venres, 14 de agosto de 2015

As ruínas de Santa Mariña de Dozo


“É o mantelo das penas e os pagos;
o mantelo probe, o mantelo vello
con que vai a falar co filliño que está na cadea
e darlle, ó chamado a servicio, o adiós derradeiro;
o que leva a pagar o consumo,
as oblatas, as rendas, os foros... e o demo do inferno;
o que pon cando saien os barcos
onde se van os galegos,
mar a fóra, mar a fóra,
lonxe dos nativos eidos;
o que visteu o día das tromentas
de Nebra e de Sofán -¡Trunfo do ferro!
¡Trunfo dos porcos bravos!
¡Trunfo dos homes roxos! ¡Trunfo dos homes negros!-
para ir, afogada en bágoas,
enrabiada co ceo,
detrás dunhas caixas longas, 
camiño do cimiterio”.
Ramón Cabanillas, Da Terra asoballada

Non fai moito daquela curta estadía, daquela máxica e fugaz viaxe ó berce e ó corazón, salgado e mareiro, dun excelso e loitador poeta que nunca chegou a falecer, que vive en cada esquina de Fefiñáns, nas sanguentas alboradas  da Torre de San Sadurniño, nas derradeiras pedras de Santa Mariña; no horizonte de gamelas de Cambados. Volvín á terra de Cabanillas, con motivo da última edición da máis que tradicional Festa do Albariño, na compaña da miña curmá e dunhas amigas. Tiñamos como obxectivo pasar tres intensísimos días de festa en Cambados, dando boa conta da ampla variedade de brancos que se producen nestas terras, e agardabamos aproveitar a viaxe para visitar tamén algún dos recunchos máis atractivos desta importante vila pontevedresa das Rías Baixas. 


O primeiro lugar que decidimos coñecer non podía ser outro que o camposanto e as ruínas de Santa Mariña de Dozo, declaradas Monumento Histórico-Artístico no ano 1943. Achegámonos camiñando até este camposanto que se localiza no alto da vila e que tanto semella impresionar a todo aquel que o visita. Nada máis atravesar a porta do camposanto ficariamos francamente fascinados ante aquel pétreo espiñazo, ante as ruínas do que no seu día fora o templo de Santa Mariña de Dozo. Internámonos paseniño sen deixar de mirar as ruínas que tiñamos diante de nós; aquela torre do campanario medio derrubada, aqueles arcos triunfantes, aquelas bóvedas imaxinarias, aqueles muros vencidos. Crese que estas ruínas foron no seu día un templo oxival erixido por mandato de Dona Xoana de Hungría, a muller de Paio Gómez de Soutomaior, e Dona María de Ulloa, a nai do Arcebispo Alonso III de Fonseca e Señora de Cambados, entrámbolos séculos XV e XVI sobre dunha igrexa románica do século XII. 


O templo, de estilo gótico mariñeiro con claras influencias renacentistas, presenta numerosos elementos decorativos exactamente iguais ós empregados no antigo Hospital Real de Santiago. Isto semella evidenciar que algúns dos seus construtores deberon pertencer ó círculo de mestres que traballaban en Santiago. Nos nosos días, o único que queda en pé da antiga Igrexa de Santa Mariña é, amais da planta da nave, duns 24 por 11 metros, e da torre do campanario a medio derrubar; catro arcos transversais de medio punto, a ábsida, cinco capelas nos laterais e a sancristía. Aínda nos nosos días pódense apreciar algúns restos moi deteriorados de pinturas murais que semellan datar do século XVI. Tanto a sancristía como as cinco restantes capelas laterais serían construídas i encaixadas entre os contrafortes pouco tempo despois que a nave central da igrexa. Polo que se sabe, a Igrexa de Santa Mariña mantería o seu culto ata mediados do século XIX. 


No ano 1838, os muros da igrexa xa ameazaban con derrubarse, polo que se trasladou o culto á igrexa do convento de San Francisco. Houbo intención de restaurar o templo, mais nunca chegaría a facerse realidade. O tempo e o abandono precederon á ruína. A fachada remataría por derrubarse, perderíase o rosetón que existía na mesma e os retablos desaparecerían. O  único que seguiu empregándose foi o camposanto, que deixaría de ser nobiliario para ser o recuncho final do resto de mortais da parroquia. Percorremos a case totalidade do adro da igrexa, nos nosos días completamente ateigado de tumbas e sartegos, de lápidas e de cruces. Contan que o mesmísimo Don Álvaro Cunqueiro chegou a dicir que este era "o máis melancólico camposanto do mundo". Ficamos abraiados contemplando este atípico camposanto i estas ruínas tan sumamente ateigadas de beleza. Sorprendeunos tamén o feito de atopar algunha que outra tumba nas entrañas mesmas desta igrexa derrubada.


Que grande honor foi para nós coñecer estas inusitadas ruínas, este camposanto de cruces brancas, esta estación de almas mariñeiras. Despedímonos de Santa Mariña de Dozo e deste cemiterio nobre e servil, “probe e fidalgo...”; "o máis melancólico camposanto do mundo" que non deixa a ningún “soñador” indiferente.

Ningún comentario: