"Un ar que vén do Pazo
levanta as flores mortas nunha espiral
de bruídos
como un choro coral
ou riso unánime de salón"
Lois Diéguez, Sete poemas e un maio
Un sinte curiosidade ó adentrarse nos dominios do Pazo de Lourizán e ver o seu maxestoso xardín botánico ou a innumerábel cantidade de especies arbóreas procedentes de distintos países do mundo. Non menos impactante é a fachada principal do Pazo, obra do arquitecto Xenaro de la Fuente Domínguez. Esta fermoso lugar fica en Erbalonga, na estrada que conduce a Marín dende Pontevedra. Trátase dunha finca de máis de 50 hectáreas que nos dá a benvida cunha ringleira de camelias e fermosas fontes e innumerábeis xardíns. O edificio semella estar habitado por espíritos, presidido por un reloxo parado e numerosas fiestras valeiras. Profundemos na súa historia: O Lourizán do século XV era unha granxa da que aínda conserva o Pombal, un hórreo e unha eira envexábel. Mais a granxa, co paso do tempo, foise convertendo en residencia de descanso e lecer do político e avogado Euxenio Montero Ríos, e xa nos anos corenta do século pasado, foi dar a mans da Deputación de Pontevedra. Cabe destacar as numerosas especies autóctonas e foráneas coma bidueiros, carballos, castiñeiros ou magnolias, herba xapónica, fentos xigantes…, e entre os seus xardíns sorpréndenos coa Gruta dos espellos; unha cova cunha singular fonte que sae da boca dun peixe e que está rodeada de espellos. Actualmente, nesta paraxe afíncase o Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán. Boa sorte a este pequeno paraíso pontevedrés.