mércores, 30 de setembro de 2009

Chega o San Froilán!



"E medraban as tellas do piano
que se achegaba lento ao plenilunio.
E xa se trafegaban unhas mans en outras,
nunha clarividente transparencia.
O sol naquil solpor era un ourizo
parello de min mesmo sempre envolto
no meu proprio silencio.
Dun horizonte noutro,
por riba do mundo dos tellados,
aquel piano soaba sen acougo"

Tomás Barros, Vieiro de Señardade

Do 4 ó 12 de outubro, Lugo abre as súas portas a tódolos visitantes para festexar o San Froilán, unha das festas máis tradicionais do País Galego e declarada de Interese Turístico Nacional. A súa historia nace na Idade Media, aínda que comeza a cobrar magnitude aló polo século XIX. Agora, uns 255 anos despois, o día de San Froilán e o "Domingo das Mozas" traerán consigo a tradición, a feira, a xente e as noites medievais. Non faltarán gaitas, pulpeiras, concertos e moita diversión asegurada. Benvidos a unha das festas máis multitudinarias do chan galego, benvidos ó San Froilán!

mércores, 16 de setembro de 2009

A Guarda, museo vivo do tempo



"Sober ao Páramo, nunha Oímbra do Sil
e Fisterrar no Barco para sempre
baixo a Bóveda Sandiás
até ir perdendo de vista a Mezquita
na Irixoa dun Brión que nos Melide.
Eu Muxía
mentres ti Ramirás A Guarda"

Estíbaliz Espinosa, Mecánica Zeleste

A Guarda é un fermosísimo municipio pontevedrés que alberga un monte onde o paso evolutivo de civilizacións foi deixando a súa pegada, Santa Trega. Este máxico lugar foi dende o dez mil denantes de Cristo, un propicio asentamento para os primeiros homínidos e posteriormente seguiu habitado durante o período Neolítico (5.000 - 2.000 denantes de Cristo), pasando pola Cultura do Bronce (2.000 – 1.000 denantes de Cristo.), a Cultura Castrexa e a Romanización. Proba disto son os petróglifos, a escultura de Hércules en bronce e os vellos fogares castrexos que, xunto coa capela e os cruceiros, fan deste lugar un museo vivo da historia. Este monte máxico, legado das diferentes civilizacións, é sen lugar a dúbidas; un dos máis senlleiros e simbólicos do noso pequeno e verdescente país.


A desembocadura do Río Miño exerce de fronteira natural con Portugal e dende o porto da Guarda divísase unha fermosa variedade de cores, que visten e distinguen as fachadas das casas mariñeiras. Esta vila goza tamén de praias como A Lamiña, O Muíño e Area Grande, paraxes que recenden a esa brisa mariñeira do Atlántico que a diferencia do Río Miño; non nos separa do país veciño, únenos.

martes, 8 de setembro de 2009

Viladonga, acrópole chairega


"Verbi gratia:
Santa Tegra,
O Neixón,
Borneiro,
Viladonga
Denantes de que condes,
emperadores,
xefes,
reis,
caudillos,
triparan as vellísimas
chairas da nosa Terra,
metendo lume ás xestas e á poalla,
ao melro e á cerdeira,
deixándonos a patria tolleita, esnaquizada,
sementada de Arousa a Pedrafita
dunha baza borralla, dunha brétema
enchoupando os nosos corazóns calcificados
sen azos
para o latexo
sen mans
para encetaren un anaco de queixo, unha cunca de viño,
sen forzas
para a seitura e a vendima:
fermoso como un doncel
era este mundo".

Vítor Vaqueiro

Durante os séculos II e V despois de Cristo, as rúas, foxos, murallas e construcións deste xacemento eran habitadas polos castrexos e galaico-romanos de forma duradeira. As súas murallas conforman unha croa central e o seu privilexiado estado de conservación fai deste castro un encrave perfecto para coñecer a evolución castrexa, xa que neste asentamento acháronse importantísimas probas de grandísimo valor histórico, dende xoias como torques de ouro ou aneis, ata apeiros de traballo, broches, compases e cerámicas. Este encrave está situado no concello lugués de Castro de Rei, ó nordés das chairegas terras galegas e moi preto da Serra de Meira. Todo un tesouro arqueolóxico que conta cun museo que alberga toda a información e unha xenerosa cantidade de achados. A día de hoxe é un dos castros máis importantes do chan galego e unha escola da nosa máis antiga historia tardorromana. É reconfortante pensar na cantidade de castros, construcións orixinarias e primitivas que de maior ou menor tamaño, mal ou ben conservados, radican en calquera recuncho das bretemosas terras dos bos e xenerosos. Que non morra a lenda da vella acrópolis de Viladonga!