sábado, 19 de maio de 2018

A vella Igrexa de San Mamede de Vilasouto


"Non ouvean os cadelos, 
Non s' oi o chirrio d' os carros.
Nin a campana d' a eirexa 
Dice nada ôs bos cristianos"
Amador Montenegro, Fábulas i epigramas

Na parroquia de Vilasouto, no concello lugués do Incio, nas fértiles e vizosas terras da Comarca de Sarria, a Igrexa de San Mamede de Vilasouto resiste hai tempo adormecida nas misas doutrora, na fe e paixón dos fregueses de antano, sen un badaleo de campás que a esperte daqueles séculos pasados. Non hai moito que presentaba o seu teito derrubado e os muros pedregosos e caleados cubertos baixo as matogueiras. Esta humilde e fermosa capela foi presa da ruína e do abandono, logo da fundación dun novo templo como consecuencia da construción do encoro que usurparía os eidos, e até o mesmo nome, deste plácido e paradisíaco lugar de Vilasouto. 


Esta anterga igrexa, que até hai somentes uns anos era un dos monumentos máis deteriorados do país, foi erixida orixinalmente aló polo século XII e conserva unha portada románica que contrasta coa espadana e coa nave, ámbalas dúas de estilo barroco e construídas ó longo do século XVI. O acceso ó templo fica ó abeiro dun mouro e resplandecente pórtico enlousado sustentado por fermosas i esveltas columnas graníticas. Nas súas entrañas, a nave preséntase dividida en dous corpos, separados por arcos e columnas rematadas con motivos florais. Canta sinxeleza e fermosura fumega desta anterga e sacra construción.


No ano 1936, esta vella igrexa parroquial de Vilasouto tería que vivir un dos momentos máis difíciles da súa historia. Un incendio no templo botaría a perder a súa teitume e o seu retablo, mais posteriormente serían rehabilitados pola veciñanza. 

Iso si, o futuro desta igrexa comezaba a ser máis escuro que os chamizos daquel funesto incendio, que segundo o testemuño de algúns, poida que fose provocado. Esta pequena e humilde Igrexa de San Mamede comezaría a agonizar aló polo 1970, ano no que pecharía ó culto por mor da construción do Encoro de Vilasouto e logo de ser substituida por outra máis ampla e moderna. A partires daquel entón comezaría a caer no abandono e na consecuente ruína, sufrindo importantes danos na súa teitume e no seu interior. 

Por se fose pouco, no ano 2008, a granítica e barroca pía bautismal sería espoliada das sacras entrañas de Vilasouto. Mais por sorte, ou por vontade veciñal e política, as administracións comezarían a decatarse da necesidade de conservar este pequeno templo asolagado polas frías augas do esquecemento, mergullado na lama do abandono, silenciado e preso a rentes deste moderno encoro. 

Dende hai somentes un par de anos, e malia a non quedar restaurada na súa totalidade, algo ten mellorado o aspecto desta anterga e sacra construción. Tan sequera xa non chove nas entrañas do templo nin os seus graníticos muros fican baixo un manto de hedras e silveiras.


Nesta verdescente contorna xa "non ouvean os cadelos, non s' oi o chirrio d' os carros. Nin a campana d' a eirexa dice nada ôs bos cristianos", mais respírase un ar de paz e silencio que convida a soñar nas misas doutros tempos, na fe e paixón dos fregueses de antano, no xordo badaleo de campás que xa a ninguén esperta nin devolve séculos pasados.

Ningún comentario: