venres, 28 de agosto de 2015

O castro costeiro da Lanzada


“¿Non vistes no mato
a vez que un jovenco
perdeu súa nai
e dá muitos berros?

¿Ouvistes o ruído
que fai con os ventos
o mar da Lanzada
cando está enquieto?

¿Vos lembra do estrondo
que fai no inverno
o trebón con raios,
centellas, lostregos?”
Padre Sarmiento, Coloquio de 24 gallegos rústicos

Retornamos ás Rías Baixas para tratar de achar outro importantísimo asentamento castrexo, outro castro mariñeiro, -coma Neixón, Baroña ou Achadizo-, que se localiza no extremo dunha das praias máis grandes e senlleiras do noso país; a da Lanzada. Para darmos con estoutra pequena pero importantísima cidadela castrexa tivemos que dirixirnos até a parroquia de Noalla, pertencente ó concello pontevedrés de Sanxenxo. A carón deste pequeno castro xa tiveramos ocasión de visitar e coñecer, fai cousa duns anos atrás, a Capela da Nosa Señora da Lanzada e algunha que outra capeliña da beiramar como a da Toxa; ateigada de nácara e de brancas cunchas de vieira. Nada máis  chegar ó aparcadoiro da Capela da Lanzada, albiscaríamos á nosa esquerda o castro que procurabamos. O Castro da Lanzada aséntase sobre dunha pequena punta terrestre que penetra no mar, nas inmediacións dos restos dunha fortaleza medieval coñecida como a Torre da Lanzada. I é que este recuncho da Lanzada foi unha superposición de diversos asentamentos cunha ocupación continuada duns 2000 anos. Dende o século VIII denantes de Cristo sucedéronse un castro, un emporio comercial, unha factoría de produtos mariños e unha necrópole romana, amais dunha fortaleza e unha capela medievais.  


Este Castro da Lanzada foi un poboado castrexo aberto ó mundo que data do século VIII denantes de Cristo e que contén unha necrópole que foi empregada até os séculos III a IV despois de Cristo. Eiquí achouse un importantísimo número e variedade de produtos importados. Isto fainos pensar que puido existir un emporio ou centro comercial dende finais da Idade do Ferro. Crese que dende o século V denantes de Cristo, comerciantes fenicios e púnicos fixeron deste recuncho da Lanzada un dos meirandes puntos de intercambio comercial do noroeste peninsular, en boa parte debido ó ouro e ó estaño, á salga e á súa estratéxica  localización. Durante as obras de construción da estrada que une Sanxenxo e O Grove, sairían á luz os restos da necrópole romana, nos que se puideron achar numerosas tumbas, caveiras e restos de corpos atados de mans e con signos evidentes de seren executados de xeito violento. Coa dominación romana, o Castro da Lanzada deixaría de ser un importante punto de intercambio marítimo, mais coa caída do Imperio recuperaría de novo as súas actividades comerciais, que seguirían en activo até o século VI. 


Durante a Idade Media, o castro pecharíase ó mundo ante a ameaza que comezaban a supoñer os piratas viquingos e sarracenos. Malia todo, este recuncho da Lanzada xogaría un papel importante no tocante ó control das incursións de tropas piratas na Ría de Arousa e á hora de impedir que estas se achegasen a Compostela. No século X erixiríase eiquí unha fortaleza que, xunto coa de San Sadurniño, a de Vilanova ou as Torres do Oeste, terían a misión de vixiar e avisar mediante fachos das posibles incursións piratas na ría. Se algo distingue a este castro costeiro da Lanzada é que foi a primeira factoría galega en transformar produtos do mar para a súa exportación, e crese que esta actividade debeu vivir o seu maior auxe entorno ó século II denantes de Cristo. No castro foron achadas pías que poderían servir para procesar o peixe ou mesmo para prepararen o “garum”, unha especie de sopa de peixe moi apreciada nos tempos de antano, amais dun concheiro. Os concheiros eran silos de pedra onde se depositaban as cunchas e os desperdicios dos produtos que transformaban os castrexos. Estes concheiros fannos unha idea do tipo de produtos que comían e procesaban. Estes concheiros adoitan acharse na meirande parte dos castros costeiros, como en Neixón. No cuncheiro do Castro da Lanzada acháronse pequenas concentracións de cunchas de lapas e ourizos.


A primeira referencia que existe da Lanzada data do século XVIII grazas a Frei Martín Sarmiento, que se interesaría neste recuncho namentres visitaba unhas sepulturas romanas que apareceran na zona, e que a plasmaría nun libro acompañado dun mapa.  El interpretaría estes restos como como a cidade de Lambríaca e os da torre como un antigo faro. Logo de que no 1949 saísen á luz sepulturas romanas namentres se levaban a cabo as obras da estrada, Filgueira Valverde, Branco Freijeiro e Sánchez Cantón escavarían por primeira vez no Campo da Lanzada no ano 1951, achando novas sepulturas e varias construcións circulares. Durante a década dos 60, as obras serían dirixidas polo propio Filgueira Valverde. Sería nos anos 70 cando Francisco Fariña Busto e García Alén se decaten do grandísimo interese arqueolóxico da Lanzada, sacando á luz máis información sobre da necrópole e verificando que a zona estivo habitada dende a Idade do Bronce até a Idade Media. No ano 1983 realizaríanse dúas escavacións de urxencia da man de Peña Santos, nas que documentaría dous soterramentos tardorromanos. No 2010 retomaríanse os traballos e o director sería o arqueólogo Rafael Mª Rodríguez Martínez en colaboración co Laboratorio de Patrimonio do CSIC. Logo de profundar un pouco na historia destoutro castro costeiro, liscamos desta punta aberta ó mundo enteiro, escoitando, como diría Sarmiento; “o ruído que fai con os ventos o mar da Lanzada cando está enquieto”.

mércores, 26 de agosto de 2015

Ero e o soño de Armenteira


“Homero consolando a súa cegueira
con palabras de heroes e de ferros,
Descartes combatindo lentos erros,
Whitman oíndo o lume na lareira.

Ero soñando a ave en Armenteira,
Artaud no hospital uivando a berros,
Rilke en Duíno, Poe por eses cerros,
Virxilio parolando a Horacio na eira.

Neruda retirado en Isla Negra.
Celan a se arroxar no avolto río.
Quevedo e o seu profundo señorío.
Juan de la Cruz quebrando toda regra.

Os ollos dun meniño que, en Lisboa,
embarcándose, soña que é Pessoa”.
Xavier Seoane, Vagar de sombra

Corría unha solleira e calorosa mañá de xullo cando decidimos achegarnos até outro dos mosteiros máis senlleiros deste noso verdescente país. Desta volta decidimos coñecer as lendas e segredos que agocha o Mosteiro Cisterciense de Santa María de Armenteira, románico do século XII e localizado nunha das ladeiras do Monte Castrove, no concello pontevedrés de Meis. Este mosteiro está habitado nos nosos días, concretamente dende o ano 1989, por unha comunidade de monxas pertencentes á Orde do Císter. Internámonos nas entrañas do mosteiro logo de ollar o curso do Armenteira e as súas plácidas e frondosas ribeiras. Fixémolo calados, respectando a paz que se respira neste fermosísimo recanto do Salnés. 


A lenda que agocha este mosteiro fala de Ero; un cabaleiro da corte de Afonso VII que estaba casado mais non tiña fillos. Este feito causáballe moita dor tanto a el  como á súa muller. Por intercesión da Virxe María pediron a Deus un herdeiro, e unha boa noite, ambos terían o mesmo soño: a Virxe dicíalles que por vontade de Deus ían ter moitos fillos espirituais. 

Sería logo daquel soño cando decidirían fundar un mosteiro. Ero solicitaría monxes cistercienses a San Bernardo de Claraval, e estes enviaríanlle catro monxes. Co paso do tempo, Ero pasaría a ser Abade. Un día, namentres paseaba e meditaba tratando de entender a eternidade, quedaría sorprendido polo canto dun paxariño. Cando rematou de escoitalo retornaría ó mosteiro e decataríase de que os monxes que coñecía xa non estaban alí. Os que alí había eran outros que non coñecía de nada. Ó parecer, pasaran uns douscentos anos dende o canto daquel paxariño. 

Crese que o primeiro cenobio debeu ser fundado polo Abade San Ero aló polo 1.150. O nome de Santa María de Armenteira aparece por vez primeira nos documentos oficiais da Orde Cisterciense no ano 1.162, e pouco tempo despois darían comezo as obras principais do mosteiro; entre elas a igrexa. A finais do século XV comezaría a vivir unha certa decadencia, pero no 1.523 sería reformado pola Congregación de Castela. Sería no ano 1.837 cando a desamortización obrigaría ós monxes a abandonar o mosteiro, e como consecuencia, boa parte do edificio, agás a igrexa, remataría por derrubarse. Nembargantes, no 1.961, Carlos Valle-Inclán, o fillo do escritor, proponse reconstruír o mosteiro e funda cun grupo de amigos a asociación “Amigos de Armenteira”. Isto fixo posible que un grupo de monxas procedentes do mosteiro navarro de Alloz, se instalase en Armenteira e devolvese a vida cisterciense a este mosteiro do Salnés.


Do primitivo mosteiro somentes se conserva íntegra a igrexa; sinxela, austera, fermosa. O templo posúe tres naves e cabeceira tripartita con cúpula no cruceiro. Ficamos absortos ollando a fachada da Igrexa de Santa María, aquela gran portada con seis arquivoltas de medio punto, aquel magnífico rosetón polo que penetra a inmaculada luz solar. No costado meridional da igrexa atópase o claustro actual, de planta cadrada e dous andares, construído entre o 1575 e o 1778. Este claustro amosa na variedade das súas claves de bóveda, as diferentes épocas da súa construción. A porta de acceso é o único que queda do primitivo claustro. Foi unha sorte coñecer a historia e a lenda que atesoura estoutro cenobio galego. Liscamos deste fermoso recuncho cheos de paz e tratando de escoitar o canto dalgún rebuldeiro paxariño que nos afunda nos misterios da eternidade. 

martes, 18 de agosto de 2015

A cambadesa Torre de San Sadurniño


“¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre, 
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar.
Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó mar.
¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!
Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe 
ó redentor empuxe
da alma rexional.
Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val”
Ramón Cabanillas, Vento mareiro

Outro dos recunchos que tivemos oportunidade de coñecer en Cambados, namentres gozabamos da LXIII edición da súa senlleira Festa do Albariño, foron as ruínas da Torre de San Sadurniño, que xunto con Fefiñáns e Santa Mariña de Dozo; son os lugares máis históricos i emblemáticos que atesoura o salgado berce do noso Poeta da Raza. Estoutras ruínas cambadesas, a diferenza das de Santa Mariña de Dozo, fican arrodeadas de mar e de vida, sen lápidas nin cruces, sen loitos nin rosarios. Camiñamos dende Fefiñáns até o barrio máis antigo de Cambados, a Vila Vella, o actual San Tomé do Mar. 


Deixamos á nosa dereita o peirao e albiscamos fronte a nós aquela pétrea silueta que resiste nun illote, e ó mesmo tempo, tamén sobre do mar. Achegámonos até aquela pequena illa, coñecida como a Illa da Figueira, a través dunha pétrea e alongada ponte. Unha vez alí dispuxémonos a observar aquelas ruínas e a tratar de recrear a súa historia. 

As orixes e a finalidade da construción da Torre de San Sadurniño non están de todo claras, e loxicamente, existen moitas interpretacións sobre da súa historia. Deixarémonos levar pola crenza máis popular. Segundo o historiador Caamaño Bournacell, puido ser erixida neste illote, case que triangular, durante a segunda metade do século X por orde do bispo Sisnando II. Durante o século XII sería mercada polo arcebispo compostelán Diego Xelmírez, que a mandaría restaurar co obxectivo de empregala, dada a súa estratéxica localización na boca da Ría de Arousa, como atalaia de vixilancia ante os posibles ataques viquingos. De feito, pénsase que puido pertencer a unha rede de torres, entre as cales estaría a da Lanzada, Vilanova, A Rocha ou as de Catoira, nas que se prendían fachos cando eran avistadas naves normandas achegándose á costa coa finalidade de alertar ós veciños da comarca para que impedisen que os piratas chegasen ata Compostela e arrasasen a cidade. Tempo despois, máis concretamente durante o século XIII, a torre pasaría mans de Paio Gómez Chariño de Soutomaior, que reformaría a torre e o resto da fortificación. Como a meirande parte das torres e fortalezas do territorio galego, aló polo 1470, a Torre de San Sadurniño sería derrubada polos irmandiños, polo pobo servil i escravo. A fortaleza seguiría pertencendo á familia Chariño - Soutomaior até o século XVIII, tempo no que o IV Conde de Castronovo a vendería a Diego de Zárate y Muga, Marqués de Montesacro. A este pertenceu a torre até o século XIX. Nos nosos días, nesta pequena Illa da Figueira, somentes se conserva unha esquina daquela torre, unha estreita xanela e unha lareira no vértice dos rexos muros graníticos. Mais esta pequena illa, esta contorna i estas poucas pedras da beiramar, son o meirande anaco de historia de Cambados


Marchamos recendendo o arume do mar, albiscando dende a ponte aquela atalaia derrubada, aquel feixe de pedras, aquel facho de luz calada, asolagada polo tempo e pola marusía, coa certeza de que seguirá en pé pra testemuñar por sempre a meirande parte da historia desta vila. 

venres, 14 de agosto de 2015

As ruínas de Santa Mariña de Dozo


“É o mantelo das penas e os pagos;
o mantelo probe, o mantelo vello
con que vai a falar co filliño que está na cadea
e darlle, ó chamado a servicio, o adiós derradeiro;
o que leva a pagar o consumo,
as oblatas, as rendas, os foros... e o demo do inferno;
o que pon cando saien os barcos
onde se van os galegos,
mar a fóra, mar a fóra,
lonxe dos nativos eidos;
o que visteu o día das tromentas
de Nebra e de Sofán -¡Trunfo do ferro!
¡Trunfo dos porcos bravos!
¡Trunfo dos homes roxos! ¡Trunfo dos homes negros!-
para ir, afogada en bágoas,
enrabiada co ceo,
detrás dunhas caixas longas, 
camiño do cimiterio”.
Ramón Cabanillas, Da Terra asoballada

Non fai moito daquela curta estadía, daquela máxica e fugaz viaxe ó berce e ó corazón, salgado e mareiro, dun excelso e loitador poeta que nunca chegou a falecer, que vive en cada esquina de Fefiñáns, nas sanguentas alboradas  da Torre de San Sadurniño, nas derradeiras pedras de Santa Mariña; no horizonte de gamelas de Cambados. Volvín á terra de Cabanillas, con motivo da última edición da máis que tradicional Festa do Albariño, na compaña da miña curmá e dunhas amigas. Tiñamos como obxectivo pasar tres intensísimos días de festa en Cambados, dando boa conta da ampla variedade de brancos que se producen nestas terras, e agardabamos aproveitar a viaxe para visitar tamén algún dos recunchos máis atractivos desta importante vila pontevedresa das Rías Baixas. 


O primeiro lugar que decidimos coñecer non podía ser outro que o camposanto e as ruínas de Santa Mariña de Dozo, declaradas Monumento Histórico-Artístico no ano 1943. Achegámonos camiñando até este camposanto que se localiza no alto da vila e que tanto semella impresionar a todo aquel que o visita. Nada máis atravesar a porta do camposanto ficariamos francamente fascinados ante aquel pétreo espiñazo, ante as ruínas do que no seu día fora o templo de Santa Mariña de Dozo. Internámonos paseniño sen deixar de mirar as ruínas que tiñamos diante de nós; aquela torre do campanario medio derrubada, aqueles arcos triunfantes, aquelas bóvedas imaxinarias, aqueles muros vencidos. Crese que estas ruínas foron no seu día un templo oxival erixido por mandato de Dona Xoana de Hungría, a muller de Paio Gómez de Soutomaior, e Dona María de Ulloa, a nai do Arcebispo Alonso III de Fonseca e Señora de Cambados, entrámbolos séculos XV e XVI sobre dunha igrexa románica do século XII. 


O templo, de estilo gótico mariñeiro con claras influencias renacentistas, presenta numerosos elementos decorativos exactamente iguais ós empregados no antigo Hospital Real de Santiago. Isto semella evidenciar que algúns dos seus construtores deberon pertencer ó círculo de mestres que traballaban en Santiago. Nos nosos días, o único que queda en pé da antiga Igrexa de Santa Mariña é, amais da planta da nave, duns 24 por 11 metros, e da torre do campanario a medio derrubar; catro arcos transversais de medio punto, a ábsida, cinco capelas nos laterais e a sancristía. Aínda nos nosos días pódense apreciar algúns restos moi deteriorados de pinturas murais que semellan datar do século XVI. Tanto a sancristía como as cinco restantes capelas laterais serían construídas i encaixadas entre os contrafortes pouco tempo despois que a nave central da igrexa. Polo que se sabe, a Igrexa de Santa Mariña mantería o seu culto ata mediados do século XIX. 


No ano 1838, os muros da igrexa xa ameazaban con derrubarse, polo que se trasladou o culto á igrexa do convento de San Francisco. Houbo intención de restaurar o templo, mais nunca chegaría a facerse realidade. O tempo e o abandono precederon á ruína. A fachada remataría por derrubarse, perderíase o rosetón que existía na mesma e os retablos desaparecerían. O  único que seguiu empregándose foi o camposanto, que deixaría de ser nobiliario para ser o recuncho final do resto de mortais da parroquia. Percorremos a case totalidade do adro da igrexa, nos nosos días completamente ateigado de tumbas e sartegos, de lápidas e de cruces. Contan que o mesmísimo Don Álvaro Cunqueiro chegou a dicir que este era "o máis melancólico camposanto do mundo". Ficamos abraiados contemplando este atípico camposanto i estas ruínas tan sumamente ateigadas de beleza. Sorprendeunos tamén o feito de atopar algunha que outra tumba nas entrañas mesmas desta igrexa derrubada.


Que grande honor foi para nós coñecer estas inusitadas ruínas, este camposanto de cruces brancas, esta estación de almas mariñeiras. Despedímonos de Santa Mariña de Dozo e deste cemiterio nobre e servil, “probe e fidalgo...”; "o máis melancólico camposanto do mundo" que non deixa a ningún “soñador” indiferente.