xoves, 2 de xuño de 2016

O faro muradán de Rebordiño


“Ti fuches o meu mar:
o faro e mais o vento e mais a onda;
e fuches a roseira
que enarbora unha agulla e unha rosa,
a flor filosofal
que converte o amor en primavera,
o ceo nubento e gris,
o rexurdir
do sol”
Miguel Anxo Mouriño, Versos primos

Retornei a fermosa e histórica vila de Muros para seguir as miñas propias pegadas, aquelas andainas que me levarían camiño do Monte Louro e da Lagoa de Xalfas, aquelas que me encamiñarían cara labirintos afastados  no tempo como os sucos da Laxe das Rodas, e cara outras pétreas rodas, desta volta máis preto de nós; as do Muíño de Mareas do Pozo de Cachón. Desta volta desexaba coñecer outro facho galego, outro carrusel de luces e de sombras que, xunto co de Monte Louro, alumea cada noite as primeiras bateas, as máis estremeiras bateas do norte que anuncian, dende esta Ría de Muros e Noia, o comezo do treito sur da costa galega; o obradoiro flotante e mariñeiro onde se cría o mellor mexillón do planeta. Este facho muradán, coñecido como o Faro de Rebordiño, localízase na punta homónima, no extremo norte da Ría de Muros e Noia, a un quilómetro escaso do centro desta histórica vila de arcos e soportais, baixo os que antano se pousaban as gamelas, e a carón da estrada comarcal que a une coa veciña vila de Carnota.


O Faro de Rebordiño agoniza, coma unha vella pantasma, ás veces tan presente e case sempre tan inadvertida, a rentes deste concorrido vieiro de asfalto e alcatrán. As súas entrañas fican baleiras e silenciosas, a súa pequena torre, oxidada e corroída, e os seus muros fumegan a nostalxia dunha época recente pero finada. Este pequeno faro galego sería erixido no ano 1909 para mellorar a iluminación que xa por aquel entón emitía o vello facho de Monte Louro e contribuír a mellorar a entrada dos barcos no porto de Muros. Mais por sorte ou por desgraza, uns poucos anos despois, concretamente no 1924, o faro pasaría a ser automatizado e a vida do torreiro neste faro xa non tería sentido, polo que pasaría a ser habitado por un técnico que tiña como labor manter o sistema de fachos eléctricos da Ría de Muros.  A lus deste facho muradán de Rebordiño acadaba na súa orixe as aproximadas 6 millas de lonxitude. O edificio, de traballados muros graníticos, presenta unha planta en forma de “U” e dous andares; no inferior localizábanse as dependencias do faro e no superior a vivenda do torreiro. 


A carón mesmo do edificio localízase a metálica torre do faro, que acada os escasos sete metros de altura e que foi construída integramente a base de pezas de fundición de ferro; a única destas características no noso país. Esta torre, coroada por unha pequena balconada que a comunica coa azotea do edificio e por unha pequena torre cilíndrica sobre da que se erixe a lanterna octogonal, emite agora unha mecánica luz vermella que acada unhas 10 millas de lonxitude. O faro depende da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e nos nosos días, como dicía, fica baleiro, silencioso e deshabitado, como unha vella pantasma de luz e presenza case inadvertida. 

Ningún comentario: