expulsou ós monxes do mesmo. Durante a Idade Media, nembargantes, o cenobio comezaría a vivir os seus mellores tempos. Contan que tal foi o poder que atesourou, que mesmo chegou a ter baixo o seu control a unhas duascentas vilas e uns cincocentos lugares. Mais non todo podía ser gloria. No ano 1558, o mosteiro sufriu un desastroso incendio que obrigou ós abades a reconstruílo por completo. Con aquel lume desapareceron as primitivas construcións, as primeiras estruturas do edificio, mais non serían estas as derradeiras lapas que tería que sufrir este cenobio. En tempos modernos, aló polo 1951, San Xiao sufriu un segundo incendio que obrigaría de novo ós monxes a restauralo. Aló polo século XIX, este cenobio funcionaría de hospital de guerra durante a invasión francesa. Contan que se chegaron a atender a máis de 800 feridos ó mesmo tempo. Coa Desamortización de Mendizábal, os monxes decidiron abandonar o mosteiro, mais no 1880, retornarían a el retomando as súas angueiras, restaurándoo e habitándoo até os nosos días. O mosteiro foi tamén un colexio de Teoloxía e Filosofía.


No que respecta á arte, este mosteiro tennos moito que amosar. A súa longa historia fica presente nos seus claustros, nos seus muros, na súa fachada e na súa igrexa. En San Xiao mestúranse tres estilos arquitectónicos: o gótico tardío, o renacentista e o barroco. Nas entrañas do mosteiro consérvanse dous claustros: Por unha banda está o Claustro Grande, tamén coñecido como o claustro “do padre Feijoo”, de finais do século XVII e considerado un dos máis grandes da Península Ibérica dentro seu estilo; o paso do renacemento ó barroco. Cada lado deste Claustro Grande acada os 54 metros de lonxitude. E preguntarédesvos por que este claustro tamén se lle coñece como o do Padre Feijoo. Moi sinxelo, o padre Feijoo foi unha de tantas figuras ilustres que, coma xa diciabamos ó comezo, coñecían ben este mosteiro, e foi eiquí onde no ano 1690 tomou o hábito beneditino. No centro do claustro consérvase aínda unha estatua súa, erixida no seu día por Francisco de Asorey. Por outra banda temos o Claustro Pequeno, tamén coñecido como “o das Nereidas”, construído entrámbolos anos 1539 e 1582. Trátase dun claustro gótico, presidido por unha impresionante fonte barroca. Esta é a Fonte das Nereidas, a que brinda o seu nome ó claustro. A construción desta fonte durou vinte anos, do 1562 ó 1582, e correu a cargo do monfortino Pedro Rodríguez. 


Mais se algo nos fascinou e nos causou admiración, esa foi a elegante fachada da igrexa, do século XVIII i erixida entrámbolos anos 1734 e 1748. A pesares de ser barroca, sorprenden as súas simples formas. Posúe unha planta de cruz latina con tres naves. A susodita fachada está dividida en dous corpos horizontais de semellante estrutura, nembargantes, o inferior é o dobre de alto que o superior. Ámbolos dous fican sustentados por rexos piares con chapiteis dóricos. O corpo inferior ven precedido por unha escalinata cuspidiña á da Praza do Obradoiro, mais de menores proporcións, que nos encamiña á porta do edificio. No centro do corpo superior loce unha fermosa vidreira circular e dúas troneiras sobre da que penduran as campás. Chamou fortemente a nosa atención a ausencia de torres laterais. O motivo é que fica inacabada, as  torres nunca se puideron chegar a construír. O interior fica ben iluminado, en parte polas oito fermosas vidreiras que conserva este templo. O retablo maior é clasicista e nel fica a imaxe do patrón do mosteiro, San Xiao ou San Xulián. O creador da mesma foi Xosé Ferreiro. Amais das personaxes ilustres anteriormente citadas, como padre Feijoo ou Afonso II, que foron refuxiados i educados neste mosteiro, non debemos esquecer a gran cantidades de peregrinos que adoitan pasar a noite baixo estes históricos muros. Canta xente debeu atopar neste lugar o descanso e a paz, o refuxio e o silencio que precisaban.


Logo de repasar a historia e a arte que atesoura este mosteiro, aínda vivo e sempre hospitalario, decidimos arrodear o edificio para contemplar a paz que se respira nos seus verdescentes e paradisíacos arredores. Un pequeno río que baixa dende as montañas, acariña os muros do vello mosteiro. Os abades soubéronlle sacar un bo proveito a estas augas. Tanto foi así que ata chegaron a construír acuedutos para canalizala e traela dende un manancial até o mesmísimo interior do mosteiro. Logo de ser empregada, a auga era desviada de novo ó curso do río a través de saídas que nos nosos días fican cegas e inutilizadas. Os abades de San Xiao precisaban a auga na súa vida cotiá para múltiples tarefas tan esenciais como a limpeza, o aseo e a saúde. Nos nosos días aínda se pode ollar unha minúscula parte daquel antigo acueduto que serve para lembrarnos a gran intelixencia e a sabedoría daqueles monxes, o seu poder e o seu xeito de entender a vida. Deixamos tras de nós o refuxio e a escola dos ilustres, o murmurio das augas transparentes, este pequeno paradiso terreal, esta "fontenla de diviños pensamentos", co desexo de que este histórico e importantísimo mosteiro galego siga vivo por moitos séculos máis, coas portas sempre abertas a todo aquel que precise perderse nos intricados e prácidos vieiros que conducen a Compostela.  

sábado, 11 de xaneiro de 2014

A Torre de Doncos e a mesta neve dos Ancares


“Montes rasos mestas fragas
lobos do Courel e Ancares
cumes de neve bañadas
peneireiros caranguexos
veados das madrugadas
miñocas ras caracois
moscas de todas as razas...
calade todas as bocas
e non barulledes nada”
Antón Cortizas Amado, Nos páramos da Lúa

Este pasado Nadal procuramos os brancos e fronteirizos cumios do noso país, a friaxe e a bravura dos montes lugueses, así como as máis espectaculares paisaxes, aldeas e fortalezas que se perden nos sempre mudos e solitarios Ancares. Desexabamos volver a percorrer as súas aldeas, as súas pallozas e os seus máis impracticables picos. Albiscar Tres Bispos dende A Campa da Braña, camiñar cara Mustallar dende Piornedo. Desexabamos atravesar, beber e acompañar o Navia, procurar as derradeiras pegadas dunha pita do monte extinta e maxinar o seu canto, o seu cortexo, a súa vida nestes montes fríos, solitarios i esquecidos. Este Nadal, chamaron por nós os corzos, os lobos e os xabaríns. Chamaron por nós as ringleiras de abetos e os últimos acivros; os mantos de breixos, as abellas e alvarizas. Retornamos ós Ancares con ganas de recordar aquelas primeiras viaxes por esta fascinante terra de labregos, e a impresión que nos causou este universo de montañas, tan duro e afastado. Desta volta tiven a sorte de compartir esta viaxe con Samuel e Adrián, dous vellos amigos que deixei na miña querida Coruña. Saímos da cidade herculina a iso das oito da mañá, esquecendo o salitre do mar e o rumor das costas asasinas. Denantes de chegar ás Nogais, o noso punto de partida, paramos en Becerreá para almorzar e coller un pouco de forzas. Logo duns cafés, decidimos seguir a vella estrada N-VI rumbo a Doiras. 


O noso primeiro obxectivo serían as fronteirizas terras de San Miguel de Cervantes, i en concreto, o lugar de Vilarello de Donís. Hai quen di que neste lugar puido ter as súas orixes o escritor Miguel de Cervantes Saavedra. De camiño a esta parroquia, tivemos a sorte de coñecer as entrañas baleiras do Castelo de Doiras e o fermoso lugar de Pontes de Gatín. Logo de deixar atrás esta fermosa aldea e a súa histórica ponte, comezamos a ascensión a San Miguel. De camiño fomos contemplando a gran cantidade de neve que se fora acumulando nas altas cimas das montañas, e mesmo a carón da estrada, así como sobre das pallozas e cabazos. Chegamos a Vilarello a iso das once da mañá, cheos de frío e aínda bocexando. Ao noso redor eríxense as solitarias montañas dos Ancares, baixo un gran manto de neve. Na meirande parte do lugar atopamos fogares baleiros e orfos, ocos muros onde xa nin recordos quedan doutras vidas, doutros tempos, doutras xentes. O certo é que pouco queda xa nestes lugares. A dureza destas terras obrigou ós novos a fuxir na procura dun “porvir”, e os máis vellos foron quedando sos, mantendo acesas as lareiras de Vilarello e de tantas outras aldeas da montaña galega. 


Deixamos tras de nós Vilarello e San Miguel de Cervantes para continuar o noso camiño cara o segundo obxectivo que tiñamos fixado; A Campa da Braña. Neste lugar xa pasaramos a noite a primeira vez que coñecín estas impresionantes montañas, mais desta volta queriamos achegarnos ata os Tres Bispos, xa que dende alí parte unha ruta que nos levaría até estes picos nun curto espazo de tempo. Seguimos paseniño as rodeiras dunha estrada que ficaba cada vez máis ateigada de neve. Nunha das derradeiras ascensións, xa preto da Campa da Braña, as rodas dianteiras do coche no que viaxabamos toparon cunha placa de xeo e tivemos que deternos. Tentamos proseguir a ascensión pero foinos imposible. Ó pouco apareceu fronte a nós unha furgoneta. Tratábase dun empregado de Correos que viña dende Piornedo. Ó parecer, aínda non pasara a máquina quitaneves e a ascensión sería demasiado perigosa e complexa. Optamos por dar volta e pedímoslle moi amablemente ó señor de Correos que nos axudase a manobrar. El aceptou e logo dun bo anaco á fin puidemos encamiñar o coche de novo sobre das rodeiras. 


Foi unha mágoa non poder continuar, mais o certo é que aínda nos quedaban moitas cousas por ver nestas impresionantes montañas dos Ancares. Descendemos paseniño de volta para As Nogais. Moi preto do centro urbano deste concello lugués, a carón da vella estrada N-VI, fica outra vella fortaleza esquecida que non deixa a ninguén indiferente. Trátase da Torre de Doncos, a torre da homenaxe e o único que queda, da antiga Fortaleza da Grupa, tamén coñecida como Fortaleza de Santo Agostiño. Deixamos tras de nós, aló no alto, a branca e fría neve, e denantes de chegar ás Nogais, moi preto da aldea de Doncos, albiscamos, aló no fondo, a pétrea e impoñente torre. A Torre de Doncos, de orixe medieval, fica no fondo dun profundo val e sobre dun penedo arrodeado polo Río Navia. Ao seu carón esténdense soutos, pradarías e carballeiras, nogueiras, cereixos, bidueiros e vimbios. A torre da homenaxe, de planta cadrada e duns 8 metros de cada lado, foi erixida sobre das rochas do penedo, tiña tres andares e muros de cachotería de lousa e granito. O Navia fica como un auténtico foxo defensivo natural. Esta fortaleza formaba parte dos sistemas defensivos do antigo Reino de Galicia, ó igual que a fortaleza de Valcarce ou a de Doiras. 


Aínda que se descoñece a data da súa construción, algúns cren que puido comezar a finais do século X e comezos do XI. A torre sitúase nun lugar moi estratéxico na Idade Media, a carón do Camiño Real que unía Galiza con Castela. Aló polo século XV, a antiga fortaleza pertenceu ós señores de Valcarce, aínda que tempo despois pertencería tamén a outras estirpes nobiliarias. A finais do século XVI comezaría o seu abandono. No ano 1994 foi declarada Ben de Interese Cultural, mais pouco se fixo por recuperala. Coma todas as torres, e xa pra rematar, esta tamén ten as súas propias lendas. Unha delas narra a historia dunha peregrina que fora raptada, durante a Reconquista, polos sarracenos. Un dos cabaleiros que se encargaba de defender ós peregrinos que se dirixían a Compostela, observou o suceso e tratou de liberala. Nembargantes, o seu secuestrador degolouna diante dos ollos do cabaleiro, para que ninguén puidese gozar da beleza da moza. Nese mesmo intre, o cabalo do defensor tinguiuse dun vermello intenso, dun vermello sangue. É unha mágoa ver este monumento aínda oco i esquecido, nembargantes é todo e un milagre que fique aínda en pé, resistindo os ventos e as invernías. Liscamos de Doncos coa espranza de volver, quen sabe cando, a estas salvaxes montañas para perdérmonos nos dominios de fortalezas rescatadas das súas propias ruínas e lendas. Para recender o arume de lareiras acesas.

domingo, 5 de xaneiro de 2014

O Pico Sacro, abeiro de lendas e milagres


“En Vilancosta nacín
e nela penso morrer:
decote lle tuven lei
e xuro non lla perder.
Vilancosta é maravilla,
meu encanto, porque vexo
de Pico-Sacro o abanico,
en lindura sin parexo”.
Marcial Valladares

Hai quen di que na nosa Galiza existe un impoñente penedo onde, dende a noite dos séculos, se mesturan as lendas coa historia, o misterio coa fe e a paisaxe coa natureza. Hai quen di que nese sacro e misterioso lugar, nesa vella atalaia silenciosa, sucedéronse algúns dos máis importantes fitos históricos e lendarios do noso país. Hai quen di que nese lugar existiu un castelo e un mosteiro, así como pasadizos segredos cavados na rocha que fican ateigados de serpes. Ese lugar non é outro que o Pico Sacro, o monte das míticas serpes, dos mouros e xigantes, e a primeira tumba do Apóstolo Santiago. O Pico Sacro domina os verdescentes vales do Ulla e a contorna compostelá, e cos seus máis de 530 metros de altitude, fica como un extraordinario miradoiro destas terras. Este máxico pico atópase entre os concellos coruñeses de Vedra e Boqueixón. Fai un par de meses, namentres percorría o derradeiro tramo da Vía da Prata dende a Pobra de Sanabria, lembro camiñar a carón da sombra deste xigantesco pico, así como a impresión e a ledicia que sentín ó velo, pois significaba que estabamos xa preto de Compostela; era a derradeira etapa. I é que o Pico Sacro fica a carón da Vía da Prata i está a uns doce quilómetros da capital do país. Agora, un pouco máis descansados do Camiño, decidimos achegarnos ata este lendario e sacro monte para coñecer máis de preto este encrave e parte das lendas que atesoura. Saímos de Santiago unha fresca tarde de inverno con ganas de camiñar por empedrados e  lendarios vieiros, de recender historia e misterio, de contemplar dende os máis altos petoutos os amplos horizontes e os húmidos vales que se estenden polos arredores de Compostela. Mais tamén coa curiosidade de saber por qué este lugar conseguiu atraer tantas lendas e historias, tantos mitos e crenzas, tantos homes e seres do universo mitolóxico. 


Dende a saída da cidade, o solitario Pico Sacro sempre estivo presente no noso horizonte, mostrándonos a súa particular silueta, tan impoñente e maxestosa, tan dura e inquebrantábel. Semella unha inquedanza saber como este penedo puido resistir a erosión, os milenarios azoutes dos ventos e das treboadas. Quizais no interior deste impresionante penedo, nas súas propias e sacras entrañas, atopemos a resposta. Non tardamos en chegar a Lestedo, onde comezaríamos a ascensión ó monte máis emblemático e lendario do País. Logo duns cafés, comezamos a subir. De camiño xa puidemos dar boa conta das fermosas paisaxes que dende aquí se albiscan. Este pico atópase nun entorno agrícola dominado por amplas pradarías e multitude de eucaliptais. Nada máis chegar ó alto, o primeiro que chamou a nosa atención foi unha pequena pero fermosa capela que ficaba a rentes da núa rocha do pico. Tal e como comentabamos ó comezo, neste pico existiu un castelo e un mosteiro beneditino. Do primeiro non se conserva nada, agás a súa lenda, e do segundo; tan somentes esta pequena capela. Polo que parece, os monxes deixaron este pico pola dureza do clima e decidiron mudarse a San Lourenzo da Granxa, ladeira abaixo, para comezaren a traballar as terras nun lugar máis propicio. Nos nosos tempos, esta pequena capela románica non semella ter moita actividade, mais o certo é que se seguen a realizar romarías en honor a San Sebastián, o santo desta capela, dúas veces ó ano; unha en xaneiro e outra polo mes de maio. Do castelo pouco se sabe, mais contan que fora mandado construír polo Arcebispo Xelmírez aló polo século XII i era coñecido polo nome de Monsagro. Ó parecer, naquela fortaleza téñense vivido duros enfrontamentos entre o Arcebispo e Dona Urraca. Tempo despois, aló polo século XV, a vella torre foi substituída por outra nova, mais non tardou en ser derribada coas Revoltas Irmandiñas. 


Deixamos tras de nós a capela e comezamos a ascender ata a cima. Outro dos grandes atractivos deste Pico Sacro son as rochas que o conforman. Polo que parece, trátase dun vértice xeodésico de gran valor xeomorfolóxico e moi pouco común. As rochas deste xigantesco monte son maioritariamente de cuarzo a medio cristalizar. Este material, tan duro coma fráxil, é moito máis resistente á erosión que outras moitas rochas como o granito ou a lousa. Eiquí teríamos a resposta a aquela inquedanza que traiamos de camiño namentres avistabamos a silueta do Pico Sacro. Nembargantes, achamos algo na cima que chamou fortemente a nosa atención e que non semella ter unha explicación tan sinxela. Trátase dunha importante división, unha profunda e ampla incisión na propia rocha. A lenda conta que foi produto da furia dun mitolóxico xigante que, coa súa espada, partiu a montaña en dous. Logo de cruzar esta profunda fenda, coñecida agora como a Rúa da Raíña Lupa, achamos algo que nos sorprendería aínda máis. Ante nós atopamos un profundo e misterioso coveiro escavado na propia rocha, rabuñado no pálido cuarzo, que nos deixou mudos e perplexos. Tratábase do Buraco dos Mouros, e como non podía ser doutro xeito, esta cova ficaba máis ateigada de lendas que de tesouros. Contan que existe outra preto da capela. As xentes d’antano crían que estes coveiros eran o fogar dos mouros e das serpes, xerándose así un marco propicio onde recrear as figuras mitolóxicas galegas. Outros moitos pensan que estas covas foron froito da cobiza dos romanos, que co obxectivo de achar ouro ou outros minerais de valor, cavaron estes pasadizos. Por se fose pouco, tamén hai quen sostén que se trata de covas naturais. Descoñécese a lonxitude das mesmas. Algúns espeleólogos dicían que este Buraco dos Mouros podería chegar a ter máis de 120 metros de profundidade, nembargantes, estudos máis recentes parecen indicar que non chegaría ós 30 dende o seu punto máis elevado. 


Sen desviarnos do fío das lendas e do misterio, non debemos esquecer a figura da Raíña Lupa, que dende a noite dos séculos ten neste pico o seu fogar. A Raíña Lupa é unha das máis importantes figuras mitolóxicas do universo lendario e imaxinario galego, e súa lenda, recollida no Códice Calixtino, conta como á chegada dos restos do Apóstolo Santiago a Padrón dende Palestina, os portadores do corpo trasladárono cara o interior das terras galegas, até os dominios dunha poderosa señora coñecida polo nome de Lupa. O Códice semella situar o fogar da Raíña Lupa no Pico Sacro. Os portadores reclamaron un lugar onde soterrar a Santiago, así como animais de carga para transportalo. A Raíña Lupa puxo todo tipo de atrancos para impedírllelo. Contan que os enviou ó Promontorium Nerium fisterrán, ó Ara Solis; ós confíns da terra. Alí foron apresados por un sacerdote pero milagrosamente puideron fuxir. Contan que logo de atravesar o curso do Río Tambre, a ponte foise destruíndo ó seu paso, deixándoos libres dos perseguidores. Lupa ofreceu de novo ós portadores un lugar onde pacían bois mansos que poderían empregar para trasladar os restos. Nembargantes, nese lugar non había animais mansos, senón bois bravos e un fero dragón que os atacou. Nembargantes, estes puideron amansar os bois e lograron transportar os restos do apóstolo. Lupa, sorprendida ante tal milagre, finalmente cedeu e proporcionou estas súas terras para soterrar o corpo de Santiago. Cantas lendas e misterios atesoura este lugar. Deixamos tras de nós este pico mítico e sacro, este milenario altar de cuarzo, desexando que non morran as súas lendas. Sen elas, non quedaría xa nada daquel castelo nin daquel mosteiro beneditino, non quedaría nada dos mouros, das serpes, dos xigantes nin da Raíña. Que as lendas do Pico Sacro, como o pálido cuarzo que mantén o reino de Lupa erixido dende o principio dos tempos, sigan presentes na memoria dos galegos ó longo dos séculos!