"É precisamente a posibilidade
de realizar un soño o que fai que
a vida sexa interesante"
Paulo Coelho
Dende fai cousa duns cantos meses comecei a preparar a que sería a miña primeira aventura no Camiño. Por aquel entón aínda non tiña nada claro que Camiño escoller nin cando podería realizalo. Nunha cea con dous bos amigos, comenteilles a viaxe que andaba a preparar e as ganas que tiña de comezar a camiñar. Durante a cea, un dos meus amigos interesouse pola miña decisión e díxome que a el tamén lle gustaría acompañarme, mais non camiñando, senón en bicicleta. Animoume a que foramos sobre de dúas rodas, xa que el é un gran amante das bicicletas de montaña. A idea fíxome pensar no duro que podería chegar a ser para min percorrer tantos e tantos quilómetros sobre dunha bicicleta. De cativo tiña unha e adoitaba empregala pra ir á praia, a xogar ou ós recados. Con doce anos sufrín un pequeno accidente que me impediu volver a subir nunha en moitos anos; petei contra un muro e dobrei as pinzas que sosteñen a roda dianteira. Dende aquel entón non volvín a montar en bicicleta. Nembargantes, pensei no divertido que podería chegar a ser viaxar sobre dúas rodas na compaña dun amigo ó longo de tantos quilómetros. Samuel, así é como se chama o meu amigo, adoita percorrer grandes distancias coa súa bicicleta, e aproveita o seu tempo libre pra saír con ela pola contorna da súa vila. Díxenlle que non tería ningún problema en viaxar na súa compaña e sobre de dúas rodas ata Santiago de Compostela, que me prepararía e que mercaría unha bicicleta. O certo é que o destino quixo xogarnos unha mala pasada. Non puidemos poñernos de acordo coas vacacións e tivemos que postergar a nosa viaxe ata ben entrado o outono. No mes de setembro do presente ano, collín uns días de descanso para facer o
Camiño Primitivo camiñando e reservei uns cantos días en outubro para realizar a viaxe sobre dúas rodas co meu amigo. Logo de chegar de facer o
Camiño Primitivo, descansei e tratei de afacerme á idea de que debía adestrar coa miña bicicleta, xa que a escasos trinta días debería poñerme a camiñar de novo, e desta volta sobre de dúas rodas. Nembargantes, as obrigas quitáronme tempo pra adestrar, e a meirande parte dos momentos libres que dispuña destinábao a preparar a ruta e a equipaxe.
|
Panorámica do Castelo dos Condes de Benavente (Pobra de Sanabria) |
Non nos foi nada doado escoller o camiño, o certo é que barallamos moitas posibilidades. Dende un principio pensamos en facer o francés dende
O Cebreiro, logo o do Norte, e ó final optamos polo último treito da Vía da Prata; O Camiño Sanabrés ou Mozárabe. Iso si, desta volta ata a fin; até a miña
Fisterra nai. No meu primeiro Camiño, desgraciadamente, non puiden acadar a meta que tanto ansiaba, mais sabía que desta volta ía chegar, custase o que custase. Decantámonos polo Camiño Sanabrés, xa que sería un camiño curto, acorde ós días que dispuñamos pra facelo. Ademais, tiña boas referencias sobre deste Camiño. Lembro o ben que me ten falado del Jesús, o peregrino vasco que coñecera no Camiño Primitivo. Jesús ten andado pola meirande parte dos vieiros que levan a Compostela, mais faloume do Sanabrés coma un camiño especial, de gran beleza e marabillosas paisaxes. Comecei a preparar ilusionado a viaxe que tanto tempo levabamos agardando comezar. O Camiño Sanabrés ou Mozárabe comezou sendo un atallo nos vieiros que chegaban a
Compostela a través da Vía da Prata, que ascendía dende o sur da península. Que este camiño tamén se coñeza como Mozárabe débese ás pequenas romarías que peregrinaban a través dunha serie de mosteiros que foron aparecendo coa repoboación mozárabe nas terras castelás de Zamora. No noso país, este vieiro tamén é coñecido como o Camiño do Sur. O peregrino da Vía da Prata que chega ata a localidade zamorana de Granja de Moreruela deberá decidir entre seguir pola Vía da Prata até Astorga ou, pola contra, desviarse polo Camiño Sanabrés. Polo xeral, a meirande parte dos peregrinos escolle a segunda opción co fin de evitar o aluvión de peregrinos procedentes do Camiño Francés. A pesares de que o Camiño Sanabrés comeza en Granja de Moreruela, nós decidimos emprender a nosa viaxe en Pobra de Sanabria, a uns 250 quilómetros de
Santiago de Compostela. Saímos cara este histórico municipio zamorano a tarde do domingo 27 de outubro do presente ano 2013. Viaxamos nun autocar coas nosas bicicletas, que previamente tiveramos que embalar en plástico de burbullas. Viaxamos conversando sobre das dificultades que nos agardaban nas distintas etapas e sobre dos lugares que teríamos a sorte de coñecer. A madrugada anterior tivemos que atrasar unha hora, polo que as tardes serían máis curtas. Chegamos a Pobra de Sanabria a iso das oito da tarde, e xa facía tempo que anoitecera. Desembalamos as nosas bicicletas e preguntamos a un veciño onde quedaba o noso albergue,
Casa Luz. Encamiñámonos cara o centro da vila e tras cruzar dúas pontes, puidemos ver as torres dun castelo que se erixe no alto, arrodeado polos ríos. As douradas luces reflicten as poderosas torres do Castelo dos Condes de Benavente, do século XV. Ficamos abraiados ante a maxestosa silueta desta fortaleza militar que se erixe sobre dos ríos Castro e Tera. Chegamos a Casa Luz e logo de deixar as bicicletas aparcadas, fomos cear a
La Trucha, unha taberna que ficaba a carón mesmo do albergue. Tomamos unhas cervexas e ceamos uns bocadillos. Comezaba a facer un pouco de frío, polo que non tardamos en liscar de novo ó albergue. A iso das doce da noite fomos durmir. O día seguinte sería moi duro, sobre todo para min.
28 de Outubro de 2013
Etapa 1. Pobra de Sanabria – A Gudiña
Levantámonos ás sete e media da mañá e almorzamos no Bar La Trucha. Tomamos uns cafés e uns croissants á grella. Saímos a iso das oito, aínda comezaba a alborexar. O día non se presentaba doado. Era a primeira etapa, polo que me agardaba unha xornada de sacrificio e sufrimento. E así sería. Cando saímos de Pobra estaba orballando, e corría algo de fresco. Saímos do lugar ollando as dimensións daquel castelo maxestoso erixido alá no alto dun penedo dende o que controla e domina os seus territorios. A poucos metros de deixar atrás esta histórica vila, puidemos ver un cartel que nos indicaba que estabamos preto do Parque Natural dos Lagos de Sanabria. Durante a mañá tivemos que soportar un orballo persistente. Pasei máis tempo coa bicicleta ás costas que sobre dela. A uns dez quilómetros de Sanabria atopamos unha fermosa igrexa e unha fonte que nos ven moi ben para encher as nosas cantimploras. Tratábase da Igrexa de Santiago de Terroso. A carón da igrexa puidemos observar un monólito onde se podía ler: “Terroso tiene la acogida como historia. Papas y reyes lo vincularon a Santiago haciendo de lo jacobeo su destino, y sus gentes, con la agogida generosa al peregino, le dieron blasones y le dan grandeza. Caminante, acoger es ser para los otros. Ten tu vida abierta a la acogida. Trascenderás en el tiempo”
|
Igrexa de Santiago de Terroso |
Seguimos avanzando cara Requejo, que será o noso punto de partida para comezar a ascensión ata o Porto de Padornelo, a uns 1300 metros de altitude. A subida fíxose eterna por momentos. É unha subida longa pero progresiva. Durante a mesma fomos ollando a beleza e a riqueza dos vales, mais tamén soportando o ruído e o impacto paisaxístico que producen as obras do AVE. As árbores comezaban a mudar as súas cores, estabamos a contemplar a explosión do outono nas derradeiras follas do ano. Como non podía ser doutra maneira, a subida ó Padornelo foi o primeiro gran obstáculo que recordo. Fíxoseme infinda, nembargantes, logo da gran subida agardábanos un agradecido descenso que nos levaría ata Lubián. Chegamos a este pequeno lugar zamorano, onde se fala castelán e galego, a iso da unha da tarde e logo de percorrer uns 29 quilómetros. Nada máis chegar puidemos ver unha morea de maceiras de apetitosas mazás que non dubidamos en degustar. Estaban boísimas, das mellores mazás que probei, e logo do esforzo que nos supuxo a subida a Padornelo, semellaban un agasallo enviado polos deuses. Ó pouco de ver o albergue puidemos albiscar tamén unha casa de comidas, polo que non dubidamos en achegarnos ata alí para matar a fame e poder continuar.
|
Paraxes fluiviais de camiño ó Alto do Padornelo |
Petamos na porta da Casa da Irene, que estaba pechada, para asegurarnos de se estaba aberta ou non. Oímos ruído e decidimos abrir de vagar. En canto abrín de todo a porta puiden ver a un bo grupo de simpáticos señores que nos recibiron entre saúdos e sorrisos. Nada máis entrar puidemos sentir o calor que desprendía a cociña e o arrecendo a comida. Sentámonos na única mesa que quedaba libre, xa que o local era pequeno, e comezamos a falar con aqueles señores.
Dixéronnos que andaban a facer o camiño cun coche de apoio e que logo pasaban as noites na Pobra de Sanabria. Logo de falar con Yolanda, a propietaria, xantamos un caldo galego bastante saboroso, aínda que non tanto como o da miña nai. Logo comemos cinta de lombo de porco con patacas fritidas. Despois de xantar, saímos da Casa da Irene a iso das tres da tarde. Agardábanos aínda a forte e pronunciada subida ó Alto de A Canda, a case 1300 metros de altitude. A ascensión foi dura pero non tanto como a de pola mañá. Dende a saída de Lubián fixemos un treito por estrada que nos levaría ata este alto que divide os territorios castelás e galegos. Para elo deberiamos atravesar un escuro e longo túnel que nos levaría ata o lugar de Vilavella. Lubián é o último pobo castelán do Camiño Sanabés a
Compostela. Chegamos a Vilavella logo dun forte e agradecido descenso dende o Alto de A Canda. Dende Lubián a A Gudiña fomos por estrada, xa que nos advertiron do posible mal estado do trazado por mor das chuvias acaecidas durante a mañá. Chegamos á Gudiña e paramos no bar do hostal
A Madrileña, onde selamos e descansamos un anaco. Ó pouco atopamos o albergue municipal, onde coñecemos a un grupo de galegos das Rías Baixas que tamén fixeran o
Camiño Primitivo. Faláronnos das súas experiencias e dixéronnos que farían de cear no albegue. Logo de aparcar as nosas bicicletas, aseámonos e saímos a cear fóra. Namentres camiñabamos puidemos ollar a igrexa do lugar e o ambiente que se respira neste municipio ourensán de A Gudiña. Paramos no bar
A Chaqueta de la, que me trouxo á cabeza o mítico tema de Heredeiros da Crus.
|
Igrexa no concello ourensán de A Gudiña |
Entramos e tomamos unha cervexas. Ó pouco puidemos ollar a un veciño que entraba no bar cunha cesta ateigada de cogomelos de primeira. Boa mostra da riqueza destes solos e fragas. Logo fomos cear a outro establecemento do lugar, de cuxo nome prefiro esquecer. Xantamos unha ración de tortilla de patacas, unhas luras á romana e uns pementos recheos que non nos sentaron nada ben. Os pementos estaban recheos dunha carne picada que semellaba estar pasada. Deixámolo case todo. Logo desta particular cea fomos descansar ó albergue. Alí falamos un pouco máis de vagar cun dos galegos, e a iso das doce da noite fomos pra cama.
29 de Outubro de 2013
Etapa 2. A Gudiña – Xunqueira de Ambía
No albergue de A Gudiña pasei unha das peores noites deste camiño. Sentoume mal a cea da noite anterior. Aqueles pementos recheos revolvéronme o estómago e a duras penas puiden conciliar o sono. Ademais, durante a noite espertei numerosas veces co ruído producido polas detonacións que semellaban provir das obras do AVE. A iso das seis da mañá, aínda de noite, os peregrinos comezaron a prender as luces e a organizar as súas mochilas. Eu case non pegara ollo, e tiña o corpo e o estómago desfeitos. Logo de que os peregrinos abandonasen o albergue, decidín apagar a luz para tentar durmir un anaquiño máis. Ás sete e media erguémonos das liteiras e comezamos a organizar as nosas alforxas. Comenteille a Samuel o das detonacións, mais el semellaba un pouco incrédulo. Fomos a almorzar a unha cafetería e alí preguntei sobre do estrondo que oíra de noite. A dona da cafetería asegurounos que, efectivamente, procedían das obras do AVE, e que eles xa estaban acostumados ó ruído. Logo da conversa e dos cafés, retomamos o camiño que nos levaría ata a Xunqueira de Ambía.
|
Panorámica do Encoro de Cenza, no concello ourensán de Vilariño de Conso |
Avanzamos uns 18 quilómetros a máis de mil metros de altitude. Dende alí ollamos un fermoso amencer onde os bancos de néboa eran os protagonistas. Ollamos tamén a paisaxe dominada polo Encoro de Cenza (Vilariño de Conso) arrodeado de montañas núas e secas. Denantes de entrar no lugar de Campobecerros, agardábanos un pronunciado descenso. Logo do mesmo, tiñamos que ascender un par de costas denantes e despois de Portocamba. Despois de pasar esta aldea e ascender ó alto do monte, debiamos descender uns dez quilómetros e pasar pola feiticeira aldea de
As Eiras, na mesma Serra do Invernadoiro, co obxectivo de chegar ata a capital do municipio ourensán de Laza para xantar cedo e seguir co noso camiño. O comezo da etapa da mañá non foi tan duro como o da xornada pasada, na que tiveramos que ascender a dous picos de máis de mil metros de altitude. O mellor da etapa de hoxe foi o descenso ata Laza, no que fomos observando as montañas mudas e as fragas que se estenden entre os vales. Baixamos a moita velocidade, xa que boa parte desta etapa transcorre a carón dunha estrada de escaso tráfico.
|
Panorámica dos vales no descenso de As Eiras, camiño de Laza |
Esta baixada foi un dos mellores momentos vividos neste camiño. O trazado de alcatrán fíxonos chegar denantes do previsto a Laza, en concreto, ás doce e media da mañá. Sorprende chegar a Laza e ver un territorio tan chán arrodeado de tan elevadas montañas. Dirixímonos cara o albergue da vila para selar as nosas credenciais e constatar así o noso fugaz paso por esta vila ourensá. No albergue dixéronnos que deberiamos selar na oficina de Protección Civil, e así fixemos. Logo aparcamos as nosas bicicletas na porta dunha taberna da praza do pobo, onde paramos a xantar. Para a nosa sorpresa, no bar aínda non tiñan comida preparada, mais ofrecéronnos un bocadillos quentes de lombo adobado, que aceptamos agradecidos. Logo do xantar, a iso da unha da tarde, collemos de novo as nosas bicicletas e viaxamos rumbo a Xunqueira de Ambía. Mais aínda debiamos superar o gran reto da xornada: Subir ó Monte da Requeixada, a escasos mil metros de altitude. Saímos de Laza atravesando o seu chán territorio.
|
Ascensión ó Monte da Requeixada |
Comezaríamos a ascender o Monte da Requeixada logo de pasar o lugar de Tamicelas. Neste mesmo lugar, un veciño ó que saudamos alertounos da dureza da ascensión que estabamos a piques de sufrir e aconsellounos que colleramos aire, que falta nos ía facer. E que razón tería! Sabiamos que esta ascensión sería unha das peores do camiño. Crese que esta ascensión é a de maior desnivel de toda a Vía da Prata e Camiño Sanabrés. Comezamos a ascender xa dende a mesma aldea de Tamicelas. Ó comezo, a ascensión era progresiva, mais non tardaría en mudar a peor. O desnivel foise incrementando máis e máis, e semellaba que non remataríamos de ascender na vida. O trazado foi outro dos nosos maiores inconvenientes, sobre todo para min. O trazado estaba cheo de pedras soltas e rochas espidas. Samuel non deixou de pedalear en todo o que levabamos de camiño. Somentes el foi quen de ascender a Requeixada sen baixar da bicicleta. Iso si, en certos momentos tivo que fincar o pé na rocha para poder continuar. Eu, pola contra, deixei de pedalear en Tamicelas. O resto da ascensión fíxeno empurrando da miña bicicleta e parando por momentos para non desfalecer...
|
Ascensión ó Monte da Requeixada |
Suamos e sufrimos aquela ascensión coma ningunha outra neste camiño. Por momentos cheguei a pensar por que diaños faría este camiño sobre dúas rodas, mais xa non había volta atrás, e decidín afogar os malos pensamentos cun dos derradeiros grolos de auga fresca que me quedaba. Senteime varias veces para coller folgos e continuar. Ó chegar á feiticeira aldea de Alberguería, paramos para tomar uns refrixerios nunha taberna moi particular. Tratábase do “Rincón del Peregrino”. Nada máis entrar neste refuxio de alta montaña puidemos ollar centos de cunchas de vieiras penduradas das paredes e columnas do local. O dono do establecemento selounos as credenciais e deunos unha cuncha para que puxeramos os nosos nomes e os nosos lugares de procedencia. Serviunos uns refrescos e preguntounos cara onde viaxabamos. Logo soubemos que tamén dispuña dun albergue para todos aqueles peregrinos que quixesen pasar a noite nesta aldea feiticeira. Descansamos un anaco e logo decidimos emprender de novo o camiño que nos conduciría ata a Xunqueira de Ambía. Despois de Alberguería aínda nos agardaba un pequeno ascenso ata a crus do Monte de Talariño, a cota máis alta.
|
Taberna "El Rincón del Peregrino", en Alberguería |
Logo de chegar á crus do Monte de Talariño, comezamos un importante descenso por un camiño de pedras e terra que nos conduciría cara o Concello de Vilar de Barrio. Agora os tramos trocábanse máis cháns, máis confortables. Logo duns quince quilómetros chegaríamos á Xunqueira de Ambía. Nada máis chegar fomos directos ó albergue, onde puidemos comprobar que non iamos ter problemas para coller sitio. Tan só puidemos atopar un peregrino que nos informou de que a hospitaleira chegaría a iso das sete e media da tarde, e de que tan somentes habería outro peregrino máis que nos os tres. Lembro que xusto na entrada do albergue había un cartel da miña Fisterra que rezaba: “Fin da Terra, Fin do Camiño”. Ademais, había outro que tiña unha mensaxe que me convidou a reflexionar: “Peregrino é todo quel que ten un espírito libre, unha equipaxe lixeira, unha alma solidaria e segue espontaneamente o camiño dos seus soños”. Ó pouco tempo aparecería polo albergue o cuarto peregrino que aínda non tiñamos o pracer de coñecer. Tratábase dun inglés que xa fixera uns cantos camiños debido a que o seu traballo estacional así llo permitía. Decidimos asearnos e propuxémonos deixarlle as credenciais para que nolas selase a hospitaleira namentres ceabamos, xa que el estaba de volta do pobo e xa ceara.
Deixámosllelas credenciais e puxémonos a camiñar cara o pobo. Acompañounos Paco, o primeiro peregrino que atopamos no albergue. Era de Pedraja de San Esteban (Valladolid) e ceamos con el unhas lentellas e uns ovos fritidos con patacas. Falamos tranquilamente das nosas experiencias no Camiño e tomamos uns licor-cafés. A iso das once volvemos ó albergue e o inglés xa tiña as nosas credencias perfectamente seladas. Agradecémoslle o favor e falamos con el un bo anaco. Logo decidimos ir pra cama e descansar.
30 de Outubro de 2013
Etapa 3. Xunqueira de Ambía – Castro de Dozón
Espertamos a iso das sete e cuarto da mañá no albergue de Xunqueira de Ambía, e almorzamos a iso das oito na única cafetería aberta do lugar. Alí agardaba por nós Paco, que xa estaba rematando de almorzar. Falamos un anaco con el denantes de poñernos a pedalear. Tiñamos por diante moitos quilómetros e non debiamos perder o tempo. Tiñamos que saír da Xunqueira de Ambía, atravesar os concellos de
Ourense, Cea e Piñor para chegar ó Concello de Dozón, xa na Provincia de Pontevedra. Paco alertounos da subida que nos agardaba á saída de
Ourense, coñecida como a Costiña do Canedo. Saímos da Xunqueira de Ambía a iso das oito e media da mañá. Tivemos a sorte de comezar a etapa cun fortísimo descenso que nos levaría dende Salgueiros ata a mesma cidade de Ourense. As néboas persistiron dende as primeiras horas da mañá até ben entrado o mediodía. Fixemos boa parte da etapa a carón da estrada nacional. Atravesamos o Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e chegamos a
Ourense a iso das dez da mañá. A néboa concentrábase arredor do Miño e a cidade comezaba a espertar. Non é que tiveramos unhas vistas moi especiais nesta etapa, xa que nas entradas ás cidades hai que pagar o prezo do progreso.
|
A néboa acumulábase nos vales de Xunqueira de Ambía |
Demos unhas cantas voltas á cidade das burgas denantes de atravesar a Ponte Vella, que nos conduciría cara a peor ascensión da xornada, a Costiña do Canedo. Paramos a tomar uns cafés en
Ourense, onde repasamos a etapa e selamos. Dende un principio queriamos pasar a noite no Mosteiro de Oseira, mais pensabamos que podiamos continuar un pouco máis. Aínda eran as dez e xa percorreramos a metade da etapa prevista, uns 22 quilómetros. Pensamos que igual debiamos proseguir ata O Castro de Dozón, e así fixemos. O noso obxectivo sería ascender a famosa subida do Canedo por Tamallancos, que resultaba un pouco máis progresiva que polo Canedo. Resultou verdadeiramente dura a ascensión, sobre todo á altura de Cudeiro. Chegamos a
Cea logo de ascender outra costa que semellaba non ter fin. Pasei case toda a ascensión camiñando i empurrando da bicicleta. Entramos en
San Cristovo de Cea logo dunha última ascensión a carón da estrada nacional que semellaba non ter fin. Moito nos fixo suar.
|
Panorámica do Río Miño dende a Ponte Vella, no Concello de Ourense |
Logo de visitar o casco antigo desta vila panadeira, decidimos parar a xantar nunha casa de comidas. Recomendáronnos a Casa de Paco, un local tradicional onde se sirve un bo polbo. Sentámonos e xantamos uns fideos con gambas e un filete de tenreira con patacas fritidas. Farteime pronto. Logo duns cafés, seguimos o noso camiño. Liscamos de
Cea a iso das dúas e media da tarde ollando os seus antigos hórreos, agora baleiros, abandonados e comestos polo tempo. Ollamos tamén unha escultura onde se podía ver unha anciá cun molete de
pan de Cea sobre das súas mans. Ó seu carón tamén podían verse dúas palas para meter no forno os seus máis prezados produtos. Saímos de Cea e comezamos unha lixeira ascensión que nos conduciría, a través do Concello de Piñor, ata o Alto de San Martiño, en Dozón. En Cea completaramos xa dúas etapas, mais debiamos proseguir ata Dozón para evitar a ascensión ó Alto de San Martiño na seguinte xornada. Desexabamos quitar ese escollo e comezar a seguinte etapa dun xeito máis cómodo.
|
Casco histórico do concello ourensán de Cea |
Non me resultou doado subir ata o Castro de Dozón, mais o certo é que estaba un pouco mellor fisicamente que nas dúas xornadas anteriores. Logo de deixar atrás o Concello de Cea, entramos no de Piñor. Alí tiven que baixar da bicicleta e facer algún que outro tramo camiñando, namentres o meu compañeiro continuaba ascendendo sen problemas. A carón mesmo da estrada atopei a unha muller que me ollou cun pouco de pena e me comezou a falar. Tratábase dunha señora que estaba a encher o seu hórreo de mazurcas de millo. A señora deume ánimos e ofreceume auga e unhas apetitosas mazás que acabara de apañar. Logo de aceptar o seu ofrecemento, contoume que tiña 84 anos e que xa se atopaba moi cansa. Non lle poría tantos anos a aquela señora tan faladora e agradable. As mazás estaban exquisitas, ó igual que aquelas que probara dous días antes en Lubián. Díxome que non facía moito caera polas escaleiras daquel hórreo no que estaba a traballar. Conversamos sobre do Camiño, e sobre do Castro de Dozón, onde pensabamos rematar a xornada. Aconselloume que comese un prato de caldo nada máis chegar a Castro de Dozón, que alí o facían moi ben. Díxome que seguise así, algo que non rematei de entender, xa que aquela muller pouco me coñecía. Animoume a seguir adiante, desexoume moita sorte e pediume que cando chegase a Santiago lle dese unha aperta ó Apóstolo da súa parte.
|
Casco histórico do concello ourensán de Cea |
Agradecín á señora o ánimo prestado e as mazás, e proseguín o meu camiño, a dura subida ó Alto de San Martiño. O certo é que a conversa con esta veciña de Piñor fortaleceume física e psicoloxicamente. O meu compañeiro xa levaba moito avanzado con respecto a min, polo que montei na miña bicicleta e apresurei o paso. Faltábannos somentes uns sete quilómetros para chegar a Castro de Dozón. Ó pouco puidemos ver xa un sinal que nos indicaba que estabamos a entrar na Provincia de Pontevedra, polo tanto, moito máis preto do noso destino. Comezamos entón a reducir a velocidade. Aínda seguiamos a subir, mais agora xa dun xeito máis progresivo. Era a derradeira subida da xornada, e por incrible que pareza, non deixei de pedalear ata chegar ós 818 metros de altitude do Alto de San Martiño. O meu compañeiro Samuel ficou incrédulo e felicitoume polo logro. Chegamos a Castro de Dozón a iso das cinco da tarde. No albergue municipal somentes había tres peregrinos. Un deles comentounos que a hospitaleira non chegaría ata iso das sete do serán, polo que aproveitamos o tempo para ocupar as nosas liteiras e aseármonos. Samuel comezou a queixarse dunha dor na súa perna esquerda. Unha boa mostra de que o cansazo comezaba a facerse evidente. Logo dunha boa ducha decidimos saír do albergue co obxectivo de tomar algo por Dozón. Paramos no bar de Antón, onde bebimos unhas cervexas e ceamos. Logo volvemos ó albergue, cansos e contentos, e puxémonos a durmir.
31 de Outubro de 2013
Etapa 4. Castro de Dozón – Santiago de Compostela
Levantámonos a iso das sete e cuarto da mañá. A pesares de pasármola noite nun lugar tan elevado coma este, non ía demasiado frío. O meu amigo Samuel xa se atopaba moito mellor da súa perna esquerda. Saímos aínda ás escuras na procura dunha cafetería onde almorzar, mais non tivemos moita sorte. Tódolos bares de Castro de Dozón ficaban aínda pechados, polo que non nos quedou máis remedio que avanzar e, se cadra, parar noutra cafetería do Camiño. A etapa que nos agardaba semellaba, quizais, un pouco máis levadeira que calquera das anteriores. Nada máis saír do pobo comezamos un fabuloso descenso que nos levaría ata o concello pontevedrés de Lalín. Os sendeiros que estabamos a atravesar nesta xornada era unha auténtica marabilla. Pasamos por vieiros que fican á sombra de mestas carballeiras, a carón de verdes pradarías e por aldeas feiticeiras que adormecen en paz. Fixemos xaxún ata entrar no lugar de Botos, en Lalín. Alí paramos a almorzar na Taberna de Vento. Tomamos uns cafés e botamos a pedalear de novo.
|
Aldeas feiticeiras no Concello de Lalín |
Durante esta xornada puidemos gozar das múltiples e variadas paisaxes que nos ofrecen estas terras do interior pontevedrés. A paisaxe sempre axuda a levar mellor o Camiño, xa que te detés a observala i esquéceste do sufrimento. O bo desta xornada é que mestura tramos de estrada e camiño polo monte. Os vieiros de monte que atopamos nesta etapa non presentaban moitas dificultades, estaban limpos de pedras e na meirande parte dos casos; guarecidos do sol polas ramaxes. Tamén tivemos a sorte de coñecer aldeas ben fermosas, como a de A Laxe (Concello de
Lalín), a uns 20 quilómetros de Castro de Dozón, o noso punto de partida. Despois de A Laxe agardábanos un pequeno pero pronunciado descenso para logo volver a subir e chegar a Silleda. Denantes, iso si, debiamos cruzar a ponte sobre do Río Deza, que nos despediría do Concello de
Lalín. Dende alí puidemos ollar unha fermosa panorámica sobre dos vales que conforma este río ó seu paso por estas súas terras do Deza. Pasamos por Silleda pero non tivemos tempo pra parar. Esta localidade pontevedresa era o comezo dun importante descenso que remataría logo de pasar Bandeira. A meirande parte deste tramo fixémolo por estrada.
|
Os vales do Río Deza |
Ó pouco de deixar atrás Silleda, decatámonos que xa estabamos a piques de entrar en Bandeira. Mais aínda nos quedarían case dez quilómetros de intermitentes subidas que nos aproximarían ás ribeiras do Río Ulla. A etapa xa non estaba a resultar tan cómoda como pensabamos nun principio. Logo de Bandeira comezaron a sucederse unha serie de ascensións que non semellaban ter fin. Nembargantes, desta volta tentei superarme un pouco i evitei mirar cara diante. Decidín mirar cara o negro chan, cara a miña roda dianteira, e pensar somentes en pedalear. Logo das intermitentes subidas, ó pouco comezamos a descender. Á fin estabamos ante a gran baixada a Ponte Ulla, no concello coruñés de Vedra. O descenso foi curto pero intenso. Chegamos á Ponte Ulla a toda velocidade, desafiando a vertixe e a oposición do aire. Alí deixamos tras de nós a Provincia de Pontevedra e adentrámonos na Provincia da Coruña.
|
Pradarías de camiño ó concello pontevedrés de Silleda |
Chegamos á Ponte Ulla a iso das doce da mañá. Tiñamos xa algo de fame pero estabamos a uns cinco quilómetros de Outeiro, e pagábanos a pena continuar. Nembargantes, debiamos enfrontarnos ó peor escollo da xornada; ascender a ribeira contraria do Ulla. Debiamos ascender todo o que facía escasos segundos acabaramos de descender. A subida fíxoseme eterna e deixoume sen alento. Desta volta tiven que baixar da bicicleta e continuar andando. O ruído dos coches comezou a desmoralizarme, mais debía continuar. Samuel seguía pedaleando paseniño, mais non baixou da súa bicicleta en ningún momento. Lembrarei aquela ascensión o resto da miña vida. Aqueles escasos cinco quilómetros deixáronme pálido e sen alento. O meu amigo Samuel agardoume nun recanto da subida. El adoitaba facer paradas cando se decataba de que quedara atrás. Detívose xusto enfronte dun control que a Garda Civil estaba a efectuar a carón da estrada. Cando os vin doume por subirme a bicicleta e comezar a pedalear, nembargantes, os gardas deron boa conta da miña inexperiencia cando ó pouco de achegarme a eles, tiven que volver a baixar.
|
A Ponte Ulla |
Xa levabamos media ascensión, polo que logo dun último esforzo podiamos estar, nunha media hora, xantando en Outeiro. Así foi, o único co que non contabamos nós era que en Outeiro non había onde comer. Chegamos a Outeiro a iso da unha da tarde e detivémonos a carón da capela do lugar. Bebemos dos canos dunha fonte que ficaba baixo unha representación do Apóstolo Santiago. A poucos metros de nós ficaba o albergue municipal. Estabamos fatigados e faltos de enerxía. A chegada a Santiago estábase a facer demasiado dura. Logo dun pequeno descanso decidimos continuar. Non sabiamos onde teríamos oportunidade de xantar. Comezamos a ascender o lugar de Outeiro en dirección ó alto do monte. Logo dun anaco vimos un cartel dun restaurante que dispuña de menú para peregrinos, mais tiñamos que desviarnos uns 600 metros do Camiño. A fame obrigounos a parar en Lestedo, no concello coruñés de Boqueixón.
|
Igrexa en Outeiro |
Paramos nun colosal restaurante que, a bo seguro, debeu vivir tempos mellores. Aparcamos as nosas bicicletas e entramos no local. Samuel xantou unha paella de primeiro e eu uns ovos fritidos con patacas e chourizo. De segundo, os dous optamos por uns filetes de tenreira con patacas fritas. Aparentemente pode semellar moi apetitoso, de non ser porque no meu prato tamén había un verme bailando a muiñeira. Liscamos do colosal restaurante bastante decepcionados, co estómago encollido e con máis ganas que nunca de chegar a
Compostela.
|
A nosa chegada a Compostela |
Saímos de novo á estrada, dende a que puidemos albiscar o sempre misterioso e lendario Pico Sacro. Estabamos xa moi preto da capital e cada vez máis próximos a
Fisterra. A etapa da tarde sería bastante doada, chea de descensos e a carón da estrada. Entramos en Santiago de
Compostela atravesando a Ponte do Río Sar. Foi toda unha ledicia chegar a
Compostela logo de tantos quilómetros de esforzo, suor e sufrimento. Nada máis entrar na cidade das pedras humedecidas, fomos camiño da Oficina de Peregrinos co fin de selar alí as nosas credenciais. Acto seguido, collemos rumbo á Praza do Obradoiro para inmortalizar a nosa chegada. Esa noite durmimos na miña residencia de aluguer compostelá. Aproveitei a xornada para cambiar de roupa e aliviar un pouco as alforxas. Somentes restaban dúas xornadas para chegar ata
Fisterra. Saímos a cear cunha amiga de Samuel por
Compostela. As predicións meteorolóxicas auguraban un diluvio para a seguinte xornada. O treito final do noso camiño comezábase a torcer.
1 de Novembro de 2013
Etapa 5. Santiago de Compostela – Olveiroa
Erguémonos, como de costume, a iso das sete e cuarto da mañá. Saímos sobre as oito para procurar unha cafetería onde almorzar. En todo o rueiro de Pelamios non había ningunha aberta, polo que tivemos que desprazarnos ata o barrio de Galeras. Alí atopamos un bar que estaba prendendo as súas luces. Achegámonos ó local e preguntamos dende fóra se estaba aberto. O señor que estaba dentro asentiu, polo que non dubidamos en entrar. Almorzamos uns cafés dobres e uns croissants. O día pintaba mal, moi mal. Nada máis saír do bar tivemos que abrigarnos e poñer os chuvasqueiros. Saímos de Compostela atravesando o curso do Río Sarela pola Ponte do Carme. Acompañamos o curso deste río namentres pensabamos na gran ascensión da xornada; o Alto do Mar de Ovella. Previamente debiamos chegar ata Augapesada, no concello coruñés de Ames. Ata este lugar, a ruta non presenta moitas dificultades. O único que nos dificultou un pouco o camiño foi trazado e a meteoroloxía. A meirande parte do camiño ficaba cheo de pedras soltas que escorregaban coa auga da choiva, ademais de numerosos tramos cubertos de auga e outros moitos ateigados de lameiras. Era o prezo que debiamos pagar por facer este camiño en época de choivas.
|
Ponte de Augapesada |
Chegamos a Augapesada a iso das nove da mañá. Alí detivémonos a ollar a súa antiga e minúscula ponte denantes de iniciar a dura ascensión ata o Alto de Mar de Ovella. A pesares de non ser un alto tan elevado como outros que xa tiñamos ascendido en xornadas anteriores, resultaba moi intricado, e as chuvias non nos axudarían nada. Cada vez chovía con máis forza. Namentres ascendía comecei a decatarme da sede que tiña, polo que non tiven máis remedio que determe a carón dun valado do camiño e beber da auga que baixaba do monte. A sede obrigoume a facelo. Logo proseguín a ascensión. Vimos numerosos peregrinos que avanzaban en sentido oposto a nós, quen sabe se viaxaban de regreso a
Compostela. Déronnos ánimos e dixéronnos que o máis difícil xa o fixeramos. Por momentos, o camiño conduciunos por unha estrada pola que a penas circulaban coches. Estes tramos intermitentes por estrada resultan moi cómodos para ascender, e mais aínda en días de choiva nos que o trazado do Camiño resulta case impracticable.
|
Panorámica da Ponte de Ponte Maceira, no concello coruñés de Negreira |
Seguía a chover, e semellaba que cada vez con máis forza. Samuel non estaba a gozar moito da xornada. Logo do esforzo e da suor, á fin chegamos ó Alto de Mar de Ovella. Un cartel así nolo confirmaba. Ó pouco atopamos o lugar de Trasmonte, pertencente aínda ó Concello de Ames. Paramos en Casa Pancho para descansar e selar as nosas credenciais. Alí recibiunos a súa amable propietaria. Ela contounos que fixera tramos deste Camiño e que lle resultaran moi duros. E nós, como non podía ser doutro xeito, asentimos. Despedímonos da amable propietaria de Casa Pancho para retomar o noso camiño cara a miña Fisterra. Logo de Trasmonte tocaríanos un forte e marabilloso descenso que nos conduciría cara a lendaria
Ponte Maceira, no concello coruñés de Negreira. Foi un pracer entrar na feiticeira aldea de
Ponte Maceira e cruzar a súa histórica ponte sobre do caudaloso Río Tambre.
|
O curso do Río Tambre ó seu paso por Ponte Maceira, no concello coruñés de Negreira |
Acompañamos o curso do Tambre un bo treito namentres avanzabamos cara o termo municipal de Negreira. Namentres nos achegabamos a esta histórica vila das terras da Barcala, caeunos unha tromba de auga que semellaba un diluvio universal. Ademais, as fortes rachas de vento impedíanos avanzar e as gotas da chuvia facíannos dano na cara. A carón dunha fonte paramos para refuxiarnos da chuvia e beber. Dende facía un bo anaco xa notara que Samuel non se atopaba nada cómodo. A adversa meteoroloxía non semellaba dar tregua e o meu bo amigo semellaba virse abaixo. Comentoume que non podía seguir así ata
Fisterra, e comprendino perfectamente. Eu, noutras circunstancias, xa tería abandonado. Nembargantes, se algo tiña claro era que con Samuel ou sen Samuel, debía chegar ata
Fisterra. Este Camiño serviume para comprender que a pesares de que nesta vida poidamos camiñar xuntos, cada un é dono do seu camiño e da súa fin. O importante é sentirse ben cun mesmo e gozar do camiño. Samuel e mais chegamos ó acordo de avanzar todo o que puideramos esa xornada, por moito que chovese.
|
Arco do Pazo de Cotón, no centro da Vila de Negreira |
A penas podiamos abrir os ollos, os fortes refachos empurraban as nosas bicicletas e facíannos escorar. O que nun principio semellaba unha tromba de auga pasaxeira converteuse nun forte e duradeiro temporal. Pasamos polo centro de Negreira e baixo o arco do seu
Pazo de Cotón. Nunha praza a carón do
pazo e da Igrexa de San Mauro detivémonos para ollar unha escultura que nos achega á dor e ó sufrimento de tantas e tantas familias galegas que tiveron que dicir adeus a moitos seres queridos que tiveron que emigrar. Abandonamos a vila de Negreira para afrontar outra dura subida. Desta volta tiñamos por diante a ascensión a Vilaserio. Xa nos falaran desta subida en Casa Pancho. O tempo non semellaba mudar. Na ascensión a Vilaserio perdín de vista a Samuel. Logo dun anaco vino refuxiado nunha marquesiña. Detívenme ó seu carón e confirmoume de novo que deixaría o Camiño esa mesma xornada. Para Samuel este Camiño era puro deporte, así mo fixo saber dende que o comezamos a organizar. Eu, nembargantes, tiña unha conta pendente comigo mesmo, unha espiña que tiña que sacar.
|
Monumento en homenaxe ós emigrantes galegos (Negreira) |
Continuamos a nosa viaxe camiño de Olveiroa. Alí, o meu amigo Samuel poría fin a esta pequena pero intensa aventura. E para min sería o derradeiro escollo para chegar ata a terra que me viu marchar. Olveiroa non daba chegado. Logo de atravesar as amplas terras do concello de Mazaricos, puidemos ollar o leito do
Río Xallas. Era o sinal que nos indicaba o comezo do Concello de Dumbría. Chegamos a Olveiroa empapados de auga. Paramos en
Casa Loncho, onde nos trataron de marabilla. Aseámonos, secámonos e descansamos denantes de baixar a cear. Eu aproveitei para secar a miña roupa sobre dun radiador. A iso das oito, Samuel e máis eu tomamos unhas cervexas no
bar do Loncho e falamos das anécdotas vividas durante estes días. Foi un gran pracer compartir con el este Camiño.
2 de Novembro de 2013
Etapa 6. Olveiroa – Fisterra
Espertei a iso das nove da mañá. Restábanme menos de trinta quilómetros para chegar a
Fisterra, polo que me demorei un pouco coa esperanza de que escampase. O certo é que aquel tempo tiña poucas trazas de mudar. Baixamos a almorzar, Samuel e máis eu, uns cafés e unhas torradas denantes de despedírmonos. O meu bo amigo agradeceume a compaña durante estes seis días, e eu fixen o mesmo. A iso das dez e media da mañá montei na bicicleta e logo de darlle unha aperta ó meu amigo collín rumbo á fin, cara
Fisterra. Nada máis saír de Olveiroa xa tiven que soportar as primeiras e intensas chuvieiras. Comecei a ascender cara o monte, e na mesma subida xa puiden albiscar o leito do
Río Xallas. Foi unha sensación indescritible, aquel vello río estábame a dar a benvida ás terras ermas dos confíns pondalianos. Estábame a dicir que xa non quedaba nada para contemplar a silueta da miña terra nai, a miña case illa, o meu tómbolo de area e salitre.
Tiven que sortear numerosas pozas e regatos que se colaban no Camiño. A mesta brétema comezaba a apoderarse dos vales e das pradarías, e somentes se podían escoitar o murmurio das augas e as pingueiras da chuvia. Logo dunha lixeira ascensión ata o lugar de Hospital, decidín seguir por estrada evitando o tramo de San Pedro Mártir, pois supuxen que o trazado estaría igual ou peor que o que estiven a pisar ata Hospital. Non baixei da bicicleta en ningún momento, nin falta que me fixo.
|
O leito do Río Xallas logo de deixar atrás Olveiroa |
O perfil desta etapa dista moito do das anteriores. Esta etapa non presenta dificultades, e tende a descender segundo nos achegamos a
Fisterra. Coa chegada ó
Concello de Cee decidín chamar a miña irmá e almorzar alí con ela. Quedamos na Praza do Mercado e tomamos uns cafés. Logo proseguín o meu camiño cara a histórica vila de
Corcubión. Dende alí comecei a ascender polo núcleo urbano cara San Pedro da Redonda. Alí parei para saciar a miña sede nunha fonte e continuei pedaleando. Ó pouco de chegar á Redonda comecei a descender polo lugar de A Marela. Logo baixaría ata a Praia de Estorde, pertencente aínda ó
Concello de Cee, e entraría por fin no concello que me veu nacer. Aínda me quedaba un lugar onde determe denantes de chegar á miña terra nai. Non podería pasar por
Sardiñeiro sen parar na
Casa Lestón. Nesta casa centenaria comecei a traballar dende ben novo, e dende sempre fixéronme sentir un máis, polo que a parada era más que obrigada. Senteime a descansar e a falar coa miña xente das experiencias vividas neste camiño. Logo decidín continuar.
|
Pradarías de camiño a Hospital, no concello coruñés de Dumbría |
Fisterra estaba a tiro de pedra e o que restaba para chegar eran minutos. Subín polo lugar cara o monte i encarei para Fisterra. Estaba a piques de experimentar o que sinte un de tantos peregrinos, cando logo de tantos quilómetros percorridos, albisca a silueta do seu final; o derradeiro vieiro por camiñar. Apresurei o meu ritmo e pedaleei coma denantes fixera para acadar aquela marabillosa panorámica que marcaría a fin do meu, agora, solitario e fatigado camiño. Non tardei en chegar ó alto da praia fisterrá de Talón. Dende alí, á fin, albisquei coma un descoñecido a sutil silueta procurada;
a máxica i engaiolante península de Fisterra. Á fin estaba a escasos quilómetros do punto e final das rutas xacobeas, do
Finis Terrae que tanto impresionou ós romanos e moi preto da miña familia e amigos. Coa mirada posta aínda no corpo somerxido deste meu pobo natal, baixei pola Corredoira de Don Camilo para percorrer o paseo marítimo que, a carón da Praia da Langosteira, encamiñábame cara a miña meta e cara o meu fogar. Somentes restaban tres quilómetros para pisar a derradeira etapa do Camiño, polo que apurei o paso e cheguei a
Fisterra nun abrir e pechar de ollos.
|
Vista xeral da vila e cabo de Fisterra |
Dende a Crus de Baixar puiden ver a contorna do porto e os barcos amarrados polo forte temporal. Nada máis entrar no pobo, baixei pola rúa do Cabo da Vila ata chegar ó mesmo albergue. Aparquei a miña bicicleta a carón da porta i entrei. Os meus tenis rinchaban a cada paso debido á cantidade de auga que foran absorbendo durante o camiño. Logo de agardar a miña quenda atendeume unha hospitaleira moi simpática e cordial. Deume a fisterrana, os parabéns e aconselloume que fora rápido pra casa a secarme. Ademais, fíxome unha foto coa miña fisterrana que gardarei por sempre namentres viva. Saín do albergue cheo de enerxía e vitalidade; por fin fixera un soño realidade. Fun pra casa pensando nos escollos que tiven que superar pra chegar ata aquí. As continuas subidas, as adversas condicións meteorolóxicas, deixar atrás a un amigo e a falta de dominio sobre a miña bicicleta, foron algúns dos retos ós que me tiven que enfrontar. Estes retos fixéronme máis forte, ensináronme a non impacientarme e a seguir pra diante por moi duros que sexan os tempos. Chegar á casa dos meus pais foi unha sensación fabulosa. Todas e cada unha das etapas deste camiño resultáronme moi duras. Nalgunhas tivemos que facer fronte á complexa orografía e noutras á adversidade meteorolóxica, mais o certo é que niso consiste facer o Camiño; sen sufrimento non hai gloria. O que non contaba eu era que en somentes seis días este camiño íame ensinar moitas e boas leccións. O certo é que desta experiencia saco máis lecturas positivas que negativas. O que máis valoro é a experiencia de convivir uns días cun bo amigo, a paciencia e o bo humor cos que afrontamos esta aventura. Ademais de quitarme a espiña de chegar ata
Fisterra; un soño logrado. Dinme conta tamén de que se persegues todo aquilo que te propós, acabas acadándoo. É cuestión de tempo e vontade. Despídome deste camiño, que me trouxo dende A Pobra de Sanabria, na contorna do
Monte Facho. Eiquí, nestes meus cantís e nestas salitrosas augas, naufragarán os derradeiros desexos deste voso escravo das palabras. Bo Camiño!