venres, 30 de xullo de 2010

A Costa da Égoa


"É no íntre en que a terra, para se durmir, vaille virando as costas á luz e o fume das tellas, mesto e leitoso, vaise esparexendo no fondo do val. Non é cousa de outro mundo pinta-lo que ven os ollos, que serán comestos polos vermes; pero na paisaxe hai máis cousas que fitar, pois naquel muíño cantareiro dous namorados danse o primeiro bico e naquel pazo do castiñeiro seco ouvean os cans"
Alfonso R. Castelao, Cousas

Botamos a andar na Costa da Égoa ata adentrarnos no sombrío Val de Barcia e seguir o curso do Barcés, o río que flanquexa o impoñente Monte Xalo e que discurre nas vertentes das Travesas e Mesón do Bento. Cumprimos o Roteiro Mariñán que surca as terras de Hérves, Salgueiros, Batán, Chamoso e Monte Meán. Tres pazos e dúas igrexas custodian este verxel no que a auga da vida nutre as terras, e dende antano, proporciona a enerxía necesaria para moer a fariña do pan máis literal e imprescindible. Os muíños están presentes ó longo da xeografía galega e a maioría fican esquecidos e asolagados polas edras; nembargantes, outros tiveron a sorte de ser reconstruídos e ver mellorada a súa imaxe, como é o caso de Verdes, Toba ou máis recentemente, os Batáns de Mosquetín. O val de Barcia e a súa xente non esqueceron os seus muíños e crearon un museu onde as construcións máis vellas conviven cos avances do século pasado; é o caso da construción de pozos e da aparición do cemento. Este fermoso lugar é a Costa da Égoa, e aquí botamos a andar.

xoves, 22 de xullo de 2010

O Pazo é de Meirás



"No Pazo acenden-se luces
co silencio recollido dos vosos ollos
e bailan espantallos co ouro e as medallas
que antonte lles entregastes
con sorriso de cartaz"

Lois Diéguez

O Pazo de Meirás ergueuse a finais do século XIX da man da escritora e Condesa Emilia Pardo Bazán na parroquia de San Martiño de Meirás, no Concello de Sada. Foi na Terraza desta fermosa vila onde me contaron a historia dun antigo edificio que destruiron os franceses durante a Guerra de Independencia e que pertencía dende o século XVI ós Patiño de Bergondo e, por enlaces matrimoniais, tamén ós Pardo de Lama, devanceiros da escritora coruñesa, Emilia Pardo Bazán. Ela foi quen dou orde de construír este pazo en 1893 para pasar tempadas e albergar xuntanzas con diversos escritores entre os que cabe destacar a figura de Unamuno. O seu pazo estaba composto por tres torres desiguais e unha capela na que casou a propia escritora. Tamén contaba cunha biblioteca que se situaba na Torre da Quimera, a máis grande das tres torres, onde a Condesa, con frecuencia, escribía os seus artigos. A historia cambiou trala morte de Emilia Pardo Bazán, un 12 de maio de 1921, pois o Pazo tentouse doar pola familia á Compañía de Xesús para que se destinase ó noviciado. As condicións postas polas herdeiras non foron aceptadas e foi entón cando as autoridades franquistas da Coruña, lideradas por unha comisión que trataba de buscar un agasallo á altura do indesexable ditador Francisco Franco, ameazaron e extorsionaron ós veciños ata que conseguiron arrebatar por unhas cantas pesetas o Pazo ó pobo de Meirás. A historia máis recente non foi quen de cambiar nada entre eses muros nos que o finadísimo xeneral pasaba as súas estadías de verán. Na actualidade, tamén é a residencia de verán da neta do ditador. É o Pazo da discordia que ten que ser devolto a Meirás e a tódolos galegos axiña. Que nunca se esquezan que o Pazo, gústelles ou non, é de Meirás.

venres, 2 de xullo de 2010

A mítica Terraza de Sada



"Ben pensarás que de Sada
che vou facer relación,
pois ten presente que non
che podo despricar nada,
porque aquela enmarañada,
amais da jente que tiña,
era jente da Mariña
e non jente como queira,
que era jente da primeira
e algunha túa e minha"

Xosé Cornide

Este edificio sito a carón da beira do mar da ría de Sada, é un claro exemplo de arquitectura modernista ou Art Nouveau, e foi construído por Antonio López Hernández a comezos do S.XX, concretamente no 1912 nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Trátase dunha construcción que foi trasladada ó paseo marítimo de Sada sobre 1920 e na actualidade é un dos exemplos máis claros do movemento modernista de Galicia. Construído a base de vidro, ferro e madeira, este edificio foi un quiosco-restaurante e na actualidade representa unha mostra inmellorable da arquitectura modernista galega, ademais dun espazo perfecto para desfrutar dun bo concerto de Jazz ou dun café expreso. No ano 1975 foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional. Que o tempo siga a deterse nesta fermosa terraza!