sábado, 24 de decembro de 2011

Riba d’Avia, capital xudía do Ribeiro


"Hay bos viños de corpo que apresentan
De branco e mais de tinto varios córes
De agullas, refrescantes, turruxeiros,
Que poden se repór òs mais primeiros
Prézados po los Reis e Emperadores.
[...]
Se poden abillar as mesmas borras
Dos viños esquisitos do Ribeiro".

Xoán Manuel Pintos

Rúas do Casco Histórico de Ribadavia
O sol aínda non queceu as frías lousas das antergas rúas de Ribadavia. O sol comeza a alborexar tras os maxestuosos montes que arrodean a antiga capital, e o frío esparéxese polos portais coma pantasmas do pasado. O silencio pálpase, coma unha presenza, nas antano vivas rúas desta terra curtida pola historia. A esta hora, antes do amencer, ninguén camiña polas estreitas e labirínticas ruelas. Somentes o musical ritmo das fontes e o constante rumor do río quebran a tranquilidade da anterga cidade. 
Buscamos o acubillo dalgunha taberna aberta na procura de saborear, xa de mañán, o maior tesouro de Ribadavia: o branco do Ribeiro, manxar de reis, é sen dúbida un dos mellores viños do planeta, froito das máis antergas tradicións e causa principal da histórica riqueza e importancia da capital desta comarca. 
Igrexa de
Santiago
Hai documentos que nos falan da fabricación de viños no Ribeiro xa no século II a.C. Na Idade Media, o peso desta arte tan productiva, fixo que Ribadavia fose una vila de gran importancia. Non en van, foi capital durante a época na que o Reino de Galicia foi independente, durante o reinado de García I (1063-1065). Xa daquela existía unha pequeña comunidade xudía que, gracias precisamente ó comercio do viño, chegou a ser un grupo bastante numeroso alá polos séculos XII a XIV. No ano 1492, os Reis Católicos firmaron a súa expulsión, polo que algún se viron na obriga de manter o seu culto en segredo. É desa época o edificio da Inquisición. 
Pouco mudou o aspecto da vella xudería, pois aínda quedan abondosas mostras da arquitectura hebraica. As constantes arcadas, balconadas e pórticos en prácticamente tódalas vivendas fan desta zona un dos mellores cascos históricos do país. A pegada xudía está presente mesmo en edificios relixiosos como a Igrexa de Santiago, unha fermosa mostra do románico (séculos XII-XIII). Este templo, sé da parroquia máis antiga da vila, sorprende pola cantidade e diversidades dos seus acabados arquitectónicos. A fachada principal loce un fermoso rosetón, e unha torre engadida no Barroco. Entre os potentes contrafortes, atopamos fiestras e arcos con trazos mozárabes, e figuras que evocan as vides, riqueza singular desta terra. Un antigo sartego templario evoca tempos mellores, nos que os cabaleiros desfilaban polas antergas rúas, camiño do Castelo dos Condes. 
Castelo de Ribadavia
Esta antiga fortaleza, erixida no século IX e ampliada a finais do século XV, foi un dos castelos máis importantes do país, xogando un papel decisivo nas vellas guerras dos señores de antano. As súas ruínas aínda dominan a prácida ribeira do Avia, arteria da comarca, que vai morrer no Miño, a carón da súa amada Ribadavia. 
Atopamos aberta unha vella taberna na Praza Maior, a carón mesmo do señorial Pazo dos Condes de Ribadavia, antano señores feudais da rica terra do Ribeiro. É este o epicentro da Festa da Istoria, importante recreación que loita por rememorar as profundas raíces do seu nobre pasado, declarada de Interese Turístico Nacional. 
Praza Maior 
Ás veces, a historia danos leccións moi importantes. Xa non quedan xudíos en Ribadavia; o tempo foi borrando a súa presenza, mais non o seu recordo. De feito, tres irmáns chamadas Lola, Amparo e Julia Touza axudaron a cincocentos xudíos a fuxir do exterminio nazi, o que demostra que se de algo pode presumir a nosa terra é de enxendrar ós bos e xenerosos. 
Coa lembranza do viño na gorxa, abandonamos Ribadavia na procura de máis vieiros por percorrer. O sol xurde sobre os vales, iluminando a esbelta silueta da cidade do Ribeiro. As badaladas agonizaron o tempo e encamiñaron a nosa fuxida. Atravesamos o río, e a vila despídenos adurmiñada entre o bafo que desprenden as augas. As torres de Ribadavia aínda están molladas, e as fiestras resístense a amosarnos a luz do día. Longa vida a Riba d’Avia, a Antiga!

xoves, 22 de decembro de 2011

Arribamos ó Porto de Compostela

"Terra nai. Raíz umbilical. Seiva nutricia.
Sinto a aorta
poboada de unha esencia de fragatas.
Cincocentos gaiteiros
cantan de cara ó mar antigos himnos.
Vello país domeador de vento!

Teño os ósos
brunidos da calor da túa entraña.
Ese río que fecunda os teus óvulos,
ese río que habita nas furnas interiores
verqueume nas arterias como ascuas
e levo o sangue todo namorado.

O deixa-lo teu tobo
ventos de morte me feriran, madre!
E veleiquí que unha campá espida
mantén a túa voz na miña gorxa
e cando esfollo a curva dunha sílaba
deita o canto de berce do teu nome"

Antón Avilés de Taramancos

A silueta dunha esvelta garza sobrevoando as mansas augas da desembocadura do Río Tambre, danos a benvida a Noia; unha vila con moito encanto e historia que fica entre os impresionantes cumios das serras de Outes e do Barbanza. A carón da Ría de Muros e Noia e inmersa de cheo na desembocaduras do Río Tambre, esta vila pode presumir de manter con vida un valiosísimo patrimonio e un envexable casco histórico. Tamén merece moita atención a súa ría, que ademais de posuír unha riqueza marisqueira, na que predomina, principalmente, o berberecho; é tamén un escenario de deportes náuticos con moito arraigo nesta zona, como por exemplo, as traíñas. Non esquezamos que Noia, aló polo século XIV, foi o Porto de Compostela, o que supuxo un aumento considerable do comercio marítimo que tiña como destino, unha Compostela que recibía camiñantes de tódolos recunchos do planeta. Foron tempos gloriosos que fixeron de Noia unha vila moi importante que visitaban milleiros de peregrinos, de aí que tiveran un hospital coñecido como o Hospital de Adentro, para dar cobixo de numerosos camiñantes e alentar o pequeno treito que lles quedaba ata a húmida e desgastada, Santiago de Compostela.

Vista traseira da Igrexa de San Martiño
As rúas da vella Noia son hoxe un auténtico museo da historia que sorprende en cada recanto. Os arcos dominan a meirande parte do casco histórico, e serven de refuxio para visitantes e veciños. Escudos nobiliarios, cruceiros, xanelas, tabernas e igrexas, completan, xunto coas súas pétreas e desgastadas rúas, este labirinto de nobres, fidalgos, galegos e poetas.

A Igrexa de San Martiño érguese impoñente na Praza do Tapal para mostrarnos os moitos segredos que agocha na fachada. O templo, construído no século XV, ten unha torre sen rematar e unha fachada que loce un fermoso rosetón, un aletargado reloxo e un pórtico decorado con motivos mariñeiros. As numerosas faces de diaños esculpidos nas pedras que sosteñen as columnas do pórtico, apórtanlle un certo misterio.

Igrexa de San Francisco
Non é xusto falar desta igrexa sen citar a Igrexa de San Francisco, que data do século XVI e loce un estilo renacentista. Nos seus muros aínda se poden contemplar os traballados escudos de nobres e fidalgos. 

Noia conta con fermosos areais como a Praia do Testal ou a de Boa Grande, pontes, xardíns e ríos, natureza e, sobre todo, cultura. Tivo o privilexio de ver medrar a poetas como Antón Avilés de Taramancos ou María Mariño, ámbolos dous homenaxeados co Día das Letras Galegas. Que ninguén perturbe a paz das agonizantes augas do Río Tambre.

luns, 19 de decembro de 2011

As termas non esmorecen en Aquis Querquennis


“Esta terra tamén que é a morada
Semellante á que Adan chorou perdida,
Foy tamen por estonces atacada,
¡Anque terribelmente defendida
E dos mesmos tiráns ademirada!...

[...]
Dempóis correndo sigros pillou medra:
Sendo para a empriál e roman croa
A máis relumeánte e rica pedra,
Sostendo o seu poder con farta loa,
Como terma do álbre a rufa edra
Cando xa coa vellez todo se esbroa
Hastra que do Poente derrubado;
O imperio é dos Bárbaros ganado"

Francisco María de la Iglesia 


Nas terras da Baixa Limia aínda quedan vestixios do expansivo e avanzado Imperio Romano. A carón das augas do río avanza a vella vía romana que enlazaba Asturica Augusta (Astorga) e Bracara Augusta (Braga), unha longa estrada que, nos múltiples miliarios, recibe o nome de Vía Nuova. Nesa antiga vía de constante tráfico rodado, os latinos ergueron diversas instalacións, das cales a mellor conservada e a máis impresionante é un gran complexo termal de luxo coñecido como Aquis Querquennis.

Porta Principalis Sinistra
Os seus formidables muros agochan o maior legado da vella Roma na nosa terra. O recinto, dunhas dimensións considerables, acolle todo un “balneario” da época, onde podemos imaxinar o gran luxo no que descansaban os camiñantes e visitantes que buscaban paz e refuxio neste auténtico parador do século I da nosa era. Un campamento militar, a carón das termas, defendía tanto ós poderosos patricios que chegaban de tódolos recunchos do Imperio, coma ós viandantes que abandonaban a Gallaecia seguindo a Via Nuova.


Nesta guarnición, podemos apreciar unha boa mostra da organización urbanística romana. No centro das dependencias, ás que se accede por dúas portas (Porta Principalis Sinistra e Porta Decumana), aparecen os piares de pedra sobre os que se asentaban os graneiros ou horrea, precursores dos actuais hórreos e cabaceiras. A carón do río aparece o cuartel xeral, do que quedan restos das fermosas columnas que dan unha idea do tamaño da guarnición.


A uns cen metros a carón do Río Limia, aparece o recinto principal do complexo termal, na súa meirande parte, condenado a ficar baixo as augas dun moderno encoro que somerxeu parte das ruínas. Unha pequena pero luxosa mansión, co seu patio interior e diversas estancias, danos a benvida ó antano sofisticado complexo termal. Algúns bañistas aínda fan uso das vellas piscinas de auga quente ou caldaria, auténticos atractivos na época. É certo que estes bañistas modernos non visten de toga nin falan en latín, mais acostuman a achegarse ata estas instalacións que, dous mil anos despois, seguen a demostrar a antigüidade e arraigo da cultura termal no noso país.


Os arqueólogos seguen a enfrontarse ós caprichos do río, incontrolable dende a instalación dunha presa en tempos recentes. Algunhas veces o nivel da auga impide a visitantes e investigadores disfrutar da beleza e interese histórico deste encrave único na vella Gallaecia. As pantasmas dos antigos patricios seguen a deambular polas mansas beiras de Aquis Querquensis, a carón da arteria vital da antano Terra d’Ouro. Que o tempo non esvaeza as gloriosas e imperiais lembranzas da vella terma da Baixa Limia.

venres, 16 de decembro de 2011

O Mar de Fóra das augas bravas


“En Mar de Fóra
a penas se percibe a luz do día
E o frío arde
nos tombos da mudez máis arraigada
e todo fica estraño
e silencioso
como unha sombra
enxoita de paisaxes

En Mar de Fóra
adoito se mesturan
as artes do tributo máis efémero:
herdanza de salitre
—a nosa—
de homes e mulleres salitrosos

Porque levamos no silencio
o rostro e a palidez salgada do traballo
Ese traballo inxel
de remendar nas redes do encaixe máis absurdo

En Mar de Fóra
as redes son o berce
onde aniñamos, nós,
alén da luz escura
que nos sinala o día”
Modesto Fraga, Mar de ausencias

O mar da Costa da Morte ten sona de ser o máis cruel e asasino do país. A lembranza de milleiros de vítimas está sempre presente, coma unha pantasma, en tódolos cantís e furnas do noso litoral, e tamén nos ollos dos vellos lobos mariñeiros. Aquí, na Fin do Mundo e á intemperie, os fisterráns nacemos acostumados a escoitar o feroz ruxido do vento e o constante balbordo do mar, sobre as agrestes ladeiras do ancestral Monte do Cabo.

A cara norte da Praia de Mar de Fóra, en Fisterra
A cara occidental de Fisterra, a máis salvaxe, sufre o eterno e constante traballo do mar sobre os seus cantís, un mar que moldeou ó longo dos séculos os cons, creando as máis singulares e curiosas formas, e creando algúns dos areais máis impoñentes de todo o país. Entre eles, a xoia da coroa é Mar de Fóra. Aberta a tódolos azoutes atlánticos, o seu nome sinala a súa perigosa situación e o seu carácter de praia asasina. Este areal, de case mil metros de lonxitude, une o Promontorio do Cabo co continente, pois é a vertente occidental do antergo tómbolo sobre o que se asenta parte da vila de Fisterra. Ó outro lado, atopamos a antagónica Praia da Langosteira. Entrámbalas dúas, disque antano, existía un estreito de mar que separaba o Cabo Fisterra do resto do mundo. A superficie areosa e a unidade desa zona é o que queda daquel pasado no que Fisterra era unha illa. O sistema dunar de Mar de Fóra, é tamén, a paraxe natural mellor conservada e máis protexida do noso concello. Dende a catástrofe do Prestige, fixéronse grandes esforzos para protexer este ecosistema, tan singular coma delicado. No medio desta paisaxe que semella doutro mundo, atopamos algunhas especies vexetais e de liques únicas e en perigo de extinción. A carón dos regatos e pequenas lagoas que se forman, podemos ver especies de plantas e algas acuáticas, así como especies de anfibios como a píntega rabilonga, o pintafontes común ou a rá patilonga. Nos muros das vellas leiras e nos penedos, constantemente quecidos polo sol, non é difícil ver algunhas especies de réptiles como o lagarto das silvas, lagarta galega ou víbora de Seoane.

O sistema dunar de Mar de Fóra 
Os piñeirais do Monte da Nave fúndense pouco a pouco coa carrasca e o toxo, arbustos costeiros que na primavera amosan o seu colorido. É tamén doado atopar multitude de árbores autóctonas como o carballo ou o castiñeiro. A carón dos regatos, a flora é especialmente diversa: ameneiros ou sabugueiros, ademais de todo tipo de plantas acuáticas, algas ou fentos. Pola vertente sur da praia, desemboca un pequeno regato que verque as súas augas, directamente sobre a area. Ó seu redor, hai tamén un rico ecosistema acuático que se funde cos, tamén, ricos piñeirais do Monte do Cabo, e onde xa se empezan a ver algunhas das pequenas leiras da aldea de A Ínsua. Mar de Fóra fica circundada por inmensos cantís, ricos en herba de namorar. Nos acantilados de Uña de Ferro e Alba do Sul, aniñan multitude de aves mariñas, entre as que cabe destacar a pardela, o corvo mariño e os miñatos. Nembargantes, as diversas especies de gaivotas seguen a aniñar no seu vello fortín do Ghavoteiro, un vertixinoso petón encravado no extremo norte de Mar de Fóra. As constantes correntes fan que as augas de Mar de Fóra se renoven constantemente, o que convirte ós seus fondos mariños en fonte constante de riqueza e de beleza natural. Entre as especies de peixe máis comúns nestas feras costas, cabe destacar os sargos, douradas, maragotas ou robalizas; auténtico manxar cobizado polos solitarios pescadores de cana. Nos cons e nas furnas, aniña tamén, o mellor percebe, outro dos manxares máis suculentos que a ferocidade do mar e a ousadía de poucos, teñen a ben pornos no prato.

Vista xeral da Praia
Dende fai uns anos, o entorno do Mar de Fora foi protexido por diversos organismos. Hoxe conta cun pase de protección dunar e un acceso limitado ás dunas, o que acabou coa antiga e perigosa costume de empregar vehículos rodados por este antigo lugar. Sen embargo, outro perigo ameaza agora este espazo único: algúns peregrinos e visitantes, con pouco sentido do civismo, acampan ás súas anchas nas dunas, areais e bosques hidrófilos de Mar de Fóra. As auténticas xaurías de cans e as fogueiras que se celebran nas praias, non so están a desvirtuar a milenaria tradición de contemplar unha das postas de sol máis espectaculares do planeta; ademais, están a facer perigar o fráxil ecosistema de Mar de Fóra e a boa imaxe de Fisterra como meta do Camiño Xacobeo. Por sorte, a esplendorosa paisaxe de Mar de Fóra non perdeu nin chisco de encanto. O Berrón segue a bruar dende o extremo do Cabo da Nave, amosando por sempre a súa esgrevia silueta. No outro lado, cara banda de sur, a feroz ollada do Centolo penetra no horizonte, máis alá da Punta dos Oídos. Sobre a dourada area, as ondas cuspen a branca e salgada escuma do mar, e traen consigo infinidade de lembranzas dos libertarios e aventureiros cabaleiros do mar.
Nestes días de forte temporal, achegámonos unha vez máis a este paradiso da Fisterra máis salvaxe para entrar en comuñón co marabilloso espectáculo, onde o mar asasino, loita contra a impenetrable resistencia das rochas. Que endexamais os ventos deixen de azoutar a impoñente costa fisterrana.

xoves, 15 de decembro de 2011

O castro cantábrico de Fazouro


“Así dixo o vello, e séntase,
cravando os ollos no chan.
E ó pé do castro, qu'as brétemas
da noite cubrindo van,
tamén de loito cuberto
maxinando tanto mal,
soliño, entr'as negras ruinas,
sóltase, o probe, a chorar!”

Arcebispo Lago, O derradeiro Celta

Achegámonos, desta volta, ó norte galaico para contemplar os cantís da feroz beira cantábrica, máis concretamente, ó pequeno pero impresionante Castro de Fazouro, no municipio mariñán de Foz. Pendurado nun istmo e a carón da Praia de Area Longa, descansan as vellas ruínas deste particular castro marítimo que datan dos séculos I ó III d.C. Fazouro é o único castro da costa cantábrica galega, o que o fai especial e dobremente singular. Este conxunto conta, tamén, cun foxo defensivo e unhas nove edificacións, que carecen de murallas. Cabe destacar, tamén, que a principal diferenza deste castro con respecto a outros moitos castros galegos, é a lousa coa que se foron construíndo os muros destes antigos fogares.


A mesma lousa que centos de anos despois, foi usada tamén para cubrir os teitos de moitos fogares galegos. Dende a Mariña na que descansa este castro, pasando polas Fragas do Eume e a Terra Chá, ata ben atravesadas as húmidas devesas do Caurel; a lousa acouga os teitos e muros dos fogares dos nosos ancestros, protexendo as xélidas noites de inverno e refrescando os fogares nas duras e secas épocas estivais. O Castro de Fazouro álzase na escarpada ribeira cantábrica, e os seus ventos mariñeiros, foron erosionando e modificando a estrutura inicial do poboado, facendo posible a desaparición de algunha que outra construción, logo de ser escavado no ano 1963 e máis recentemente estudado no 1988. A maior parte das unidades familiares deste castro teñen unha estrutura cadrada, fronte a unha construción que presenta unha estrutura ovalada, o que pode denotar unha influencia romana. Non cabe dúbida de que este pequeno castro ten unha importancia maiúscula pola súa localización, de cara ó Mar Cantábrico, nun encrave único e conformado por unhas lousas destinadas a rememorar vellas loitas castrexas, así como un cento de lendas, que non merecen caer no caixón do esquecemento. Que as lousas deste fermoso castro fiquen por sempre, a carón do seu Mar Cantábrico! 

mércores, 14 de decembro de 2011

A paz brota dos xardíns de Oca


"¡Oh, Terra de montes! chea de meiguice e encantos mil:
de mosteiros, igrexas, torres, pontes e castros: de
canteiros, artistas guerreiros e labregos; de mámoas
ermitas, romerías e chozas; de feiras para pasear,
mercar, vender e pescudar, alumea a todos os teus
gobernantes para que a Galiza poda mellorar".
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

O Pazo de Oca está situado no municipio pontevedrés de A Estrada, e máis concretamente, na Parroquia de Santo Estevo de Oca, unha de tantas aldeas fermosas da Comarca de Tabeirós. Este fermoso pazo, na actualidade pertencente ó Ducado de Medinaceli, e coñecido por moitos como o “Versalles Galego”, foi declarado Monumento Histórico artístico e alberga entre os seus muros uns xardíns dunha gran riqueza arbórea e botánica, autóctona e exótica. O edificio foi construído como fortaleza aló polo século XV da man de Don Suero de Oca, nembargantes, non foi ata o século XVII cando se transformou en Pazo, grazas ó impulso de Andrés Galloso.


O seu xardín, -contan que o máis vello do chan galego-, está caracterizado por conter especies antiquísimas de árbores, roseiras,  hortensias, magnolios, viñas e, por suposto, Camelias. É moi frecuente ver diversas variedades desta especie nos pazos galegos, como é o caso de Lourizán ou Mariñán. Os primeiros exemplares de Camelia foron introducidos na nosa terra aló polo século XVIII desde Portugal e a razón pola que este exemplar goza de tanta presenza no noso territorio, non é outra que o clima. Pese a ter unha orixe oriental, a Camelia atopa nestas terras pontevedresas, a humidade e temperatura suave, así como unha terra ácida, idóneas para o seu desenrolo. O Río Boo, que atravesa o Pazo, é quen agasalla a auga precisa para abastecer os estanques e as pétreas fontes, así como nutrir os xardíns e as hortas, en definitiva, toda a riqueza natural deste remanso de paz que é o Pazo de Oca.


Por outra banda, este río tamén se encarga de refrescar as altas temperaturas, propias da cálida época estival, nos amplos patios, pontes e xardíns, e embelecer este lugar coa súa eterna presenza. O edificio móstranos os escudos nobiliarios traballados no granito polos seus antigos propietarios, case fachendoso dunha historia nobre e dun pasado defensivo, coma reflicte a silueta da súa torre ameada. Coma pazo que é, ten tamén a súa igrexa, barroca e planta de cruz latina. Ante a mesma, sitúase a praza que dá a benvida a esta nobre fogar estradense.


Este pazo foi tamén, escenario cinematográfico de varios filmes como La Casa de Troya, Las Aventuras del Marqués de Brandomín, La noche oscura e El aliento del diablo. Na actualidade é posible a visita ós xardíns, pero fica en mans privadas, polo que teremos que pagar se queremos gozar dos segredos que esconde tralas súas fachadas. Paga a pena visitar, tamén, a pequena aldea de Oca, onde podemos atopar vellas construcións que fican rememorando as orixes feudais do lugar. Igrexas, pombais, cabazos e casas orfas de fidalgos, completan unha paisaxe que aínda recende a historia, que semella ficar en paz a carón deste pazo. Que as portas do Pazo de Oca fiquen abertas por sempre ós curiosos camiñantes que desexen adentrarse nos xardíns deste fermoso lugar.

luns, 12 de decembro de 2011

O Sil en terra de monxes


“Virtú e nobreza, talentos e groria, 
xa teñen gardados pra dar a sua hestoria 
as fadas que dormen n'as grutas d'o Sil” 
Valentín Lamas Carvajal

O balbordo das fervenzas é un trazo cotiá da paisaxe, posibilitando o
desenrrolo de outras especies coma fieitas, liquens ou musgo
Case catro anos pasaron xa dende aquela primeira viaxe, semente orixinaria desta Fraga, que nos abrira as portas, por vez primeira, ó fermoso corazón desta sacra terra de viños, frades e ríos. Tiña ganas de voltar a refuxiarme nas xélidas mañás das ladeiras traballadas polo grandioso e profundo Sil, quería volver a recender o ledo fume de madeira de carballo, debecía por saborear de novo o sacro viño que medra nas esgrevias ladeiras que o Sil foi rabuñando, moi de vagar, ó longo das idades do home ata os nosos días. Os frades dos misteriosos mosteiros de Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil foron os primeiros que, aló polo século XII, comezaron a aproveitarse das húmidas e soleadas ribeiras do Sil para estender o cultivo das parras da saborosa e púrpura uva mencía. Para conseguilo, as ladeiras fóronse esculpindo ó longo dos séculos con innumerables bancadas, que semellan penduradas nun precario equilibrio. Os monxes eran posuidores dun inmenso imperio, construído sobre este sublime viño de afroitado recendo. Os seus mosteiros eran auténticos señoríos, que dominaban o cultivo e a elaboración dun dos mencías máis saborosos do mundo.

Fraga autóctona
A principal característica desta terra é que, en calquera época do ano, a auga xurde da pedra viva: a Ribeira Sacra súa de xeito constante, impulsando a explosión de vida precisa para conservar por sempre a inmensa beleza desta comarca e da súa riqueza arbórea. O número de especies vexetais que podemos atopar neste paradiso é incalculable. Cabe destacar a cantidade e antigüidade dalgúns exemplares de especies autóctonas coma o carballo, o castiñeiro ou a faia. Ademais, é doado atopar bidueiros, piñeiros e abetos, así coma breixo, fieitas de diversos tamaños e formas, e outras especies que regalan os máis estraños froitos. A humidade constante provoca que case cada centímetro de rocha fique baixo un mesto tecido de liques e musgo. Tamén é frecuente atoparse con numerosas fervenzas que enfeitizan e nutren, coma pequenas veas, o corazón do Sil. Esta riqueza vexetal constitúe un berce natural para un complexo e delicado ecosistema onde tamén habitan innumerables especies animais. O percorrido do Sil está constantemente guillotinado polas diversas centrais hidráulicas que aproveitan a auga do río para obter enerxía eléctrica. Xa non se constrúen presas no Sil, mais a súa decadente presenza emporca e entorpece a beleza deste paradiso.

A vella aldea de Cibrisqueiros, unha das moitas que
fican penduradas nos vales da Ribeira Sacra
As pequenas aldeas penduradas das escarpadas ladeiras do val organizan a súa vida entorno ás vellas labouras vitivinícolas, herdadas dos antergos abades e do seu saber. Estes lugares cheiran a fume nos amenceres e tamén nos solpores, cando o frío gabea polas ribeiras e penetra nas casas e nos osos. Ao redor das vivendas, obsérvase a disposición das viñas, plantadas en longas ringleiras paralelas nas faldras da escarpada montaña. É o caso das aldeas de Cibrisqueiros, Sobredo, Frontón, Loureiro, Viduedo, Parada Seca, ou Amandi das vermellas ribeiras. Que non deixe de brotar humidade nesta terra sacra de viños, ríos e frades.

mércores, 7 de decembro de 2011

A Fervenza de San Xusto de Toxosoutos



“Taes eran os dous frades de San Xusto que desde facía un mes pousaban en Sobrado. Por suposto, que alí non s' estaban cos brazos cruzados asperando que chovesen panicillos do ceo. O Abade espúxolIes o estado do país; como todos estaban bremando por acabar cos seus asovalladores; que había xente dicidida e disposta á todo, porque taes como estaban as cousas non se podía vivir” 
Antonio López Ferreiro

Resulta moi satisfactorio para min ensinarvos pequenos recunchos onde o pracer nace de ollar aquilo que nos rodea, onde ceibar a nosa imaxinación e tomar parte dun medio tan presente coma esquecido. Un bo exemplo, como non, é o lugar de San Xusto de Toxosoutos, no concello coruñés de Lousame. 

Afundido nun húmido e fértil val, o lugar de San Xusto recibe a visita, coma cada domingo, de numerosos fieis que non perden a súa cita espiritual e buscan refuxio do frío no arume do incenso da igrexa. Os homes esperan fóra agardando as últimas badaladas, conversando e fregando as mans baixo o bafo dos seus alentos. Entre tanto, só o ruxido dunha fervenza rompe o silencio neste val de natureza, pasado e defuntos. O caudal do Río San Xusto acoitela este verxel e nútreo eternamente. Ao seu carón descansan tamén un vello mosteiro, unha igrexa, un pombal e algún que outro muíño que dan fe de que este lugar tivo moita vida. 

A fundación deste Mosteiro de San Xusto data do ano 1131, da man dos cabaleiros Pedro Muñiz de Carnota e Froila Alonso, que deixaron a vida militar polos hábitos monacais. O mosteiro formaba parte dos catorce mosteiros cistercienses de Galiza. Nembargantes, no século XIX comeza a súa decadencia e brutal abandono cando a Desamortización de Mendizábal fixo que moitos dos bens da Igrexa pasasen a mans privadas. Porén, moitas propiedades de Toxosoutos pasaron a ser vendidas a particulares. A desaparición dos hábitos deu lugar á decadencia. 

O tempo foi apoderándose do lugar e as hedras foron asolagando as ruínas de Toxosoutos. Mais hai cousas neste lugar que non cambiaron porque son eternamente necesarias, porque forman parte de nós mesmos e onde poucos de nós buscamos refuxio espiritual. É o caso da impetuosa fervenza que enche de son e sobriedade este val, o eterno protagonista que cuspe o osíxeno que nos alenta e nos enche de vida. Ao seu carón medra unha inmensidade de fieitas, musgos e árbores, escoitase o canto dos paxaros e obsérvanse as siluetas dos muíños. Que o San Xusto de Toxosoutos continúe a recibir a visita de moitos fieis na procura de refuxio. 

mércores, 30 de novembro de 2011

O liño dos Batáns de Mosquetín


“Que non me desperte a luz enferma
dun mencer xa morto,
que non me crave o seu aguillón
de sal, cárdenas olleiras, lirios fatigados.

Esta ferida destila resinas,
chuvias, noites de cemento,
universos xiados, mármores
e medo.

Non quero erguerme. Quero
fundirme nun sono de novicias
e grandes sabas ao vento despregadas.

Paxaro melancólico que repousa o voo
xa non o agardan outros ceos,
nocturnas pedras que devolven a calma,
liquens, fiuncho, liño ou mofo,
calor anceio.

Se a tinta podre de luz
as arterias me invade,
hei procuar aire de quirófano,
sanatorio e coloroformo.

Hei navegar, gamela branca,
polo océano máis mouro”
Xulio L. Valcárcel, Cloroformo

Visitámolas terras da Soneira, tralo curso do Río Grande, na busca dun pequeno encrave coñecido coma os Batáns de Mosquetín. Para conseguilo tivemos que adentrarnos no Concello de Vimianzo, máis concretamente, na parroquia de Salto. Unha vez alí contemplamos unha cadea de tres antigos batáns, empregados noutros tempos para mazar o liño aproveitando o curso deste caudaloso Río Grande. Ao seu carón contabilizamos outros sete muíños que, máis que liño, mazaban a fariña do pan. Pouco debeu cambiar esta paraxe dende antano ata o día de hoxe, pois as vellas rodas destes muíños e  batáns seguen xirando na actualidade e as súas pétreas paredes, en pé. Claro está, que xa dende fai máis dunha década estase a loitar moito por intentar conservar este conxunto etnográfico, para que tamén as xeracións futuras poidan chegar a entender o sentido que tiveron estas ferramentas primitivas para a vida dos nosos antecesores na antigüidade.


O motor destes vellos batáns é a auga, o noso ben máis prezado e indispensable, a enerxía máis limpa e agradecida. Sen ela, estas vellas construcións non terían razón de ser e a bo seguro que a elaboración do pan sería bastante máis complexa. Os muíños déixanse ver por tódolos recantos do país, en cada aldea, parroquia ou vila, de uso comunal ou privado, pero resístense a fuxir porque forman parte dun pasado moi presente, asoballados polas hedras e esquecidos por case todos nós. Pero máis estraño é o caso dos batáns, pois non adoitan verse tan a miúdo coma os muíños, mais no pasado pouco tiñan en común; iso si, empregaban a mesma auga. Nos batáns de Mosquetín prensábase o liño e compactábase cunhas mazas impulsadas pola auga do río, para logo ser destinado ó uso téxtil. Os muíños proliferaron moito no país porque moían a fariña dun pan indispensable no día a día das nósas xentes do pasado e porque abondaban en cada regato. Tamén a figura do muíño ou do muiñeiro eran moi protagonizados nas lendas e cantigas, coma un marco enxebre e cotián, enfeitizando e enchendo de ledicia, ademais, os recordos dos nosos pais e avós. Boa sorte, muíños e batáns de Mosquetín!

venres, 25 de novembro de 2011

Allariz d’Augas Santas


“A mañá de Allariz vai e ven na mañá clara do rio Arnoia.
O verán cala en mel é labio que beixa a Raiña Adormecida
e, nas follas das árvores, a sua infancia le as letras
que este dia último de Xullo debuxa”. 
Cesáreo Sánchez

Acompañamos o curso do río Arnoia para adentrarnos nunha fermosa e mítica vila da Provincia de Ourense, Allariz. Visitamos estas terras para ollar de preto o seu importante patrimonio cultural, monumental e natural. A xoia principal deste fermoso lugar é, sen dúbida, o seu coidado casco histórico, onde as pesadas lousas fican xa fatigadas polo tempo, desgastadas polo destino das nosas propias pisadas. Outro valioso monumento que paga a pena visitar é a Igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, afundida nos húmidos vales que o Arnoia foi rabuñando por entre os montes dos Canteiros e Armariz. Situada no corazón dun importante cruce de camiños, a vila de Allariz naceu das mans dos reis e condes do antano próspero Reino Suevo de Galicia. O seu nome é un reflexo daquela esquecida época: Vila Alaricii, “o burgo de Alarico”. Os monarcas galegos e leoneses contribuíron a incrementar a súa fama e importancia: construíronse murallas, erguéronse mosteiros, pazos e pontes sobre o Arnoia, conformando unha vila de granito envellecido polo tempo e moldeado pola historia. Os seus habitantes adicáronse dende tempos inmemoriais ás actividades agrícolas. Así o demostra o feito de que a súa principal actividade fora o cultivo e tecido do liño primeiro; e o curtido do coiro en tempos máis recentes. Que o Arnoia continúe levando no seu curso as Augas Santas ó feiticeiro lugar de Allariz!


xoves, 24 de novembro de 2011

Dolmen de Axeitos, vestixio primitivo


"Ay! Cando funguen os ventos
nas polas do castañal
xa non ruxirán as armas
qu'alí tiñan nosos pais...!
Donde fixemos fogueiras
os carrascos nacerán,
e no dolmen en que'ibámos
de noite a sacrificar,
criáranse herbas e toxos
y-os mouchos aniñarán...
Cobrirán silvas y-adreiras
as pedras do noso lar,
e sobr'as mámoas dos mortos
xente allea pasará"
Arcebispo Lago

Achegámonos ós antergos tesouros que a historia nos foi agasallando ó longo dos séculos, silenciosos lugares que nos falan dos comezos e dos finais, da vida e da morte, das fortalezas e das debilidades. Un claro exemplo é o vestixio da Pedra do Mouro, por todos coñecido como Dolmen de Axeitos, e que conta xa cuns case seis mil anos. Antigamente, estaba soterrado nun outeiro formado por rochas e terra coñecido como mámoa, que contaría tamén cun corredor radial que suporía un acceso á cámara.
Esta xoia do neolítico, afincada nas terras do Concello de Ribeira, resístese a desaparecer e loita por ensinarnos a súa pendurada anta e as verticais laxas que o conforman, impresionantes menhires acoitelados dende tempos inmemoriais nestas terras para exercer de leito mortuorio de primitivos defuntos dende o 4000 a.C. Pouco sabemos da vida naqueles tempos, mais sorprende o dominio que o home galaico tiña para construír estes dolmens de xigantescas pedras, toda unha mestría que herdamos deles e, máis posteriormente, tamén dos romanos. Legados que fican condenados a vivir por sempre e para sempre, mergullados e agochados en centos de recunchos do noso pequeno país, tesouros que debemos seguir protexendo. Baixo a sombra da anta do Mouro e a súa feiticeira carballeira, decidimos liscar para non perturbar a maxia que neste lugar se percibe. Boa sorte pois, Dolmen de Axeitos!

venres, 18 de novembro de 2011

Adeus, Cidade da Coruña


¡Ouh, meiga cibdá d'a Cruña,
Cibdá d'a torre herculina,
de xeneraciós recordo
máis fortes q' as d' hoxe en dia;
Cibdá que por'sobr' os mares
érguel-a cabeza altíva,
cal onte n 'as tuas murallas
o brazo de María Pita:
¿Qué tés n'ese teu recinto,
que tés pr'os que te visitan,
que conecerte non poden
sin que deixarte non sintan?

Manuel Curros Enríquez

Cheguei a esta cidade cuns estreados dezaoito anos para rematar os meus estudos e comezar a voar. Sete anos despois, o destino, coma una coitela, rachou coa monotonía para obrigarme a buscar un leito baixo o máxico mapa estelar da nosa histórica Capital, Santiago de Compostela. A escasos días da miña inminente fuxida, comezo a pensar nas noites coruñesas e os seus marítimos abrentes, na melancólica visión dende os cristais dunha vella galería ou no impetuoso e bravo vento que, coma de costume, azouta o faro máis vello, a Torre de Hércules. Lembrarei por sempre a súa fermosa muralla defensiva e o Castelo de San Antón, bastións defensivas da cidade, e como non, a María Pita; heroína e defensora coruñesa que, aló polo século XVI, loitou contra flota da armada inglesa capitaneadas polo corsario Francis Drake para libertar a súa cidade. Non esquecerei xamais as leccións aprendidas nestes sete capítulos de vivencias nin os amenos seráns de Orillamar, onde acostumábamos a deixarnos naufragar na estrela máis dourada do país; a de Galicia. Resulta estraño e desconcertante para min enfrontarme a unha nova cidade, unha nova xente e unha nova vida, mais onde queira que vaia e onde queira que pise, levarei a canda min todas esas vivencias, todas esas leccións aprendidas, e o grato recordo dunha xente marabillosa. A cidade que bautizou a miña independencia deixará de ser o meu fogar de aluguer para pasar a ser un banco de recordos no caixón dunha memoria, cada vez máis roída polo tempo. Os meus ollos ficarán nos cons dunha deserta Praia do Orzán, no seu mar e nas súas illas, as miñas mans na humidade das pedras da Torre e os meus pés, non o dubidedes, percorrendo Galicia. Boa sorte pois, amigos coruñeses, que o vello faro continúe aloumiñando, coma cada noite, o noso mar e as nosas perigosas ribeiras atlánticas!.

luns, 14 de novembro de 2011

Estaca de Bares, mástil do Norte



Lat.: 43º 47' 23.6” N, Lonx.: 7º 41' 17.9”O

“Aló en baixo, o Atlántico; mirando á man dereita o Cabo Ortegal, o mar Cantábrico, a Estaca de Bares, a serra da Coriscada, a Faladora, o monte Caxado, a ría e vila de Ortigueira...”
Narciso Luaces

Non podiamos liscar das terras da Mariña Occidental sen pasarnos polo rochoso mástil do Norte, a punta de Estaca de Bares. Este recodo atópase no Concello de Mañón, entre as rías de Ortigueira e O Barqueiro. Esta enclave é o punto máis setentrional do país e, ó igual ca Ortegal, fica coma fronteira de mares, linde mariño que divide o Océano Atlántico do Mar Cantábrico, nun acompasado valse de ventos que acompañan o itinerante voo das aves de paso. A paisaxe de cantís mostra a cara máis feroz destas terras, onde o vento, coma un perfeccionista e metódico escultor, foi azoutando a súa furia e moldeando a vertixinosa paisaxe. Deixamos atrás o fermoso Faro de Estaca de Bares collendo rumbo ó Norte e loitando de cara a un vento oposto e resistente para ollar as invisibles ribeiras bretonas e os galeóns empuxados polo vento da necesidade. Unha vez desafiamos as forzas da natureza, decidimos baixar a Porto de Bares, unha abrigadiña e xeitosa vila mariñeira onde as chalanas descansan na area da praia, a carón do mar onde viaxan ceibes cada abrente, cada alborada. A vila móstrase silenciosa e solitaria, completamente inmersa no ruxido feroz do seu mar. Pero o máis sorprendente deste pequeno porto pesqueiro é o seu Dique fenicio, anterior á chegada dos romanos, e construído con bolos ou pedras circulares moldeadas pola acción mariña. Voltarei, algún día, a retarme co vento de Estaca de Bares!

domingo, 13 de novembro de 2011

Cudillero, anfiteatro cantábrico e mariñeiro


"Y al cabo nada debo si no hay pesca prendo fuego,
me salgo al mar y quemo hasta el último aparejo,
que carguen a su espalda y su conciencia un hombre menos,
hoy siete de febrero, sello y firmo en Cudillero".
Víctor Manuel

Cansados de atravesar fronteiras e sendas veciñas, decidimos facer parada e tomar folgos nun encrave único e, sen dúbida, un dos lugares máis impresionantes de Principado de Asturies; o singular pobo mariñeiro de Cudillero, ou como dirían os astures; CuideiruEste lugar recibe o nome de anfiteatro pola disposición das súas casas, que simulan ficar penduradas nun monumental palco cara ó mar e á praza do mesmo. Todas elas, pintadas de distintas cores pero todas unidas entre si nun intricado labirinto de estreitas rúas e escalonadas fachadas, unas por riba das outras nun conxunto variopinto de vivendas que semellan non querer perderse ningún detalle da función. Inundado de brisa cantábrica, esta vila é un bule-bule de veciños, coñecidos como pixuetos, e visitantes, artistas ou bohemios que se mergullan entre as súas rúas na busca da mellor instantánea e do mellor recuncho onde inspirarse e deterse cada pouco a ollar, sinxelamente, a propia vida deste lugar. O Faro de Cudillero completa a fantástica estampa marítima que se avista dende calquera fiestra das incontables fachadas deste pintoresco anfiteatro. Non é xusto falar destas terras astures sen citar á fermosísima Praia do Silencio, no mesmo concello e á cal é case imposible acceder se non é camiñando. Sorprenden os seus cantís e o seu nome; Silencio. Quizais pola súa inaccesibilidade ou pola soidade que habita nesta praia a maior parte do ano. Prometo volver a pisar o escenario mariñeiro de Cudillero!


xoves, 10 de novembro de 2011

O vento mareiro de Baroña


"Doce a vista desde longe,
Castro boó, castro compreto,
¡Ou castro, amigo dos celtas,
Antr' os castros o primeíro!"
Eduardo Pondal

Poucos lugares quedan xa coa maxia, historia e natureza que posúe o milenario Castro de Baroña, no municipio coruñés de Porto do Son. Este fermosísimo lugar fica nunha minúscula península, moi preto da Praia de Arealonga, -curiosamente, ó igual que o Castro de Fazouro, no termo municipal de Foz, Lugo-, e a súa historia remóntase ós siglos I a.C. e I d.C., cando os primitivos habitantes desta cidadela se asentaron neste istmo, co fin de atopar unha fonte de alimento constante; os froitos do mar.



Este castro mariñeiro ten unha liña de muro defensivo e un foxo, así como unha vintena de pequenas vivendas, separadas en dúas áreas. Unha delas, a inferior, está desprotexida da intemperie, a carón das murallas e conta con pequenas escaleiras polas que se accedía ó alto dos muros. Sen embargo, a zona máis elevada parece estar máis resgardada por un túmulo de rochas acoiteladas, pero conserva unhas escaleiras, xa da era romana, que lle aportan un cariz máis portentoso, ademais de posuír as mellores vistas do castro. Ámbalas dúas zonas están divididas pola entrada principal e por unha praza ou zona aberta que antano, a bo seguro, debeu ser o corazón desta cidadela. Pese a non ter auga doce no interior, non resultaría estraño atopar pequenos regatos nos arredores. O tempo foi pasando e esta vella xoia e as súas preciosas pedras, resistíronse eternamente a seren moldeadas polo vento mariñeiro e o salgado recendo do mar. Longa vida a Baroña, e a tódolos castros galegos!