domingo, 15 de abril de 2018

Torre de Miraz, berce da estirpe dos Saavedra


“Se un día eu for estatua,
seareiros do soño, tolos, tolas,
regresade por min dende a tolemia,
berrade que reviva,
que eu son tola de atar e que o sabedes.

Mais se a pedra non cede,
se por ser xorda e cega non me volve,
se as poutas da cordura non me ceiban,
rompédeme, quebrádeme,
facédeme area no muíño,
levantade unha torre
para pracer do vento”
Marica Campo, Loor de tolemia e desprezo de cordura

Aló polos silenciosos i enchoupados eidos de Friol, ós mesmos pés da solitaria e fronteiriza Serra do Careón, agóchase unha antiga fortaleza que semella esquecida entre a néboa do tempo. Apenas quedan xa lembranzas dos seus señores e lexítimos herdeiros, finaron as súas lendas nas cinzas das lareiras apagadas, fuxiron silandeiras co derradeiro adeus dos nosos vellos. Apenas se escoita xa falar da anterga fortaleza dos Saavedra, nin da ameada e impoñente Torre de Miraz. Somentes unha traballada laxe de pedra, que aínda pendura dos muros desta torre, recorda o dominio e as proezas dos seus antigos moradores; a mestura das estirpes dos Taboada, dos Saavedra, dos Ulloa e dos Ribadeneira.


A dos Saavedra, localizada na parroquia friolesa de Santiago de Miraz, é a Torre da Homenaxe, e o único que queda, daquela fortaleza medieval pertencente, na súa orixe, á estirpe dos Saavedra, pero que aló polo século XV pasaría a mans da todopoderosa Casa dos Andrade, mais non por moito tempo. A Fortaleza de Miraz sería devolta, por herdanzas familiares, a Fernán Ares de Saavedra, o que fora cercado na Torre da Caldaloba xunto á súa muller Constanza de Castro, filla do Mariscal Pardo de Cela. Contan que tralo asedio na Caldaloba, Diego López de Haro, gobernador dos Reis Católicos, confiscaríalle a Fernán a Fortaleza de Miraz. Nembargantes, os bens confiscados serían posteriormente devoltos ós seus fillos; Constanza e Alonso López de Saavedra. 


A torre presenta unha planta cuadrangular de nove metros de cada lado, e uns doce de altura, e fica coroada por graníticas ameas que semellan afiadas como agullas. Ao seu carón sitúase o rexo e sobrio pazo, erixido en perpiaño granítico no século XVIII e habitado até os nosos días. Contan que as entrañas da Torre da Homenaxe desta antiga fortaleza, son agora o bastión e refuxio dos arquivos familiares; son os muros que protexen o pouco que queda da súa esquecida e silenciada historia. 

Ningún comentario: