sábado, 11 de xuño de 2016

O Muíño de mareas de A Seca


“Con túneles e vougos
no centro dos insomnios
sofrimos as mareas”
Pura Vázquez, Sempre irmá

Achegueime até a fermosísima vila de Cambados, berce do Albariño e do excelso "poeta da raza", Ramón Cabanillas, ca fin de coñecer outra importante mostra etnográfica da Arousa, nada máis e nada menos que un muíño de mareas moi semellante ó que fai somentes uns meses coñecín na Illa de Arousa; o das Aceñas. Desta volta retornaría até Cambados, outra vila senlleira das Rías Baixas onde xa tiveramos ocasión de coñecer algún dos seus meirandes tesouros, como as ruínas de Santa Mariña do Dozo ou a histórica e sobranceira Torre de San Sadurniño, - sen esquecer o seu marabilloso viño -, para coñecer agora o Muíño de mareas de A Seca, localizado na parroquia de San Mamede do Corvillón, moi preto do porto cambadés de Tragove. Estoutro muíño de mareas arousán, que nos nosos días foi restaurado e alberga un interesantísimo museo sobre da súa historia, fica chantado sobre da Ría de Arousa e recibe o nome de A Seca porque a zona interior sécase  en plenitude coas baixamares para volver a encherse coas preamares.  Este Muíño de mareas de A Seca foi erixido no ano 1622 por orde de Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, que encargaría a súa construción ó mestre de cantería coruñés Francisco Grie, cobrando este último polo seu traballo "unha mula nova moi boa ao seu gusto e valor de 50 ducados". 


O muíño sería erixido sobre do fondo da enseada e ó seu carón construiríase unha presa duns aproximados 50 metros de lonxitude. Amais da presa, que atesouraba cinco contraportas, e do propio muíño, que presenta tres andares, unha teitume a unha auga cuberta de tella do país e unha planta cuadrangular interior duns aproximados 14 metros de longo por uns 10 de ancho, este complexo etnográfico cambadés estaría constituído por unha vivenda, as súas correspondentes cortes e o seu alpendre. Sería no primeiro andar onde se localizaría toda a maquinaria necesaria para realizar as tarefas da moenda, nada máis e nada menos que  tres moas para esnaquizar o gran de millo e unha "albeira" para triturar o gran máis fino, principalmente o do trigo e o do centeo, así como numerosos apeiros e accesorios auxiliares para depositar o gran, vertelo sobre das moas e recoller a fariña. O segundo andar, pola contra, albergaría a vivenda coas súas respectivas habitacións, hoxe transformadas en museo. O terceiro andar albergaría o faiado. O funcionamento deste muíño de mareas non dista moito dos outros moitos muíños destas mesmas características que aínda testemuñan o emprego do recurso das cíclicas mareas para transformar o gran en fariña. 


Adoitábase moer durante a baixamar, nun intervalo dunhas tres horas nas que se chegaría a moer até uns 200 quilogramos de gran en cada moa i en dúas quendas, de noite e de día. Até eiquí  viña moer moita xente da contorna, non somentes de Cambados, senón de toda a Comarca do Salnés. Este Muíño de mareas de A Seca pertenceu aos vizcondes de Fefiñáns até o século XIX, logo cambiaría de dono e posteriormente, na década dos anos 70, deixaría de funcionar cando o último muiñeiro de A Seca, Don Manuel Piñeiro, que estaba casado coa filla do dono do muíño, deixaba definitivamente o seu oficio. Mais este senlleiro muíño de mareas cambadés sería restaurado en tempos recentes coa fin de convertelo nun museo onde coñecer e recrear a súa propia historia, pasando a formar parte da Rede de Museos do Concello de Cambados dende o ano 2002. Percorrín aquela alongada presa, tatuada de dourados liques, para ollar dende o lonxe esta pétrea pasarela de augas contidas e peneiradas, de mareas que enchen e baleiran a enseada, que a ispen cada abrente... e alén do atardecer. 


Detívenme a carón da presa e senteime por un intre a contemplar esta paraxe de eterno contraste, por momentos tan chea, por momentos tan seca, mais sempre húmida e feiticeira. Despedinme destoutra importantísima mostra etnográfica galega, destoutro senlleiro muíño de mareas, coa certeza de saber que estoutra xoia da Comarca do Salnés fica debidamente protexida.

xoves, 9 de xuño de 2016

O Muíño de Vento da Illa de Arousa


"Vento mareiro, amigo
dos velamios senlleiros, da nebriña
de ronseles no ar aloumiñada,
do azul lonxano que se volve lila.
Unha frauta delgada de horizontes,
trema na túa voz e dálle vida.
Hoxe as dornas sulcaron,
a sorrisa do mar profunda e nidia.
Hoxe as dornas, beberon o teu sangue na badía.
E ti, beilando muiñeiras tolo
no corazón da noite
onde a forza de Deus anda perdida.
Mans de vidro e de nube,
vento amigo,
medra no teu lecer a moradía"
Antón Avilés de Taramancos, As moradías do vento

Hai algo en min, coma unha irracional e descoñecida forza, que me impulsa cada pouco a regresar até un dos recunchos máis senlleiros i especiais dos mares serenos e bateeiros da Arousa. Hai algo que me une á súa Illa, a ese pequeno universo de cons e de garzas, de calmas e celestes augas, de douradas auroras, de brancos e finos areais onde se espreguizan as dornas. Retornei á Illa de Arousa unha vez máis, e desta volta pra tratar de achar outro histórico recuncho deste concello pontevedrés integramente arrodeado polo mar.  Logo de ter coñecido algúns dos recunchos máis históricos e senlleiros desta illa, como o seu Faro de Punta Cabalo e o seu Muíño de mareas de As Aceñas, decidín coller rumbo cara a o “Monte das Formighas” ca fin de procurar nesta contorna da illa outra descoñecida xoia etnográfica que, ó igual que As Aceñas, tivo unha enorme importancia para a subsistencia dos veciños insulares en tempos nos que esta illa ficaba completamente illada, é dicir; sen a ponte que hoxe a une co resto do continente coma un cordón umbilical de alcatrán e formigón. Andaba na procura do Muíño de Vento da Illa de Arousa, e para dar con estoutra xoia etnográfica insular tería a sorte de contar coa guía e a compaña de Luís, un bo amigo que naceu e que vive nesta illa; que a ama e a coñece como a palma da súa man. Logo de deixar atrás o “Monte das Formighas”, segundo o meu amigo Luís, un territorio dominado  por estes pequenos e traballadores insectos da orde dos himenópteros, comezariamos a achegarnos até un dos puntos máis elevados desta illa, o Monte dos Pedrouzos, e a albiscar os pequenos illotes que se espallan no horizonte desta illa; Xidoiro Areoso e Xidoiro Pedregoso, e aló no fondo, a solitaria e salvaxe Illa de Sálvora. De pronto albiscaríamos tamén, pero xa en terra firme e sobre dos cons da ribeira, o muíño de vento que andabamos a procurar. 


Non foi doado achegarnos ata este Muíño de Vento da Illa de Arousa porque é unha propiedade privada e fica protexida por un valo de pedra, mais a casualidade quixo que coñecésemos a unha veciña que vive xusto ó lado deste muíño e que nos deixaría entrar na súa propiedade para coñecelo máis de preto. Esta veciña, a cal creo conveniente manter no anonimato, contaríanos que tanto ela como o seu marido viviran de novos nese muíño, e que a placa de cemento que agora tiña puxérase no seu día para que eles puideran habitalo. Tamén nos dixo que aquel vello muíño de vento era unha referencia para os mariñeiros, i é que por estas terras adóitase dicir que “ó encubrir o muíño co Monte Bandeira, non hai obstáculo para entrar en Vilagarcía”, e tamén nos comentou, con certo pesar, que aquel muíño de vento xa facía moitos anos que non dispuña de aspas, algo que xa nos resultaba evidente pero que en certo modo ela semellaba botar en falta. Tratábase dunha faladora veciña co rostro curtido polo sol e o salitre, pola mala praxe dos anos; pola dura laboura de nacer e de vivir recluída nesta illa. Atopámola na porta da súa casa lamentándose das fedelladas que, segundo ela e con bastante certeza, un grupo de mozos fixeran de madrugada nunha fermosa e carnosa planta que engalanaba a cancela do seu xardín. Preguntounos de quén eramos e Luís, moi amablemente, encargouse da presentación. Logo de falar dos devanceiros insulares do meu amigo Luís e dos parentescos que os unían con estoutra veciña da Illa, achegariámonos até aquel muíño de vento, até aquela outra escusa que de novo me trouxo até eiquí, até este meu paraíso, este edén concibido entre bateas, este verxel de cons onde naufragan as palabras e cobra vida a esencia creativa dos poetas. 


Detivémonos de fronte a este muíño de vento erixido no século XVII, no mesmo século que o Muíño de mareas de As Aceñas, de planta circular, dous andares e construído a base de traballadas pezas graníticas. As pequenas xanelas que se localizan no segundo andar deste muíño de vento amosan a negrura do baleiro, a escuridade, a friúra e o silencio. Pénsase que este muíño de vento era empregado para paliar a perda da actividade propiciada polas flutuacións das mareas no Muíño das Aceñas e dalgún xeito dar maior servizo ós veciños insulares. Dende fai unhas décadas fica en desuso e completamente abandonado. Nesta illa, onde non se poden concibir os tradicionais muíños de auga ou de regato, tanto este Muíño de Vento da Illa de Arousa como o veciño Muíño de mareas de As Aceñas, supoñen un importante legado histórico, etnográfico e patrimonial que debemos preservar. Foron os primeiros muíños desta illa, as ferramentas para transformar a materia, para acadala fartura, carruseis de mar e vento, testemuñas esquecidas que semellan fumegar boa parte da historia desta vila. Lisquei ollando os calmos mares, os cons e os illotes que arrodean esta illa, lembrando aqueles versos que para ben tanto me arrepían, aquelas verbas de Taramancos que dicían: “Hoxe as dornas sulcaron, a sorrisa do mar profunda e nidia. Hoxe as dornas, beberon o teu sangue na badía”.

xoves, 2 de xuño de 2016

O faro muradán de Rebordiño


“Ti fuches o meu mar:
o faro e mais o vento e mais a onda;
e fuches a roseira
que enarbora unha agulla e unha rosa,
a flor filosofal
que converte o amor en primavera,
o ceo nubento e gris,
o rexurdir
do sol”
Miguel Anxo Mouriño, Versos primos

Retornei a fermosa e histórica vila de Muros para seguir as miñas propias pegadas, aquelas andainas que me levarían camiño do Monte Louro e da Lagoa de Xalfas, aquelas que me encamiñarían cara labirintos afastados  no tempo como os sucos da Laxe das Rodas, e cara outras pétreas rodas, desta volta máis preto de nós; as do Muíño de Mareas do Pozo de Cachón. Desta volta desexaba coñecer outro facho galego, outro carrusel de luces e de sombras que, xunto co de Monte Louro, alumea cada noite as primeiras bateas, as máis estremeiras bateas do norte que anuncian, dende esta Ría de Muros e Noia, o comezo do treito sur da costa galega; o obradoiro flotante e mariñeiro onde se cría o mellor mexillón do planeta. Este facho muradán, coñecido como o Faro de Rebordiño, localízase na punta homónima, no extremo norte da Ría de Muros e Noia, a un quilómetro escaso do centro desta histórica vila de arcos e soportais, baixo os que antano se pousaban as gamelas, e a carón da estrada comarcal que a une coa veciña vila de Carnota.


O Faro de Rebordiño agoniza, coma unha vella pantasma, ás veces tan presente e case sempre tan inadvertida, a rentes deste concorrido vieiro de asfalto e alcatrán. As súas entrañas fican baleiras e silenciosas, a súa pequena torre, oxidada e corroída, e os seus muros fumegan a nostalxia dunha época recente pero finada. Este pequeno faro galego sería erixido no ano 1909 para mellorar a iluminación que xa por aquel entón emitía o vello facho de Monte Louro e contribuír a mellorar a entrada dos barcos no porto de Muros. Mais por sorte ou por desgraza, uns poucos anos despois, concretamente no 1924, o faro pasaría a ser automatizado e a vida do torreiro neste faro xa non tería sentido, polo que pasaría a ser habitado por un técnico que tiña como labor manter o sistema de fachos eléctricos da Ría de Muros.  A lus deste facho muradán de Rebordiño acadaba na súa orixe as aproximadas 6 millas de lonxitude. O edificio, de traballados muros graníticos, presenta unha planta en forma de “U” e dous andares; no inferior localizábanse as dependencias do faro e no superior a vivenda do torreiro. 


A carón mesmo do edificio localízase a metálica torre do faro, que acada os escasos sete metros de altura e que foi construída integramente a base de pezas de fundición de ferro; a única destas características no noso país. Esta torre, coroada por unha pequena balconada que a comunica coa azotea do edificio e por unha pequena torre cilíndrica sobre da que se erixe a lanterna octogonal, emite agora unha mecánica luz vermella que acada unhas 10 millas de lonxitude. O faro depende da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e nos nosos días, como dicía, fica baleiro, silencioso e deshabitado, como unha vella pantasma de luz e presenza case inadvertida.