venres, 20 de maio de 2016

Torre de Celas, legado da Casa dos Andrade


“Comeza a arcada a derrubar a torre
e o pau de ferro fai tremer os montes.
Hai que romper de norte a sul Galiza,
queimar as rozas dunha idade antiga
e ver nascer o sol, lástima fora.
E andaba o sol bailando nos regueiros
mentras o Sol universal brillaba mais alá dos confins,
Terra querida, que sempre chegas tarde
ou chegas antes ou despois da História
e andamos foscos no correr do tempo.
Hai que romper, romper agora!”
Antón Avilés de Taramancos, Última fuxida a Harar

Logo de coñecer unhas cantas propiedades vencelladas á todopoderosa Casa dos Andrade, entre as cales destacan as fortalezas de Moeche, Naraío, A Nogueirosa, a vilalbesa Torre dos Andrade ou o impoñente Torreón que se ergue sobre da vila de Pontedeume, así como os Mosteiros de San Xoán de Caaveiro e o de Santa María de Monfero, decidín procurar outra pequena pero non menos importante mostra do patrimonio herdado, aínda en pé, desta poderosísima estirpe dos Andrade. Desta volta, os meus pasos tomarían rumbo cara un dos poucos espazos agrícolas e naturais que aínda sobreviven no concello coruñés de Culleredo; o val da Veiga e as terras da parroquia de Santa María de Celas de Peiro. Alí tería o enorme privilexio de coñecer os restos da antiga Fortaleza de Vinseira; a pequena pero histórica Torre de Celas que andaba a procurar. Esta de Celas de Peiro é unha torre defensiva de estilo e arquitectura militar erixida na segunda metade do século XV a base de cadeirado granítico. Posúe tres andares e presenta unha planta cadrada de oito metros de cada lado, uns 13 metros de altura, e atesoura uns muros que acadan pouco máis dun metro de grosor. A escasa anchura dos muros desta Torre de Celas contrasta moito cos máis de dous metros de grosor que acadan os muros doutras propiedades dos Andrade como o Torreón de Pontedeume ou a Torre da Homenaxe da Nogueirosa


Todo semella indicar que esta sería a Torre da Homenaxe da antiga Fortaleza de Vinseira, un pazo fortificado erixido entrámbolos séculos XIII e XIV pola Casa dos Andrade; o seu escudo aínda fica perpetuado nunha das facianas desta torre. O sentido da localización daquela fortaleza nestas terras poida que respondese á súa proximidade coa vila da Coruña, que por aquel entón defendía os privilexios de reguengo en todo o seu alfoz, e por situarse a carón dun dos seus máis elementais accesos. Por outra banda, estoutro histórico fogar dos Andrade localizaríase a carón mesmo do Camiño Inglés a Santiago de Compostela. Daquel pazo fortificado dos Andrade, que posteriormente herdaría o vinculeiro Conde de Freixomil, perpetuado tamén noutro dos escudos que aínda se conservan nunha das facianas da torre, somentes queda en pé a súa Torre da Homenaxe, esta Torre de Celas de Peiro que hoxe fica xa perfectamente restaurada e coas portas abertas á cidadanía. I é que sería propia a cidadanía, a través da Escola Taller Ponte do Burgo do Concello de Culleredo a que, durante os anos 1992 e 1994, levaría a cabo as obras de restauración dunha torre completamente abandonada e a medio derrubar para transformala nun edificio de exposicións e nun interesante museo museo etnográfico local. Lisquei de Celas de Peiro, se cadra, un chisco máis sorprendido do que cheguei. En boa parte pola fermosura e a sinxeleza que atesoura esta Torre de Celas e tamén por coñecer outra mostra do enorme poder que antano posuíu a estirpe dos Andrade. Pero se amais de sorprenderme, algo me destapou un leve sorriso namentres marchaba, foi o feito de saber que a torre que deixaba tras de min ficaba xa sen dono e certamente liberada. 

Ningún comentario: