sábado, 21 de maio de 2016

Os corvos do facho de Touriñán


“Lastres, era de Mugía,
A areósa, á seca, á triste:
Leis, era de Suxo, é Ocampo,
Da terra de Villarmide:
Leis Busto, de Coucieiro:
Barrentos de Morpeguite;
De Corcubion os outros,
Non eran fora dos lindes:
Os outros, ou Bergantiña,
Todos tí nacél-os viches.
Estes foran os rapaces,
Que nunca me sahirán
Da memoria, porque un tempo,
Soían ben alegrar,
Estes lugares q' agora,
Muy sós é tristes están.
¡Ou rapacetes rebertes, 
De tenro corpo lanzal;
E tan libres, com' os corvos, 
Do facho de Touriñan!”
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Non fai moito decidín aproveitar unha curta estadía na miña terra nai, Fisterra, para tratar de achegarme, unha propicia mañá de primavera, até outro recuncho senlleiro e até pondaliano da indómita e sempre bravía Costa da Morte; a miña amada e afastada terra. Desta volta achegaríame até o Cabo Touriñán, no Concello de Muxía, para tratar de coñecer polo miúdo a historia “do facho de Touriñán”, localizado nun dos puntos máis occidentais do noso país, da Península Ibérica e do vello continente europeo. Saín de Fisterra percorrendo o Areal de Rostro, unha das facianas máis salvaxes e asasinas da miña vila natal, e logo de pasar o pequeno lugar de Lires internaríame paseniño no Concello de Muxía, e máis concretamente, na parroquia de San Martiño de Touriñán. A escasos quilómetros deste facho muxián xa podía albiscarse a monumentalidade rochosa que envolve toda esta contorna salgada, ventosa e asasina que somentes os toxos, corvos, coellos e lagartas, semellan habitar. Esta é unha paraxe erma, solitaria, silenciosa, inhóspita; somentes perturbada polo “monótono fungar” do vento e polo grallar dos “feros corvos” que a dominan. O Cabo Touriñán é unha impoñente península rochosa que se interna preto dun quilómetro sobre da inmensidade do Océano Atlántico. Ante min tiña, á fin, o facho de Touriñán, e tras del a faciana máis salvaxe e perigosa desta vila mariñeira de Muxía; o indómito Atlántico que coa súa furia fai medrar un dos mellores percebes do país. Estaba nunha das máis senlleiras paraxes da Galiza, nun dos cabos máis sobranceiros deste noso país, e como dicía, nun dos puntos máis occidentais da vella Europa, superado única e minimamente polo portugués Cabo da Roca e polo Cabo da Nave fisterrán


A altitude máxima do Cabo Touriñán, deste pequeno universo peninsular de toxos, vento, coídos e mar aberto, supera lixeiramente os 90 metros sobre do nivel do mar. Nas baixamares do estío, e ó compás das lunáticas mareas, os máis ousados percebeiros arriscan as súas vidas para arrincar destes perigosísimos cantís os máis prezados percebes do noso país; a salgada e funesta vendima. O illote de A Insua é outro dos meirandes viveiros naturais de percebe deste Cabo Touriñán. No que respecta ó seu faro, cabe sinalar que está constituído por unha pequena edificación de planta cadrada que data do ano 1898, é dicir, o faro orixinal de Touriñán, e por unha torre que comezaría a funcionar no ano 1981. O propósito desta torre sería o de substituír o faro orixinal de Touriñán e conseguir así un maior alcance de luz, pasando das 20 millas que acadaba o vello faro ás 23 que agora semella acadar con esta torre. A construción do faro de Cabo Touriñán viría precedida pola cantidade de naufraxios que se estaban a suceder nesta contorna marítima, bravía e asasina, ateigada de coídos e baixíos; dominada somentes polo vento e o mar. Despedinme destoutro senlleiro cabo galego, desta occidental e bravía costa touriniana, aquela mañá primaveral, a barlovento dos frescos ventos do nordés e tan libre “com' os corvos, do facho de Touriñan!”

Ningún comentario: