luns, 25 de agosto de 2008

Lembranza eterna do Porto de Fisterra



"Pero talvez
na brevidade

dos silencios
e das sombras

o que quede
non sexan os recordos máis distantes

—nin os últimos—

senón os días
que ficaron en nós

cando a paisaxe
era un estigma
procurado"

Modesto Fraga

Sosego, descanso e paz na vila de Fisterra, no seu foráneo mar e nos meus recordos. A vila que quixo verme medrar e que me ensinou a ferocidade do mar no estado puro. Non hai lugar na Galiza que me transmita un sentimento tan real e sincero como o de Fisterra. Cada segundo que observo a vila, cúspeme a lembranza de anos atrás. Esta terra é visitada por milleiros de persoas que non dubidan en presencialo embruxo e o feitizo que se percibe en calquera dos seus recunchos. Fisterra é o corazón da Costa da Morte e a Fin da Terra coñecida para os romanos. O tempo pasa, nembargantes, hai lugares dentro da propia vila que non semellan padecer o inevitable e cruel paso do tempo. Nesta entrada non podía faltar a imaxe das galerías que podedes observar. É un deses recunchos que decidiron facerse lembrar na xigantesca historia da vila e porto de Fisterra, observando a saída e chegada dos mariñeiros que, xeración a xeración, herdan a tarefa de gañarlle a loita ao mar.

luns, 4 de agosto de 2008

Cabo Ortegal, Fronteira de Mares


"¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar".

Ramón Cabanillas

Era inverno e, como é lóxico, o mar acostuma a estar embravecido, revolto, rompendo nos cantís estáticos e verticais, impoñentes e fronteirizos. O inmenso Océano Atlántico loita na batalla milenaria co seu rival, e ao mesmo tempo veciño, Mar Cantábrico.

Este fermoso e impoñente espectáculo sorprende e impresiona sobremaneira a calquera visitante que se prece. A vertixinosa altitude é constante e impón unha sensación de inmensidade que poucas veces percibín nas miñas viaxes. A imaxe que expoño non se pode comparar coa realidade, e o conxunto de condicionantes naturais non pasa desapercibido; o ruído do mar e o asubío incesante do vento, así coma o cheiro a salitre ou contemplar o embate do mar cos pequenos e pedregosos illotes (Os tres aguillóns), fan de Ortegal un privilexiado lugar onde evadirse e marabillarse coa forza da natureza. O cabo está ben sinalado e a escasos quilómetros da non menos especial vila de Cariño que, por certo, na estrutura do casco urbán, lémbrame aos concellos da Costa da Morte, con pequenas e coloridas casas, laberínticas rúas e a obrigada presenza aínda do indómito Atlántico.

É un dos cabos máis importantes e impoñentes da costa galega, xunto con Estaca de BaresCabo Fisterra e Cabo Vilán. Se hai algo que represente a este Cabo Ortegal é o vento, que ao longo dos seus días moldeou as rochas, imprimindo esa agresión que se mostra no violento corte das pedras.

O Faro é de morfoloxía cilíndrica, moi semellante ó de Illa Pancha, ó de Punta Roncadoira e ó de Touriñán, con dúas sinxelas plantas. Trátase dunha estructura moi usual nos faros da Galiza. Cabe sinalar que os costeiros cantís do Concello de Cariño son dos máis altos do continente europeo, en concreto os de Vixía de Herbeira, con 613 metros de caída vertical. A fauna varía entre gaivotas, cormoráns, baleas, etc. e presume de ser un observatorio propicio para milleiros de aves migratorias. No mesmo cabo existen paneis con suficiente e clara información ao respecto. Quen non visitou Ortegal, non coñece a Britonia Galega.