“Q'a libre Boyana
De nos ouza e fale;
E digan os castros,
E digan os vales,
E os pinos de Suevia
Q'os céfiros branden:
Certo, este hé dos fortes,
Que nobres combáten;
E leva grabado,
Na testa radiante,
Cal fero lostrégo, grandioso e sublíme,
O sello dos grandes”
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos
Este pasado mes de novembro, xusto denantes de arribar até o Faro do Cabo Corrubedo, achegámonos até un dos recunchos máis históricos e senlleiros do concello coruñés de Ribeira; o Castro da Cidá. Este poboado castrexo, que conta con máis de 2.500 anos de historia, localízase sobre dun cumio da parroquia de San Paio de Carreira dende o que se albisca unha impresionante panorámica do Parque Natural das Dunas de Corrubedo e da entrada da Ría de Arousa. Ascendemos os pouco máis de 200 metros de altitude do Monte do Castro, e denantes mesmo de achegármonos á cima, quedariamos fascinados con aquel enorme penedo coñecido como a Pedra da Rá, así como ca espectacular i engaiolante paisaxe, aquel perfecto balcón natural sobre do Atlántico que se albiscaba xusto detrás.
Semella máis que evidente que esta elevada i estratéxica paraxe constituía un lugar perfecto para o asentamento dunha gran comunidade castrexa. Dende eiquí, aqueles habitantes da Idade do Ferro posuían unha privilexiada visión sobre de contorna que os arrodeaba e até sobre das terras que se perdían alén do horizonte. Achegámonos até estoutra cima do Barbanza, até estoutro outeiro onde se localizan as ruínas deste castro recentemente escavado, deste castro fortificado que até non fai moito ficaba asolagado baixo da húmida i enraizada cortiza terrestre.
Á fin estabamos a pisar o chan dos nosos devanceiros, o pétreo chan do elevado e impoñente Castro da Cidá, un gran asentamento castrexo arrodeado por tres liñas de murallas que se erixe sobre do mar e sobre das terras da contorna. Nada máis penetrar pola muralla superior desta impresionante cidade en ruínas, puidemos albiscar pequenas vivendas de planta circular, cuadrangular e algunha que outra rectangular con vértices redondeados. O conxunto arqueolóxico abrangue uns aproximados 20.000 metros cadrados, mais somentes sería escavada unha pequena parte.
Este castro foi erixido sobre a rudeza dun afloramento granítico, sobre a núa osamenta da terra. Aínda se poden ollar as cicatrices do pasado nas rochas que arrodean hoxe en día o vértice xeodésico. Naquelas rochas achamos pías rabuñadas na pedra, algunhas delas con desaugadoiros, que aínda contiñan auga, que aínda reflectían as infindas cores do ceo. Por outra banda, tamén puidemos observar marcas de cuñas na rocha que, coma trabadas de xigante, testemuñan a extracción masiva de pedra para a construción levada a cabo entrámbolos anos 50 e 80 do pasado século XX, Este castro segue a ser obxecto de estudo, polo que é bastante probable que nun futuro non moi afastado se continúen a realizar traballos arqueolóxicos.
Malia que os traballos se levaron a cabo en tan somentes 750 metros cadrados dos 20.000 totais, tanto o número de cabanas achadas, unhas 15, como a superficie total do castro; fai pensar aos arqueólogos que se trata dun conxunto dun tamaño similar ao veciño Castro de Baroña. Segundo relata Miguel Vidal, que dirixiu os traballos arqueolóxicos, neste Castro da Cidá puideron chegar a ter cohabitado preto dun cento de persoas. Na segunda fase de escavacións, sairían á luz cinco pezas de pasta vítrea que segundo Vidal puideron formar parte dunha pulseira ou dun colar. Oxalá poidan ter continuidade estas tarefas arqueolóxicas no futuro, oxalá se siga a investigar sobre deste importante castro que até fai cousa dun par de anos ficaba baixo dun manto de toxos e silvas, na máis escura e profunda sima da nosa memoria colectiva.
Despedímonos destoutro castro galego albiscando no horizonte o Areal do Vilar, Aguiño, Sálvora, O Grove, Corrubedo; a inmensidade do mar da Arousa Norte e a monumentalidade destes montes antergos que conforman a erma e impoñente Serra do Barbanza.