“San Rosendo, bispo e asceta,
tido por célibe, agora
resúltanos... c'unha neta...
Pois s'inda os d'antigüedade
enganan ¿qué te prometes
d'os homes d'a autualidade?
D'a sombra envoltos n'o enredo
o sol d'a crítica agardan”
Manuel Curros Enríquez, O divino sainete
Ós poucos días de chegar a
Compostela, logo de rematar o
Camiño Primitivo que me mantivo afastado da rutina este pasado mes de setembro, recibín unha mensaxe do meu prezado amigo
Antón da Sobreira. Na mesma, ademais de felicitarme por chegar a Santiago, aproveitou para convidarme a acompañalo nun roteiro duns vinte quilómetros polas sempre feiticeiras
Fragas do Eume. Eu, cos xeonllos aínda desfeitos polo Camiño pero acostumado a camiñar máis do habitual, non puiden rexeitar a invitación. O certo é que as pernas pedíanme camiñar e tiña moitas ganas de coñecer
o estado das fragas logo das queimas producidas o pasado ano, polo que non dubidei nin o máis mínimo en confirmarlle a miña asistencia. Ademais, Antón coñece ben estas fragas, el criouse a rentes delas e pasou a súa nenez rebulindo polas máxicas ribeiras do Eume. Coñece os segredos e lendas, as especies e a riqueza destas fragas, como a palma da súa man. Antón é un namorado da botánica, e posúe unha leira a carón das fragas que fica ateigada de árbores froiteiras. A viaxe estaba organizada pola Asociación de antigos alumnos e amigos da USC, unha xente encantadora.
O obxectivo non era outro que viaxar a carón do Eume e o Sesín admirando a natureza i escoitando o murmurio do río. Saímos de
Compostela a iso das nove da mañá nun pequeno autocar que nos levaría até as terras dos Andrade, até a súa Pontedeume e até as súas fragas. O meu amigo Antón foime presentando á meirande parte dos compañeiros de viaxe, aínda que non recordo os nomes de todos eles. Namentres viaxabamos, funlle contando a Antón as miñas experiencias no
Camiño. Logo tamén conversamos encol do paraíso danado que estabamos a piques de volver a ver. Chegamos ás Fragas do Eume a iso das dez da mañá, e denantes de poñérmonos a camiñar, paramos nunha moderna taberna situada ó comezo das fragas para almorzar e repoñer un pouco de forzas. Visitamos o museo deste Parque Natural de máis de 9.000 hectáreas, onde puidemos facernos unha idea das especies e dos lugares que estabamos a piques de ver. Antón comezou a explicarme como se traballaban estes montes ata fai ben pouco.
Denantes de que este espazo fose declarado Parque Natural no ano 1997, os veciños de
Pontedeume, A Capela, Cabanas ou
Monfero, pasaban longas xornadas de duro traballo nestas fértiles ribeiras. Sacábanlle proveito á madeira, á auga, ás cortizas das árbores e á frondosa vexetación que aquí encontrou o seu refuxio milenario. Todos eses veciños que traballaban os montes facían unha importantísima laboura na prevención de incendios e na conservación das especies. Non debemos esquecer que estas fragas son as derradeiras mostras que nos quedan dos antigos bosques do litoral atlántico europeo, e di moito do respecto e sensibilidade que estes veciños deberon ter por este ecosistema. A pesares de traballaren o monte e sacárenlle proveito, en ningún momento lle fixeron dano. Pola contra, limpaban e vixiaban as terras, evitando as queimas incontroladas. Coa declaración de Parque Natural, estas terras fóronlles espoliadas, polo ben común e pola protección das fragas. Agora xa ningún veciño traballa neste paradisíaco verxel, mais a historia semella comezar a darlles a razón. No ano 2012, as Fragas do Eume foron devoradas polo lume, e numerosas especies do terciario e do cuaternario foron reducidas a cinzas. Semella incrible que pasen estas desgrazas ecolóxicas en lugares que, en teoría, gozan dunha maior protección. Semella que ningunha autoridade quixo ter en conta a sabedoría daqueles veciños espoliados, os coñecementos que lles foron transmitidos, de xeración en xeración, sobre como coidar e respectar as súas fragas milenarias.
Puxémonos a camiñar a iso das once, i emprendemos a nosa andaina atravesando unha das pontes colgantes sobre do Río Eume. Antón comezou a falarme das especies que atopabamos a cada paso; dende as máis senlleiras árbores ata os máis xigantescos fieitos. O Parque Natural das Fragas do Eume constitúe a mostra galega máis senlleira dos antigos bosques atlánticos da vella Europa. Dende antano, os bosques que cubrían o noso litoral foron minguando e mesmo mudando as súas especies. Gran parte da culpa de que os nosos montes perdesen as súas especies e características orixinarias téñena os ciclos climáticos e o ser humano. Lembremos que durante séculos, a meirande parte da poboación galega comezou a asentarse nas poboacións costeiras, quizais procurando o progreso, a liberdade ou a propia supervivencia. O certo é que fomos perdendo, e mesmo explotando, as nosas fragas costeiras orixinarias. As Fragas do Eume, xunto cos ecosistemas de Killarney, en Irlanda e New Forest de Reino Unido, son as tres mellores mostras vivas daqueles nosos primitivos bosques atlánticos. Resulta máxico perderse por estas mestas fragas a carón do translúcido leito do Eume. Aquí hai rexistradas máis de 130 especies vexetais que nos permiten recrear a paisaxe da Galiza costeira orixinaria. A meirande parte destas empinadas e verdescentes ladeiras fican dominadas polos carballos, mais a carón do río abundan tamén os salgueiros, ameneiros e abeleiras. Os canóns do Río Eume foron un refuxio secular para moitas especies vexetais e animais durante as crises climáticas, en parte grazas á orografía deste lugar e a súa proximidade co mar. Polo tanto, nestas fragas podemos achar especies que eran propias dos bosques atlánticos galegos de fai máis de 20 millóns de anos. Durante a Era Terciaria, o noso país estivo cuberto de bosques de vexetais lauroides. No Mioceno, os bosques ficaban dominados polos castiñeiros, as nogueiras, loureiros, magnolias, alciprestes dos illós, pterocaryas, liquidámbares, érbedos e mesmo fentos como a Cabriña (Davallia Canariensis). No Plioceno abondaban os xa citados alciprestes dos illós e as pterocaryas, e comezaron a aparecer outras especies como os carballos, amieiros, abeleiras.
Durante a Era Cuaternaria, as especies vexetais e animais tiveron que enfrontarse a duros ciclos glaciares e interglaciares. No Pleistoceno, e como consecuencia das fortísimas xeadas, moitas especies fóronse desprazando cara o sur, mais na vella Europa esa migración viuse dificultada polas grandes cordilleiras montañosas e o Mar Mediterráneo. A meirande parte das especies foron extintas, mais sobreviviron aquelas que procuraron refuxio na Península Ibérica ou en Asia. Os bosques do noso País ficarían ateigados de magnolias, liquidámbares, e comezarían a verse os primeiros bidueiros e piñeiros. No Oloceno, hai uns 10.000 anos, comezaba o desxeo dos glaciares. O clima, máis temperado e húmido, foi conformando as fragas e favorecendo a desaparición de especies animais como os mamuts, os rinocerontes peludos ou ó mesmo home de Neandertal. Nestes últimos 10.000 anos da nosa historia, as nosas fragas atlánticas conservaron os castiñeiros, as nogueiras, os salgueiros, as abeleiras, os amieiros, os loureiros, os érbedos e os fentos que, como a cabriña, levan a carón do Eume dende a Era Terciaria. No que respecta á fauna, nestas fragas vense representadas a meirande parte das especies animais do noso País. Xabarís, corzos, xenetas, esquíos, donicelas, leiróns, teixugos, raposos ou lontras son algúns dos mamíferos máis habituais nestas fragas milenarias. Aquí existen 13 das 15 especies de anfibios da Galiza, e entre todos eles destaca a Píntega rabilonga, o sapiño comadrón e a saramaganta. Esta última é endémica da zona noroccidental da Península Ibérica. No ceo pódense ollar o voo de grandes aves como o azor, o falcón abelleiro, o falcón peregrino e os miñatos. Coa chegada da noite, a quenda é para o bufo real e a avelaiona, os mouchos e as curuxas. Sobre das augas, os patos e as garzas, baixo delas; cotizados reos e troitas. No que respecta ós invertebrados, cabe destacar a lesma Geomalacus maculosus, o caracol Elona quimperiana, a vacaloura e a diminuta albariña galega. Estas son algunhas das moitas especies animais que se concentran neste verxel atlántico.
Namentres camiñamos polas rutas dos Encomendeiros,
Antón seguíame mostrando outras moitas especies, non menos senlleiras que as citadas anteriormente, que tamén cohabitan nestas fragas. Os rañacús, os fentos reais, os musgos, o espiño, o acivro, ou mesmo as xestas, foron algunhas das especies que chamaron a nosa atención. Vimos as ruínas de antigas curripas e achamos algunha que outra chantarela. Comprobamos como a natureza vaise sobrepoñendo sobre das cinzas; albíscanse brotes verdes. Nembargantes, puidemos ollar numerosas cachoupas calcinadas, troncos ennegrecidos e polas secas. En ámbalas dúas ribeiras puidemos ollar os danos producidos polo lume en especies antiquísimas, mais as rexas e antergas reigames, polo de agora, semellan resistir e sobrepoñerse á desgraza. Estabamos a piques de coñecer o outeiro sobre do que se erixe un dos mosteiros máis feiticeiros do noso País. Somentes nos restaba un pequeno ascenso para acadar os dominios do Mosteiro de San Xoán de Caaveiro. Foi todo un privilexio volver a pisar este sacro chan de priores i estas fragas de milenarias reigames que se resisten a deixar estas máxicas ribeiras. San Xoán de Caaveiro móstrase ante nós soberbio e maxestoso. Ascendemos cara as dependencias monacais para coñecer máis de preto como era a vida dos seus priores e cóengos, a súa historia e a súa lenda. A finais do século IX, un pequeno grupo de eremitas decide penetrar nestas milenarias fragas para fundar o mosteiro de San Xoán Bautista na vila de Calavario. A estratéxica situación deste lugar de difícil acceso, mergullado nunha fraga ateigada de paz e de recursos, era o lugar perfecto para eles.
Comezou pertencendo á Orde de San Bieito, e no século XI pasou a converterse nun mosteiro de cóengos de Santo Agostiño. É entón cando se comeza a acoller a persoas que, coma San Rosendo de
Celanova, procuraban unha vida santa nas entrañas mesmas destas fragas.
San Rosendo foi un nobre e relixioso galego nado no ano 907 e finado no 977. Foi bispo de
Mondoñedo e abade fundador do
Mosteiro de San Salvador de Celanova, e contribuíu a engrandecer o patrimonio deste cenobio. Tal foi a importancia da figura de San Rosendo que chegou a ficar presente nunha das lendas máis fermosas que aínda latexa baixo as ruínas de Caaveiro. A lenda conta que un día de forte tempestade,
San Rosendo asomouse á xanela da súa cela e ó ver aquel temporal exclamou: Oh, que día tan malo vai hoxe! No mesmo momento en que soltou esta expresión, San Rosendo de Celanova sentiuse mal, arrepentido de que a súa mente abrigase unha fugaz idea de protesta contra os decretos de Deus. Como mostra do seu arrepentimento, lanzou o seu anel abacial ás augas do Eume suplicándolle ó Eterno que lle devolvese o anel cando o seu pecado fose perdoado. Logo dun tempo, o anel de San Rosendo foi recobrado polo cociñeiro do convento no ventre dunha troita pescada nas augas do Río Eume.
Durante os séculos XI a XIII, o Mosteiro de Caaveiro comeza a recibir importantes doazóns das casas dos Condes de Traba e dos Andrade e a gozar de sucesivos privilexios reais; dominando até un total de 15 freguesías. Eran tempos de crecemento e poder. O mosteiro estaba gobernado polo Cabido, representado por tódolos cóengos, e a Dignidade Prioral. Os priores eran os máximos representantes do mosteiro e so acataban as ordes do Papa. Ademais, recibían e xestionaban os tributos, como os de penas de sangue e os de lactosa. O tributo de penas de sangue era o que se lle abonaba ó mosteiro cando se producían pelexas onde se derramase sangue no seu territorio. O tributo de lactosa era o que se saldaba cando finaba un cabeza de familia e esta debía entregarlles ós priores a mellor peza do gando. Crese que neste mosteiro habitaban pouco máis de media ducia de cóengos que exercían de sancristáns, mordomos, arquiveiros ou subpriores. Para realizar as súas tarefas, dispuñan da axuda de criados. No século XIV, os priores abandonan o mosteiro. Nembargantes, os monxes continúan habitando Caaveiro até o ano 1762. Pouco despois caería baixo a encomenda dos poderosos
Andrade. Aló polo 1800 suprímese a colexiata.
No 1836, e coa Lei de Desamortización, as terras pasaron ó Estado e as ruínas a mans particulares. No ano 1896, un veciño de Pontedeume, coñecido como Pío García Espinosa, adquiriu o vello mosteiro e restaurouno ó seu antollo. Denantes de que isto ocorrese, o mosteiro estaba composto por dúas igrexas; a Colexial e a de Santa Isabel. Ademais, contaba con dúas porterías, sancristía, cuartos dos subpriores, casas de cóengos, almacéns subterráneos, cortes e celas. No ano 1971, Caaveiro foi declarado Monumento Histórico-Artístico. Deixamos tras de nós este mosteiro medieval mergullado nas súas fragas milenarias para seguir o noso camiño até a presa da factoría hidroeléctrica. Foi todo un privilexio poder albiscar, dende alí, unha parda londra que percorría a ribeira contraria a nós. Pensamos que quizais as pequenas represas da central actuaban como unha criba para conter os reos e troitas. As londras, ademais, son un indicativo da riqueza e pureza deste río e destas fragas. Abandonamos este privilexiado ecosistema a iso das seis da tarde, mais aínda nos agardaba outra sorpresiña. O amigo
Antón da Sobreira convidounos a coñecer a súa finca e a probar os froitos das árbores que el mesmo, e o seu pai, plantaron e viron medrar. Comemos mazás a esgalla, tabardillas brancas e pardas. Probámolos figos e apañamos castañas.
Foi unha xornada inesquecible. Denantes de liscar para Compostela, o noso bo e xeneroso amigo Antón convidounos a pasar pola súa finca sempre que quixeramos. Retornamos a Santiago un pouco máis fartos e cavilando nos bos momentos. E eu, desexando que as árbores froiteiras do meu amigo Antón, coma as reigames milenarias destas fragas, resistan as adversidades e nos agasallen, cada ano, os seus máis prezados froitos.