mércores, 26 de agosto de 2015

Ero e o soño de Armenteira


“Homero consolando a súa cegueira
con palabras de heroes e de ferros,
Descartes combatindo lentos erros,
Whitman oíndo o lume na lareira.

Ero soñando a ave en Armenteira,
Artaud no hospital uivando a berros,
Rilke en Duíno, Poe por eses cerros,
Virxilio parolando a Horacio na eira.

Neruda retirado en Isla Negra.
Celan a se arroxar no avolto río.
Quevedo e o seu profundo señorío.
Juan de la Cruz quebrando toda regra.

Os ollos dun meniño que, en Lisboa,
embarcándose, soña que é Pessoa”.
Xavier Seoane, Vagar de sombra

Corría unha solleira e calorosa mañá de xullo cando decidimos achegarnos até outro dos mosteiros máis senlleiros deste noso verdescente país. Desta volta decidimos coñecer as lendas e segredos que agocha o Mosteiro Cisterciense de Santa María de Armenteira, románico do século XII e localizado nunha das ladeiras do Monte Castrove, no concello pontevedrés de Meis. Este mosteiro está habitado nos nosos días, concretamente dende o ano 1989, por unha comunidade de monxas pertencentes á Orde do Císter. Internámonos nas entrañas do mosteiro logo de ollar o curso do Armenteira e as súas plácidas e frondosas ribeiras. Fixémolo calados, respectando a paz que se respira neste fermosísimo recanto do Salnés. 


A lenda que agocha este mosteiro fala de Ero; un cabaleiro da corte de Afonso VII que estaba casado mais non tiña fillos. Este feito causáballe moita dor tanto a el  como á súa muller. Por intercesión da Virxe María pediron a Deus un herdeiro, e unha boa noite, ambos terían o mesmo soño: a Virxe dicíalles que por vontade de Deus ían ter moitos fillos espirituais. 

Sería logo daquel soño cando decidirían fundar un mosteiro. Ero solicitaría monxes cistercienses a San Bernardo de Claraval, e estes enviaríanlle catro monxes. Co paso do tempo, Ero pasaría a ser Abade. Un día, namentres paseaba e meditaba tratando de entender a eternidade, quedaría sorprendido polo canto dun paxariño. Cando rematou de escoitalo retornaría ó mosteiro e decataríase de que os monxes que coñecía xa non estaban alí. Os que alí había eran outros que non coñecía de nada. Ó parecer, pasaran uns douscentos anos dende o canto daquel paxariño. 

Crese que o primeiro cenobio debeu ser fundado polo Abade San Ero aló polo 1.150. O nome de Santa María de Armenteira aparece por vez primeira nos documentos oficiais da Orde Cisterciense no ano 1.162, e pouco tempo despois darían comezo as obras principais do mosteiro; entre elas a igrexa. A finais do século XV comezaría a vivir unha certa decadencia, pero no 1.523 sería reformado pola Congregación de Castela. Sería no ano 1.837 cando a desamortización obrigaría ós monxes a abandonar o mosteiro, e como consecuencia, boa parte do edificio, agás a igrexa, remataría por derrubarse. Nembargantes, no 1.961, Carlos Valle-Inclán, o fillo do escritor, proponse reconstruír o mosteiro e funda cun grupo de amigos a asociación “Amigos de Armenteira”. Isto fixo posible que un grupo de monxas procedentes do mosteiro navarro de Alloz, se instalase en Armenteira e devolvese a vida cisterciense a este mosteiro do Salnés.


Do primitivo mosteiro somentes se conserva íntegra a igrexa; sinxela, austera, fermosa. O templo posúe tres naves e cabeceira tripartita con cúpula no cruceiro. Ficamos absortos ollando a fachada da Igrexa de Santa María, aquela gran portada con seis arquivoltas de medio punto, aquel magnífico rosetón polo que penetra a inmaculada luz solar. No costado meridional da igrexa atópase o claustro actual, de planta cadrada e dous andares, construído entre o 1575 e o 1778. Este claustro amosa na variedade das súas claves de bóveda, as diferentes épocas da súa construción. A porta de acceso é o único que queda do primitivo claustro. Foi unha sorte coñecer a historia e a lenda que atesoura estoutro cenobio galego. Liscamos deste fermoso recuncho cheos de paz e tratando de escoitar o canto dalgún rebuldeiro paxariño que nos afunda nos misterios da eternidade. 

1 comentario:

Anónimo dixo...

cuantas fotos bonitas hay en este blog para mi facebook :P