martes, 17 de novembro de 2009

Ceibemos o Xallas!


"De Xallas; mais coma Xallas,
N' he terra tan agre e estérea;
Préto d'areosa Lage,
Non longe de Pasarela:
As suas casas son brancas,
E unhas pombas asomellan,
Sobr' un tarréo pousadas,
No tempo da sementeira"

Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Dende o alto das rosadas, milenarias i escachadas rochas graníticas da enseada do Ézaro, -o único pero espectacular recuncho de mar do concello coruñés de Dumbría-, contémplase a fría morte do Xallas no inmenso Océano Atlántico. Dende o granítico alto da fervenza, a pintoresca vila do Pindo semella minúscula, arroupada polos indómitos mares da Costa da Morte. Os pondalianos "feros corvos" enloitan o ceo dos solpores dos confíns da terra. Semella como se estivesen a escoitar un réquiem de bardos bos e xenerosos para protagonizar a procesión máis antiga e ollar dende o recuncho máis privilexiado a lendaria Fervenza do Xallas.


Esta importantísima xoia natural é o único río do vello continente europeo que desemboca en fervenza sobre do mar, mais por desgraza, a partires do ano 1897 comezaría a ser cruelmente apresado e canalizado pola interesada man humana, decapitado por unha xigantesca presa de formigón. Ás veces o turismo consegue un domingo de liberdade para o pobre Xallas, para abrir un pouco o grifo e sacar unhas instantáneas dunha agónica, programada e paradisíaca morte. A nós tocaranos deleitarnos coas fotos dun Xallas que xa non ensina o seu máis fermoso e digno arte de morrer. Algún día ha volver ser libre, cavilei, namentres albiscaba outra morte, a do sol que cada día tingue de sangue este horizonte, estes confíns de terra, salitre e marusías, alcumados Costa da Morte.

sábado, 7 de novembro de 2009

Cunqueiro fica en Mondoñedo


Herba aquí ou acolá

Todo pende en que ún esteña morto
perguntando póla herba que nasce derriba
coma por un novo corpo máis levián,
abaneado pólo vento,
- que trae e que leva a semente -
Herba no monte ou nas rúas da cidade
- aquí podían ser os pés dos vagabundos
que ún se soñara nús unha mañán de cedo -

Canto vai da memoria á herba
por onde terreas pensativas azas
caladamente te recomezan. Ouh abril,
tí liberdado dos vermes e dos ósos
dos ouvidos por onde estabas apegado
a aqueles outros pasaxeiros de traxe novo!
Cando chove adeprendo a beber auga.
Por unha boca que non tiven, abrancuxados
fíos que zugan no terrón e medran:
foron percisos nubes e sol e un sacho
- namentras te valeiras
esqueces os cantos ledos do verán e o merlo
o pan o lume e esa doce sorrisa
que todos tivemos unha vez pousada no peito -

Todo pende en que ún esteña morto
e queira volver ao val e á noite
esmola de home, pasteiro comunal
onde brancas ovellas alindadas por unha vella
pacen seguido sin erguer a cabeza
sin decatarse de ónde ven a herba
que moen e remoen os dentes apertados.

Sin decatarse da resurreción da carne de Álvaro Cunqueiro,
un novo corpo limpo que soñaba co vento,
— beira dun río, quizaves,
ou nun alto —.

Ese alguén de meu que nunca volve
á auga da infancia
sin saber saír do laberinto.
Ese que é outro home que eu levo
derrubado sobre min
ou como a hedra 90 carballos abraza.

En balde lle digo que hoxe recollen
as coloradas mazáns
e que hai que buscar as que caen entre a herba.
Verdadeiramente é como levar un morto
nada apetece e de nada se lembra
preguizoso sombrío. A seu carón vivo
e o eu que canta e volve
mira de esguello pra ónde xaz
e olla cómo apodrecen nel os soños e os anceios
a mocedade que foi e as sorrisas das mulleres
todo o que foi amado e recibido
todo o que foi e nunca máis será.
Pro o eu que vive e anda
resiste e non esquece ren,
despedíndose farto de vida
cando a vida de meu e máila súa acaben.
Pro eu resucitarei que soio volven
os que recordan, compañeiros.

Álvaro Cunqueiro

venres, 16 de outubro de 2009

As dornas da Illa de Arousa


"No ébano xélido
do skating da ría,
voltexando ledas
esbaraban as luces da vila.
No fío da praya
as dornas durmidas,
debruzadas carón da marea
nun soño de illas.
Nas ponlas do vento
o trebón pousado
era un moucho de negro prumaxo
que agoira os naufraxios.
Unha lua verde
penduraba no mouro silenzo
un longo surriso
de esquelete vello.

Luís Amado Carballo, Noite mareira

Dende a Illa de Arousa, os horizontes están cheos de bateas e as suas mudas praias son o mellor leito para redes, dornas, remos e velas. Esta sorprendente illa das Rías Baixas é unha xoia que presume das súas dornas e tradicionais regatas, así coma do Faro de Punta Cabalo ou as marismas e as ancestrais artes do mar. É un dos municipios máis recentes de Galicia e o único concello insular. O mar, as pedras e os piñeiros conforman a paisaxe que, dende o mar, observan os mariñeiros, os visitantes e as bateas. Eses ventres que enxendran o mellor mexilón da cociña galega e o máis sublime antollo das cociñas internacionais. As garzas reinan nas marismas sempre presentes e antergas das Rías Baixas.


Estas xunqueiras son fonte de vida e universo particular de patos e innumerábeis especies da nosa fauna e flora. Dende o Con do Forno divísase a actividade mariñeira e as contornas da Illa, a ponte que a une con Vilanova de Arousa e o azul intenso do mar Atlántico. A brisa trae o arume do salitre, o alento do mar. O silenzo que habita no faro, nas praias e nas bateas, morre co boureo incesante das gaivotas que surcan o vento mareiro, transitan as rúas da illa e mergullan os corpos no mar.

mércores, 30 de setembro de 2009

Chega o San Froilán!



"E medraban as tellas do piano
que se achegaba lento ao plenilunio.
E xa se trafegaban unhas mans en outras,
nunha clarividente transparencia.
O sol naquil solpor era un ourizo
parello de min mesmo sempre envolto
no meu proprio silencio.
Dun horizonte noutro,
por riba do mundo dos tellados,
aquel piano soaba sen acougo"

Tomás Barros, Vieiro de Señardade

Do 4 ó 12 de outubro, Lugo abre as súas portas a tódolos visitantes para festexar o San Froilán, unha das festas máis tradicionais do País Galego e declarada de Interese Turístico Nacional. A súa historia nace na Idade Media, aínda que comeza a cobrar magnitude aló polo século XIX. Agora, uns 255 anos despois, o día de San Froilán e o "Domingo das Mozas" traerán consigo a tradición, a feira, a xente e as noites medievais. Non faltarán gaitas, pulpeiras, concertos e moita diversión asegurada. Benvidos a unha das festas máis multitudinarias do chan galego, benvidos ó San Froilán!

mércores, 16 de setembro de 2009

A Guarda, museo vivo do tempo



"Sober ao Páramo, nunha Oímbra do Sil
e Fisterrar no Barco para sempre
baixo a Bóveda Sandiás
até ir perdendo de vista a Mezquita
na Irixoa dun Brión que nos Melide.
Eu Muxía
mentres ti Ramirás A Guarda"

Estíbaliz Espinosa, Mecánica Zeleste

A Guarda é un fermosísimo municipio pontevedrés que alberga un monte onde o paso evolutivo de civilizacións foi deixando a súa pegada, Santa Trega. Este máxico lugar foi dende o dez mil denantes de Cristo, un propicio asentamento para os primeiros homínidos e posteriormente seguiu habitado durante o período Neolítico (5.000 - 2.000 denantes de Cristo), pasando pola Cultura do Bronce (2.000 – 1.000 denantes de Cristo.), a Cultura Castrexa e a Romanización. Proba disto son os petróglifos, a escultura de Hércules en bronce e os vellos fogares castrexos que, xunto coa capela e os cruceiros, fan deste lugar un museo vivo da historia. Este monte máxico, legado das diferentes civilizacións, é sen lugar a dúbidas; un dos máis senlleiros e simbólicos do noso pequeno e verdescente país.


A desembocadura do Río Miño exerce de fronteira natural con Portugal e dende o porto da Guarda divísase unha fermosa variedade de cores, que visten e distinguen as fachadas das casas mariñeiras. Esta vila goza tamén de praias como A Lamiña, O Muíño e Area Grande, paraxes que recenden a esa brisa mariñeira do Atlántico que a diferencia do Río Miño; non nos separa do país veciño, únenos.

martes, 8 de setembro de 2009

Viladonga, acrópole chairega


"Verbi gratia:
Santa Tegra,
O Neixón,
Borneiro,
Viladonga
Denantes de que condes,
emperadores,
xefes,
reis,
caudillos,
triparan as vellísimas
chairas da nosa Terra,
metendo lume ás xestas e á poalla,
ao melro e á cerdeira,
deixándonos a patria tolleita, esnaquizada,
sementada de Arousa a Pedrafita
dunha baza borralla, dunha brétema
enchoupando os nosos corazóns calcificados
sen azos
para o latexo
sen mans
para encetaren un anaco de queixo, unha cunca de viño,
sen forzas
para a seitura e a vendima:
fermoso como un doncel
era este mundo".

Vítor Vaqueiro

Durante os séculos II e V despois de Cristo, as rúas, foxos, murallas e construcións deste xacemento eran habitadas polos castrexos e galaico-romanos de forma duradeira. As súas murallas conforman unha croa central e o seu privilexiado estado de conservación fai deste castro un encrave perfecto para coñecer a evolución castrexa, xa que neste asentamento acháronse importantísimas probas de grandísimo valor histórico, dende xoias como torques de ouro ou aneis, ata apeiros de traballo, broches, compases e cerámicas. Este encrave está situado no concello lugués de Castro de Rei, ó nordés das chairegas terras galegas e moi preto da Serra de Meira. Todo un tesouro arqueolóxico que conta cun museo que alberga toda a información e unha xenerosa cantidade de achados. A día de hoxe é un dos castros máis importantes do chan galego e unha escola da nosa máis antiga historia tardorromana. É reconfortante pensar na cantidade de castros, construcións orixinarias e primitivas que de maior ou menor tamaño, mal ou ben conservados, radican en calquera recuncho das bretemosas terras dos bos e xenerosos. Que non morra a lenda da vella acrópolis de Viladonga!

martes, 28 de xullo de 2009

O carro do peirao de Redes


¡Meu carriño!

¡Carriño forte e xeitoso.
meu carriño,
arrolador e mimoso
como o berce dun meniño!

Lévame, meu carro, leva,
pola meiga terra nosa
que a miña alma saudosa
lonxe dela non se afai.
¡Lévame por onde escoite
a fala doce e sentida
antre bicos deprendida
no colo de miña nai!

¡Roda polos nosos eidos!
Anque hai lama no camiño
¡é a túa terra, meu carriño,
e a terra de meus avós!
¡Non collas pra chan alleo!
¡Non me leves a Castela
que non quero nada dela
xa que arrenegou de nós!

¡Vermello, leva coidado
co carriño,
que pode caír tumbado
no goio dun tremesiño!

Canta, meu carriño, canta
a redención esquencida
o dor da Terra ferida
de traidores e ladróns.
¡A alma galega dorme,
a santa Ideia está morta
e tes de ir porta por porta
encendendo os corazóns!
Berra por vilas e aldeas,
que hai que vinga-la inxusticia
dos que teñen a Galicia
axugada cun cansil.
¡E dille ós irmáns que atopes
que nas mans dun home enteiro
o estadullo carreteiro
non lle ten medo ó fusil!

Hoxe corredoira abaixo,
mañán corredoira arriba,
mentras ti dures e eu viva
teremos un camiñar.
E cando ti xa apodrezas
e eu dé o laio derradeiro,
¡que fagan do teu chedeiro
a caixa pra me enterrar!

Ramón Cabanillas


sábado, 20 de xuño de 2009

¡Todos coa Torre!



A Edmundo Fariña

"¡Ouh, meiga cibdá d'a Cruña,
Cibdá d'a torre herculina,
De xeneraciós recordo
Máis fortes q' as d' hoxe en dia;
Cibdá que por'sobr' os mares
Érguel-a cabeza altíva,
Cal onte n 'as tuas murallas
O brazo de MARÍA PITA:
¿Qué tés n'ese teu recinto,
Que tés pr'os que te visitan,
Que conecerte non poden
Sin que deixarte non sintan?
[…]
N'un bote me bambeaba
D'o Orzan sobr' as ondas rizas.
¡Ay! N'ese mar tormentoso,
Que non de Tirteo n'a lira,
A estrofa enérxica é fera
D'a libertá deprendia"

Manuel Curros Enríquez

O Faro máis lonxevo non deixa de alumear as perigosas costas que, a finais do século I despois de Cristo, e baixo o dominio do emperador Traxano, xa atormentaban o transcurso dos romanos pola Flavium Brigantium, rumbo ó mediterráneo. Os seus raios de luz non morreron, para alivio dos mariñeiros de bandeiras anónimas e para consolo de tódolos galegos. A mítica Torre do noso pai Breogán, viveu varias remodelacións, deterioros e abandono, sufreu ataques e incluso chegou a perder a súa función de faro. Eternamente esculpida polo sopro feroz do vento atlántico, foi fonte de inspiración do romanticismo autóctono e plasmado polo trazo do coruñés Urbano Lugrís, un dos artistas máis agradecidos e polo cal sinto un gran respeto e admiración. A Coruña reclama unha distinción á cal eu tamén me sumo, que se proclame Patrimonio da Humanidade á Torre de Hércules, símbolo histórico e lendario dos galegos. Que se protexa esta proba digna e real que tanto nos representa e identifica. Práceme pensar que a súa presenza fora cómplice na loita da vitoriosa María Pita, unha desas mulleres que loitan pola nosa independencia.

Nos murallós d'a Cruña erguéo airosa
A frente sua diante d'o estranxeiro
Sostiña n'unha mao, taxante aceiro,
N'outra mao, á bandeira victoriosa:
Así loitóu valente e xenerosa
Corpo a corpo c'o ingrés que osóu primeiro;
Domeñar o valor d'o chan Ibeiro,
Pra mor iniquidá n'a terra nosa.
'O fin vencéo; á causa d'a xusticia
Contra á torpe invasion forza é que venza;
Trunfou o patriotismo d'a codicia:
Sépian cantos nos ven con indifrenza,
Que tamen hay mulleres en Galicia
Que loitan pol-a nosa INDEPENDENZA.

V. Lamas Carvajal

O día 27 saberase se o Faro da Humanidade acada á fin, un recoñecemento que baixo o meu punto de vista, ten máis que merecido. Estaremos atentos. Coma fisterrán de nacemento e cascarilleiro de aluguer… Eu tamén apoio!

mércores, 10 de xuño de 2009

O Caión salvaxe e mariñeiro



"Non é para a historia
a luz deste ámbito
que te condena á eternidade"
Cesáreo Sánchez

A beleza de Caión faise perceptible cando comezamos a baixar as súas ladeiras. A panorámica é impresionante; estamos ante a verdadeira porta da Costa da Morte, e polo tanto, aquí comeza a bravura do mar máis cruel. Esta pequena península pertence ó Concello da Laracha e ten ese recendo mariñeiro que coa borraxeira, perfuma de salitre o seu porto e a súa praza. Dánnos a benvida, a Igrexa de Nosa Señora dos Milagres e as súas leiras de patacas e cebolas, mentres o seu porto e as xentes do mar, protagonizan a súa propia historia e lendas. Este privilexiado lugar de luz i eternidade agocha tras de sí a acolledora Praia das Salseiras, que a máis de ser ben coñecida polos surfeiros, alberga gran cantidade de mariscos. As súas pedras tampouco resultan descoñecidas para os percebeiros do lugar. Paraxe salvaxe e mariñeira, que nas noites de verán, e trá-la morte de Helios no horizonte das Sisargas, o recendo das súas rúas non é outro que o das sardiñas asadas. Boa sorte ós derradeiros mariñeiros que cada xornada gañan a loita pola vida na bravía Costa da Morte.

venres, 22 de maio de 2009

A Cidade de Viveiro


A Cris Blanco

"¿Déixasme qu´aquí solo
Á as áugas lles dirixa os meus acentos,
É non vés ao meu colo
Fartarme de contentos,
É amante aproveitar estes momentos?

Desd´aquí vexo os mares
Serenos, estenderse alá no ceo;
Oio d´aquí os cantares
Da pillara fugáz, d´o merlo feo;
Pero o teu seno lindo
Non o vexo, meu bén, qu´estas durmindo"

Nicomedes Pastor-Díaz, Alborada

A Mariña non sería o mesmo sen a identidade que lle aporta a costeira cidade de Viveiro. A súa ría nace coa desembocadura do río Landro en augas cantábricas para conformar outra fermosa paraxe das Rías Altas. A Ponte da Misericordia (S. XV) é, dende antano, a alfombra vermella da señorial Porta de Carlos V, que data de 1548 para mostrá-la historia que esta vila nobre agocha, así como para dar entrada ó casco antigo da cidade e á Praza Maior. Nesta praza fica Nicomedes Pastor-Díaz (1811-1863) cunha pluma e un papiro nas mans. Considerado por moitos, o príncipe do romanticismo hispánico. En 1891 María Cristina de Habsburgo concede á vila o título de cidade. A parada na Praia de Covas é obrigada por entenderse como a propia Praia de Viveiro e testemuñar naufraxios como o da fragata Sta. María Magdalena e o Palomo, deixando uns cincocentos mortos. Os seus 1380 metros de areais constitúen un viveiro natural de ameixas, navallas e outras especies. A súa branca e fina area é todo un atractivo turístico nas épocas do estío. Longo porvír á Cidade de Viveiro e a toda a Mariña!

mércores, 6 de maio de 2009

O Famoso Manolo do Monteiro



"Terras outas e soias!
Serras longas mouras!
Eu son esta coor de soedá
Ancares soñados co lonxe!
Penas de Marco de Meio Mundo en ringuileira do
Candedo ás Moás!
Alto da Lucenza Formigueiros Montouto Pía-Páxaro
Tesos cumes do Courel! Pobos probes
Ardidos de tristura mouros de queimados!
Lor ruxindo polo val pecho!
Ucedo e ucedo!
Fontiñas outas
penedos
carrozos escuros
fragas agros soutos e devesas! Labregos e pastoras
que soio vistes
istes tesos e máis estes vales!
Aturula a curuxa e canta o cuco
Medindo o tempo quedo que se para na cor e tornándose
Contra un ven cravarse no sitio onde máis se sinte!

Serra aberta"
Uxío Novoneyra, o poeta do Caurel

Os mellores solpores da serra adoecen nos escachados vidros dos fogares de Vilamor, na labrega Serra do Caurel. As casas orfas que conforman este lugar agonizan co silenzo que albergan os seus muros. De costas ó sol e baixo a sombra das boinas que acollen os anos, os veciños da aldea perseguiron coa ollada que altera a monotonía os nosos pasos. O mudo silenzo de Vilamor morre cando as chocas das leiteiras vacas do Monteiro comezan a resoar de camiño á cuadra, logo dun farturento pasto na serra aberta. Quen lles marca o camiño, vara en man, non é outro que Manolo do Monteiro, O Famoso. Este bo e xeneroso labrego, amosounos as casas esquecidas e os fogares doutros días. Falounos da dura partida dos máis novos ás cidades e da solitaria vida na serra.


Abréuno-las portas da súa casa coa hospitalidade marcada no sorriso para falarnos da amizade que compartía co Poeta, Uxío Novoneyra, así como da mala sorte que tivo en amores. Según él; por falta de atrevemento. Semella que o contraditorio destino quixo que este veciño de Vilamor non coñecese o amor, pero si a lenda da súa vila. Quizáis o seu destino ficaba en Vilamor para ser parte dos labregos […] que soio vistes istes tesos e máis estes vales…, ou para dar vida ás silenciosas rúas de Vilamor. O Famoso, como é coñecido na aldea, foi sacristán e labrego dende ben novo. Vende mel, castañas e augardente, e de seguro que non pasa desapercibido para aqueles viaxeiros que se achegan ata Vilamor. Boa sorte a Manolo do Monteiro e a tódolos labregos galegos!

xoves, 23 de abril de 2009

A Muxena de Illa Pancha


"O meu corpo é a cicatríz
onde navegam todos os vaguios
e prenhado pola luz da tolémia
eivo os furacans
que marcam as horas dos infernos
ao som
de nubeiras trombetas"

José Alberte Corral Iglesias

Logo de atravesá-las chairegas terras de Manuel María no sendeiro da Diáspora, os fogares coloniais comezaban a darnos a benvida a Ribadeo. Esta vila cantábrica é a porta de entrada ó País Galego e comparte as enloitadas augas do Eo co veciño chan astur. A morte do divisorio río onde se asenta esta mariñeira vila é un aluguer invernal para miles de aves migratorias, e está declarada como zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves). Na Praia das Augas Santas, máis coñecida como As Catedrais, a erosión trócase no máis sabio escultor e canteiro de lousa, e os seus arcos son asolagados a certas horas polas mareas do Sinus Kantabrorun. O Faro da Illa Pancha é unha muxena taciturna nas noites bretemosas para os gameleiros da Mariña Oriental, e fica erguido nas cicatrizadas rochas desta illa dende o 1859. A súa luz acada as 21 millas e a súa estrutura cilíndrica é moi semellante á de outros faros como A Roncadoira, Ortegal ou Touriñán.

"TODOS presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro extraviado
daba o S-O-S
no morse
-clave Orión-
das estrelas
Eses brazos abertos da vela
son os mesmo do vento
que se despreguizou
Na man do Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela dos cabarets
cun cigarro nos beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai co seu farol
Que dan os almanaques
para esta meia-noite?
Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
E o faro extraviado
vai esgotar o seu stok de S-O-S"

Manuel Antonio, S.O.S.

¡Que a Illa Pancha e a súa muxena de luz non esgoten o seu stok de S-O-S!

martes, 14 de abril de 2009

As rúas do Vello Betanzos



"A minha rua é longa e silenciosa como um caminho que foge
E tem casas baixas que ficam me espiando de noite
Quando a minha angústia passa olhando o alto.
A minha rua tem avenidas escuras e feias
De onde saem papéis velhos correndo com medo do vento
E gemidos de pessoas que estão eternamente à morte.
A minha rua tem gatos que não fogem e cães que nao ladram
Tem árvores grandes que tremem na noite silente
Fugindo as grandes sombras dos pés aterrados"

Vinicius de Moraes, Rúa da Amargura

O Vello Betanzos e as súas rúas lembráronme á visita que fixeramos a Mondoñedo o meu indispensable compañeiro de viaxes, Xoán S. Pazos e un servidor na procura dunha histórica capital de provincia galega. Logo de mergullar polas rúas da amargura, moi semellantes ás versadas por Vinicius de Moraes, e meditar na silenciosa agonía do portentoso patrimonio clerical e cultural de Mondoñedo, o meu agudo e observador amigo, cun espasmódico e reflexivo cariz e nun marcado ghastrapo fisterrán, (que él mesmo bautiza como Voz de Carrexo), reflexiona: "Esta siudá vivíu tempos milloris". Betanzos, tamén.


Betanzos comeza a súa gloriosa historia en 1465 cando Henrique IV, tamén coñecido como O impotente concédelle o título de cidade. A partires de 1480 pasa a formar unha das cinco antigas provincias galegas, xunto con Lugo, Santiago, Ourense e Mondoñedo, que conformaban a Xunta do Reino, e ás cales a mediados do século XVI se unirían Tui e A Coruña. A cidade vivía os seus mellores tempos. Os ventos comezaron a cambiar e as malas colleitas, os incesantes incendios e a nova división de provincias, de sete a catro, marcarían a súa progresiva decadencia ó pasar a formar parte da provincia da Coruña.


Nin tan sequera a chegada do ferrocarril a comezos do século XX devolveu a Betanzos a súa gloria. Agora tan só queda humidade antre as antigas rúas da capital do gótico galego, murallas, igrexas, pazos e conventos, as pontes e a súa ría ártabra, que nace coa morte dos ríos Mendo e Mandeo, e forma parte da ducia que se coñece como as Rías Altas. As marismas son o escenario natural da romería dos Caneiros en agosto e as súas antigas rúas atéiganse de transeúntes na Feira Medieval que se dá cita o segundo fin de semana de xullo. Moita vida ás rúas do Vello Betanzos!

martes, 7 de abril de 2009

Solpor no Castelo de Santa Cruz



"Os cañons de ambos lados feitos brasas
Non cesan de troar en muitos dias,
Estralando na Cruña po las casas
Vidreiras, e escachando as galerias.
Os ecos se rebaten às porfias
En Santa Cruz, San Pedro, e po Ia Torre,
No monte e po lo chano,
E escorrendo nas olas o estrondo
Da guerra cunde a sóa no Occeano"

Xoán Manuel Pintos

Corría o ano 1589 cando a Armada Inglesa, baixo o mando do mariño Sir Francis Drake decide atacar a costa da Coruña, saíndo vitoriosos da férrea defensa que exercía o Castelo de San Antón. A derrota herculina provocou que a finais do século XVI o Xeneral Diego das Mariñas ordeara a construción doutra fortaleza na Illa de Santa Cruz e de fronte á cidade da Coruña, formando un mellorado sistema defensivo, ao cal se lle uniría unha terceira fortaleza: o Castelo de San Diego, que foi derrubado no ano 1965 a pesares de ser declarado Monumento Nacional en 1949. No século XVIII comezan a cesar os ataques, e o Castelo de Santa Cruz de Oleiros pecha as súas portas para gardar unha tregua de silenzo e abandono ata o século XIX, cando pasa a mans da familia da condesa, periodista e escritora, Emilia Pardo Bazán, que o transforma nun pazo de verán con capela, xardíns e un pombal subterráneo. No ano 1939, o castelo é cedido pola familia Pardo Bazán para albergar a fillos orfos da guerra nas épocas do estío. Na actualidade é a sede do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Na ribeira descansan, agora, as lixeiras gamelas da sardiña baixo o ensanguentado solpor da Coruña. Boa sorte ós veciños da feiticeira vila de Santa Cruz!

mércores, 1 de abril de 2009

Lucus Augusti. A Cidade Romana



"Choro —acaso poda viaxar o pranto
desde a ribeira máis fonda do Miño
até a Fisterra agachada pola brétema—.
Choro cara ás nosas bufardas
de miséria tranquila encumiadas na Muralla,
cara á Catedral de adormecente susurro;
choro para as sombras invernais do Cuartel,
para os montes suavemente ondeados
que asoman timidamente
por tras da Porta de Santiago"

Lois Diéguez


Hoc hic misterium fidei firmiter profitemur

As parellas comezan a percorrelo plácido adarve, a meditar na constatación física e obxectiva do paso secular, a ollar dende a altitude os horizontes dos vixías, os campanarios da catedral da Virxe dos Ollos Grandes ou a Capela de San Froilán, e a velar polos fatigados i enloitados teitos de lousa dos fogares sen vida. O ceo de Lucus comeza a arder e a tinguir de nostalxia as históricas murallas que cercan e dividen, pero comparten e transmiten o respecto pola pegada histórica na vida que aínda habita dentro desta cidade romanizada. Lucus Augusti nace entre os anos 26 e 12 denantes de Cristo e o seu nome alude a Lugh; deus pancéltico do cal se poden atopar mostras en moitos panteóns celtas, e ó Emperador César Augusto, quen ordeou a Paulo Fabio Máximo a construción desta cidade e da súa muralla; que data do ano 13 denantes de Cristo, consta de dez portas e atesoura máis de dous quilómetros de lonxitude. É a muralla romana mellor conservada da Península Ibérica, e aló polo ano 2.000 foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Isto demostra, unha vez máis, o importantísimo patrimonio histórico que tanto nos distingue e nos custodia, aportando unha meritoria identidade ao noso país e mostrando as orixes dunha cultura, dunha fala e do legado que, coma galegos, temos a obriga de respectar, protexer e coidar. As rúas da fortificada cidade son, na actualidade, un núcleo cheo de vida, historia e transeúntes. Longa vida á cidade de Lucus!.

mércores, 25 de marzo de 2009

Cambados: viño, mar e pazos


"A ti meu Cambados
probe e fidalgo e soñador,
que ó cantareiro son dos pinales
e ó agarimo dos teus pazos lexendarios,
dormes deitado ó sol
a veira do mar"

Ramón Cabanillas

Esta semana adentrámonos de cheo no corazón do Salnés, no concello de Cambados. Esta fermosa vila mariñeira das Rías Baixas pontevedresas agocha o encanto do señorial Pazo de Fefiñáns, a Torre de San Sadurniño e as súas mexilloeiras pedras ribeirás, ademais de ver nacer ó poeta da raza, Ramón Cabanillas, e ós escultores Francisco Asorey, Manolo Paz e Francisco Leiro. Esta vila de pazos, a carón da desembocadura do río Umia, está catalogada como Conxunto Histórico Artístico, e a súa historia fala de invasións viquingas dende o S. IX, e ante este perigo erguéronse as murallas defensivas da Torre de San Saturniño, que agora agonizan testificando os lendarios combates da súa anterga historia. Cambados ten un produto estrela, o Albariño, e o primeiro fin de semana do mes de agosto celébrase a festa deste autóctono blanco con Denominación de Orixe Rías Baixas, que non pode faltar na farturenta e admirada mesa galega. Así que xa sabedes, este agosto, todos a Cambados! Que nunca nos falte Cambados, nin albariño, nin o Poeta da Raza, pois “A nosa terra é nosa”!

mércores, 18 de marzo de 2009

A Fonmiñá, o berce do Miño


A Marina Ónega, da Pastoriza
"Frorón antíguo d'o chao gallego,
Por entre frores dános o rego
D'a sua rica fonte Miñá."

Valentín Lamas Carvajal

Nas labregas terras do concello lugués da Pastoriza, a lenda fálanos dos Xacios, seres metade persoa e metade peixe que vivían sumerxidos baixo as augas da Lagoa de Fonmiñá. Esta paraxe comparte co Pedregal de Irimia, no Concello de Meira, o privilexio de enxendrar ao mesmísimo Río Miño, a franxa celeste que atravesa a nosa bandeira. Pero se algo ten de peculiar esta lagoa, son as burbullas que emerxen á superficie e que tradicionalmente se coñecen coma Os ollos do Miño. Este fenómeno xeolóxico é a surxencia cárstica; as rochas calcáreas permiten que o caudal subterráneo do río atope unha saída disolvendo a rocha, e isto produce que as burbullas emerxan á superficie. Estas terras están situadas a uns 600 metros de altitude, e fican nutridas por diversas fontes, mananciais e regatos para enxendraren ao pai dos ríos que sacian a sede da meirande parte das terras do noso país.
O Miño comeza a súa andaina pola Terra Chá e remata o seu curso no Atlántico, aló polas terras do Rosal. Non cabe dúbida de que esta distinguida lagoa e o Pedregal de Irimia, constitúen o nacemento do río que atravesa e nutre ó seu paso o chan galego. Agora somentes queda desexar longa vida á Lagoa de Fonmiñá, e que non deixen de emerxer os Ollos do Miño do seu máxico e uterino berce.

xoves, 12 de marzo de 2009

A Fervenza do Toxa


"O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.
Os perdidos viaxeiros
buscan daquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos"

Gonzalo López Abente

Os primeiros abrentes primaverais reflicten a súa luz nas augas do Toxa, en terras do Deza. Esta fermosa paraxe do concello pontevedrés de Silleda forma parte do espazo natural protexido do sistema fluvial Ulla-Deza, onde o Río Toxa, un afluente do Deza, morre nunha espectacular fervenza duns trinta metros de caída. Nestas húmidas ladeiras conviven fauna e flora moi variada; dunha banda raposos, teixóns, curuxas das xunqueiras, falcóns, xabaríns ou gatos bravos; e, pola outra, silveiras, fentos, carballos, salgueiros, acivros e os máis fermosos loureiros.

 
As súas augas, naturalmente, son albergue das mellores troitas, de morcegos, lontras, rás e lagartos de auga. Pero se algún exemplar se distingue dentro deste pequeno paradiso esa é a xesta. A lenda conta que se deberá facer un nó nos seus ramallos para que a vida permita ao viaxante voltar a este privilexiado lugar. Preto desta paraxe, descansa o mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro, que data do século X, e que se sitúa nun fermoso e admirable espazo natural destas nutridas terras da Comarca do Deza. ¡Que os viaxeiros de López Abente atopen nestas terras o seu perdido camiño!

xoves, 5 de marzo de 2009

Benvidos ó Castelo de Pambre


“Creador dun tempo novo o Rio Pambre, no seu ir de prata
é un sen-lugar onde os deuses nunca teñen morto”.
Cesáreo Sánchez

Aló polo S. XIV érguese o Castelo de Pambre, de man de Don Gonzalo Ozores de Ulloa e á beira do río Pambre, no concello lugués de Palas de Rei. Este castelo foi o único supervivente das Revoltas Irmandiñas, e na actualidade é unha autentica xoia de arquitectura medieval militar do noso país.
A historia irmandiña selou a tregua co castelo de Pambre en terras de Melide, tralo entendemento entre Sancho Sánchez de Ulloa e os sublevados. O castelo foi tamén hospedaxe para solitarios peregrinos que cuarteaban leiras de camiño a Compostela. En 1484 pasa a mans dos Condes de Monterrei, e na actualidade é propiedade de Manuel Taboada Fernández.
A nosa viaxe polas terras da Ulloa foi curta, mais visitar este nobre fogar de granito foi todo un privilexio, pois resulta impactante ficar de fronte ao castelo máis respectado das históricas Revoltas Irmandiñas.¡Que as portas do Castelo de Pambre fiquen por sempre abertas para a súa xente!

Déixovos cunha descripción desta fermosa paraxe:

"Levántase nun polmontorio que se avanza de Sudeste a Noroeste sobr' o río Pambre. A ladeira, que mira ao Nordés, está cuberta d' arbolado, e d' erbeiras, e parece un terreno tan boo, como si poidera dar o azafrán; pero a d' outro lado presenta un paisaxe do mais hórrido e agreste que poida maxinarse. Si gustades dél formarvos algunha ideya, fegurádevos un descomunal curizo cuberto, en vez de pugas, de agudos e disformes peñascos. No fondo vese o río correndo mal a gusto por antre un leito de penas e croyos e salpicando escuma por todas partes" Antonio López Ferreiro


xoves, 26 de febreiro de 2009

A Fontem Sacra



"Es como un paxaro sonolento a se deslizar viaxeiro
que pousa sacode as suas asas e volve dormir na névoa fria.
De algures a névoa dorme en soidade cinguida
como a Fonte dorme no siléncio. Estou aqui chegado
co mesmo siléncio, con estrelas chegado de ningun lugar"

Cesáreo Sánchez

Os horizontes da Fonsagrada dispen os xélidos picos dos Ancares, e a bruma semella unha sedosa tea que enfeitiza as ladeiras, onde as súas sagradas e curativas augas dan vida e nome a un pobo. Este elevado concello é o máis extenso do noso país e o segundo máis grande do Estado. Conta cuns cinco mil veciños espallados polas aldeas desta fronteiriza e fría montaña, erguida a 952 metros respecto ao nivel do mar, e anteriormente coñecida coma Terras de Burón, A Fonsagrada conserva o legado do Camiño Primitivo de Santiago a carón dos ríos Navia e Rodil, antre centos de mámoas, dolmes e asentamentos castrexos. A boa mesa da Fonsagrada ven herdada da antiga e xeracional cociña. O Butelo é o produto máis identificativo da gastronomía desta terra, xunto con outros de gran calidade coma grelos, mel, castañas, leite, androias, patacas e chourizos. Os seus ríos ás veces agasallan ós veciños con algunha que outra troita e, tralas ladeiras, os ecos dun disparo presaxian carnes de salvaxes corzos, coellos ou xabaríns para o bo xantar dos cazadores. As súas hospitalarias xentes mesturan sorrisos polas rúas e tabernas, e comezan as conversas sobre a actual competitividade dos votos, o poderoso cheiro a promesas, sorrisos protocolarios e caramelos; a antroidada máis tradicional. Mentres tanto, a súa vella laboura agrogandeira e madereira, xunto cos seus ríos e sagradas augas, seguirán a traer as únicas esperanzas para o seu propio sustento.¡Boa sorte ós veciños da Fonsagrada!



Anécdotas da Fraga


"A porta do fiadeiro

hay unha pedra i un pau
onde se sentan os mozos
a tocá-lo birimbau".

Xoaquín Lorenzo, Xocas

A Fonsagrada é un dos poucos lugares do mundo onde se segue a forxar e tocar o Birimbau ou trompa, un instrumento que puido aparecer neste concello polo transcurso de viaxantes do Camiño de Santiago, e que agora só manteñen vivo Emilio “O Pando” e César Fernández.

xoves, 19 de febreiro de 2009

Pantallas, Cigarróns e Peliqueiros


"son máscaras de entroido
que esconden o gume das súas follas
nun estoupido de lámpadas amarelas.
Unha acacia ou mimosa nun entroido, hai anos,
partiume a lingua en dous"

Marilar Aleixandre

En Verín, na terra das mellores augas minerais e menciñeiras, e baixo o histórico dominio do Castelo de Monterrei, os máis cativos tamén cargan coa longa e xeracional herdanza do entroido. As pantallas de Xinzo da Limia, os cigarróns de Verín e os peliqueiros de Laza, conforman e dan vida ao Triángulo Máxico do Entroido galego. O Entroido nestes lugares vívese coa ledicia que deixan os derradeiros raios deste inverno, co recendo a laconadas e filloas, coa saída da Morena de Laza e as súas “adestradas” formigas. Na Limia, a pataca é a estrela dos cocidos, e os viños de Monterrei nada teñen que envidiarlle ás súas inmellorábeis augas, nas tabernas. Agora é o turno de Xinzo, Verín e Laza, onde o Entroido máis auténtico agocha tralas máscaras as singulares xentes que fan posíble cada ano que en pequenos lugares coma Laza non caia no esquecemento a súa máis antiga e sonada festa. Por moitos Entroidos en Xinzo, Verín e Laza!.

xoves, 12 de febreiro de 2009

Combarro e os cabazos da beiramar


"Se ve o mar bravo,
se ve o mar quedo,
de Ons e de Tambo
as illas ao lejos.
Se ven Portonovo
e, junto San Xenxo,
Marín e Combarro,
Lourido e Campelo"

Sarmiento, Baixo o pseudónimo de Marcos da Portela

En Combarro, no municipio pontevedrés de Poio, os cabazos ou palleiras ollan a ría dende a ribeira e cargan ás costas coa lenda histórica do traballo do mar e da terra. Vila enxebre de cruceiros e casas de granito cun pasado agrícola e mariñeiro. Rúas estreitas e humildes, casas balconadas que fican na beira mesma da ría, aproveitando dende antano a fertilidade e riqueza que aportan as labores do campo e do mar. As mariscadoras son as sombras dos amenceres na baixamar e os seus trebellos empréganse tanto en terra firme coma na area húmida da ría. Nos cabazos do mar sécase peixe e gárdase millo, namentres as súas cruces son posadeiros improvisados das altivas gaivotas.

"O hórreo galego non é simplemente un graneiro, como é o asturián; é unha hucha sagra que garda o pan de todo o ano”Castelao, As cruces de pedra na Galiza.

Que os antergos e ensalitrados hórreos ou palleiras de Combarro garden coma hucha sagra o pan de todo ano…, ou tan sequera o recordo por sempre da súa tan leal como vella tarefa.

xoves, 5 de febreiro de 2009

Asalto ás Torres de Martelo!



"Bravo país
Val de Soneira,
duro fogar senlleiro,
terra e ceo nun puño,
ventre xobreiro,
non é a luz do amencer
a que como vidrieiro
fecunda a flor.
Son as cálidas veas do teu solpor"

Gonzalo López Abente

O Val da Soneira ergueu coas pedras do seu ventre o fogar dos Moscoso de Altamira, atalaia onde o horizonte se perde de vista cos solpores ensanguentados dos confíns da terra. Esta fortaleza foi erixida no século XIII coma soberana dominante das terras da Comarca da Soneira baixo mandato dos Mariño de Lobeira. Entrámbolos anos 1425-1429 pasa a mans de Lope Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, quen aló polo ano 1467 escoitou os berros da loita noutro capítulo das nosas históricas Revoltas Irmandiñas. O castelo resulta derrubado trala batalla e rexurde das súas cinzas por mandato de Alonso de Fonseca, Arcebispo de Compostela, quen ordena a súa reconstrución. No ano 1870 pasa a mans de Ramón Martelo, e de aí ven que a este castelo tamén se lle coñeza popularmente como as Torres de Martelo. O castelo de Vimianzo é un dos mellor conservados do chan galiciano e, a día de hoxe, a xusta historia engalanou este fogar de nobres e feudos para albergar artesáns do liño, alfareiros, palilleiras e cesteiros. Que os muros de pedra non volvan a ser derrubados, máis ben que sigan a mostrarnos a súa e tan nosa historia, dende o ventre do Val da Soneira.

Anécdotas da Fraga
O primeiro fin de semana de cada xullo rememórase a loita contra o poder abusivo dos señoríos feudais e a batalla pola dignidade histórica no Castelo de Vimianzo. O tan sonado Asalto ao Castelo. Esta festa ten como obxectivo integrar a todo aquel que o desexe para formar parte desta batalla.

xoves, 29 de xaneiro de 2009

A Ponte da Seara do Caurel



Esta semana deixamos atrás o curso do Eume e mergullámonos nas doces e frías augas do Río Lor, na Serra do Courel. A aldea da Seara, no concello lugués de Quiroga, amósanos a súa riqueza ecolóxica e o seu divisorio río, que tantas veces foi transitado polos veciños deste fermoso e tan esquecido lugar. A ponte significou tamén un camiño na fuxida dos máis novos e o pano de bágoas na longa espera dos máis vellos, mais tamén significou a esperanza para a fertilidade dos campos e o recodo de tarefas das lavandeiras e pescadores.¡Que as neves desta dura invernía fertilicen ao longo do seu curso as verdes leiras da Seara!. Déixovos cun fermoso relato de Ánxel Fole sobre as terras do Courel:

“Terra de Caurel, aspra e forte, de inxente beleza... Terra brava de lobos e aguias; terra outa de fragas e devesas. Pode ser que eiquí se achen as devesas meirandes de Galicia. Hai faias nilas, e choplos, rebolos, bidueiras. Algús albres chegan ós trinta metros. Nos sitios lamaguentos ondia a iauga se encora, tamén se atopa unha especie de salgueiro que se chama paleira, ou simpresmentes, nas salgadas terras das ribeiras. Nas devesas da Rogueira e do Rebolo hai teixos grandismos que teñen centos e centos de anos. Atravesar un distes boscos leva varias horas de camiño. Por alí andan o lobo i oxabarín. Unha vez vimos dez lobos xuntos cando íbamos a derrubar unhos castiñeiros bravos pra faguer unhas vigues. Nunca vin aguias tan fermosas como as dista terra, que eiquí chaman aigues. Unhas son loiras; outras brancas, coma de prata. Tamén son as meirandes que vin. Son moi valentes. Hastra din que se levan os lobecos. Pra ondia queira que se olle, vense os montes máis outos da Serra: O Pía Páxaro, Lucenza, Montouto, o monte da Golada. Seus cumios están cubertos de nevehastra o verao. Nos días sereos do inverno e da primaveira, relocen coma si foran de azucre. Según os vellos máis vellos fai moitos anos nas devesas había osos e cervos, e nos cumiales muitos rebezos. Mais aínda se atopan corzos e xabarís. E tamén moitas perdices, lebres e coellos. Polas terras veciñas teñen sona de moita caza istes montes. Eu, moitas veces, teño cazado nun día máis de vinte perdices. Os labregos cázanas en vivo con trapela ou ichó, e lévanas a vender ó val de Quiroga. Tamén se atopan algunhas londrias, que non é nada doado cazalas. As pelexas lévanse a vender a calqueira vila de Ourense ou Lugo.”

A lus do candíl
Ánxel Fole


xoves, 22 de xaneiro de 2009

A Pontedeume dos Andrade


"Silencioso e solitario o Camiño dentro do camiño inícia
os meus pasos.
As árvores acompañan-me son estraña sensación descoñecida.
No Esteiro no hai ninguén nen sequera a cidade deixa de retornar
cando vou camiño de Pontedeume"

Cesáreo Sánchez

A mañá esperta adormecida antre a néboa que se adentra polas ribeiras das Fragas do Eume, namentres as gaivotas anuncian os menceres no varadoiro de Pontedeume. Os mariñeiros transitan os arredores da ría e o día comeza a espertar. Na histórica páxina das lembranzas irmandiñas, o Torreón dos Andrade fica como testemuña presencial de tempos, mostrando as pedras que aínda o teñen en pé e portando o escudo dos Andrade, ante as agónicas augas do Eume. 

mércores, 14 de xaneiro de 2009

O tempo non esquece a Santa Trega


"¡Ou arpas do Druída ¡despertade!
¡Erguévos d' entre as cinzas dos meus castros!
Vinde a cantar un trunfo á nosa edade
Dos meus pórfidos dino, e os meus labastros!"

Francisco María de la Iglesia

Nas fronteirizas terras do Rosal, o pai Miño mestura as súas finadas e doces augas co paso das ensalitradas mareas da bravía costa atlántica. Dende o Monte de Santa Trega, na mariñeira vila da Guarda, albiscamos a desembocadura do noso máis senlleiro río e ollamos as ribeiras do país veciño, adurmiñadas nesta fronteiriza morte, que dende antano nos mestura e nos distancia. Quizais a morte do Río Miño enfeitizou aos antergos donos desta terra, os habitantes do castro de Santa Trega, quizais a maxia e a fermosura do lugar, os seus recursos ou mesmo as tan descoñecidas como misteriosas enerxías telúricas que tanto coñecían os nosos antepasados. Os muros de pedras e barro seguen en pé, loitando contra a adversidade do tempo e os acoitelantes amenceres que tinguen de sangue o Atlántico, namentres o vento asubía nas cicatrices que esculpen os petróglifos da Idade do Bronce (do 1900 ó 700 denantes de Cristo), desafiando por sempre o milenario paso do tempo.


Santa Trega móstranos o vello camiño da súa historia, no extremo máis sudoccidental da xeografía galega, onde o tempo non esqueceu o seu legado. A uns 340 metros de altitude sobre do nivel do mar, érguese o Pico de San Francisco e a súa ermida, na atalaia dende a cal ollamos a alborada e os abrentes que os nosos antergos máis dun día tamén ollaron. Ficariamos pampos albiscando a morte do noso pai Miño logo de atravesar a matria, logo de nacer nas terras da Pastoriza e de recoller as augas do Sil, logo de espallar riqueza e fermosura ó seu paso pola Ribeira Sacra, logo de apagar a sede das cepas do Ribeiro, logo de servir de fronteira co veciño Portugal.


Que fermosa e mítica paraxe, que lugar máis farturento de historia, que museu tan real e didáctico! Que o imparable paso do tempo nunca esqueza a milenaria historia de Santa Trega, nin as súas alboradas, nin os seus atlánticos abrentes!

mércores, 7 de xaneiro de 2009

Luces da Langosteira, Fisterra


"FISTERRA ten nos beizos unha estrela,
un suspiro cara ós mares:
a xanela
a un pórtico azul de ollos terra,
a unha lus adormiñada sen litixios
e sen tebras.
Concédeme, Fisterra, unha ollada,
ó milagre do dourado berro eterno
da beleza.
Concédeme a dozura do suspiro,
que amamanta de ilusións
calquera espera.
Porque logo ven o cálido desterro
da amargura das cidades
e as fronteiras,
e aparece o caleidoscópico aquelarre
de lus e son,
de vida eterna.
E somos nós os que xeramos na alma vida
no infindo ollar á fermosura
de Fisterra,
e ó palpar cos beizos nosos doce area
recordamos a feitura
máis fermosa… ...da beleza"

Xoán S. Pazos, Luces da Langosteira

Comeza un novo ano e ábrense novos camiños onde deleitarnos nos encantos e fermosura cos que sempre nos agasalla a nosa morriñenta e sufrida terra. Este ano comezo actualizando coa praia que serve de vieiro para achegarnos ao Finis Terrae e lugar idóneo onde ollar os penedos do Monte Facho, coa súa similitude a dous peitos femininos e como lembranza da lexendaria “Senda do Erotismo”. A Praia da Langosteira é unha paraxe duns tres quilómetros de lonxitude, que comeza en Calcoba e remata na Crus de Baixar, un cruceiro na entrada e saída de Fisterra. Moitos son os camiñantes que observan estes peitos de camiño á vila. Esta praia mestura area e mar da ría, e testemuña os abrentes máis fermosos da Fin da Terra. As súas augas son sosegadas, ao contrario que as praias que quedan ao outro lado de Fisterra, onde o mar é o eterno loitador e moitas veces despiadado asasino de mariñeiros, percebeiros ou mesmo peregrinos. A Langosteira é o refuxio e fogar do Longueirón de Fisterra, recentemente declarado producto con selo de Galicia Calidade. É tamén fogar de boa ameixa e dos mellores mariscos da Costa da Morte. Este pasado Nadal, e de volta á rutina vital herculina, fiquei ollando as sempre discretas Luces da Langosteira. Este, no meu caso, é o primeiro vieiro por percorrer para comezar un novo ano de andaina polo País Galego. Afectuosos saúdos a todos, e que o ano que deu comezo veña cargado de recordos, poesía, fotos, música e anecdotas…, e iso si, moito camiño por percorrer.