“¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar.
Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó mar.
¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!
Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.
Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val”
Ramón Cabanillas, Vento mareiro
Outro dos recunchos que tivemos oportunidade de coñecer en Cambados, namentres gozabamos da LXIII edición da súa senlleira Festa do Albariño, foron as ruínas da Torre de San Sadurniño, que xunto con Fefiñáns e Santa Mariña de Dozo; son os lugares máis históricos i emblemáticos que atesoura o salgado berce do noso Poeta da Raza. Estoutras ruínas cambadesas, a diferenza das de Santa Mariña de Dozo, fican arrodeadas de mar e de vida, sen lápidas nin cruces, sen loitos nin rosarios. Camiñamos dende Fefiñáns até o barrio máis antigo de Cambados, a Vila Vella, o actual San Tomé do Mar.
Deixamos á nosa dereita o peirao e albiscamos fronte a nós aquela pétrea silueta que resiste nun illote, e ó mesmo tempo, tamén sobre do mar. Achegámonos até aquela pequena illa, coñecida como a Illa da Figueira, a través dunha pétrea e alongada ponte. Unha vez alí dispuxémonos a observar aquelas ruínas e a tratar de recrear a súa historia.
As orixes e a finalidade da construción da Torre de San Sadurniño non están de todo claras, e loxicamente, existen moitas interpretacións sobre da súa historia. Deixarémonos levar pola crenza máis popular. Segundo o historiador Caamaño Bournacell, puido ser erixida neste illote, case que triangular, durante a segunda metade do século X por orde do bispo Sisnando II. Durante o século XII sería mercada polo arcebispo compostelán Diego Xelmírez, que a mandaría restaurar co obxectivo de empregala, dada a súa estratéxica localización na boca da Ría de Arousa, como atalaia de vixilancia ante os posibles ataques viquingos. De feito, pénsase que puido pertencer a unha rede de torres, entre as cales estaría a da Lanzada, Vilanova, A Rocha ou as de Catoira, nas que se prendían fachos cando eran avistadas naves normandas achegándose á costa coa finalidade de alertar ós veciños da comarca para que impedisen que os piratas chegasen ata Compostela e arrasasen a cidade. Tempo despois, máis concretamente durante o século XIII, a torre pasaría mans de Paio Gómez Chariño de Soutomaior, que reformaría a torre e o resto da fortificación. Como a meirande parte das torres e fortalezas do territorio galego, aló polo 1470, a Torre de San Sadurniño sería derrubada polos irmandiños, polo pobo servil i escravo. A fortaleza seguiría pertencendo á familia Chariño - Soutomaior até o século XVIII, tempo no que o IV Conde de Castronovo a vendería a Diego de Zárate y Muga, Marqués de Montesacro. A este pertenceu a torre até o século XIX. Nos nosos días, nesta pequena Illa da Figueira, somentes se conserva unha esquina daquela torre, unha estreita xanela e unha lareira no vértice dos rexos muros graníticos. Mais esta pequena illa, esta contorna i estas poucas pedras da beiramar, son o meirande anaco de historia de Cambados.
Marchamos recendendo o arume do mar, albiscando dende a ponte aquela atalaia derrubada, aquel feixe de pedras, aquel facho de luz calada, asolagada polo tempo e pola marusía, coa certeza de que seguirá en pé pra testemuñar por sempre a meirande parte da historia desta vila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario