domingo, 15 de maio de 2016

O Muíño de Vento da Cruz do Castro


“Dos tempos pasados 
grorias que se foron 
no fondo da alma 
gardadas están; 
espranzas fuxidas 
de tempos tristeiros, 
sinos derradeiros 
tocan a chamar... 
Voltará da aurora 
a luz temerosa, 
e, na Patria nosa 
voltará a brilar 
a branca bandeira 
co azul do ceo 
ó compás do vento, 
¡ doce libertá ! 
E nos nosos peitos, 
e nas nosas vidas, 
espranzas fuxidas 
que retornarán, 
encherán a Terra, 
encherán os ventos 
con novos alentos 
na terra e no mar”
Avelino Pousa Antelo, Agoiro

Fai cousa dun mes decidín internarme de novo Galiza interior para tratar de procurar, entre outras moitas paraxes, o chan dun castro esquecido, e aínda soterrado, que se localiza no lugar de Igrexa, na parroquia de San Miguel de Carballedo, no concello pontevedrés de Cotobade. Este lugar, coñecido como O Alto da Cruz do Castro, atesoura unha pequena pero importantísima mostra etnográfica galega, nada máis e nada menos que un singular muíño de vento; o Muíño de Vento de Laredo. Malia que este tipo de construcións non adoitan ser moi comúns no húmido chan galiciano, onde a forza da auga, -doce e salgada-, dende sempre foi un dos recursos enerxéticos máis presentes i empregados, o certo é que dende comezos do século pasado, denantes de apareceren os primeiros trebellos eléctricos de moenda; en moitos lugares da Galiza empregaríase a forza do vento para mover as pétreas moas que esnaquizan o gran. 


Este tipo de muíños adoitaban ser construídos en lugares elevados ou preto de puntos de costa nos que o vento sopre con forza. Neste mesmo Concello de Cotobade existen outros tres muíños coma o de Laredo. O Muíño de Vento de Laredo, localizado no recinto mesmo no que antano se situaría o castro, a uns 475 metros de altitude, foi erixido en cachotería granítica e presenta unha planta circular e unha tipoloxía bidireccional de cuberta fixa; a máis antiga. Este Muíño de Vento de Laredo estaba perfectamente orientado para aproveitar os fríos ventos do norte. As súas aspas ficarían conformadas por finas táboas de madeira que farían mover uns eixes e piñóns dispostos para trasladar esta primitiva enerxía eólica até as moas de pedra localizadas no interior. A historia deste muíño remóntase a comezos do século XX, cando a familia Laredo, naturais deste lugar de Igrexa, deciden construír un muíño de vento dentro dunha primitiva vivenda castrexa. 


Durante moito tempo, este Muíño da Cruz do Castro ou de Laredo, estaría arruinado e resultaba bastante frecuente que os mozos da parroquia se fotografasen sobre das súas ruínas. Nos últimos anos, por sorte, sería restaurado. O nome de A Cruz do Castro, venlle dado a este outeiro porque antano existía unha cruz que coroaba o alto do castro e que sería destruída ó longo do século pasado.  Durante os anos 2008, 2009 e 2010, e baixo a dirección do arqueólogo Ángel Concheiro, sairían á luz restos de construcións, como parte da muralla que pechaba o poboado, así como outros materiais tanto da Idade do Ferro como da época Romana; a forcada histórica deste asentamento. Poida que a meirande parte dos restos materiais de gran valor achados neste castro procedan dese último período romano; restos de cerámica local e importada do Mediterráneo, obxectos de uso cotián e adornos persoais, entre os que sobresae un pendente de ouro. É a primeira vez que se atopa unha xoia destas características nunha escavación levada a cabo no noso país. 


Despedinme deste Alto da Cruz do Castro, este chan castrexo aínda por desenterrar, cavilando no vento, nese frío vento do norte que antano facía xirar as aspas do Muíño de Laredo, ese vento que esnaquizaba trigo e centeo, ese vento que refina petoutos, que bate portelas, que atiza con pingas a calidez dos rostros, que turra por nós nos cabos e praias, nos miles de outeiros que conforman o país..., ese puro vento do norte que escorrenta trebóns e tingue o azul do noso ceo con brancas nubes libertarias;“voltará a brilar / a branca bandeira / co azul do ceo / ó compás do vento / ¡doce libertá!”

Ningún comentario: