xoves, 23 de abril de 2009

A Muxena de Illa Pancha


"O meu corpo é a cicatríz
onde navegam todos os vaguios
e prenhado pola luz da tolémia
eivo os furacans
que marcam as horas dos infernos
ao som
de nubeiras trombetas"

José Alberte Corral Iglesias

Logo de atravesá-las chairegas terras de Manuel María no sendeiro da Diáspora, os fogares coloniais comezaban a darnos a benvida a Ribadeo. Esta vila cantábrica é a porta de entrada ó País Galego e comparte as enloitadas augas do Eo co veciño chan astur. A morte do divisorio río onde se asenta esta mariñeira vila é un aluguer invernal para miles de aves migratorias, e está declarada como zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves). Na Praia das Augas Santas, máis coñecida como As Catedrais, a erosión trócase no máis sabio escultor e canteiro de lousa, e os seus arcos son asolagados a certas horas polas mareas do Sinus Kantabrorun. O Faro da Illa Pancha é unha muxena taciturna nas noites bretemosas para os gameleiros da Mariña Oriental, e fica erguido nas cicatrizadas rochas desta illa dende o 1859. A súa luz acada as 21 millas e a súa estrutura cilíndrica é moi semellante á de outros faros como A Roncadoira, Ortegal ou Touriñán.

"TODOS presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro extraviado
daba o S-O-S
no morse
-clave Orión-
das estrelas
Eses brazos abertos da vela
son os mesmo do vento
que se despreguizou
Na man do Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela dos cabarets
cun cigarro nos beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai co seu farol
Que dan os almanaques
para esta meia-noite?
Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
E o faro extraviado
vai esgotar o seu stok de S-O-S"

Manuel Antonio, S.O.S.

¡Que a Illa Pancha e a súa muxena de luz non esgoten o seu stok de S-O-S!

martes, 14 de abril de 2009

As rúas do Vello Betanzos



"A minha rua é longa e silenciosa como um caminho que foge
E tem casas baixas que ficam me espiando de noite
Quando a minha angústia passa olhando o alto.
A minha rua tem avenidas escuras e feias
De onde saem papéis velhos correndo com medo do vento
E gemidos de pessoas que estão eternamente à morte.
A minha rua tem gatos que não fogem e cães que nao ladram
Tem árvores grandes que tremem na noite silente
Fugindo as grandes sombras dos pés aterrados"

Vinicius de Moraes, Rúa da Amargura

O Vello Betanzos e as súas rúas lembráronme á visita que fixeramos a Mondoñedo o meu indispensable compañeiro de viaxes, Xoán S. Pazos e un servidor na procura dunha histórica capital de provincia galega. Logo de mergullar polas rúas da amargura, moi semellantes ás versadas por Vinicius de Moraes, e meditar na silenciosa agonía do portentoso patrimonio clerical e cultural de Mondoñedo, o meu agudo e observador amigo, cun espasmódico e reflexivo cariz e nun marcado ghastrapo fisterrán, (que él mesmo bautiza como Voz de Carrexo), reflexiona: "Esta siudá vivíu tempos milloris". Betanzos, tamén.


Betanzos comeza a súa gloriosa historia en 1465 cando Henrique IV, tamén coñecido como O impotente concédelle o título de cidade. A partires de 1480 pasa a formar unha das cinco antigas provincias galegas, xunto con Lugo, Santiago, Ourense e Mondoñedo, que conformaban a Xunta do Reino, e ás cales a mediados do século XVI se unirían Tui e A Coruña. A cidade vivía os seus mellores tempos. Os ventos comezaron a cambiar e as malas colleitas, os incesantes incendios e a nova división de provincias, de sete a catro, marcarían a súa progresiva decadencia ó pasar a formar parte da provincia da Coruña.


Nin tan sequera a chegada do ferrocarril a comezos do século XX devolveu a Betanzos a súa gloria. Agora tan só queda humidade antre as antigas rúas da capital do gótico galego, murallas, igrexas, pazos e conventos, as pontes e a súa ría ártabra, que nace coa morte dos ríos Mendo e Mandeo, e forma parte da ducia que se coñece como as Rías Altas. As marismas son o escenario natural da romería dos Caneiros en agosto e as súas antigas rúas atéiganse de transeúntes na Feira Medieval que se dá cita o segundo fin de semana de xullo. Moita vida ás rúas do Vello Betanzos!

martes, 7 de abril de 2009

Solpor no Castelo de Santa Cruz



"Os cañons de ambos lados feitos brasas
Non cesan de troar en muitos dias,
Estralando na Cruña po las casas
Vidreiras, e escachando as galerias.
Os ecos se rebaten às porfias
En Santa Cruz, San Pedro, e po Ia Torre,
No monte e po lo chano,
E escorrendo nas olas o estrondo
Da guerra cunde a sóa no Occeano"

Xoán Manuel Pintos

Corría o ano 1589 cando a Armada Inglesa, baixo o mando do mariño Sir Francis Drake decide atacar a costa da Coruña, saíndo vitoriosos da férrea defensa que exercía o Castelo de San Antón. A derrota herculina provocou que a finais do século XVI o Xeneral Diego das Mariñas ordeara a construción doutra fortaleza na Illa de Santa Cruz e de fronte á cidade da Coruña, formando un mellorado sistema defensivo, ao cal se lle uniría unha terceira fortaleza: o Castelo de San Diego, que foi derrubado no ano 1965 a pesares de ser declarado Monumento Nacional en 1949. No século XVIII comezan a cesar os ataques, e o Castelo de Santa Cruz de Oleiros pecha as súas portas para gardar unha tregua de silenzo e abandono ata o século XIX, cando pasa a mans da familia da condesa, periodista e escritora, Emilia Pardo Bazán, que o transforma nun pazo de verán con capela, xardíns e un pombal subterráneo. No ano 1939, o castelo é cedido pola familia Pardo Bazán para albergar a fillos orfos da guerra nas épocas do estío. Na actualidade é a sede do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Na ribeira descansan, agora, as lixeiras gamelas da sardiña baixo o ensanguentado solpor da Coruña. Boa sorte ós veciños da feiticeira vila de Santa Cruz!

mércores, 1 de abril de 2009

Lucus Augusti. A Cidade Romana



"Choro —acaso poda viaxar o pranto
desde a ribeira máis fonda do Miño
até a Fisterra agachada pola brétema—.
Choro cara ás nosas bufardas
de miséria tranquila encumiadas na Muralla,
cara á Catedral de adormecente susurro;
choro para as sombras invernais do Cuartel,
para os montes suavemente ondeados
que asoman timidamente
por tras da Porta de Santiago"

Lois Diéguez


Hoc hic misterium fidei firmiter profitemur

As parellas comezan a percorrelo plácido adarve, a meditar na constatación física e obxectiva do paso secular, a ollar dende a altitude os horizontes dos vixías, os campanarios da catedral da Virxe dos Ollos Grandes ou a Capela de San Froilán, e a velar polos fatigados i enloitados teitos de lousa dos fogares sen vida. O ceo de Lucus comeza a arder e a tinguir de nostalxia as históricas murallas que cercan e dividen, pero comparten e transmiten o respecto pola pegada histórica na vida que aínda habita dentro desta cidade romanizada. Lucus Augusti nace entre os anos 26 e 12 denantes de Cristo e o seu nome alude a Lugh; deus pancéltico do cal se poden atopar mostras en moitos panteóns celtas, e ó Emperador César Augusto, quen ordeou a Paulo Fabio Máximo a construción desta cidade e da súa muralla; que data do ano 13 denantes de Cristo, consta de dez portas e atesoura máis de dous quilómetros de lonxitude. É a muralla romana mellor conservada da Península Ibérica, e aló polo ano 2.000 foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Isto demostra, unha vez máis, o importantísimo patrimonio histórico que tanto nos distingue e nos custodia, aportando unha meritoria identidade ao noso país e mostrando as orixes dunha cultura, dunha fala e do legado que, coma galegos, temos a obriga de respectar, protexer e coidar. As rúas da fortificada cidade son, na actualidade, un núcleo cheo de vida, historia e transeúntes. Longa vida á cidade de Lucus!.