sábado, 14 de maio de 2016

O impoñente Torreón dos Andrade


“O vento muda as páxinas do pasado, do que vexo e digo. 
A palavra antiga dorme o sono da Pedra Xacente desce muda sen 
          voz, a cegas recoñece o Corpo que digo e calo. 
Na distáncia fala do ser en que me recoñezo. No Torreón dos Andrade 
          camiño e non camiño, sigo as pegadas das sombras de antano”
Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio

Corría unha tibia e gris mañá de primavera. A atmosfera, ardente e cuberta de serenas nubes cincentas, semellaba a antesala dos trebóns. As gaivotas en terra, as chalanas atadas; a furia dos ceos comezábase a presaxiar. I eu, que esquecín os días escuros da sempre leda primavera, interneime, con ou sen chuvieiras, nas históricas i empedradas rúas de Pontedeume. Eiquí deixara unha débeda pendente, a maxestade do histórico bastión das terras do Eume; o torreón e o fogar da estirpe dos Andrade. Mais aquela mañá, realmente, o que si tiña pendente era o reencontro cunha vella amiga. Logo de almorzar no Café de Martiño, rumbo ó Torreón colleriamos camiño tralas “pegadas das sombras de antano”, tralo derradeiro bastión dos Andrade nestas súas terras de Pontedeume. Este Torreón, mandado erixir por Fernán Pérez de Andrade, alcumado “O Boo”, no século XIV, é o único que queda en pé do antigo pazo dos Andrade, derrubado pra sempre no ano 1935. Nada tería sido o mesmo nesta vila de non ser por esta torre. Ámbalas dúas medraron parellas, ámbalas dúas pertenceron ós poderosísimos Andrade; ámbalas dúas comparten a mesma historia.


Esta historia comezaría aló polo ano 1270, cando Afonso X O Sabio concede o título de Vila ó pequeno lugar de Ponte do Eume, que pasaría a ter un goberno autónomo de reguengo, é dicir; dependente somentes do rei. No século XIV, logo de que Henrique II de Trastámara lle outorgase o señorío da vila de Pontedeume a Fernán Pérez de Andrade “O Boo” en agradecemento polo seu apoio na guerra contra Pedro I "O Cruel", Fernán Pérez de Andrade, primeiro Señor de Pontedeume, ordenaría construír o torreón. Malia seren as posesións dos Andrade, tanto a vila como a antiga fortaleza, un obxectivo estratéxico e principal para os irmandiños durante as revoltas, o certo é que esta torre nunca chagaría a ser derrubada. O primeiro ataque dos irmandiños a Pontedeume sería contido pola sólida defensa da vila, mais a segunda vez que os irmandiños tentaron acadar o berce dos Andrade en Pontedeume, comandados por Alonso de Lanzós; chegarían a facerse co castelo e coa vila por un tempo. A partires do século XVI, o torreón pasaría a formar parte, por liñaxes i entronques matrimoniais, ó Condado de Lemos e nos últimos tempos á Casa de Alba.


O impoñente Torreón dos Andrade é o único que queda en pé do conxunto que conformaba o pazo fortaleza dos Andrade, que amais do pazo e do torreón, atesouraba unha capela en honor a San Miguel. Xa en tempos máis recentes, concretamente no ano 1904, o Concello de Pontedeume mercaríalle o Pazo fortaleza dos Andrade á Casa de Alba. Pouco tempo despois, parte do pazo sería derrubado para construír unha estrada que enlazaba a vila coa estación do ferrocarril. A capela de San Miguel sería derrubada no ano 1909 e o que quedaba do pazo comezaría a entrar nun estado de ruína progresiva até que os últimos restos do pazo desaparecerían pra sempre no ano 1935. O único que se recuperou das vellas ruínas do pazo sería un escudo do século XVI que agora loce na fachada sur do torreón. O torreón, o único que se mantivo en pé ó longo de todo este tempo xunto coa propia Vila, sería obxecto de diferentes traballos de restauración que se levarían a cabo no 1951 e no 1974. O impoñente Torreón dos Andrade, a pétrea e histórica atalaia que viu nacer esta vila, este impoñente bastión de lousa e granito que atesoura 11 metros de lado e uns 18 de altura, susténtase sobre duns muros que superan, na planta baixa, os dous metros e medio de anchura.


Amais da planta baixa, onde se situarían as cárceres, este torreón atesoura tres andares. O primeiro deles estaba destinado á servidume e á garda, namentres que no segundo se localizaría a cociña e o comedor, e no terceiro e último andar; o dormitorio e un pequeno salón. A planta baixa deste torreón serviu de cárcere até comezos do século XIX. Nos nosos días, pola contra, este torreón acolle un Centro de Interpretación da Historia dos Andrade, amais dunha oficina de turismo e unha sala de exposicións. Liscamos de Pontedeume coa primeiras pingas dunha treboada que xa se estaba comezando a manifestar, deixando tras de nós este impoñente torreón dos Andrade, unha das meirandes mostras da arquitectura militar medieval do noso país, para procurar agora o acubillo doutra impoñente torre desta poderosa estirpe no Concello de Pontedeume. Collemos camiño da Nogueirosa, onde “A palavra antiga dorme o sono da Pedra Xacente” para seguir, como diría o gran Cesáreo Sánchez, “as pegadas das sombras de antano”.

Ningún comentario: