mércores, 8 de abril de 2015

O tinguilear das palilleiras de Camariñas


“Rachar a enagua, romper o encaixe,
desfacer toda a urdime fío a fío.
Esnaquizar a fina porcelana de Sèvres.
Retornar ao crisol ouro e alfaia.
Cuspir no lume até facelo cinsa.
Entrar núa no templo e derrubar os santos,
saír logo aulando e coa cara tinxida,
perdida xa a memoria dos nombres e as palabras.

[...] 

Foi preciso, quizais, para atopar no espello
baixo o bazo ese rostro da muller en Galicia,
para recuperar as mans e os seus tesouros.
Para escoitar coa orella no buraco
voces rotas, silencios, faragullas de vida.
Viaxar como Exeria xunto aos soños de Amantia
ou coa nena da historia trala pedra figueira.
Dicir da semellanza ou dun amor de tango,
de amantes que despertan novamente ao milagre.
Soedade de Antígona, fera noite de inverno
foi precisa, quizais, na procura da escrita da certeza.
A certeza, como unha casa grande, primaveral, aberta,
onde tecen Penélopes palabra silenciada,
palabra de carne, de muller: amor,
metáfora da metáfora”.
Marica Campo, Mulleres

Esta pasada semana vén de celebrarse a XXV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que desta volta contaría coa presenza de ilustres deseñadores de gran sona internacional como Modesto Lomba e Lorenzo Caprile, amais dunha ducia de prestixiosas firmas de moda e unha trintena de deseñadores noveis. Achegueime até Camariñas este pasado domingo na compaña dos meus amigos Diego e Laura para tratarmos de coñecer o traballo das moitas palilleiras desta vila da Costa da Morte e para mergullármonos de cheo no mundo do encaixe. Xa van 25 anos desta mostra que trata de pór en valor unha laboura, unha tradición, unha arte, que continúa arraigada dende a longa noite dos séculos ó abeiro deste pequeno porto camariñán. Os coñecementos desta senlleira e centenaria arte foron transmitidos de pais a fillos, xeración tras xeración, nos humildes fogares desta fermosa vila mariñeira. En Camariñas palillan dende os anciáns ata os máis cativos, mais adoitan ser as mulleres as que continúan a manter aceso este importante legado artístico e cultural. 


Camariñas ficaba engalanada, recendía a festa por cada recanto da vila, escoitábase a música polos rueiros e unha gran cantidade de xente arremuiñábase arredor do polideportivo municipal, preto da Igrexa de San Xurxo; alí tiña lugar a mostra. Logo de agardar a nosa quenda para entrar naquela improvisada pasarela de fíos, almofadas e alfinetes, "onde tecen Penélopes", comezaríamos a escoitar o incesante e sutil tinguilear das palilleiras. Percorremos a meirande parte dos postos, tratando de coñecer as máis enxeñosas creacións das nosas palilleiras camariñás e tamén o traballo doutros moitos artesáns do mundo do encaixe chegados dende diferentes puntos do planeta. Nun dos postos coñeceríamos a Maruja, unha experimentada camariñá que palillaba cunha destreza e unha rapidez que nos deixou francamente fascinados. As súas mans amosaban a habelencia e o saber das máis grandes palilleiras. O certo é que Maruja, como tantas outras mulleres de Camariñas, aprendería a palillar dende ben meniña no seu propio fogar. Para ela palillar é parte da súa rutina, do seu día a día, é o legado dos seus pais; son os fíos transxeracionais que a unen ós seus devanceiros. 


Maruja, que realmente se chama María Rosa Liñeiro, adoita palillar e amosar as súas creacións na Rúa do Medio de Camariñas. Ficamos calados por un bo anaco ó seu carón, ollando pampos a axilidade das súas mans, a destreza coa que move os palillos e o tino co que crava os alfinetes. Ficamos abraiados tamén coa perfección que semellaba estar a acadar o froito do seu saber e da súa laboura; o tecido, o encaixe ideal dunha experimentada palilleira camariñá. Tras dela acharíamos tamén unha pequena mostra dos seus traballos. Logo de despedírmonos de Maruja, deteriámonos nun par de postos máis denantes de entrar no recinto onde se celebraría o derradeiro desfile desta edición. Malia non estarmos acostumados a presenciar un desfile de moda, debo recoñecer que os moitos deseñadores noveis que amosaron os seus traballos, modernos e arriscados, conseguiron mesturar de xeito maxistral as tendencias máis vangardistas co encaixe máis tradicional. 


Á saída do desfile, colleríamos rumbo ó porto da vila denantes de marchar. Alí, ollando o mar, cavilaríamos no indubidable valor, no traballo, no tempo e na imaxinación depositadas en todas e cada unha das pezas de encaixe elaboradas por estas mulleres de Camariñas. Cada unha destas creacións deixa de manifesto, unha vez máis, o valioso traballo de tantas e tantas mulleres anónimas e galegas que crean, que maxinan, que loitan cada día para saír adiante. Liscamos de Camariñas convencidos de que esta arte ancestral, esta importante herdanza cultural e familiar, seguirá acesa nesta vila namentres o Sol siga a alumear o albor de novos días neste horizonte vilán da Costa da Morte.