Esta semana deixamos atrás o curso do Eume e mergullámonos nas doces e frías augas do Río Lor, na Serra do Courel. A aldea da Seara, no concello lugués de Quiroga, amósanos a súa riqueza ecolóxica e o seu divisorio río, que tantas veces foi transitado polos veciños deste fermoso e tan esquecido lugar. A ponte significou tamén un camiño na fuxida dos máis novos e o pano de bágoas na longa espera dos máis vellos, mais tamén significou a esperanza para a fertilidade dos campos e o recodo de tarefas das lavandeiras e pescadores.¡Que as neves desta dura invernía fertilicen ao longo do seu curso as verdes leiras da Seara!. Déixovos cun fermoso relato de Ánxel Fole sobre as terras do Courel:
“Terra de Caurel, aspra e forte, de inxente beleza... Terra brava de lobos e aguias; terra outa de fragas e devesas. Pode ser que eiquí se achen as devesas meirandes de Galicia. Hai faias nilas, e choplos, rebolos, bidueiras. Algús albres chegan ós trinta metros. Nos sitios lamaguentos ondia a iauga se encora, tamén se atopa unha especie de salgueiro que se chama paleira, ou simpresmentes, nas salgadas terras das ribeiras. Nas devesas da Rogueira e do Rebolo hai teixos grandismos que teñen centos e centos de anos. Atravesar un distes boscos leva varias horas de camiño. Por alí andan o lobo i oxabarín. Unha vez vimos dez lobos xuntos cando íbamos a derrubar unhos castiñeiros bravos pra faguer unhas vigues. Nunca vin aguias tan fermosas como as dista terra, que eiquí chaman aigues. Unhas son loiras; outras brancas, coma de prata. Tamén son as meirandes que vin. Son moi valentes. Hastra din que se levan os lobecos. Pra ondia queira que se olle, vense os montes máis outos da Serra: O Pía Páxaro, Lucenza, Montouto, o monte da Golada. Seus cumios están cubertos de nevehastra o verao. Nos días sereos do inverno e da primaveira, relocen coma si foran de azucre. Según os vellos máis vellos fai moitos anos nas devesas había osos e cervos, e nos cumiales muitos rebezos. Mais aínda se atopan corzos e xabarís. E tamén moitas perdices, lebres e coellos. Polas terras veciñas teñen sona de moita caza istes montes. Eu, moitas veces, teño cazado nun día máis de vinte perdices. Os labregos cázanas en vivo con trapela ou ichó, e lévanas a vender ó val de Quiroga. Tamén se atopan algunhas londrias, que non é nada doado cazalas. As pelexas lévanse a vender a calqueira vila de Ourense ou Lugo.”
Ánxel Fole