“Esqueceremos, podes estar segura, esqueceremos
cando o olvido sexa a derradeira resisténcia
o sinal de cada hedra, a ferida da auga en cada ángulo
da noite na cidade vella repleta de presáxios
e íntimas fantasmas que perdían o pudor entre as arcadas resesas,
pedra e máis pedra, en San Fiz, nas Barbarathermen, en Belvís,
e no final recanto da memória”
Xosé M. Millán Otero, Escolma poética
Compostela atesoura unha importantísima mostra sacra e patrimonial que semella perdida tralas impoñentes torres da Catedral, que semella ficar baixo a sombra dos meirandes templos e mosteiros da cidade. Hai unha Compostela ateigada de capelas, de pequenas e sinxelas igrexas que semellan pasar desapercibidas dentro e fóra desta améndoa granítica, deste húmido e pétreo corazón, desta cidade santa e monumental; patrimonio de nós e de toda a humanidade. Hai un rosario de capelas, unha sacra arañeira de esperanza que semella ás veces ignorada i esquecida.
As capelas de Compostela, - unha vintena de pequenas e sacras igrexas que súan centurias e lendas, que fumegan historia, incenso e crenzas -, son as pedras miúdas que conforman e completan esta histórica, artística e granítica améndoa, esta Compostela máxica e monumental, esta cidade sacra, milenaria, universal. Nestas humildes e sinxelas capelas relegadas, nesta máxica, curiosa e sacra encrucillada de adros, tímpanos, cruceiros i espadanas, neste rosario de cruces, incensos e velas apagadas, agóchase boa parte da historia de Compostela. Nesta presa de crenzas i esperanzas, nestes templos de amparo e caridade, mestúranse fe, arte e historia. Qué sería da nosa granítica e monumental Compostela, que sería das prazas, rúas, soportais e fontelas sen este rosario de tempos esquecidos:
Capela do Carme de Abaixo: Este templo, de estilo barroco clasicista e planta rectangular, foi erixido entre os anos 1760 e 1773 sobre dos restos dunha pequena e arcaica capela. Localízase a carón do leito do Río Sarela e de costas á coñecida Carballeira de San Lourenzo, na franxa oeste da cidade e nunha contorna histórica de Compostela antano ateigada de curtidoiros, é dicir; factorías nas que se curtían peles ou coiras animais. I é que nestas mesmas ribeiras do Río Sarela chegaríanse a asentar até un total de oito factorías de curtidos.
Capela do Carme de Abaixo |
Capela de San Fiz de Solovio: Templo de estilo barroco e portada románica con garridas e fondas raigames en Compostela. Localízase na praciña de San Fiz, no centro mesmo da cidade, entre o Mercado de Abastos e a Facultade de Xeografía e Historia. Segundo conta a lenda, neste mesmo lugar Paio atopábase orando cando albiscou as luces que o guiarían ata o lugar onde se situaban as reliquias do Apóstolo Santiago. Contan que a capela altomedieval fora derruída por Almanzor e reconstruída aló polo século XII polo Arcebispo Diego Xelmírez. No mesmo Códice Calixtino fálase deste templo como unha das dez igrexas que atesouraba por aquel entón Compostela. No tímpano, policromado, represéntase a Adoración dos Reis Magos, que data do ano 1316. A torre e o resto do templo que hoxe se pode ver correspóndese cunha ampliación realizada por Simón Rodríguez no século XVIII.
Capela de San Fiz de Solovio |
Capela de San Pedro de Fóra: Templo do século XVIII, de estilo neoclásico e planta cuadrangular, localizado no popular Barrio de San Pedro i erixido sobre dos restos dun antigo mosteiro beneditino do século XII. No adro desta capela serían achados numerosos cadaleitos, posiblemente de monxes e peregrinos que serían soterrados no antigo mosteiro entrámbolos séculos XII e XV. Este antigo mosteiro de San Pedro albergaba un servizo de hospedaxe para peregrinos moito tempo antes de que fose construído o Hostal dos Reis Católicos. A capela de San Pedro “de Fóra” recibía esta denominación porque antano se localizaba fóra das murallas de Compostela.
Capela de San Pedro de Fóra |
Capela de San Roque: Templo de estilo barroco e planta rectangular localizado na rúa das Rodas, no comezo da popular rúa de San Roque. No seu interior localízase un dos retablos máis sobranceiros de Simón Rodríguez. A carón desta pequena capela do século XVIII, localízase un edificio do século XVI que sería transformado no XVIII e que funcionaría de hospital debido ás epidemias de peste que se estaban a producir entre a poboación ó longo do século XVI. O hospital conserva unha fachada de estilo renacentista, realizada por Gaspar de Arce, e un claustro de dúas galerías.
Capela de San Roque |
Capela da Nosa Señora da Quinta Angustia: Dende este pequeno pero monumental conxunto do Campo da Angustia, que abrangue a súa capela, a súa fonte e un amplo adro presidido por un cruceiro, albíscanse as torres da Compostela Monumental. A capela da Nosa Señora da Quinta Angustia é un templo que semella seguir os canons do neoclasicismo, e sería erixida no século XVIII sobre dun antiga capela máis antiga. Esta capela orixinaria santificaba un camposanto no que eran soterrados os condenados a morte e outras persoas que non podían ser soterrados en terra sagrada.
Capela da Nosa Señora da Quinta Angustia |
Capela de Santo Antonio de Belvís: Esta pequena e humilde capela, localizada na rúa de Belvís, foi construída grazas ó legado que deixaría Melchor Sarmiento e Soutomaior, co desexo e ca condición de que se celebrase unha misa cada sábado e outra cada domingo. Este templo antano localizábase na esquina das rúas de Belvís e do Campo de Santo Antonio, mais no ano 1939 sería trasladada de lugar, conservándose case íntegra a antiga estrutura e perdéndose somentes o pórtico da entrada. Na fachada da capela aínda se pode ver o escudo que lembra ó seu fundador, os trece roeles da estirpe dos Sarmiento. Contan os veciños máis devotos e agoireiros que esta capeliña garda nas súas entrañas un San Antoniño moi milagreiro...
Capela de Santo Antonio de Belvís |
Capela de Santa María do Camiño: Este fermosísimo templo de estilo neoclásico e localizado no centro da cidade, entre as rúas Travesa e Oliveira, foi reconstruído por Miguel Ferro Caaveiro sobre dunha basílica románica aló polo 1770. Daquel templo orixinario somentes se conserva un tímpano policromado da Virxe de Belén e a Capela dos Condes de Amarante, que data de comezos do século XVI.
Capela de Santa María do Camiño |
Igrexa de San Frutuoso: Esta pequena pero impresionante igrexa de San Frutuoso, de estilo barroco e coñecida localmente como a igrexa das Angustias de Abaixo, foi proxectada por Lucas Ferro Caaveiro i erixida entre os anos 1754 e 1765. Localízase no mesmísimo epicentro da cidade, baixo os mesmos pés da sempre impresionante Catedral e tralo non menos monumental Pazo de Raxoi. A fermosa i esvelta fachada deste pequeno pero impresionante templo semella concibida para ser admirada dende o alto, dende a mesma Praza do Obradoiro, dende os mesmos pés da sacra Catedral. I é que no máis alto da súa cornixa, sobre dun éxtase de volutas e pináculos, eríxense impoñentes catro imaxes femininas, obra de Gregorio Fernández e Francisco de Lens, que representan as virtudes cardinais; a xustiza, a prudencia, a fortaleza e a temperanza. Mais hai algún que outro pícaro picheleiro que adoita identificar a estas catro inocentes imaxes femininas coas catro sotas da baralla española. Que Deus nos colla confesados...
Igrexa de San Fructuoso |
Capela da Nosa Señora do Pilar: Este impresionante templo de estilo barroco e planta de cruz latina foi erixido na primeira metade do século XVIII. Localízase no mesmo centro da cidade, a carón do paseo da ferradura, nun dos extremos do senlleiro Parque da Alameda. A súa fachada, custodiada por torres nos extremos, semella simple e carente de excesiva decoración. Destaca na mesma, iso si, a imaxe da Virxe do Pilar enmarcada nunha cuncha de vieira.
Capela da Nosa Señora do Pilar |
Capela de San Lázaro: A do barrio de San Lázaro é, sen lugar a dúbidas, unha das capelas máis modernas de Compostela. De estilo modernista e planta rectangular, este templo compostelán foi erixido no ano 1924 da man do arquitecto López Rego. Malia a evidente modernidade deste templo, o barrio de San Lázaro conmemora cada ano unha das romarías máis históricas de Compostela, na cal amais dos tradicionais actos litúrxicos, celébrase unha gran poxa de uñas de porco entre a veciñanza como acto de ofrenda ó santo.
Capela de San Lázaro |
Capela das Ánimas: Posiblemente esta sexa unha das capelas máis monumentais de Compostela, ou cando menos unha das máis sobranceiras. Este templo, de estilo neoclásico e planta rectangular, foi proxectado por Miguel Ferro Caaveiro. A súa construción levaríase a cabo entre os anos 1784 e 1788. Presenta unha fachada sinxela custodiada por unhas xigantescas columnas xónicas. No centro da mesma poden verse as ánimas ardendo no purgatorio, e sobre delas, no alto da capela, dous anxos adorando unha cruz.
Capela das Ánimas |
Capela da Nosa Señora da Pastoriza: Estoutra pequena pero impresionante capela, a da Nosa Señora da Pastoriza, foi erixida entrámbolos anos 1761 e 1762, e remodelada a finais do século XIX. Localízase no barrio dos Basquiños, ós pés do monte da Almáciga. Este templo presenta unha planta en cruz latina e unha fachada, proxectada por Juan López Freire, flanqueada por enormes pilastras que rematan nun friso que sustenta un clásico frontón triangular sobre do que se asenta a espadana.
Capela da Nosa Señora da Pastoriza |
Capela da Nosa Señora da Fonte: A Capela da Nosa Señora da Fonte localízase no barrio dos Pelamios, a carón do Parque do Auditorio. Este humilde templo medieval, reedificado no ano 1395 polos monxes beneditinos de San Martiño Pinario, pertence á parroquia de San Xoán de Pelamios. A súa fachada fica presidida por unha granítica imaxe da Virxe co seu fillo no brazo que data do ano 1500. Baixo dela, unha humilde pero fascinante porta enmarcada nun arco conopial que deixa entrever algún que outro gravado templario...
Capela da Nosa Señora da Fonte |
Capela de San Bieito do Campo: Esta capela, de planta rectangular i estilo neoclásico, foi erixida por Melchor de Prado Mariño no século XVIII sobre dunhas construcións do século X que logo foran reconstruídas no século XII polo Arcebispo Xelmírez. Localízase na mesmísima Praza de Cervantes, noutro dos máis senlleiros epicentros da cidade. A súa fachada, sobria e sinxela, fica rematada por un frontón triangular sobre do que se erixe a espadana.
Capela de San Bieito do Campo |
Igrexa de San Miguel dos Agros: A capela de San Miguel, de finais do século XVIII i estilo neoclásico, localízase na praza homónima e de costas ó monumental mosteiro de San Martiño Pinario. Esta capela, que foi erixida sobre dun templo do século XII e que remataría de construírse no ano 1823, presenta unha planta rectangular e muros de cadeirado granítico. A fachada, proxectada por Melchor de Prado Mariño, semella seguir o mesmo esquema clasicista das capelas neoclásicas da cidade; catro pilastras xónicas que rachan a sobriedade da fachada e sustentan unha cornixa sobre da que se erixe un frontón triangular flanqueado entre dúas torres de campanario.
Igrexa de San Miguel dos Agros |
Capela de Santa María Salomé: Este pequeno pero sorprendente templo de estilo barroco foi mandado construír polo Arcebispo Xelmírez e sería fundado polo chantre Paio Abad no ano 1140. Centurias despois sufriría diferentes modificacións, como no século XVII co engadido da Capela da Soledad. Este pequeno e curioso templo de Santa María Salomé localízase no centro da Rúa Nova, en pleno casco histórico de Compostela. Presenta una planta cuadrangular con pequenos brazos que parten dos catro arcos de medio punto que descansan sobre das súas respectivas pilastras. A súa portada, románica de tripla arquivolta sobre columnas e chapiteis traballados con excelsa destreza, fica baixo dun pórtico erixido aló polo século XVI. Sobre da clave central aparece a representación da Virxe do Leite co neno, e ós seus lados as imaxes da Anunciación, María e o anxo Gabriel, do século XV. A torre do campanario, barroca i erixida no século XVIII, é obra de José Crespo tomando como modelo o da Capela de San Fiz de Solovio.
Capela de Santa María Salomé |
Esta capela garda moitos segredos. Para comezar, esta é a única igrexa erixida en honor a María Salomé, - a suposta nai do Apóstolo Santiago -, en todo o territorio español. Por outra banda, nesta mesma capela morreu María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, a nai da nosa musa Rosalía de Castro, no ano 1862. Contan que foi de xeito súbito, repetino, e posiblemente debido a una doenza cardíaca. Esta capela atesoura tamén outro segredo; nun dos seus retablos barrocos aparecen talladas na madeira as caras de dous anxos con gafas. Mais esta capela, esta pequena igrexa ateigada de historia e de curiosidades, non deixa de sorprendernos. O pasado mes de xuño do presente 2016 sairía a luz, a raíz dunhas obras de rehabilitación dun domicilio, un claustro gótico que estaría agochado entre esta igrexa e outros tres establecementos de arredor e que semella datar de finais do século XIV e comezos do XV. Entre os achados que saíron á luz, cabe sinalar un muro de entramado con ladrillos do século XVIII, sillares góticos con restos de policromía, un lintel gótico e outro con dous leóns rampantes e unha cruz patada.
Capela de Santa María Salomé |
Igrexa de San Caetano: Templo do século XVII, dun barroco lixeiramente rural, fundado no ano 1701, data na que se establece unha fundación de carácter social ca construción de máis de unha vintena de vivendas para as familias máis necesitadas. Esta igrexa converteuse en parroquia no ano 1970, sendo Arcebispo de Santiago o Cardenal Fernando Quiroga Palacios. O primeiro párroco sería Víctor Manuel Sánchez Lado.
Igrexa parroquial de San Caetano |
Capela de Santa Susana: Este feiticeiro templo compostelán, orixinariamente románico, foi erixido por orde do Arcebispo Xelmírez no século XII e localízase no cumio do Parque da Alameda, na Carballeira de Santa Susana. Esta pequena e fascinante igrexa, que sufriría unha importante reconstrución durante os séculos XVII e XVIII, aparece mencionada no Códice Calixtino; i que é, sen lugar a dúbidas, unha das capelas máis históricas e sobranceiras de Compostela. Na actualidade aínda poden apreciarse trazos do románico orixinal en certos elementos, mais a meirande parte do templo semella fumegar as tendencias vixentes na época da reconstrución. O campanario foi erixido durante o século XIX.
Capela de Santa Susana |
Capela de Santa Marta: Templo parroquial de Santa Marta, localizado no barrio homónimo e nunha das entradas a Compostela, presenta una única nave de planta rectangular e unha teitume a catro augas. A súa fachada é sinxela e carece por completo de decoración, revestida e pintada de branco agás nos extremos, nos que o granito aparece espido. Sobre da fachada eríxese una non menos sinxela espadana.
Igrexa parroquial de Santa Marta |