domingo, 28 de abril de 2013

A morte do Xallas nos ermos confíns


Feros corvos de Xallas,
Que vagantes andás;
En salvage compaña,
Sin hoxe nin mañan;
¡Quen poidera ser voso compañeiro,
Pol-a gándra longal!
Algo de vago e fero,
Do meu ser no profundo
Eu levo, com' as brétomas
Dos curutos escuros;
E unha ruda e salvage
Incrinacion dos seres vagamundos.
Algo do rudo vento
Q' azouta o cabo Ougal;
Do salvage miñato,
Que leva o vento soán;
E con nobre ufanía,
O esquivo mato registrando vai!
Algo das vagas brétomas,
Algo das uces altas,
Algo dos libres corzos,
E das feras bandadas
Dos corvos vagamundos,
Ques' espaIlan de Xállas pol-as gandras.
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Retornamos ó noso particular universo pondaliano para viaxar coma corvos vagamundos sobre das gándaras, aloumiñados polo rudo vento soán. Coma feros corvos, en salvage compaña, que agoiran a morte do Xallas nos ermos confíns. Voltamos de novo a somerxernos nas augas daquel río tantas veces atravesado por unha das figuras máis importantes da nosa historia literaria, o senlleiro poeta Eduardo Pondal. Non é a primeira vez que seguimos os pasos do Bardo polas solitarias e antigas terras do Xallas. Na nosa última visita a Brandomil, temos falado da riqueza que aporta o río que dá nome a esta comarca, e demos boa conta do legado histórico e paisaxístico que atesouran as terras ermas do Xallas. Lembremos que nesta comarca que tanto ten inspirado a Pondal aínda se poden atopar xoias megalíticas extraordinarias, como a Arca da Piosa ou a Mina da Parxubeira. O Río Xallas, logo de acoller a auga de multitude de regatos entr'os concellos da súa comarca, procura a súa morte nos sanguentos solpores dos confíns da terra, no dourado crepúsculo da Costa da Morte. Nos primeiros capítulos desta fraga, temos visitado un miradoiro que, dende o máis alto dos cantís e a carón dos Montes do Pindo e Peñafiel, olla a feiticeira i espectacular morte deste río nas salgadas augas do mar. Mais aínda nos quedaba por ver a excelsa morte do Xallas, de fite i en case toda a súa plenitude, embaixo mesmo daquel miradoiro. Este chuvioso inverno deixou terreos anegados, botou a perder colleitas e o curso do Xallas viuse desbordado en numerosas ocasións. Os encoros semellaban mares, e a terra xa non tiña sede. A primavera trouxo consigo un pouco de calma. 


Un día solleiro e caloroso semellaba estar da nosa parte, polo que non dubidamos en achegarnos ata o único río da vella Europa que desemboca en ruxidoira sobre do mar. Ansiabamos ollar, cal forasteiros, unha das máis espectaculares e distintivas fervenzas do planeta como poucas veces pode verse; case como nos seus mellores días. Saímos de Fisterra cara o concello coruñés de Dumbría, ata procurar a praia i enseada do Ézaro, o único lugar costeiro deste municipio. Alí é onde fica a Fervenza do Río Xallas, acubillada no fondo da Ría de Corcubión, baixo das faldras do Monte Pindo, e preto da antiga factoría baleeira de Caneliñas. Alí, ruxindo con forza dende as rosadas ladeiras, agarda por nós o derradeiro laio do Xallas, a maxestosa morte do noso pondaliano río. Esta pasada semana santa, as represas estiveron ó límite da súa capacidade, polo que os verdadeiros donos desta singular fervenza consideraron oportuno abrir un pouco a billa, ceibando dende a monstruosa guillotina de formigón, un caudal de auga maior do que estamos acostumados a ver. E isto chama a atención de moitos fotógrafos, turistas e xentes d’arredor. En moi poucas ocasións se pode ver, sentir i escoitar, o balbordo dunha fervenza coma esta case en estado puro, polo que eramos coñecedores do interese que esta nova ía espertar pola contorna. E o certo é que achamos máis xente da que pensabamos. Non nos foi sinxelo entrar no lugar, milleiros de persoas e centos de coches concentrábanse arredor da enseada do Ézaro. Nesta fermosa vila de estreitas rúas onde os fogares se erixen sobre dos petoutos, os forasteiros, ateigados de cámaras, arremuiñábanse uns sobre dos outros para dar coa mellor fotografía, cun recordo máis que levar da nosa feiticeira terra. A pesares de vir a este lugar dende ben meniño, nunca tal cantidade de xente vira. Nos últimos anos, a contorna da fervenza foi mudando para ben. Nos nosos días podemos achegarnos ata escasos metros da ruxida grazas á construción dunha pasarela de madeira, e mesmo entrar nos antigos edificios da primeira factoría de luz. Estes albergan agora un museo que lembra os comezos da negra historia desta monumental fervenza, mais tamén o proveito que todos os veciños destas terras lle teñen sacado. Non debemos esquecer que desta represa sae a auga corrente de moitos concellos veciños, e grazas á forza da mesma, xérase a enerxía eléctrica que abastece tamén ós pobos da contorna. Ás veces temos que pagar moi caro o custo do progreso, mais a paraxe, de por si fermosa e impresionante, non deixa a ninguén insatisfeito. 


Á fin ollamos de fite a fervenza do Río Xallas e o seu pálido bafo. Deixámonos acariñar polas pingas e a humidade que se desprenden da ruxidoira. Canta auga baixa impetuosa baixo a sombra do Monte Peñafiel, entorno ó que se arremuíñan os feros corvos pondalianos. O bafo da milenaria fervenza comeza a empapárnola cara, as mans e a roupa. Non podemos chegar a imaxinar as sensacións que nos produciría ver este río ceibo, no seu estado orixinal. Nembargantes, non deixan de sorprendernos os vertixinosos e rosados penedos do Pindo, a cara núa deste monte milenario, semellante a un xigante de pedra que emerxe excelso sobre do mar, fero e desafiante. Tampouco a silueta da Fisterra que se afunde no horizonte, a miña terra nai. A fervenza fica nun recuncho máxico, acubillada baixo a sombra do Pindo e de fronte ó mar da fin da terra, o Océano Atlántico. O derradeiro tramo do río ten uns 155 metros de desnivel, namentres que a ruxida conta cuns corenta de altitude. Logo de máis de sesenta quilómetros instintivos dende o seu nacemento en Monte Castelo, no concello de Coristanco, as augas do Xallas son retidas en tres encoros denantes da súa precipitación final sobre dos petoutos da enseada do Ézaro. Trátase das represas de Santa Uxía, Castrelo e Fervenza. A última é a máis importante, e foi construída nos anos sesenta. A función destas represas é garantir o caudal necesario para facer xirar as turbinas que transforman a forza das augas do Xallas en enerxía eléctrica. As primeiras construcións desta antiga factoría da luz comezaron aló polo ano 1897, e dende aquel entón, a primitiva e auténtica paisaxe trocou nun labirinto de xigantescas tubaxes, nunha encrucillada de cables metálicos. Deixamos tras de nós o estrondo da ruxidoira e a mestura das augas doces do Xallas coa salgada escuma do mar. Marchamos deste espazo único e danado para procurar novos horizontes, desexando que os erros cometidos no pasado, non rexurdan na alborada do mañá. 

mércores, 17 de abril de 2013

A longa estirpe da Torre da Candaira


“Sempre hai unha princesa,
un dragón e unha torre,
e un cabaleiro que a vén rescatar.
Sempre
o conto é o mesmo.
Pero xamais nos explican a que tanta insistencia,
o nome do dragón, o lugar da torre.
Nunca nos descobren
que o cabaleiro non vén,
que non existe,
que só é unha mentira profiláctica
para que o dragón non nos devore
e a torre non se revele como o camiño do inferno”.

Marta Dacosta, A princesa na torre


Medramos cos mesmos contos, coas mesmas historias e cos mesmos medos. Soñabamos con dragóns e cabaleiros, con princesas presas en castelos. Co paso do tempo, fomos madurando i entendemos que non existen os dragóns nin os príncipes azuis, e que os muros dos seus castelos fican agora en ruínas e sen vida, orfos i en paz. Mais nos contos, coma tantas veces tería recitado a poetisa Marta Dacosta, “xamais nos explican a que tanta insistencia, o nome do dragón, o lugar da torre”. A sorte de vivir neste vello país ateigado de lendas e historia, é que lle podemos poñer nome ós castelos, mesmo datar e rememorar as máis duras historias e lendas das nosas torres e fortalezas. Podemos descubrir os medos e as teimas que, coma dragóns ou bestas salvaxes, atormentaban a aquelas nobres xentes d’antano. Nesta nosa lendaria Galicia podemos atopar antigas torres endexamais soñadas, históricos muros erixidos en lugares fascinantes, e lendas máis duras e reais. Soñabamos con pisar antigos dominios e feudos, mesmo o chan d’antigas contendas. Desexabamos materializar aquelas historias de meniños, fitar e palpar os muros daqueles castelos propios do mundo dos soños. É por iso que nos puxemos a andar cara a fértil Provincia de Lugo, nin máis nin menos que ata a máxica Ribeira Sacra. Contan que nun pequeno lugar de O Saviñao fica unha belida torre recentemente restaurada, unha antiga construción que ben pode ilustrar os máis populares contos de princesas, dragóns e cabaleiros. 


A Ribeira Sacra nunca deixa de sorprendernos. Canto máis viaxamos por este paraíso, máis tesouros atopamos. Amais das súas traballadas ribeiras e o seu afamado viño, esta terra enfeitizada goza de numerosos atractivos. Dende máxicas praias fluviais i esplendorosas fragas ata torres, fortalezas e importantísimos mosteiros e abadías. Desta volta agardábannos os fortes e rexos muros da lendaria Torre da Candaira. Para descubrir esta antiga construción, tivemos que procurar a Parroquia de Santa Baia de Rebordaos e a aldea da Candaira, onde non achamos resto algún daquela torre, polo que decidimos preguntar a unha veciña do lugar que, moi amablemente, nos indicou o camiño para dar con ela. Neste lugar respírase paz, coma se nunca houbera máis guerra que a monotonía e a faena. Un ceo incerto semellaba darnos unha pequena tregua, namentres o sol comezaba a mostrarnos o camiño que nos levaría ata os pés da Torre da Candaira. Non tardamos en albiscar as cadradas ameas que coroan o alto doutra feiticeira torre galega. Nunha fermosa campiña, arrodeada de mestas carballeiras, puidemos contemplar en plenitude aquela torre da que tanto nos tiñan falado. Achegámonos pois a ollar de fite cada unha das catro caras desta antiga mostra galega de arquitectura militar. O edificio semella saído dun conto de fadas, mais o certo é que estabamos a pisar unha terra sacra, pura e anterga. Estabamos ante unha peculiar fortaleza que data de mediados do século XIII, unha sinxela construción chea de detalles. A súa básica estrutura consta dunha planta cadrada e tres andares. De estilo Románico tardío, mide case dez metros de cada lado, i estímase que uns once de alto. Trátase dun dos exemplares de arquitectura civil mellor conservados do noso País. 


Foi construída a base de sillería e perpiaños de granito e, debido á súa recente restauración, non conserva as súas orixinais e afiadas ameas. Nembargantes, esta vella torre aínda conserva o seu encanto, a súa sinxeleza, o seu aquel. Esa cadrada estrutura que a fai única, coma as que soñabamos de meniños, estaba a materializarse diante de nós. Fomos ollando de preto cada unha das catro caras do edificio. Nunha das susoditas caras puidemos ollar a seteira, dende a cal os antigos defensores vixiaban e mesmo lanzaban setas, ou frechas, ó inimigo que tentara aproximarse. Tamén se conservan escudos de armas, ventás e portas que non pasan desapercibidas. Contan que hoxe somentes fica habilitado o primeiro andar do edificio. Antano, para accederen ós andares superiores, tiñan que facelo a través dunha escaleira exterior solapada ás fachadas da torre. Esta vella construción foise transmitindo de xeración a xeración ó longo de centos de anos. Unha das primeiras mencións referente ós seus habitantes data de finais do século XV, moito despois da edificación da torre. Ó parecer, sitúa por aquel entón a Xoán da Nogueira e a María Álvarez de Saa Taboada, que procedía da estirpe dos Taboada e os  Camba, como os donos da torre. Anos despois, a estirpe dos Taboada e dos Soutomaior foise misturando. Aló polo 1544, sitúase a Don Pedro Sarmiento, neto de Pedro Madruga, e a súa muller Leonor de Candaira como os donos da torre.


Nembargantes, no século XVI, coñécese outro  dono e señor. Ao parecer, pertencía a Diego Sarmiento e a Dona Constanza de Soutomaior, os pais de Pedro Sarmiento. Constanza era, á súa vez, filla de Don Pedro Álvarez de Soutomaior, polo que se pode dicir que pertencía á filla e ó xenro de Pedro Madruga, e non ó neto como se cría. Madruga, coñecido tamén como Conde de Camiña, foi unha das máis célebres figuras do medievo; un bélico cabaleiro temido e admirado na Galiza feudal. Era bastardo, e viviu en carnes as loitas irmandiñas, mais tamén tivo moitos problemas coa Mitra compostelana. Descendía da liñaxe de Soutomaior e conseguiu chegar ó máis alto poder da súa estirpe. Este antigo e atroz cabaleiro era un coñecido inimigo de Alfonso II de Fonseca, arcebispo de Compostela dende o ano 1469 ata o 1512. Contan que o alcume de Madruga fora obra do seu cronista e admirador Vasco da Ponte, e que lle viña dado polos seus matutinos combates, polas súas sanguentas alboradas. Anos despois, esta mesma torre foi habitada por outras importantes figuras nobiliarias, como  o Señor de Tor, Don Francisco de Garza de Quiroga Taboada e Álvarez de Castro, que procedía da Casa de Lemos. Mais retomando o que nos ocupa, e polo que semella contar a historia, poucas loitas se deberon suceder nesta vella torre de Rebordaos. Polo que se sabe, foi unha propiedade máis da longa e poderosa estirpe dos Soutomaior, os Camba e os Taboada. O estudoso X. Fernández Pintos, logo da súa análise, chegou á conclusión de que esta construción poida que se tratara dunha torre defensiva que formaría parte dunha casa pacega, constituíndo quizais, o extremo máis occidental dunha antiga casa forte. Fose o que fose, esta torre segue a manter con vida as súas lendas e as xestas dos seus señores. Deixamos tras de nós outra mostra máis das múltiples historias que garda o noso País, agardando voltar de novo a outro castelo senlleiro que nos fale dos seus mellores tempos. Sigamos pois a soñar coma meniños, pois é o mellor xeito manter acesas as nosas ilusións.

sábado, 13 de abril de 2013

Os labirínticos sucos de Mogor


“Venceredes vós,
pero nosoutros
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde,
ou de Antioquía, o labirinto
de Mogor”

Darío X. Cabana, Cabalgada na brétema


Neste noso verdescente país, de eternas lendas e lonxeva historia, os sinais dos nosos antergos semella que aínda fican á intemperie nas frías e mudas pedras; a carón da herba miúda. Fican como altares graníticos no alto dos montes, baixo os toxos e silveiras, a carón das brañas e mesmo preto do mar. Esta terra garda moitos segredos incomprensibles en rochas sacras, en outeiros milenarios. Nesta nosa viaxe polos vieiros que nos encamiñan ás orixes do noso País, faltaba un deses recunchos míticos que non debemos esquecer para comprender parte da nosa historia máis primitiva. Temos falado dos fascinantes sucos rabuñados en pedra a carón da vella Capital da Patria, os do Monte de Correxíns e os do Alto do Pedroso; así como os afiados puñais do Castriño de Conxo. Visitamos tamén o incrible conxunto de petróglifos de Laxe das Rodas, de costas a Monte Louro, onde ollamos un dos petróglifos mellor conservados do noso territorio, mais aínda nos quedaba por visitar un dos máis senlleiros e recoñecidos de Galicia. Collemos rumbo ó sur, para mergullarnos na cálida brisa das rías pontevedresas, e arribar nos envexosos areais de Marín. Alí é onde nos agarda unha das laxes máis simbólicas e míticas do chan galiciano, o labirinto de Mogor. 

Atravesamos unha vez máis a histórica Ría de Pontevedra, onde finan as augas do Lérez, e collemos rumbo a Marín coa mirada posta na Illa de Tambo, nas faenas marisqueiras da baixamar. Adentrámonos pois, na parroquia de San Xurxo de Mogor, no antigo San Xiao dos Ancorados, onde descubrimos uns dourados areais, e a carón deles, un dos máis lendarios conxuntos de petróglifos do País. Á fin pisamos a pasarela que nos facilita o acceso a unha das mostras máis excepcionais do Grupo Galaico de Arte Rupestre (III-II milenio denantes de Cristo), que está constituído por todos aqueles gravados que datan de tempos prehistóricos. Unha infinidade de sinuosos e dinámicos sucos, así como unha chea de cazoletas, fican diante de nós. Ollamos a multitude de círculos concéntricos e os máis esféricos trazos dos antergos, namentres moi de vagar, os ecos dos tómbolos do mar semellan ancorar nos nosos pensamentos. O recendo a salitre fainos cavilar no estratéxico emprazamento do petróglifo, no vínculo que debeu ter dende sempre co mar. Este mítico conxunto está constituído por diferentes gravados coñecidos como a Pedra dos Mouros, a Pedra do Labirinto e Os Campiños. O primeiro conta con máis de vinte combinacións circulares unidas por trazos curvos, namentres a Pedra do Labirinto e Os Campiños se representan como auténticos labirintos. As cazoletas tamén acentúan a presenza dos sucos, e nalgunhas ocasións, conforman o epicentro dos labirintos, así como doutras combinacións circulares. Os estudosos sitúan este conxunto en pleno Neolítico, sobre o 2000 denantes de Cristo, en época de dolmens


Quen sabe o que significarían estas curvas, estas cazoletas. Algúns estudosos, como o Doutor Xesús Carballo, sosteñen que son obra de antigos celtas con fins funerarios e de culto ós mortos. Ferro Couselo, nembargantes, afirmaba que se trataba de sinais ou marcas territoriais. Esta teoría lembrounos á formulada no ano 1995 por Brandley, Fábrega e Criado e os seus mapas de recursos. Eles sostiñan que os petróglifos, nos que ás veces ata se ven cérvidos e outros animais, poderían ser mapas de recursos da contorna. Mais o profesor X. L. Galovart, logo de estudar Mogor, afirmou que se podía tratar de antigos almanaques de carácter astronómico. Os sucos marcados na Pedra do labirinto de Mogor, segundo indica este profesor vigués, sinalan o oeste máis estrito que se corresponde co equinoccio de primavera. Sostén que en Mogor, o equinoccio en 270º indica unha invocación ó Atlántico. Con esta teoría, comprendemos o vínculo que debía ter este petróglifo co seu mar, debeu ser algo así como o espello que lles marcaría a dourada raiola do equinoccio. Mais todo son teorías, o certo é que ninguén puido demostrar a utilidade que deberon ter estes sucos para os máis antergos. Quen sabe cales serían as súas inquedanzas, os seus medos, as súas teimas. Quen sabe que agardarían, a quen suplicarían naquelas pedras. O certo é que resultaría moi interesante analizar i estudar máis en profundidade todas estas teorías, e ir procurando similitudes entre as múltiples mostras que abondan no noso territorio. Abandonamos San Xurxo de Mogor, desexando que os sucos desta xoia milenaria sigan a peneirar as raiolas do equinoccio de primavera ó longo dos séculos. Que nunca se desgasten os sinais dos máis antergos neste noso verdescente país de eternas lendas e lonxeva historia.

luns, 8 de abril de 2013

O Pan de Cea e a paz de San Pantaleón


“Só o berce nai protexía contra tanto espacio
e o pan da boa avoa alimentábame
sin que eu soubese do milagre,
comíao como comía o medo dos anoiteceres húmidos”.
Ánxeles Penas, Territorio

Nesta particular viaxe polo noso antigo territorio galego, moito temos falado da fertilidade e riqueza das nosas terras, dos centos de ríos e regatos que atravesan e dividen o noso húmido chan. Temos visitado múltiples muíños que fican esquecidos e asolagados pola maleza, e outros moitos que fican coma nos seus mellores días; mais sen actividade. Algúns aínda conservan antigas canles e moas que xa non escachan gran algún. A meirande parte destas vellas construcións fican agora en silencio e soidade, baixo mantos de liques e musgos; baixo o avance insaciable das hedras e silveiras. Mais o certo é que pouco temos falado nesta fraga da razón e do sentido que tiña o traballo dos antigos muiñeiros, das labouras que se desenvolvían nas eiras; onde se mallaba o trigo, o centeo e outros cereais. Pouco temos falado do nobre e duro oficio dos panadeiros e dos segredos que require o noso pan. Nos nosos días, xa ninguén semella peneirala fariña, nin amasala sequera coas propias mans. Resulta desconcertante comprender como unha terra tan fértil como a nosa foi esquecendo o xeito máis artesán de elaborar o seu pan; o seu máis básico sustento. Semella que gran parte da elaboración artesá do noso alimento máis necesario se foi perdendo co paso do tempo. Por iso non dubidamos en visitar unha terra que non renunciou a seguir facendo o mesmo pan que facían os seus antepasados. Encamiñámonos pois ata o concello ourensán de San Cristovo de Cea. Este fermoso lugar da Comarca do Carballiño representa un dos lugares con máis historia panadeira do noso territorio, unha comunidade de artesáns que, xeración a xeración, seguen a manter con vida o segredo do pan dos abades de Oseira


A historia conta que os abades do Mosteiro Cisterciense de Santa María A Real de Oseira, xa dende antano realizaban tarefas de moenda i elaboración do pan. Isto lembrounos ás labouras vitivinícolas impulsadas polos monxes da Ribeira Sacra, e os muíños do Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Nun antigo censo do ano 1752, realizado polo Marqués da Ensenada, a meirande parte dos veciños de Cea xa foran inscritos como panadeiros, e no mesmo documento foron rexistrados unha ducia de fornos. A estratéxica situación de Cea, á beira da estrada que conduce a Santiago, fixo posible que a sona do seu pan medrara alén da Provincia de Ourense. O seu produto, a bo seguro que tamén foi deixando bo sabor de boca a moitos peregrinos que pasaron polo antigo ramal do Camiño de Santiago, coñecido como Camiño Mozárabe. Nos nosos días, este pan é máis que recoñecido polos galegos e goza dun selo de Indicación Xeográfica Protexida, que garante a súa orixe e laboura artesá. Sabiamos, denantes de entrar no Forno da María Xosé, que este pan de dura cortiza e saboroso axudaría a acougar a nosa fame canto menos uns tres días. Por moitos é coñecido a longa vida deste pan. A bo seguro que este antigo produto segue con vida, non somentes polo feito de ser pan, senón máis ben polo proveito que se lle ten sacado; especialmente en tempos de fame. A cordial panadeira abríunolas portas do seu fogar e acompañounos ata o calor do forno de pedra. Falounos do proceso que require o seu produto, que consta de diferentes fases como as de amasado, repouso, enfornado, cocción ou rever. Tamén nos dixo que é posible atopalo en certos establecementos comerciais das principais cidades galegas. 


Logo dunha interesante conversa e de mercarlle un par de moletes, a panadeira de Cea despediuse de nós cun ledo sorriso. O que máis chamou a nosa atención foi ver como nestas terras se sigue a elaborar un produto artesán e tradicional dende a propia casa. O certo é que non debería ser doutro xeito. Amais deste forno da María Xosé, co que fomos dar fortuitamente, Cea conta cuns vinte artesáns que manteñen con vida esta cultura herdada de pais a fillos. Deixamos tras de nós o calor do forno para proseguir co noso camiño. Denantes de liscar das terras do Carballiño, decidimos facer unha parada a carón da Capela de San Pantaleón, no lugar de Viduedo. A meirande parte das vivendas que arrodean a igrexa fican derrubadas e orfas. Aquí respírase paz e tranquilidade. Somentes unha parella de peregrinos foi quen de rachar o silencio do lugar. O interesante é que logo de visitar Viduedo, soubemos que neste lugar consérvase a parella de xigantes máis antigas do País, duns tres metros de altitude, e que son coñecidos como Almazonas. Participan cada ano na procesión en honor a San Pantaleón. Deixamos tras de nós estas terras de xeracionais panadeiros cavilando na importancia da laboura do noso alimento máis básico, na súa composición e elaboración; nos nosos corpos. Comamos pois, un simbólico anaco de Cea, desexando que en ningún fogar galego falte nunca un cacho de pan!

luns, 1 de abril de 2013

As estáticas laxes da Fornela dos Mouros


“No prado malvazul da mañá leda
frolecía a morte roxa e albeira;
Ay, que morreu a frol.
Foi pol-o albariño lanzal e ergueito
com'un dolmen, com'un branco penedo”. 

Emilio Pita, Jacobusland

Na nosa última e fuxitiva viaxe á bravía Costa da Morte, fixemos parada a carón do mar da Laxe, onde percorremos a súa costa e coñecemos o seu refulxente faro. Alí tamén achamos unha fermosa escultura coñecida como “A Espera”, que homenaxeaba a todas aquelas mulleres que perderon ós seus homes no mar. Nembargantes, nesta viaxe non somentes coñecemos a fera costa deste concello coruñés. Denantes de respirar o salitroso ar deste mar bravío e inmenso, aproveitamos a viaxe para coñecer aquelas xoias megalíticas que descansan a carón de máxicos penedos, e se cabe, máis contra o interior do termo municipal. Unha solleira e fría tarde de inverno, os nosos pasos dirixíanse ata a cara menos coñecida do Concello de Laxe, mais non por elo menos fermosa. Encamiñámonos cara a parroquia de San Simón de Nande, moi preto do lugar do Aprazadoiro, onde puidemos contemplar a extraordinaria beleza das aldeas e terras que adormecen no interior deste costeiro concello. 


Andabamos a procurar antigas cistas milenarias no alto dos penedos, e tralas frías tumbas esquecidas en terras pondalianas. Nestas terras temos atopado múltiples mostras, como os dolmens de Arca da Piosa, Dombate, ou os que fomos atopando no verdescente Val da Soneira; entre os cales destaca A Pedra da Lebre, Pedra Cuberta, Pedra Moura e Pedra da Arca. Non resulta sinxelo atopar os mouros dolmens que noutrora foron o eixo entre a vida e a morte, nin a sombra húmida das súas antas. Mais a vontade fai que nos acheguemos ata eses recunchos solitarios i esquecidos, que tanta distinción e historia nos aportan como nación. Cando arribamos ó feiticeiro Aprazadoiro, un xentil veciño indicounos o camiño que debiamos seguir para chegar ata o dolmen da Fornela dos Mouros. O vieiro de herba e pedra que conduce ó alto do monte, é o único conduto para achar outra xoia megalítica da Costa da Morte. A poucos metros de nós descansan os máis antergos espíritos e as súas pétreas tumbas, mais aínda nos quedaba camiño por percorrer. Logo de atravesar un bo treito do monte baixo a sombra dun eucaliptal, o terreo mudouse nun claro que nos encamiñaba ata o máis alto. Dende o lonxe, ollamos a cima deste máxico outeiro, ateigado de pedras e silveiras. Moi preto do cumio, dende o cal se podía albiscar a amplitude das terras de d’arredor e os vellos dominios dos antergos, achamos unha pequena anta na ladeira do intricado outeiro que ficaba arrodeado de pedras soltas, toxeiras e breixos; embaixo mesmo do petouto. 


Non dubidamos en achegarnos ata ela para comprobar se estabamos ante o noso obxectivo. E así foi, ficabamos ante outra vella xoia megalítica das terras pondalianas, outra vella anta milenaria que nos encomenda ós espíritos dos máis antergos. Acababamos de descubrir outro vello dolmen, mais desta volta, unha xeitosa "cista" que a carón do seu sacro cumio, domina dende o alto o extenso territorio. Moitos estudosos sosteñen que esta mostra megalítica de Fornela dos Mouros non é un dolmen, senón máis ben unha arca megalítica, tanto pola súa forma cadrada como polas súas reducidas dimensións. Algúns historiadores opinan que esta arca funeraria pode ser o principio do que serán as cistas de inhumación que aparecerán a partires da Idade do Bronce no noso País. O certo é que a súa morfoloxía semella moito máis coidada, e as súas laxas, máis estáticas e precisas que a de outros moitos dolmens galegos. 
Polo que parece, a Fornela dos Mouros data de entre o 2500 e o 2000 antes de Cristo. Presenta unha planta rectangular conformada por tres laxas verticais, amais da propia cuberta; dunhas dimensións aproximadas de 2,70 metros. No que respecta á altura, acada pouco máis dun metro, e de ancho; dous metros e medio. Ollamos as súas particulares vistas e cada un dos seus perfiles. Moitos opinan que garda unha morfoloxía moi semellante á Casota de Freáns, no Concello de Vimianzo, e que visitaremos nos vindeiros meses. Deixamos tras de nós este sacro outeiro pedregoso e a vella Fornela, agardando que os mouros sigan a coidar as súas estáticas laxes por moitos milenios máis.